Judith Leyster

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Judith Leyster
Self-portrait by Judith Leyster.jpg
Nome completoJudith Jans Leyster
Nacemento1609
Lugar de nacementoHaarlem
Falecemento10 de febreiro de 1660
Lugar de falecementoHeemstede
NacionalidadeProvincias Unidas
Ocupaciónpintora
CónxuxeJan Miense Molenaer
Coñecida porO bêbado feliz, Trio alegre, A proposta, Moço com jarro e Um menino e uma menina com um gato e uma enguia
Na rede
Discogs: 3710534 WikiTree: Leyster-2 Find a Grave: 39889076 Editar o valor em Wikidata
Judith Leyster signature 1629-editted.jpg
editar datos en Wikidata ]

Judith Jans Leyster ou Leijster, nada en Haarlem o 28 de xullo de 1609[1] e finada en Heemstede o 10 de febreiro de 1660,[2] foi unha pintora do Século de Ouro neerlandés. Traballou con formatos de dimensións variadas. Cultivou a pintura de xénero, os retratos e os bodegóns. Toda a súa obra foi atribuída a Frans Hals ou ao seu marido Jan Miense Molenaer ata 1893 cando Cornelis Hofstede de Groot lle atribuíu sete pinturas, seis das cales están asinadas co seu monograma distintivo 'JL *'.[3] A atribución errónea das súas obras a Molenaer puido deberse a que despois da súa morte moitas das pinturas foron inventariadas como "a esposa de Molenaer", non como Judith Leyster.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Leyster naceu en Haarlem,[4] oitava filla de Jan Willemsz Leyster, un cervexeiro e xastre local. Aínda que os detalles da súa formación son incertos, xa na súa mocidade chegou a ser suficientemente coñecida como para ser mencionada nun libro de Samuel Ampzing titulado Beschrijvinge ende lof der stadt Haerlem, escrito orixinariamente en 1621, revisado entre 1626 e 1627, e publicado en 1628.

Crese que Leyster desenvolveu a súa carreira como pintora ante a necesidade de proporcionar fondos á familia como resultado da bancarrota do seu pai. Pode ser que aprendese pintura con Frans Pietersz de Grebber,[5] que dirixía un respectado obradoiro en Haarlem na década de 1620.[6] Nestes anos a súa familia trasladouse a Utrecht, onde entrou en contacto cos caravaggistas de Utrecht.[2]

O seu primeiro traballo asinado data de 1629, catro anos antes de ingresar no gremio de artistas.[7] En 1633 era membro da guilda de San Lucas de Haarlem. Existe certo debate sobre quen foi a primeira muller rexistrada no gremio, pois algunhas fontes indican que foi Leyster, inscrita en 1633, e outras que foi Sara van Baalbergen en 1631.[8] Decenas doutras artistas femininas foron admitidas no gremio durante o século XVII, mais non foron recoñecidas como tales, ao entenderse as súas actividades como oficios menores (bordado, cerámica, metal e madeira) ou ben porque eran consideradas continuadoras do traballo dos seus maridos ao falecer.[8]

Especulouse con que o autorretrato de Leyster de 1633 (National Gallery of Art, Washington) fose a súa peza de presentación para o gremio. Este traballo marca un cambio histórico co abandono da rixidez dos autorretratos femininos a favor dunha postura máis relaxada e dinámica.[9] A súa actitude é moi relaxada segundo os estándares de calquera retrato neerlandés e comparable principalmente con algúns retratos de Frans Hals. Ángeles Caso analiza respecto ás roupas como adoitaban retratarse naquela época cos traxes e complementos elegantes, mostrando status e dignidade para a súa profesión.[10]

En 1636, casou con Jan Miense Molenaer, un pintor máis prolífico aínda que con menos talento, que se dedicou a temas similares. Trasladáronse a Amsterdam para mellorar economicamente, dado que alí o mercado de arte era máis estable. En Heemstede compartiron un estudio nunha pequena casa situada no actual Groenendaal Park. Leyster e Molenaer tiveron cinco fillos, dos que só dous sobreviviron ata a idade adulta.

A maioría das obras datadas de Leyster son de entre 1629 e 1635, antes de casar e ter fillos. Existen poucas pezas coñecidas pintadas despois de de 1635: dúas ilustracións nun libro sobre tulipáns de 1643, un retrato de 1652 e unha natureza morta de 1654 descuberta nunha colección privada.[11] Leyster tamén puido ter traballado en colaboración co seu esposo.[2] Faleceu en 1660, aos 50 anos.

Obra[editar | editar a fonte]

Leyster asinou os seus traballos cun monograma formado polas súas iniciais JL cunha estrela adxunta como un xogo de palabras: Leister significaba "estrela líder" en neerlandés e para os navegantes neerlandeses da época era o nome común da estrela polar. Leistar era o nome da cervexaría do seu pai en Haarlem.[8] Só asinou os seus traballos ocasionalmente co seu nome completo.

Especializouse en escenas de xénero de polo xeral unha a tres figuras, que adoitan amosar optimismo móstranse nun contexto sinxelo. Moitas son nenos ou nenas, músicos e homes con bebidas.

Leyster foi particularmente innovadora nas súas escenas de xénero domésticas. Estas son escenas íntimas de mulleres no fogar, moitas veces con candeas ou lámpadas, evocando o punto de vista feminino.[12] Home ofrecendo cartos a unha muller nova (Mauritshuis, A Haia) é unha variante pouco frecuente nestas escenas, amosando unha rapariga que aparece indiferente ás proposicións e ás moedas do home. O habitual nesa época era representar unha prostituta disposta.

Gran parte da súa obra, especialmente centrada en músicos, era similar en natureza á de moitos dos seus contemporáneos, como o seu esposo Molenaer, os irmáns Frans e Dirck Hals, Jan Steen, e os caravaggistas de Utrecht Hendrick ter Brugghen e Gerrit van Honthorst. As súas pinturas de xénero, en xeral de tabernas e outras escenas de lecer, satisfacían os gustos e os intereses dun segmento crecente da clase media neerlandesa. Pintou poucos retratos reais, e a súa pintura histórica coñecida é David coa cabeza de Goliat, que non se aparta do seu estilo típico, cunha soa figura preto da fronte do espazo da imaxe.

Leyster e Frans Hals[editar | editar a fonte]

Aínda que coñecida durante a súa vida e estimada polos seus contemporáneos, Leyster e a súa obra foron esquecidas en gran parte despois do seu pasamento. O seu redescubrimento tivo lugar en 1893, cando se soubo que unha pintura admirada durante máis dun século como obra de Frans Hals fora pintada por Leyster.

A confusión ou o engano talvez se remonte á vida de Leyster. En 1868 Luke Schamb adquiriu un cadro de Leyster, A alegre compaña (Museo do Louvre, París), coma se fose un Hals.[13] A obra pasou ao mercador de arte Wertheimer de Bond Street, Londres, que a describiu como unha das mellores pinturas de Hals. John Millars estivo de acordo con Wertheimer sobre a autenticidade e o valor da pintura. Wertheimer vendeu a pintura a unha firma inglesa por 4500 libras e esta empresa, á súa vez, vendeu a pintura como un Hals ao barón Schlichting en París.

En 1893, o Louvre atopou o monograma de Leyster baixo a firma fabricada de Hals. Non está claro cando se agregou a firma falsa. Cando se descubriu a firma orixinal, o Barón Schlichting demandou a firma inglesa, que á súa vez intentou rescindir a súa propia compra e recuperar os cartos do comerciante de arte, Wertheimer. O caso resolveuse no tribunal o 31 de maio de 1893, e os demandantes (a firma inglesa sen nome) acordaron manter a pintura por un valor de 3500+500 £. Durante o proceso non se considerou a obra como unha peza de valor dada a súa nova atribución. Non se teñen indicios de que se valorase a inesperada descuberta desta artista, capaz de igualar a Hals no seu mellor momento.[14] Outra versión da Alegre compaña vendida en Bruxelas en 1890 levaba o monograma de Leyster "cruamente alterado a un FH entrelazado".[14]

En 1893, Cornelis Hofstede de Groot escribiu o primeiro artigo sobre Leyster.[15] Desde a historia da arte foi clasificado como imitadora ou seguidora de Hals, aínda que esta interpretación cambiou a finais do século XX.[16]

Ademais da demanda mencionada anteriormente, non está clara a natureza da relación profesional de Leyster con Frans Hals; pode que fose a súa alumna ou unha colega amistosa. Pode que fose testemuña no bautismo da filla de Hals Maria a principios da década de 1630, xa que se rexistrou unha "Judith Jansder" (que significa "filla de Jan") como testemuña, aínda que había outras Judith Janses en Haarlem. Algúns historiadores afirmaron que Hals ou o seu irmán Dirck puideron ser o profesor de Leyster, debido ás estreitas semellanzas entre as súas obras.[1]

Coleccións públicas[editar | editar a fonte]

Entre os museos que conservan obras de Judith Leyster están o Rijksmuseum de Amsterdam, o Mauritshuis da Haia, Museo Frans Hals de Haarlem, o Louvre de París, a National Gallery de Londres e a National Gallery of Art de Washington.

En marzo de 2021 a obra de Leyster engadiuse á "Galería de Honra" no Rijksmuseum. Leyster, Gesina ter Borch e Rachel Ruysch foron as primeiras mulleres incluídas na galería.[17][18]

Galería[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Molenaer, Judith. "Leyster, Judith, Dutch, 1609 – 1660," National Gallery of Art website. Consultado o 1 de febreiro de 2014
  2. 2,0 2,1 2,2 "Web de la Galería Nacional de Arte de Washington (EEUU)". 
  3. Fox Hofrichter, Frima (1989). Judith Leyster: A Woman Painter in Holland's Golden Age 1989. Davaco Publishers. ISBN 90-70288-62-1. 
  4. Sutherland, Ann; Nochlin, L. (1976). Women Artists: 1550-1950 (en inglés). Los Angeles County Museum of Art. 
  5. Fox Hofrichter (1989) , p. 14.
  6. ""Explore Frans Pietersz. de Grebber"". 
  7. ""Explore Judith Leyster"". 
  8. 8,0 8,1 8,2 ""Daughters of the Guild" en la web The Paris Review". 
  9. Borzello, Frances (1998). Seeing ourselves: women's self-portraits. Harry N. Abrams, Inc. 
  10. "Video de la conferencia "Ellas mismas. Autorretratos de pintoras"". 
  11. "Unique painting by Judith Leyster rediscovered, to be shown in the upcoming exhibition". Arquivado dende o orixinal o 5 de xuño de 2014. 
  12. Fox Hofrichter, Frima (1975). "Judith Leyster´s Proposition. Between virtue and vice" (PDF). The Feminist Art Journal vol. 4. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 22 de febreiro de 2014. 
  13. La joyeuse compagne, Joconde, Portail des collectiones des musées de France.
  14. 14,0 14,1 Greer, Germaine (1979). Obstacle race : the fortunes of women painters and their work (en inglés). Diane Pub Co. p. 139. ISBN 9780756791148. 
  15. Hofstede de Groot, Cornelis (1893). Jahrbuch der Königlich Preussischen Kunstsammlungen vol. 14. p. 190-198, 232. 
  16. Fox Hofrichter, Frima (1993). Judith Leyster: A Dutch Master and Her World. Yale University Press. 
  17. McGreevy, Nora. "For the First Time in Its 200-Year History, the Rijksmuseum Features Women Artists in 'Gallery of Honour'". Smithsonian Magazine (en inglés). Consultado o 15 de marzo de 2021. 
  18. "For the First Time Ever, the Rijksmuseum Will Hang Works by Female Dutch Masters in Its Most Prestigious Gallery". Artnet News. 11 de marzo de 2021. Consultado o 15 de marzo de 2021. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]