Juan Fernández Vilela
Juan | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Juan Fernández Vilela | ||
Nacemento | 16 de setembro de 1948 | ||
Lugar de nacemento | Ferrol | ||
Posición | Centrocampista | ||
Carreira xuvenil | |||
1963–1965 | Esteiro | ||
1965–1966 | Racing de Ferrol | ||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
1966–1969 | Racing de Ferrol | 54 | (10) |
1966–1967 | → Arsenal | ||
1969–1980 | Celta de Vigo | 294 | (45) |
1980–1983 | Pontevedra | ||
Selección nacional | |||
1968 | España (olímpica) | 5 | (1) |
España sub-19 | |||
España sub-21 | |||
Partidos e goles só en liga doméstica. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Juan Fernández Vilela, nado en Ferrol o 16 de setembro de 1948, é un exfutbolista galego que xogaba na demarcación de centrocampista.
Militou durante 11 tempadas no Celta de Vigo, a onde chegou procedente do Racing de Ferrol, disputando 349 encontros oficiais co club vigués e anotando 50 goles. Foi ademais o primeiro ferrolán en disputar uns Xogos Olímpicos, ao participar coa selección española en México 1968, onde obtivo un diploma.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Inicios[editar | editar a fonte]
Iniciouse como futbolista nas filas do Esteiro, equipo do seu barrio, co que chegou a conseguir o subcampionato rexional xuvenil. Na tempada 1965/66 fichou polo Racing de Ferrol para o seu equipo xuvenil.[1] Ao completar a súa etapa xuvenil saíu cedido ao desaparecido Arsenal CF de Ferrol, que militaba na Terceira División.

Racing de Ferrol[editar | editar a fonte]
No ano 1967 xa se vinculou definitivamente co primeiro cadro de xogadores do Racing, debutando na Segunda División o 29 de outubro ante o Rayo Vallecano, da man do adestrador Saturnino Grech. Marcou o seu primeiro gol na seguinte xornada, fronte o Real Oviedo no Estadio Manuel Rivera.
Na tempada 1968/69 disputou 29 partidos de liga e anota sete goles. Ese ano o equipo racinguista mantívose dezasete xornadas invicto en Segunda División e estivo a piques de ascender a Primeira División, rematando o curso na cuarta posición, por detrás de Sevilla, Celta de Vigo e Mallorca.
Celta de Vigo[editar | editar a fonte]
En xuño de 1969 foi traspasado ao Celta de Vigo, asinando inicialmente un contrato por tres anos, aínda que finalmente militou no club celeste durante once tempadas.[3] Debutou na primeira xornada da Primeira división 1969/70, no antigo estadio de Atotxa fronte á Real Sociedad, marcando o único gol do seu equipo, que sucumbiu ante dous goles de Dionisio Urreisti.[4]
Nestes anos tamén continúan as súas experiencias internacionais, esta vez na categoría de promesas, baixo a dirección de Ladislao Kubala.
Na súa segunda tempada en Vigo (a 1970/71), foi o máximo goleador con oito tantos dun Celta que baixo a batuta de Juan Arza rematou 6º na liga, conseguindo a primeira clasificación da súa historia para unha competición europea, neste caso a Copa da UEFA, na que sería a súa primeira edición. Porén a participación celtista na competición europea sería breve, sendo eliminado en primeira rolda polo Aberdeen escocés.[5]
En contraste cos meles das competicións europeas, a partir do ano 1975 sufriu anos de descensos e ascensos entre Primeira e Segunda División, culminando no ano 1980 co descenso do equipo a Segunda División B. Foi a súa última tempada en Vigo, pechando o seu paso polo club celeste con 349 partidos oficiais e 50 goles.
Pontevedra CF[editar | editar a fonte]
Na tempada 1980/81 alistouse nas filas do Pontevedra CF, nunha Segunda B na que xogaban entre outros o Celta, o Deportivo da Coruña ou o Racing de Ferrol. O equipo pontevedrés acabou descendendo ese ano a Terceira División e unha tempada e media despois colgou as botas.[1]
Selección española[editar | editar a fonte]
As súas boas condicións e progresión na súa etapa xuvenil fixeron que fora convocado para a selección española xuvenil que participou no campionato de Europa xuvenil celebrado en Turquía en 1967. Ao ano seguinte foi seleccionado por José Santamaría para integrar a selección española nos Xogos Olímpicos de 1968 en México, converténdose deste xeito no primeiro ferrolán en participar nuns Xogos Olímpicos. No primeiro partido do torneo, xogado contra o Brasil no Estadio Azteca, Juan foi o autor do único gol do partido que serviu para derrotar ao combinado brasileiro, e que, xunto ao triunfo tamén ante Nixeria (3-0), deulle a España o pase á seguinte fase.[1] Foron finalmente eliminados nos oitavos de final pola selección anfitrioa, México, volvendo para a casa cun diploma olímpico.[6][7][1]
Xogou tamén coas seleccións sub-19 e sub-21 baixo as ordes de Kubala.[1]
Como adestrador[editar | editar a fonte]
Pouco despois de deixar a práctica do fútbol, regresou ao Celta de Vigo para integrar o equipo de técnicos, facéndose cargo de equipos da canteira e chegando a exercer como segundo adestrador do primeiro equipo nas épocas de Colin Addison e Maguregui.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Lois, Paulo Alonso (20 de xuño de 2006). "Juan Fernández Vilela, el ferrolano que le marcó un gol a Brasil: «Los Juegos fueron lo máximo»". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 28 de abril de 2021.
- ↑ "Vigo rende homenaxe aos seus olímpicos e paralímpicos cun monumento". VigoÉ. 13/10/2016.
- ↑ "Lito, del Celta, al Rácing". La Voz de Galicia (en castelán). 20 de xuño de 1969. p. 16.
- ↑ "Real Sociedad - Celta (1969/70)". BDFutbol (en castelán). Consultado o 28 de abril de 2021.
- ↑ "Con el Aberdeen empezó todo". Faro de Vigo (en castelán). 15 de setembro de 2019. Consultado o 28 de abril de 2021.
- ↑ "Fútbol nos Xogos Olímpicos de 1968". rsssf.com (en inglés). Consultado o 28 de abril de 2021.
- ↑ "Eliminatorias México 1968". FIFA (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 26 de febreiro de 2021. Consultado o 28 de abril de 2021.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
- Ficha do xogador en BDFutbol (en castelán).