Joseph Johann von Littrow
| Biografía | |
|---|---|
| Nacemento | 13 de marzo de 1781 Horšovský Týn |
| Morte | 30 de novembro de 1840 Viena |
| Catedrático | |
| | |
| Datos persoais | |
| Educación | Universidade Carolina de Praga Universidade de Viena |
| Actividade | |
| Campo de traballo | Astronomía |
| Lugar de traballo | Viena |
| Ocupación | astrónomo, profesor universitario, escritor, matemático |
| Empregador | Universidade de Viena Kazan Imperial University (en) |
| Membro de | |
| Alumnos | Joseph Ludwig Raabe (pt) |
| Obra | |
| Doutorando | Nikolai Brashman (pt) |
| Familia | |
| Cónxuxe | Karoline von Ulrichsthal |
| Fillos | Karl Ludwig von Littrow, Heinrich von Littrow |
| Descrito pola fonte | Nordisk familjebok Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron |
Joseph Johann von Littrow, nado en Horšovský Týn o 13 de marzo de 1781 e finado en Viena o 30 de novembro de 1840, foi un astrónomo austríaco que dirixiu o Observatorio de Viena desde 1819 até o seu falecemento.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Naceu o 13 de marzo de 1781 en Horšovský Týn (Bohemia). En 1799 ingresou na Universidade Carolina de Praga para estudar xurisprudencia e teoloxía, obtendo o graduado en 1802. Posteriormente traballou como titor privado dun nobre en Silesia. Foi nomeado profesor de astronomía na Universidade Iaguelónica de Cracovia no ano 1807.
Entre 1810 e 1816, von Littrow viviu en Rusia e desempeñou o cargo de profesor na Universidade de Kazán. Nesta institución fundou o Observatorio Astronómico da Universidade de Kazán, que naquela altura era o observatorio máis oriental de toda Europa. Durante esta etapa tamén foi mentor do matemático Nikolai Brashman.[1] En 1816 foi elixido codirector do observatorio de Pest, en Hungría. En 1819, sucedeu a Johann Tobias Bürg como director do Observatorio de Viena, un cargo que ocuparía o resto da súa vida.
En 1833, von Littrow desenvolveu a única proxección cartográfica que é simultaneamente conforme e retroazimutal, coñecida como proxección de Littrow.[2] Entre 1834 e 1836 publicou en tres volumes o libro Die Wunder des Himmels ("As marabillas do ceo"), que ten recibido numerosas reedicións e está considerado un clásico da astronomía en lingua alemá.[3]
No ano 1836, o emperador Fernando I de Austria outorgoulle o rango de edler, un título hereditario da nobreza austríaca. En 1838 foi nomeado doutor honoris causa pola Universidade de Viena. Ademais, Joseph Johann von Littrow formou parte de diferentes sociedades científicas: membro correspondente da Academia de Ciencias de Rusia (1814), membro da Leopoldina (1829) e membro correspondente da Academia de Ciencias de Francia (1837).[4][5]
No plano persoal, en 1808 casou con Karoline von Ulrichsthal, con quen tivo doce fillos. Entre eles, destacan o cartógrafo Heinrich von Littrow e o astrónomo Karl Ludwig von Littrow, quen o sucedería como director do Observatorio de Viena. Auguste von Littrow, a esposa de Karl, foi unha escritora e pioneira dos dereitos das mulleres. O fillo de Karl e Auguste, Otto von Littrow, dedicouse igualmente á física e á astronomía. O cardeal Christoph Schönborn é descendente directo desta rama familiar.
Joseph Johann von Littrow faleceu o 30 de novembro de 1840 en Viena.
Legado
[editar | editar a fonte]Hai tres formacións xeolóxicas na Lúa que foron nomeadas na honra de Joseph Johann von Littrow: un cráter (Littrow), unha catena (Catena Littrow) e un conxunto de rimas xeolóxicas (Rimae Littrow).[6]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Joseph Johann von Littrow no Mathematics Genealogy Project.
- ↑ Snyder, John P. (1993). Flattening the Earth: 2000 Years of Map Projections. Chicago: University of Chicago Press. p. 135.
- ↑ Andreas W. Daum (2002). Wissenschaftspopularisierung im 19. Jahrhundert. Bürgerliche Kultur, naturwissenschaftliche Bildung und die deutsche Öffentlichkeit 1848–1914. München: Oldenbourg. p. 268.
- ↑ Academia de Ciencias de Francia, ed. (2020-01-14). "Verzeichnis der Mitglieder seit 1666: Buchstabe L" (en francés).
- ↑ Academia de Ciencias de Rusia, ed. (2021-10-22). "Korrespondierende Mitglieder der Russischen Akademie der Wissenschaften seit 1724: Литтров, Иосиф Андреевич (Йозеф Самуэль, позднее Йозеф Иоганн)" (en ruso).
- ↑ Andersson, L. E.; Whitaker, E. A. (1982). NASA Catalogue of Lunar Nomenclature. NASA RP-1097.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Atlas des Gestirnten Himmels Arquivado 2018-09-17 en Wayback Machine., publicado en Stuttgart en 1839.
- Atlas des gestirnten himmels, Stuttgart 1854 da www.atlascoelestis.com