José Antonio Pérez Alvite
Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Nacemento | 15 de decembro de 1962 (61 anos) Negreira, España | ||||||||||||||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ocupación | futbolista | ||||||||||||||||||||||||||||||||||
Deporte | fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||
Posición de xogo | Defensa | ||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
José Antonio Pérez Alvite, coñecido simplemente como Alvite, nado o 15 de decembro de 1962 en Negreira, é un exfutbolista galego. Histórico defensa do Lugo, é o xogador con máis partidos na historia do club (442), no que militou durante 13 tempadas entre 1986 e 1999. Capitán durante unha década, en 1992 marcou de cabeza o gol que supuxo o primeiro ascenso á Segunda División da historia do club.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Comezos
[editar | editar a fonte]Comezou a súa carreira na SD Negreira, da súa vila natal, xogando dende os 16 anos no seu equipo xuvenil.[1] Pouco despois xa xogaba co primeiro equipo na Liga da Costa, e con 18 anos foi fichado polo Flavia, da Terceira División, onde xogou durante dous anos e onde tivo como adestrador a Xulio Díaz.[1]
Destinado a Jaca para realizar o servizo militar, xogou mentres no Jacetano, durante a tempada 1983/84, equipo co que chegou a disputar un partido da Copa do Rei ante o Osasuna, da Primeira División. De regreso en Galicia xogou no Noia, e tras aprobar as oposicións a garda forestal e recibir unha praza na Estrada, fichou polo Boiro en 1985.[1] Militou durante unha campaña no equipo de Barbanza, e en 1986 foi traspasado ao Lugo por un millón de pesetas.[1][2]
Lugo
[editar | editar a fonte]Debutou co Lugo en partido oficial o 7 de setembro de 1986, nun encontro da Segunda División B ante o Mallorca Atlético. Titular durante toda a campaña ás ordes do adestrador Segura, sumou 41 partidos e 3 goles, o primeiro deles marcado no campo do Sangoñedo de Chantada, nun partido de Copa ante o Gran Peña.[3] O seu primeiro gol en liga chegou no Estadio do Miño, contra o Ourense.[4] Mantivo a titularidade na inmensa maioría de partidos da seguinte década e cos diferentes adestradores que pasaron polo banco do club durante ese tempo.
En 1989 converteuse no capitán do equipo, sucedendo a Gonzalo Edrosa, que levou o brazalete brevemente trala marcha de Carlos Mouriz. Na tempada 1991/92, con Xulio Díaz no banco, o equipo rematou segundo por detrás do Salamanca, clasificándose para a promoción de ascenso por segundo ano consecutivo. Titular nos seis encontros da fase de ascenso, Alvite marcou un gol en cada un dos dous últimos partidos ante o Sant Andreu, incluído o gol na vitoria no derradeiro e decisivo partido, co que o Lugo conseguiu ascender á Segunda División por primeira vez na súa historia.[5]
Na tempada 1992/93 debutou na categoría de prata, na terceira xornada ante o Eibar. Disputou 29 partidos durante esa campaña, na que o equipo lucense acabou descendendo de novo a Segunda B. Continuou capitaneando o Lugo na categoría de bronce durante seis anos máis, acadando os 442 partidos oficiais, máis que ningún outro xogador da historia do club.[6]
Trala retirada
[editar | editar a fonte]Despois de colgar as botas traballou na súa profesión de garda forestal. En 2015 regresou ao Lugo como delegado,[7] función que realizou durante cinco anos, ata que foi substituído en 2020 por José Luis Corral.[8]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 Meitín Buján, Ignacio (3 de maio de 2020). "Alvite: «En el fútbol de antes había más unión en el vestuario»". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 9 de xuño de 2022.
- ↑ "Alvite es desde ayer jugador del Lugo". La Voz de Galicia (en castelán). 4 de setembro de 1986. p. 39.
- ↑ "El Lugo derrotó al Gran Peña, en Chantada: 1-0". La Voz de Galicia (en castelán). 18 de setembro de 1986. p. 44.
- ↑ "El Orense perdió en Lugo, en donde inquietó al final". La Voz de Galicia (en castelán). 1 de decembro de 1986. p. 15.
- ↑ De Dios, Marta (24 de xuño de 2017). "Juntos, 25 años después de la magia del ascenso del Lugo". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 9 de xuño de 2022.
- ↑ "Futbolistas con máis partidos na historia do CD Lugo". BDFutbol (en castelán). Consultado o 9 de xuño de 2022.
- ↑ "Alvite regresa como delegado del CD Lugo" (en castelán). 13 de agosto de 2015. Consultado o 9 de xuño de 2022.[Ligazón morta]
- ↑ "Comunicado Oficial" (en castelán). 31 de outubro de 2020. Arquivado dende o orixinal o 27 de novembro de 2021. Consultado o 9 de xuño de 2022.