Juan Carlos Maneiro
Juan Carlos Maneiro | |
---|---|
Nacemento | 1958 |
Lugar de nacemento | Vilagarcía de Arousa |
Nacionalidade | España |
Ocupación | político |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Juan Carlos Maneiro Cadillo, nado en 1958 en Vilagarcía de Arousa, é un biólogo e político galego do PPdeG.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Licenciado en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, durante a década dos noventa deu clase na mesma facultade na que se licenciou. Neses anos, e ata 2005, estivo traballando no Intecmar, o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia, do que foi director a partir de 1997 e por oito anos.
En 2005 trasladouse a Valencia, onde foi xerente da Asociación Valenciana de Empresas Acuícolas (AVEMPI), antes de desenvolver labores directivos nunha empresa de procesado de mexillón e de pasar a ser subdirector da Asociación Española de Cidades da Pesca (AECIPE). Coa chegada á presidencia da Xunta de Galicia de Alberto Núñez Feijóo, Maneiro Cadillo, que xa fora concelleiro popular en Vilagarcía de Arousa, regresou a Galicia, onde foi designado en 2009 director xeral de Competitividade e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar. Permaneceu nese posto ata xaneiro de 2012, cando foi ascendido a secretario xeral de Pesca na recentemente fusionada Consellería de Medio Rural e Mar.