José Antonio Llorente

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
José Antonio Llorente
Juan Antonio Llorente, por Goya.jpg
Nacemento30 de marzo de 1756
 Rincón de Soto
Falecemento5 de febreiro de 1823
 Madrid
NacionalidadeEspaña
RelixiónIgrexa católica
Alma máterUniversidade de Zaragoza
Ocupaciónhistoriador e político
PremiosRoyal Order of Spain
editar datos en Wikidata ]

José Antonio Llorente (30 de marzo de 1756 - 7 de febreiro de 1823) foi sacerdote e erudito español.

Biografía[editar | editar a fonte]

Nado en Rincón de Soto, era o quinto fillo do matrimonio formado por Juan Francisco Llorente Alcaraz e María González Mendizabal, ordenado sacerdote en 1779, doutor en dereito canónico, avogado polo Consello de Castela e membro da Real Academia de Sagrados Cánones, Liturxia e Historia Eclesiástica. Nomeado en 1782 provisor e vigairo interino da diocese de Calahorra e en 1785 comisario do Santo Oficio en Logroño, aínda que non realizou ningunha actuación ao ser chamado á Corte pola duquesa de Sotomaior, camareira da raíña, como testamenteiro, polo que solicitou o traslado do seu título de comisario da Inquisición a Madrid.

En 1789 foi nomeado secretario supernumerario do Tribunal do Santo Oficio de Madrid. Volta a Calahorra en 1792 para poder gozar das rendas como cóengo da localidade, xa que os outros cóengos negábanse a repartir con el por estar ausente. Xa en 1793 está de novo na Corte ao ser chamado polo novo inquisidor xeneral, Manuel Abad y la Sierra, para redactar un informe sobre as orixes do modo de procesar da Inquisición e posteriormente outro para reformalo. Non obstante, o inquisidor Abad caeu en desgraza e Llorente viuse obrigado a deixar o seu informe, mais polo seu traballo nos círculos máis conservadores foi visto como partidario do xansenismo e contrario á Inquisición. Así e todo, Llorente contaba co apoio de Manuel Godoy, mais coa caída de Manuel Luis de Urquijo, ministro de xustiza, a Inquisición pasou a perseguir os xansenistas e Llorente foi condenado en 1801 á perda do seu título de comisario da Inquisición, a unha multa de 50 ducados e a un mes de retiro nun mosteiro.

En 1806 publicou as Noticias históricas de las tres Provincias Vascongadas, onde rexeitaba o dereito dos vascos aos foros e por esta obra foi nomeado cóengo en Toledo. En 1808, durante as abdicacións de Baiona, mandoulle a Napoleón un Reglamento para la Iglesia Española onde propuña para España a aplicación da constitución civil do clero en vigor en Francia e a supresión das ordes regulares. Convocado a Baiona foi nomeado Conselleiro de Estado para Asuntos Clericais e director de bens nacionais. En 1811 redactou unha Memoria, con copias dos decretos pontificiais que implantaban a Inquisición en España e que eran descoñecidos na época, que leu na Real Academia da Historia, na que atacaba á Inquisición por menosprezar o poder real e a autoridade dos bispos, apoiando o regalismo bonapartista e que o goberno de Xosé I deu gran publicidade, o que posibilitou a publicación dos dous tomos dos Anales de la Inquisición en España (1812 e 1813).

En xullo de 1813 fuxiu a Francia, residiu en Lectoure e logo en Bordeos para establecerse definitivamente en París en 1814 cando a fin do Imperio estaba próxima; soliciou o indulto de Fernando VII sen éxito. Entre 1817 e 1818 publicou a obra pola que é coñecido, Histoire critique de l'Inquisition espagnole, en catro volumes, utilizando en parte documentos da Inquisición que trouxera de España. A obra foi polémica e deu lugar tanto a grandes críticas dos ultrarrealistas como a eloxios dos liberais, vendeu 2000 exemplares, unha cantidade á que poucas obras chegaban na época. Expulsado de Francia pola súa actividade nos carbonarios, sociedade secreta, instalousen en Madrid aproveitando que en España gobernaban os liberais tras o pronunciamento de Rafael del Riego.