José Rodríguez Faílde

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
José Rodríguez Faílde
Nacemento1887
Lugar de nacementoCarracedo
Falecemento1958
Lugar de falecementoOs Peares
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónescritor, xornalista e político
editar datos en Wikidata ]

José Rodríguez Faílde, nado en Carracedo (A Peroxa) en 1887 e finado nos Peares en 1958.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Emigrou a Cuba onde traballou como xornalista e foi propietario da revista El Industrial (1912) e colaborou en Galicia, La Patria Gallega. Retornou a Galicia en 1917,[1] desde onde enviou colaboracións para Eco de Galicia e O Tio Marcos d'a Portela e ao ano seguinte crónicas para a revista Galicia. Volveu marchar a Cuba en 1920,[2] e colaborou en Eco de Galicia, Heraldo de Galicia (onde publicou un poema en galego) e España Nueva. Foi secretario da sociedade Naturales de la Peroja da Habana.[3] Retornou definitivamente a mediados dos anos vinte e instalouse en Ourense, foi dono dun quiosque-libraría onde non vendía prensa de dereitas. Colaborou en La Región.[4] Na República militou no Partido Republicano Radical Socialista, do que foi elixido bibliotecario da xunta executiva de Ourense que presidía Jacinto Santiago en xaneiro de 1933.[5] Coa folga xeral revolucionaria de 1934 foi detido o 8 de outubro "por berros subversivos"[6] e instruíuselle unha información militar que foi sobresida, saído en liberdade o 20 dese mes. Simpatizante de Azaña afiliouse a Izquierda Republicana.

Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 un grupo de falanxístas queimáronlle o quiosque e deixaron as cinzas na porta da súa casa. Agochouse pero foi detido en Carracedo o 13 de xaneiro de 1937, sendo acusado de "significado comunista y elemento de enlace del Socorro Rojo Internacional". Xulgado en Ourense foi condenado a prisión. Ingresou en prisión o 27 de xaneiro. Abríronlle expediente de incautación de bens en febreiro de 1937.[7] Pasou polas cadeas de Celanova, Cumial, Oseira, Valladolid e Padrón. Saíu en liberdade provisional en 1941. Ofrecéronlle un posto como quiosqueiro na Rúa do Paseo pero negóuse a vender a prensa da época. Traballou como contable nunha fábrica no barrio da Ponte, contraéu o tifo e deixóuno. Exerceu de mestre en Carracedo durante un ano e despois outro ano en Mirallos, pero foi denunciado e tivo que abandonar o seu posto de traballo. Enfermo e incapacitado para traballar a terra, morreu aos 71 anos. Foi soterrado no cemiterio de Casdavil.

Obras[editar | editar a fonte]

  • Armonías, A Habana, 1921.

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Foi pai de América e Josefa Rodríguez Toral.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Galicia, 14-4-1917, p. 13.
  2. Galicia, 17-7-1920, p. 16.
  3. La Región, 27-7-1927, p. 1.
  4. La Región, 9-4-1927, p. 1.
  5. El Pueblo Gallego, 18-1-1933, p. 8.
  6. La Región, 13-10-1934, p. 3.
  7. La Región, 6-2-1937, p. 2.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]