Johanna Spyri
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 12 de xuño de 1827 Hirzel, Suíza (pt) |
Morte | 7 de xullo de 1901 (74 anos) Zürich, Suíza |
Lugar de sepultura | Friedhof Sihlfeld (pt) , 81210 |
Actividade | |
Ocupación | escritora, novelista, escritora de literatura infantil |
Obra | |
Obras destacables
| |
Familia | |
Cónxuxe | Johann Bernhard Spyri |
Pais | Johann Jakob Heusser e Meta Heusser-Schweizer |
Parentes | Émilie Kempin-Spyri, sobriña |
Descrito pola fonte | Lexikon deutschsprachiger Epik und Dramatik von Autorinnen 1730–1900 (en) , (sec:Johanna Spyri) Iedereen Leest (en) Lexikon deutschsprachiger Schriftstellerinnen 1800–1945 (en) , (p.294-296) >>>:Spyri, Johanna |
|
Johanna Louise Spyri, de solteira Heusser, nada en Hirzel o 12 de xuño de 1827 e finada en Zürich o 7 de xullo de 1901, foi unha escritora suíza de novelas, particularmente de relatos para nenos, coñecida polo seu libro Heidi.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Johanna Spyri naceu en 1827 na aldea de Hirzel, a uns 11 quilómetros de Zürich. Foi a cuarta filla do matrimonio formado polo doutor Johann Heusser e a poeta Meta Sebweizer. A súa casa branca, que aínda se conserva, está situada nas aforas da aldea, xusto cando o terreo comeza a ascender a montaña verde. Dende a xanela do piso superior obtense unha vista dos piñeiros e do lago de Zürich. Spyri foi unha nena sensible, con enorme amor pola música, as aves e as flores dos campos alpinos e dos bosques próximos ao seu fogar.
Aos catorce anos, Spyri foi vivir a Zürich á casa dunha tía, e alí asistiu durante dous períodos lectivos a clases de linguas estranxeiras, ao mesmo tempo que tomou leccións de piano. Pasou despois un ano nun internado da cidade suíza de Yverdon.
A súa afección musical foi sempre evidente. Gustáballe moito o piano, ata que oíu o son da arpa. Un día, cando ela e a súa amiga Netti Fries camiñaban polas rúas da cidade, viron unha arpa no escaparate dunha tenda musical. Decidiron comprala mais non tiñan cartos abondos. Sacrificaron os seus aforros, xuntaron o diñeiro e mercárona.
Durante sete anos, entre 1845 e 1852, Spyri converteuse en mestra dos seus irmáns máis novos, mentres aproveitaba o tempo libre para facer lecturas que foron enriquecendo o seu capital intelectual e espiritual. Nas épocas de vacacións, a súa afinidade coa natureza levábaa cara á rexión de Chur, que logo foi a principal escenografía da acción de Heidi.
En 1852, coñeceu a Bernard Spyri, estudante de dereito, amigo do seu irmán Theodor, que estudaba medicina, e que desenvolvía tamén as tarefas de editor do diario Confederated Newspaper. Bernard e Johanna namoráronse e casaron, tralo que se radicaron definitivamente en Zürich.
Para ocupar o tempo de lecer en non sentirse soa, sobre todo porque sentía morriña dos seus lugares, comezou a participar xunto con dúas amigas nun grupo artístico e literario. Con todo, o seu espírito foi decaendo ata sumirse nunha fonda depresión e nun sentimento de soidade que a fixeron sentirse enferma. Esta vivencia foi trasladada logo á historia de Heidi, cando a nena ten que deixar Suíza para vivir en Frankfurt. Superou a doenza cando naceu o seu fillo, Bernhard, en 1855.
A partir de 1868, o señor Spyri foi nomeado contador da cidade. Debido ás novas obrigas e a ter que frecuentar outros círculos sociais, o matrimonio mudouse a unha casa do centro de Zürich, próxima ao lago. O seu fillo avanzaba nos seus estudos musicais ata chegar a ser un bo violinista, e executaba dúos coa súa nai ao piano. Durante esta época, Johanna comezou a escribir con intensidade co obxecto de recadar fondos para a Cruz Vermella, e o seu primeiro libro viu a luz en 1871, asinado coas iniciais J. S. En 1870, cando tiña 43 anos e Europa soportaba a guerra franco-prusiana, coa intención de facerlle pasar momentos gratos ao seu fillo, comezou a plasmar as súas lembranzas infantís na vida da nena orfa que vai vivir ás montañas co seu avó. Nacera Heidi, que se publicou dez anos máis tarde, xa co nome da autora.
Entre 1872 e 1873 continuou a producir obras narrativas, ligadas por un tema común: as felices vivencias do pasado, da infancia e da adolescencia, ensambladas no proceso do cambio interior que o presente ocasionaba. A partir de 1879 comezou o período máis produtivo na narrativa de Johanna e escribiu vinte libros en cinco anos, período que correspondeu á publicación de Heidi.
O ano 1884 marcou a vida de Spyri, xa que faleceron o seu fillo tras unha longa enfermidade e despois o seu home, de modo que quedou soa. Decidiu mudarse de casa a unha vivenda máis céntrica e unha sobriña foi vivir con ela para facerlle compaña. A partir de entón dedicouse a realizar moitas obras de caridade e a escribir para deleitar a súa sobriña como fixera co seu fillo tres lustros antes. Viúva con cincuenta e sete anos, viviu sereamente en Zürich, escribindo moitos contos sobre nenos que viven nas montañas, cos seus costumes e con xoguetes que eles mesmos fabrican e co seu diálogo continuo cos animais e as paisaxes da contorna. Así, nos últimos anos da súa vida, entre 1886 e 1901, escribiu corenta e oito contos. Durante os primeiros meses do século XX tomou unha vacacións debido ao seu grande esgotamento. trasladándose a distintos puntos dos Alpes suízos, chegando tamén ao norte de Italia e ao lago de Xenebra.
Cando os seus relatos comezaron a adquirir fama no mundo exterior, Johanna fíxose moi coñecida e o requirimento dos críticos, editores e xente de letras era permanente, polo que a autora evitou cada vez máis o contacto co público. Faleceu en Zürich o 7 de xullo de 1901.
Legado
[editar | editar a fonte]Suíza sente verdadeiro orgullo por Johanna Spyri e a súa obra, e homenaxeouna en múltiples ocasións en selos postais e moeda. Heidi resultou máis famosa que a súa creadora, xa que é unha das personaxes máis coñecidas da literatura suíza en xeral e da literatura infantil en particular. Non só é unha figura literaria, unha personaxe de ficción, senón tamén a encarnación alegórica da sociedade suíza, pois representa a natureza intacta dos Alpes cos seus pastos, montañas e paisaxes idílicas.
Acusación de plaxio
[editar | editar a fonte]En abril de 2010, un profesor que buscaba ilustracións para nenos atopou un libro escrito en 1830 por un profesor de historia alemán, Hermann Adam von Kamp, que Spyri puido ser que empregase como base para Heidi. O relato de 1830 titúlase Adelheide - das Mädchen vom Alpengebirge ("Adelaide, a nena dos Alps"). Díxose que as dúas historias compartían moitas semellanzas no argumento e nas imaxes. A biógrafa de Spyri, Regine Schindler, dixo que era posible que coñecese a historia, xa que se criou nunha casa con moitos libros.[1] Non obstante, as acusacións do von Kamp foron examinadas e logo descritas como "non científicas", debido a coincidencias superficiais que achega nas descricións e moitas diferenzas reais na historia, que non ten en conta, igual que a morriña, que xa era un lugar común na ficción do século XVIII e as personaxes que son drasticamente diferentes ou non en "Adelaide".[2]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Ur-Heidi aus dem Ruhrpott. Ist Johanna Spyris Alpengeschichte geklaut?" [Ur-Heidi from the Ruhrpott. Is Johanna Spyri stealing Alpine history?]. 3sat (en alemán). Arquivado dende o orixinal o 30 de xullo de 2012. Consultado o 30 de maio de 2019.
- ↑ Geisel, Sieglinde (14 April 2010). "Gibt es für Johanna Spyris "Heidi" eine Vorlage? Ein deutscher Germanist meint, sie gefunden zu haben: Die Mär vom Ur-Heidi" [Is there an original for Johanna Spyri's "Heidi"? A German Germanist thinks they have found: The story of Ur-Heidi]. Neue Zürcher Zeitung (en alemán).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Johanna Spyri |
A Galipedia ten un portal sobre: Suíza |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Marie Frey-Uhler: Johanna Spyri 1827–1901, Biographie ab 12 J. SJW-Heft
- Jean Villain: Der erschriebene Himmel, 1997
- Regine Schindler: Johanna Spyri: Spurensuche. Pendo Verlag, Zürich 1997
- Regine Schindler: Johanna Spyri (1827–1901). Neue Entdeckungen und unbekannte Briefe. Verlag Neue Zürcher Zeitung, Zürich 2015, ISBN 978-3-03823-361-9.