Juan Francisco Sánchez Seixas
| Biografía | |
|---|---|
| Nacemento | 1757 Betanzos, España |
| Morte | 1821 Perú |
| Actividade | |
| Ocupación | militar |
| Carreira militar | |
| Rango militar | xeneral |
Juan Francisco Sánchez y Seixas, nado en Betanzos en 1757 e finado no Perú en 1821, foi un militar galego, xeneral en xefe do Exército Real de Chile durante a guerra de independencia dese país, entre os anos 1813 a 1814 e dende 1818 ata a súa derrota e disolución en 1820.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Entrou a servir como soldado no Rexemento de Galicia en marzo de 1773. Durante os seguintes dez anos foi ascendendo sucesivamente a sarxento e subtenente. Participou na guerra do Rosellón, na fronte de Guipúscoa, e máis tarde foi enviado como capitán de infantería ao batallón destinado na cidade chilena de Concepción. Durante os convulsos primeiros anos da independencia de Chile negouse a incorporarse ás filas xuntistas e foi destinado a Santa Bárbara, onde permaneceu ata que o brigadier Antonio Pareja o nomeou segundo xefe do seu batallón.
Estando enfermo en Chillán, o brigadier negouse a descansar e montou o seu cabalo baixo a choiva no acto de nomeamento de Sánchez como tenente coronel e sucesor ao mando da gobernación ante as tropas. No mesmo acto entregou simbolicamente o estandarte real ao coronel. Pareja morreu o 21 de maio de 1813. Sánchez tiña poucos coñecementos militares e estivo moi influenciado polo frade franciscano Juan de Almirall, antigo secretario do seu antecesor e futuro capelán do exército. Con todo, a súa inexperiencia pronto demostrou ser demasiado prexudicial para a súa propia causa, sufrindo varias derrotas. Durante o seu mandato realista loitou na Batalla de El Roble, en 1813, nas beiras do río Itata, onde Bernardo O'Higgins conseguiu repeler o ataque sorpresa do destacamento español grazas á intervención da cabalería de Ramón Freire. Con todo, os realistas conseguiron resistir grazas ás duras condicións meteorolóxicas do inverno de 1813, que prexudicaron ás tropas revolucionarias. Finalmente, Sánchez foi sucedido polo brigadier Gabino Gaínza, que chegou a Chile o 31 de xaneiro de 1814.
Continuou ao servizo das armas monárquicas, destacando na batalla de Chacabuco. Trala derrota de Maipú e a retirada de Mariano Osorio ao Callao, foille conferido de novo o mando da provincia de Concepción, á espera de novos reforzos dende a península.[1] Con todo, o avance do inimigo durante o verán de 1819 na segunda campaña ao sur de Chile e a derrota na Batalla do Biobío, obrigouno a retirarse co resto das súas forzas cara a territorio indíxena, desde onde proseguiu ata as fortificacións de Valdivia. En novembro de 1819, embarcou no bergantín Aranzazu para o Perú tras ser reclamado polo vicerrei do Perú para explicar a perda de Concepción.[2] Poucos meses despois a praza forte de Valdivia, reduto realista no sur de Chile, caeu tamén en poder dos patriotas o 4 de febreiro de 1820. Ascendido a brigadier, pasou a servir na guarnición do Callao. En 1821, antes que capitular ante San Martín, preferiu abandonar as rodeadas fortalezas do porto co exército de Canterac que se retiraba á serra, falecendo durante a penosa marcha, á idade de 64 anos.[3]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Campos 1958, p. 24.
- ↑ Campos 1958, p. 25.
- ↑ Barros Arana, Diego (1894). Historia general de Chile: Parte novena: Organización de la república 1820 a 1833 (en castelán). p. 344.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Campos Harriet, Fernando (1958). Los defensores del Rey (en castelán). Santiago de Chile: Andrés Bello Editorial.