John Mercanti

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «John Michael Mercanti»)
John M. Mercanti

John M. Mercanti traballando no seu estudio.

Nome completoJohn Michael Mercanti
Nacemento27 de abril de 1943
  Filadelfia
Pensilvania.
Estados Unidos de América Estados Unidos
ÁreaEscultura, deseño e gravado.
Educación- Pennsylvania Academy of the Fine Arts.
- Universidade das Artes (Filadelfia).
ObrasMoedas circulantes e conmemorativas dos EEUU.
NacionalidadeEstadounidense
editar datos en Wikidata ]

John M. Mercanti, nado o 27 de abril de 1943 en Filadelfia, Pensilvania, é un escultor e deseñador e gravador de moeda estadounidense, que ocupou ata 2010 o posto de gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos.[1][2][3]

A marca de gravador que estampa nas súas moedas e medallas é JM.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Na súa xuventude, Mercanti estudou en Filadelfia, a súa cidade natal, na Pennsylvania Academy of Fine Arts, na Universidade das Artes e na Fleisher Art Memorial School.[4] Por outra parte, serviu tamén na Garda Nacional en Pensilvania durante seis anos.[1][2]

En 1974, Mercanti ingresou na US Mint como escultor-gravador axudante, no equipo dirixido por Frank Gasparro, e posteriormente traballou tamén como ilustrador.[4][5] O 19 de maio de 2006 foi nomeado "supervisor de deseño e mestre especialista en desenvolvemento de ferramentas", un posto equivalente ao anteriormente denominado "gravador xefe".[6] Esta situación mantívose ata o 3 de febreiro de 2009, cando o director da casa da moeda, Edward C. Moy, restableceu a denominación clásica do cargo e nomeou formalmente a John Mercanti como "gravador xefe".[1][2][7][8]

Logo do seu retiro en 2010 como gravador xefe da US Mint, en xuño de 2011 Mercanti integrouse como voceiro e imaxe pública da compañía Goldline International.[1][9] Tamén colabora profesionalmente con Professional Coin Grading Service (PCGS).[10][11]

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

John Mercanti foi recoñecido en 2021 co Premio á Arte Numismática pola Excelencia na Escultura da Medalla, outorgado pola American Numismatic Association (ANA).[10] A mesma entidade premiárao xa en 2001 co galardón ao Escultor do Ano.[3]

En 2017, o Distrito Histórico de Rittenhouse, en Filadelfia, concedeulle o premio David Rittenhouse.[12]

Obra artística[editar | editar a fonte]

Ao longo da súa carreira na US Mint, Mercanti foi o responsable do deseño e do gravado de máis dun cento de moedas, máis que calquera outro gravador na historia da ceca estadounidense. Entre os seus traballos máis significativos destacan as moedas de prata e de platino das series Silver Eagle e Platinum Eagle.[2] Tamén é o autor de varias das moedas circulantes de cuarto dólar dedicadas a cada un dos estados dos EEUU, pertencentes á serie 50 State Quarters Program (en concreto as dos estados de Arcansas, Iowa, Carolina do Norte, Pensilvania e Virxinia Occidental).[13]

Paralelamente, Mercanti é autor de varias series de moedas conmemorativas emitidas por Australia e cuñadas na Casa da Moeda de Perth.[14]

Escolma de traballos de John Mercanti[editar | editar a fonte]

Publicacións[editar | editar a fonte]

  • (2012). American silver eagles. A guide to the U.S. bullion coin program (con M. Standish). Whitman, Atlanta. ISBN 9780794837259
  • (2014). Morgan Dollar. Legendary coins and the making of the modern market: featuring the coins of the Coronet Collection. Whitman, Atlanta. ISBN 9780794842772

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Predecesor:
Elizabeth Jones

Gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos

2006 - 2010
Sucesor:
Joseph Menna