Saltar ao contido

José María Díaz Díaz

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaJosé María Díaz Díaz
Biografía
Nacemento1911 Editar o valor en Wikidata
Trasancos Editar o valor en Wikidata
Morte1978 Editar o valor en Wikidata (66/67 anos)
Grupo étnicoPobo galego Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónsindicalista, político Editar o valor en Wikidata

Nomes e Voces: 6249

José María Díaz Díaz, coñecido como José do Maestro, nado en Trasancos (Narón) en 1911 e finado en 1978, foi un sindicalista e político galego.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Militante socialista e afiliado á UGT, foi fundador e secretario do Sindicato Agrario e de Oficios Varios de Trasancos. Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 o 19 de agosto unha partida de falanxistas e gardas civís sacárono da casa e paseárono o 26 de agosto con Joaquín Bouzamaior Gato, José López Leira e outros dous veciños na estrada de Santa Margarita no Val. José María sobreviviu só cunha ferida nun ombreiro e conseguiu fuxir agochándose primeiro en Santa Mariña do Monte e despois nun zulo preparado na casa onde permaneceu sete anos. Entregouse en 1943, xulgado por deserción, foi condenado a tres anos de prisión, pero foi indultado en maio de 1944.

Empezou a traballar na Constructora Naval e participou na folga do aceite en 1946; mantivo unha actividade clandestina de apoio á guerrilla coa distribución de El Guerrillero, cobro do Socorro Rojo Internacional e axuda a familiares de represaliados. Foi denunciado en 1948 por Alejo Pablo Mora García, un infiltrado da Garda Civil, e procesado na causa 40/48 por prestar auxilio a partidas armadas xunto con Antonio Barreiro Ruiz, Manuel Bastida Franco, José Beceiro Fernández, Sol Bertalo Blanco, Rosa Caridad Basas, Jaime Castro Rodríguez, Francisco Castro Roibal, Antonio Díaz Pérez, Vicente Díaz Veiga, Emilio Domínguez Cubero, María Dopico Aneiros, José Dopico García, Constantino Fernández Rosado, Juan Gallego Abeledo, José González Díaz, Francisco Graña Sequeiros, Germán López Rodríguez, Benito Paz Teijeiro, José Piñón Paz, Gerardo Pita López, Francisco Ponte Cabana, Alfonso Prados Pita, Francisco Ramos Calvet, Marcelino Rodríguez García, Manuel Rodríguez Sánchez, Daniel Romero López, Juan Romero Ramos, Antonio Sabín Prieto, Emilio Sande López, Silvestre Sanz García, Severino Suárez Ríos e Manuel Vázquez Rodríguez. Xulgado en consello de guerra na Coruña o 21 de outubro de 1948,[1] foi condenado a catro anos de reclusión, pasou máis de dous anos no Cárcere da Coruña de onde saíu en liberdade condicional en abril de 1950.[2] Á saida da prisión non conseguiu retomar o seu traballo en Bazán, pasou tempo ata que logrou ter un traballo normalizado e estivo baixo vixilancia policial. Finou en 1978. En xaneiro de 2026 os seus netos presentaron na Fiscalía de Memoria Democrática e Dereitos Humanos a solicitude de anulación da súa condena no franquismo.[3]

Vida persoal

[editar | editar a fonte]

Casou e tivo unha filla.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]