Juan Bagur

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bagur
Información persoal
Nome Juan Bagur Coll
Nacemento 28 de marzo de 1928
Lugar de nacemento Ciutadella de Menorca
Falecemento 13 de novembro de 2013
Altura 1,81 m.
Posición Porteiro3
Carreira xuvenil
Robur
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1945–1947 CD Ciutadella
1947–1959 Real Sociedad 176 (0)
1947–1948 Real Unión 21 (0)
1959–1962 Real Madrid 2 (0)
1961–1962 Racing de Santander 4 (0)
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Juan Bagur Coll, nado en Ciutadella o 28 de marzo de 1928 e finado no mesmo lugar o 13 de novembro de 2013,[1] foi un futbolista español, que xogaba de porteiro. É principalmente lembrado pola súa longa etapa na Real Sociedad, club no que xogou durante 12 tempadas entre as décadas de 1940 e 1950, disputando 204 partidos oficiais. Tamén xogou no Real Madrid e no Racing de Santander. En total sumou 151 partidos na Primeira División entre 1949 e 1961.

Xunto a Gabriel Taltavull, é considerado por algúns como o mellor futbolista menorquino da historia.[2]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Inicios en Menorca[editar | editar a fonte]

Comezou xogando no Robur, un club modesto nacido no seo da Unión de Antigos Salesianos de Ciutadella. En 1945 incorporouse ao equipo principal da súa cidade natal, o CD Ciutadella, onde xogou durante dúas tempadas.[3]

Real Sociedad[editar | editar a fonte]

En 1947 fichou pola Real Sociedade de Donostia, asinando o seu primeiro contrato profesional. A súa primeira tempada en Guipúscoa pasouna cedido no histórico Real Unión de Irún, que daquela xogaba na Terceira División. Ao final da tempada 1947/48 foi convocado para a Copa do Xeneralísimo e debutou coa Real Sociedade ante o Sevilla FC o 13 de maio de 1948, con 20 anos de idade.

A tempada seguinte (1948-49) foi un dos reforzos clave para o ascenso á Primeira División, xa que a tempada anterior o equipo perdera a categoría. Foi titular en todos os partidos da tempada, na que o equipo se proclamou campión e logrou o ascenso. Debutou na Primeira División o 4 de setembro de 1949, nun partido contra o Espanyol en Sarrià. Foi o porteiro habitual do equipo e contribuíu decisivamente a lograr a pemanencia na Primeira División.

Con todo, en 1950 a Real fichou ao porteiro internacional Ignacio Eizaguirre, que tras unha década triunfando no Valencia CF regresou ao club donostiarra. A chegada de Eizaguirre deixou a Bagur no banco durante tres anos, nos que o menorquino apenas xogou uns partidos. Neses anos, a Real consolidouse na Primeira División, acadando un quinto posto e chegando á final de Copa en 1951.

Na tempada 1953/54 conseguiu quitarlle a titularidade ao xa veterano Eizaguirre e durante as 3 tempadas seguintes foi Bagur o primeiro porteiro. Durante esta época foi porteiro suplente na selección española ata en 5 ocasións, aínda que nunca chegou a debutar.

En 1956 Eizaguirre deixou o club e chegou José Araquistáin. Despois dunha tempada na que xogou maioritariamente Bagur, ao ano seguinte foi Araquistain quen tomou o relevo como titular. Despois de dúas tempadas relegado ao banco, Bagur, de 31 anos, acordou co club o traspaso ao Real Madrid. Militou un total de 12 tempadas na Real, das que foi o porteiro titular en 7 delas (1 en Segunda División e 6 en Primeira). Xogou 204 partidos oficiais coa Real, dos cales 145 foron na Primeira División española.

No momento da súa marcha era o porteiro con máis partidos coa camiseta realista, aínda que despois foi superado por varios xogadores. Actualmente ocupa a quinta praza por detrás de Arconada (551), Alberto (377), Claudio Bravo (237) e Esnaola (207). Durante as súas últimas tres tempadas foi o capitán do equipo txuri-urdin.

Etapa no Real Madrid[editar | editar a fonte]

En 1959 fichou polo Real Madrid, equipo a cuxa disciplina pertenceu durante tres tempadas. No momento da súa chegada o club branco contaba cos servizos do vasco Juanito Alonso e o arxentino Rogelio Antonio Domínguez, polo que no seu primeiro ano só xogou dous partidos de liga e dous de Copa. O seu debut oficial produciuse o 10 de xaneiro de 1960, nun partido de liga contra o Valencia. Ese día tiña 31 anos, 9 meses e 13 días, o que o converteu no xogador de máis idade en debutar co club, marca que se mantivo durante máis de 40 anos, ata que foi superada por Fabio Cannavaro en 2006.

Na súa segunda campaña, aínda que se retirou o veterano Alonso, o Madrid fichou a Vicente Train e Bagur foi o teceiro porteiro, sen xogar un só minuto en toda a tempada. Foi suplente na final da Copa de Europa de 1960 en Glasgow, que o seu equipo conquistou o trofeo goleando ao Eintracht Frankfurt por 7-3. Aumentou o seu palmarés gañando a liga 1960/61 e a primeira edición da Copa Intercontinental, aínda que tampouco xogou neses torneos.

Na tempada 1961-62 aínda tiña contrato válido, pero as súas posibilidades de xogar eran case nulas, porque o Real Madrid fichara tamén ao seu excompañeiro da Real Sociedad, Josetxo Araquistán. O club buscoulle unha saída cedéndoo ao Racing de Santander, cando xa comezara a tempada. Foi a súa última campaña na Primeira División, na que disputou 4 partidos co camiseta racinguista. O equipo acabou perdendo a categoría e Bagur retirándose aos 34 anos.

Trala retirada[editar | editar a fonte]

Volveu á súa Ciutadella natal en 1962, onde a súa familia era propietaria dun negocio de alimentación chamado Bagur Coll. Viviu na illa de Menorca ata a súa morte en 2013, aos 85 anos.[1]

Palmarés[editar | editar a fonte]

Real Sociedad
Real Madrid

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Fallece Juan Bagur, portero txuri urdin en la década de los 50" (en castelán). 14 de novembro de 2013. Arquivado dende o orixinal o 10 de febreiro de 2022. Consultado o 10 de febreiro de 2022. 
  2. "Menorca.info: Adiós al portero de leyenda" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 18 de novembro de 2013. Consultado o 10 de febreiro de 2022. 
  3. "Muere en Menorca el exportero del Racing de Santander Nito Bagur". El Diario Montañés (en castelán). 14 de novembro de 2013. Consultado o 10 de febreiro de 2022. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]