José Gómez Osorio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

José Gómez Osorio, nado en Vilar (Pousada, Baleira) o 14 de xaneiro de 1882 e finado en Madrid o 24 de febreiro de 1940, foi un político e dirixente socialista galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Traballou como ebanista en Madrid. Veu a Vigo como ferroviario da MOZV, fundou o sindicato e en 1916 presidiu o Sindicato Metalúrxico de Vigo. Foi secretario do Sindicato de Ferroviarios da UGT de Galicia. Despois da folga de 1917 pasou a Portugal. En 1918 foi vivir a Cangas e en 1919 foi secretario da Alianza Mariñeira. En 1919 e 1920 foi candidato a deputado a Cortes polo PSOE. Durante a ditadura de Primo de Rivera foi representante de Galicia no pleno do PSOE (1924) e foi xulgado por inxurias ao exército e condenado no sanatorio de Tablada onde coincidiu con Julián Besteiro en 1927. En 1928 regresou a Vigo.

Nas eleccións a Cortes Constituíntes de 1931 foi elixido deputado pola provincia de Pontevedra polo PSOE. Foi concelleiro en Salamanca. Foi preso en 1934 por protestar contra a destitución do alcalde de Vigo. Gómez Osorio pertencía á corrente besteirista do socialismo[1]. Durante a Guerra Civil Española foi gobernador civil de Madrid dende o 17 de abril de 1938[2] e último presidente da Comisión Executiva Nacional do PSOE no interior (elixida poucos días antes do final da Guerra, o 20 e 21 de marzo de 1939, coa pretensión de converterse na dirección do partido no exilio; a subseguinte represión franquista acabou con case a metade dela[3]).

Durante o golpe de Estado do coronel Casado foi apresado por tropas do PCE en El Pardo no seu intento de afogar o golpe, sendo liberado logo da capitulación comunista.[4] Ao rematar a guerra foi detido polas tropas franquistas no porto de Alacant, internado no campo de Albatera e levado posteriormente á prisión de Porlier. O 24 de febreiro de 1940 foi fusilado xunto a Ricardo Zabalza, secretario xeral da Federación de Trabajadores de la Tierra de la UGT, o avogado e concelleiro de Madrid José Serrano Batanero e un mozo anarquista.[5]

Casou con Elvira Pérez e tivo dous fillos, Bienvenido e Sócrates. Este último, promotor durante a Guerra da nova federación socialista xuvenil, non relacionada coas JSU, permaneceu encarcerado ata 1945, na mesma cadea que o seu pai[5], e posteriormente colaborou na reconstrución do PSOE na clandestinidade.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Graham, Helen Eve (2005). Debate, ed. El PSOE en la guerra civil. Poder, crisis y derrota (1936-1939). Barcelona. ISBN 84-8306-609-2. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]