José López Ortiz

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
José Ángel López Ortiz
Arcebispo da Igrexa católica latina
Biografía
Nacemento10 de xullo de 1898 en San Lorenzo de El Escorial, provincia de Madrid, España
Pasamento4 de marzo de 1992 en Madrid, Comunidade de Madrid, España
Arcebispo castrense de España
1969 - 1977
PredecesorLuis Alonso Muñoyerro
SucesorEmilio Benavent Escuín
Outros
Ficha en catholic-hierarchy.org

José Ángel López Ortiz, O.S.A., nado o 10 de xullo de 1898 en San Lorenzo de El Escorial (provincia de Madrid, España) e finado o 4 de marzo de 1992 en Madrid, foi un relixioso católico latino, arabista e historiador do dereito. Foi bispo de Tui entre 1944 e 1969, e posteriormente arcebispo castrense até 1977.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

José Ángel López Ortiz naceu o 10 de xullo de 1898 en San Lorenzo de El Escorial (entón na provincia de Madrid), fillo de José María López Trevilla e de Leonor Ortiz Carjón. Estudou no Instituto Cardenal Cisneros e o 2 de abril de 1918 profesou na Orde de Santo Agostiño. O 17 de setembro de 1922 foi ordenado sacerdote da súa orde polo tamén agostiño Bernardo Martínez Noval, bispo de Almería. Comezou entón estudos de Dereito na Universidade Central de Madrid, licenciádose en 1925 e doutorándose en 1931 coa tese "La recepción de la escuela malequí en España". En 1934 gañou por oposición a cátedra de Historia do dereito da Universidade de Santiago de Compostela, mais ao ano seguinte se trasladou Madrid como auxiliar na Universidade Central.

En 1936, co estoupido da guerra civil, foi detido por milicianos xunto co resto de freires do mosteiro do Escorial. Foi trasladado ao cárcere de santo Antón, en Madrid; a maioría dos seus irmáns foron asasinados en Paracuellos, mais López Ortiz salvou a vida grazas ao seu coñecemento da lingua árabe e ao ser reclamado por Wenceslao Roces.[1] A comezos de 1937 pediu asilo na embaixada de Romanía, onde permaneceu ate o remate da guerra.[2]

O 10 de xullo de 1944 foi nomeado bispo de Tui. Recibiu a consagración episcopal o 21 de setembro, de mans do nuncio Gaetano Cicognani, e tivo como co-consagrantes principais ao bispo auxiliar de Madrid Casimiro Morcillo e ao bispo de Astorga Jesús Mérida Pérez. Como bispo de Tui foi padre conciliar no Concilio Vaticano Segundo, participando nas catro sesións.

O 18 de febreiro foi nomeado arcebispo titular de Gradum e ordinario militar de España. Permaneceu no cargo até o seu retiramento o 28 de maio de 1977, con case 79 anos. Finou o 4 de marzo de 1992 en Madrid.[3]

Obra[editar | editar a fonte]

  • Derecho musulmán. Barcelona: Editorial Labor. 1932. 

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Gómez Mendoza, Josefina (2008). La Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas y los académicos de la historia. Real Academia de la Historia. p. 92. ISBN 9788496849426. 
  2. Galindo Aguilar, Emilio (2004). Enciclopedia del islam. Darek-Nyumba. p. 289. ISBN 9788488059222. 
  3. "NECROLÓGICAS. José López Ortiz, obispo dimisionario de Tuy-Vigo y ex vicario general castrense". El País. 6 de marzo de 2019. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Pasamar, Gonzalo; Peiró, Ignacio (2002). "López Ortiz, José Ángel (Fray José López Ortiz, OSA)". Diccionario Akal de Historiadores Españoles Contemporáneos (1840-1980) (en castelán). Madrid: Akal. pp. 363–364. 
  • Peláez, Manuel J., ed. (2005). Diccionario crítico de juristas españoles, portugueses y latinoamericanos (hispánicos, brasileños, quebequenses y restantes francófonos). I (A-L). Universidade de Málaga. p. 493. ISBN 9788460939498.