José María Rodríguez de Francisco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
José María Rodríguez de Francisco
Nacemento7 de maio de 1950
 Vega de Infanzones
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónpolítico
editar datos en Wikidata ]

José María Rodríguez de Francisco, nado en Vega de Infanzones o 7 de maio de 1950, é un político español de orientación leonesista.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Avogado de profesión, estudou dereito en Valladolid.[Cómpre clarificar] Entrou en política da man do seu mentor, Juan Morano Masa, en 1983, sendo elixido concelleiro do concello de León na lista independente de Morano. Máis tarde pasou a ser tenente de alcalde no Concello de León e responsable das áreas de xardíns e iluminación. En 1987, volveu acompañar a Juan Morano nunha lista independente e foi reelixido concelleiro, sendo nomeado por el tenente de alcalde, responsable de Réxime Interior e persoal.

Coa marcha de Juan Morano ó Partido Popular en 1991, Rodríguez de Francisco uniuse con varios grupos leonesistas no partido Unión do Pobo Leonés (UPL) co que conseguiu tres concelleiros no Concello de León, con el como cabeza de lista, un deputado provincial na Deputación Provincial de León e 29 concelleiros repartidos por toda a provincia leonesa, ademais de varias alcaldías. En 1995, 1999 e 2003 continuou a súa carreira como concelleiro por UPL sempre como candidato á alcaldía de León. Foi tamén elixido deputado provincial na lexislatura 1995-1999 e procurador autonómico en VINAS e VII lexislaturas autonómicas pola circunscrición electoral de León.[1][1]

Foi Secretario Xeral de UPL até 1997, sendo substituído por Joaquín Otero Pereira.

Despois do congreso de UPL en Astorga no mes de maio de 2004 que o deixa fóra da dirección do partido, Rodríguez de Francisco abandonou as filas da UPL a finais de xuño, sen abandonar as súas actas de concelleiro e de procurador autonómico, para volver fundar un partido de corte leonesista, o PAL-UL, ó que se lle une a tamén a concelleira Covadonga Soto, converténdose ambos en concelleiros non adscritos.[2][3] O 20 de novembro de 2004 anunciou un pacto co seu até entón inimigo político Mario Amilivia[4] mediante o que este último accedeu á alcaldía de León tras unha moción de censura contra o socialista Francisco Fernández (3 de decembro de 2004). A moción de censura tivo alcance nacional[Ligazón morta]: o debate chegou ás Cortes, xa que o PSOE acusou ó PP de romper o Pacto Antitransfuguismo, (que pretendía evitar xiros na política apoiándose en cargos electos elixidos nas listas doutra formación política).[5][6] Ó mesmo tempo, e mentres no pleno do Concello se votaba a moción, ducias de leoneses manifestábanse ante el acusando a De Francisco de virachaquetas e de tránsfuga.

Un punto de inflexión na carreira política de Rodríguez de Francisco chegou nas eleccións de 2007, nas que concorre co seu novo partido, o Partido Autonomista Leonés - Unidade Leonesista como cabeza de lista tanto ó concello de León como ás cortes autonómicas, sen obter acta de concelleiro nin de procurador.[7] Os resultados da súa formación foron tamén malos: o partido obtivo 4.982 votos (1,68%) nas autonómicas e 4.546 nas municipais (10 concelleiros).[8][9]

Notas[editar | editar a fonte]