José Pérez Pombo
| Biografía | |
|---|---|
| Nacemento | 1892 A Coruña, España |
| Morte | 21 de xaneiro de 1924 A Coruña, España |
| Causa da morte | morte natural |
| Actividade | |
| Ocupación | futbolista |
| Deporte | fútbol |
José Pérez Pombo, nado na Coruña en 1892 e finado na mesma cidade o 21 de xaneiro de 1924, foi un futbolista galego, que xogaba como centrocampista.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Naceu na Coruña en 1892, sendo un dos cinco fillos do comerciante e concelleiro Cándido Pérez Rodríguez e de Manuela Pombo Salgado.[1] Foi xogador do María Pita e máis tarde histórico capitán do Real Club Coruña, onde coincidiu con xogadores como Quincho Yarza ou Joaquín Caruncho.[2][3] Foi a primeira grande estrela do fútbol coruñés e en 1913 formou parte do primeiro partido da historia da selección española, en Amute contra Francia. Formou no centro do campo xunto aos vascos Enrique Figueroa e Bonifacio Echeverría, nun partido que rematou con empate a un gol.[4]
Ademais da súa faceta futbolística, practicou outras disciplinas. Foi debuxante e caricaturista, escritor e formou parte do coro Cántigas da Terra.[5][2] Tamén escribiu un libro sobre fútbol titulado Compendio del Reglamento del fútbol.[2]
Faleceu na Coruña o 21 de xaneiro de 1924, con só 31 anos tras unha enfermidade larínxea.[1] No lapso de cinco anos, a súa familia perdeu catro membros, pois seu pai falecera en 1922,[6] mentres que súa irmá Araceli morreu en 1926 e súa nai en 1927.[2]
Familia
[editar | editar a fonte]Os seus irmáns eran Herminia, Consuelo, Luis e Araceli, sendo estes dous últimos tamén deportistas. Luis foi futbolista e xogou entre outros no Deportivo da Coruña, mentres que Araceli foi unha pioneira do tenis en Galicia e chegou a practicar bobsleigh en Suíza.[2][7] Era ademais cuñado do tamén futbolista Carpio Martínez, esposo de súa irmá Herminia e compañeiro seu no Real Club Coruña.[2]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "Necrología". La Voz de Galicia (en castelán). 22 de xaneiro de 1924. p. 2.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Miranda, Carlos (28 de marzo de 2021). "Pérez Pombo, internacional y alma inquieta". La Opinión A Coruña (en castelán). Consultado o 21 de agosto de 2024.
- ↑ "Vida deportiva". El Noroeste (en castelán) (12349). 22 de xaneiro de 1924. p. 5. Consultado o 21 de agosto de 2024.
- ↑ Arrechea, Fernando (1 de marzo de 2021). "25 de mayo de 1913. El primer partido de la Selección Española de Fútbol.". Cuadernos de Fútbol (en castelán) (129). ISSN 1989-6379.
- ↑ "De Galicia". Heraldo de Galicia (en castelán) (11). 19 de abril de 1925. p. 4. Consultado o 21 de agosto de 2024.
- ↑ "Don Cándido Pérez Rodríguez". El Ideal Gallego (en castelán) (1476). 22 de xaneiro de 1922. p. 3. Consultado o 21 de agosto de 2024.
- ↑ Marathon (1 de xuño de 1925). "Araceli Pérez Pombo". Galicia (en castelán) (41). p. 16. Consultado o 21 de agosto de 2024.