Saltar ao contido

Joachim Lelewel

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaJoachim Lelewel

Retrato de Joachim Lelewel despois de 1831

Biografía
NacementoИоахим Йозеф Бенедикт Лелевель
22 de marzo de 1786
Varsovia, Coroa do Reino de Polonia.
Morte22 de maio de 1861 (75 anos)
París, Francia.
Lugar de sepulturaCemiterio de Rasos, Vilnius
Cargos
Presidente da
Sociedade Real de Numismática de Bélxica
Período1841 – 1848
AntecesorNova creación
SucesorRenier Chalon.
Datos persoais
País de nacionalidade Reino de Polonia.
EducaciónUniversidade de Vilnius.
Actividade
Campo de traballoHistoriografía, política, numismática, heráldica, bibliografía.
OcupaciónHistoriador da cartografía, profesor universitario, historiador, eslavista, escritor, numismático, político, heraldista, bibliógrafo Editar o valor en Wikidata
EmpregadorUniversidade de Varsovia.
Universidade de Vilnius.
Universidade Libre de Bruxelas.
Membro de
Sociedade Real de Numismática de Bélxica.de Poznan.
Sociedade Científica de Cracovia.
Sociedade de Amigos da Ciencia.
Sociedade Patriótica.
MovementoRomanticismo.
Influencias
Zorian Dolega-Chodakowski.
Influencias en
LinguaPolaco e francés.
Familia
FamiliaCasa de Lölhöffel von Löwensprung Editar o valor en Wikidata
PaiKarol Maurycy Lelewel. Editar o valor en Wikidata
IrmánsJean Paul Lelewel.
Prot Adam Lelewel. Editar o valor en Wikidata
Premios
Doutor honoris causa, Universidade de Cracovia.
Sinatura

Descrito pola fonteGrande Enciclopedia Soviética 1969-1978, (sec:Лелевель Иоахим)
Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron
Dicionario Biográfico Ruso Editar o valor en Wikidata
BNE: XX970317 Discogs: 4595737 Find a Grave: 16258225 Editar o valor en Wikidata

Joachim Lelewel, nado en Varsovia o 22 de marzo de 1786 e finado en París o 29 de maio de 1861, foi un historiador, político e numismático polaco.

Lelewel foi ministro de Instrución Pública durante a insurrección polaca de 1830-1831 e unha figura senlleira do movemento republicano no seu país, antes de se exiliar no marco da Gran Emigración.

Como numismático, durante o exilio belga foi o fundador do Gabinete de Medallas da Biblioteca Real de Bélxica e da Sociedade Real de Numismática de Bélxica, que presidiu de 1841 a 1848.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Orixe familiar e primeiros anos

[editar | editar a fonte]

Joachim Lelewel naceu en Varsovia o 22 de marzo de 1786,[1] no seo dunha familia nobre de orixe sueca e asentada en Alemaña,[2] que se desprazara desde Austria ata Polonia a principios do século XVIII. O seu avó paterno, Heinrich Lölhöffel von Löwensprung (1705-1763), fora médico na corte do rei de Polonia e Elector de Saxonia Augusto III.[3][4][5][6]

O seu pai, Karol Maurice Lölhöffel von Lowensprung (1748-1830)[7]avogado de formación, membro da Dieta Polaca e conselleiro da Comisión de Cultos e Instrución Pública—[4] nacionalizárase polaco en 1768 baixo o reinado de Stanislau II Poniatowski, e foi daquela cando adoptou o apelido Lelewel.[2][3][5]

Joachim Lelewel era o maior de sete irmáns,[4] entre os que estaban Jean Paul (1796-1847),[8] enxeñeiro, e Prot Adam (1790-1894),[9] oficial da Grande Armée.[3]

Lelewel medrou nunha época convulsa da historia de Polonia: era aínda un cativo cando desapareceu a República das Dúas Nacións logo da terceira partición de Polonia en 1795, e acadou a idade adulta cando Napoleón restableceu un Estado polaco en 1807: o Ducado de Varsovia.[3]

Formación

[editar | editar a fonte]

Joachim Lelewel recibiu a súa educación secundaria no colexio dos escolapios de Varsovia, e logo cursou estudos superiores de Historia na Universidade de Vilnius[5] —a maior institución universitaria do Imperio ruso—,[10] entre 1804 e 1808.[2][3][11] Malia a anexión do antigo Gran Ducado de Lituania por Rusia, esta universidade seguiu a ser predominantemente polaca, e a utilizar oficialmente a lingua polaca no seu funcionamento.[12]

O restablecemento da independencia polaca era unha idea moi arraigada entre moitos patriotas polacos, entre eles Joachim Lelewel, xa na súa época como estudante.[3]

Carreira académica

[editar | editar a fonte]

Logo do seu período formativo, Lelewel dedicouse inicialmente ao ensino da Historia. De 1809 a 1811 impartiu docencia no instituto de ensino secundario de Krzemieniec, en Volinia.[5][13]

En 1814 regresou a Vilnius para se incorporar como profesor de Historia á universidade,[5][11] e ese mesmo ano fundou unha revista literaria, Tygodnik Wilenski («Semanario de Vilnius»), na que debutou o poeta patriótico Adam Mickiewicz,[14] que é considerado como un dos discípulos de Lelewel.[13]

En 1819, Lelewel incorporouse como profesor suplente e bibliotecario á Universidade de Varsovia,[5] creada só tres anos antes como parte do novo Reino de Polonia. Nela impartiu a materia de Historia de Polonia nos séculos XVI e XVII. En 1820 recibiu o doutoramento honoris causa por esta universidade.[15] En 1821 foi nomeado tamén catedrático de Historia Universal na Universidade de Vilnius.[2][11][13]

A raíz dun conflito relacionado coa Sociedade Patriótica de Filomáticos, que deu lugar a un importante proceso político en xuño de 1824, Lelewel foi destituído das súas cátedras e expulsado da universidade ese mesmo ano.[2][5][11][13][16]

Carreira política no Reino de Polonia (1824-1830)

[editar | editar a fonte]

Así as cousas, Lelewel regresou a Varsovia, que era daquela a capital do Reino de Polonia creado polo Congreso de Viena en 1815 a partir do Ducado de Varsovia e asignado ao tsar Alexandre e aos seus sucesores.[17] Lelewel publicou nestes anos varias obras de gran valor, mais tamén se implicou na tensa vida política do reino, sobre todo baixo o tsar Nicolao, a partir de finais de 1824: en 1825 afiliouse á Sociedade Patriótica,[2] e resultou elixido membro da Dieta en 1829.[5][18]

Lelewel era partidario dunha Polonia independente que, na súa opinión, só podía ser republicana e democrática, o que exixía unha gran reforma agraria e a abolición das formas de servidume que aínda se mantiñan na sociedade. O seu programa nacional consistía en volver ás fronteiras anteriores ás particións de Polonia.[18]

A Insurrección de 1830-1831

[editar | editar a fonte]
Joachim Lelewel nun gravado de Seweryn Oleszynski (1925)

A insurrección de 1830-1831, que durou do 29 de novembro de 1830 a setembro de 1831, foi consecuencia das revolucións de 1830 en Francia e en Bélxica. Os oficiais do exército do reino temían que o tsar enviase as súas tropas (rusas e polacas) contra Bélxica e mesmo contra Francia. O 29 de novembro de 1830, un grupo de conspiradores, na súa maior parte cadetes de oficiais da escola de artillaría de Varsovia, lanzaron unha insurrección e lograron tomar o control de Varsovia.[18][19]

Neste contexto, o 1 de decembro de 1830, Lelewel e o seu amigo Maurycy Mochnacki fundaron o Club Patriótico, onde se reunían patriotas radicais e que traballaba para difundir a insurrección. Lelewel, á cabeza do Club, cuñou daquela un dos lemas de la insurrección: «Pola nosa liberdade e pola vosa», que implicaba que os polacos loitaban contra o tsar non só por eles, senón tamén polos demais pobos de Europa.[18]

Para canalizar a insurrección, algúns conservadores con responsabilidades no reino estableceron vínculos cos radicais, e a composición do Consello de Goberno modificouse nun sentido máis patriótico, en particular coa entrada do príncipe Adam Czartoryski (29 de novembro) e o xeneral Chlopicki (1 de decembro).[20] O Comité Executivo do Consello incluía tamén dous membros do Parlamento, un deles Joachim Lelewel.[18]

Placa na memoria de Lelewel na rúa Dluga, Varsovia.

O 3 de decembro de 1830, o Consello de Goberno foi disolvido e substituído polo Goberno Provisional do Reino de Polonia, presidido por Adam Czartoryski, xunto con outras cinco persoas, entre as que estaba Joachim Lelewel. O xeneral Chlopicki converteuse en comandante en xefe do exército en substitución do gran duque Constantino, irmán do tsar, e convocouse a Dieta para o 18 de decembro.[18][20]

Durante os primeiros días da insurrección, Lelewel participou nas negociacións co Gran Duque, que foi autorizado a abandonar o reino, así como coas unidades rusas presentes en Varsovia. Lelewel subliñou que o levantamento non ía dirixido contra o pobo ruso, senón contra o despotismo tsarista. O 18 de decembro, a Dieta investiu o xeneral Chlopicki como «ditador», xefe tanto do exército como do goberno. Estaba asistido por un Consello Nacional Supremo, do que Lelewel non formaba parte.[18][20]

As negociacións con Nicolás I dirixidas por Drucki-Lubecki, que partira cara a San Petersburgo o 10 de decembro, ficaron en nada: a única opción ofrecida polo tsar era a rendición incondicional. O 18 de xaneiro de 1831, Chlopicki presentou a súa dimisión.[18]

O 25 de xaneiro de 1831, a Dieta depuxo a Nicolás I do trono polaco e proclamou a independencia,[11] e o 30 de xaneiro investiu o Goberno Nacional, presidido por Adam Czartoryski, ao que Joachim Lelewel pertencía novamente como «xefe do departamento» de Asuntos Relixiosos, Educación e Xustiza. Poucos días despois, o exército ruso, que se reunira en xaneiro, lanzou unha ofensiva contra o reino insurxente.[18]

O Goberno nacional dirixido por Adam Czartoryski funcionou ata o 17 de agosto de 1831, cando dimitiu logo dos disturbios ocorridos en Varsovia os días 14 e 15 de agosto. A presidencia pasou daquela ao xeneral Krukowiecki, que asumiu as funcións de comandante en xefe.[18]

A noite do 7 de setemrbo, Rybinski, xunto con varios políticos, abandonou Varsovia coas súas tropas —que estaba a punto de caer en mans dos rusos— coas súas tropas e instalouse en Płock. O día 8, Krukowiecki, que ficara en Varsovia, capitulou e foi substituído en Płock por Bonawentura Niemojowski. Ante a derrota, o Goberno nacional abandonou o reino o día 26. Rybinski permaneceu á fronte dos asuntos civís e militares do reino e Joachim Lelewel mantívose con el ata o final: abandonou o reino ao mesmo tempo que as súas tropas, o 5 de outubro de 1831. Cruzou a fronteira prusiana preto da vila de Jastrzebie e foi internado nun campamento prusiano de Brodnica, que daquela formaba parte da provincia prusiana de Prusia Occidental.[18]

Placa no número 153 do bulevar Saint-Germain (distrito 6 de París), na casa onde viviu Lelewel.

O exilio en París

[editar | editar a fonte]

Logo do fracaso da insurrección en setembro de 1831, foi condenado en rebeldía á forca, e os seus bens foron confiscados. Do mesmo xeito que milleiros dos seus compatriotas, viuse na obriga de exiliarse. Marchou daquela a París,[5] a onde chegou o 6 de novembro, e alí fundou o Consello Nacional Polaco (Komitet Narodowy Polski), do que foi presidente.[2][11] Tamén dirixiu a organización Vinganza do Pobo (Zemsta Ludu), que fundou xunto co coronel Józef Zaliwski en decembro de 1831, co principal obxectivo de retomar a loita armada no seu país.[21]

En 1833, logo do chamamento que o seu Comité lle fixo ao pobo ruso en decembro de 1832 con motivo do aniversario da Revolta Decembrista de 1825, Lelewel foi detido na casa do xeneral La Fayette e conducido a Tours, onde ficou baixo vixilancia. Cinco meses máis tarde, por petición do embaixador ruso Pozzo di Borgo, o rei francés Luís Filipe expulsouno de Francia o 31 de decembro de 1832. Lelewel Fuxiu entón a Bélxica e instalouse en Bruxelas, onde viviu 28 anos.[2][5][21][22]

Exilio en Bélxica

[editar | editar a fonte]

O 26 de outubro de 1834, Joachim Lelewel foi nomeado profesor da Universidade Libre de Bruxelas.[23] Realmente non chegou a exercer a docencia nesa institución, aínda que se implicou de cheo na vida cultural do país. Nesa cidade escribiu as súas principais obras históricas, xeográficas e cartográficas.[24][25]

Xunto cos seus amigos da Sociedade Patriótica, Lelewel depositou as súas esperanzas no inminente derrocamento das autocracias polos partidarios do Carbonarismo. En 1834 converteuse en presidente da Jeune Pologne, unha organización nacionalista e republicana vinculada á Jeune Europe.[2][24][25][26]

Monumento a Lelewel no cemiterio de Rasos, en Vilnius, onde foi soterrado.

Ese mesmo ano foi un dos fundadores da Unión dos Fillos do Pobo Polaco (Zwiazek Dzieci Ludu Polskiego), cuxo obxectivo era organizar a axitación revolucionaria en Polonia. En 1837 fundou e dirixiu a Unión de Emigrantes Polacos (Zjednoczenie Emigracji Polskiej), que pretendía agrupar politicamente a todos os emigrantes polacos. Ademais, en 1846 uniuse á Sociedade Democrática Polaca e o ano seguinte converteuse en vicepresidente da Sociedade Democrática Internacional de Emigrantes, á que tamén pertencía Karl Marx.[2][24][25][27]

Lelewel foi tamén un eminente numismático; xa en 1824 fixera a súa primeira publicación en Polonia acerca dun importante achado de moedas medievais nas proximidades de Płock .[28] En Bruxelas foi un dos fundadores do Gabinete de Medallas da Biblioteca Real, unha colección numismática pública que abriu ao público en 1851.[29] Igualmente, fundou a Sociedade Real de Numismática de Bélxica e foi o seu primeiro presidente, entre 1841 e 1848. Despois foi o primeiro en ser recoñecido co título de presidente honorario vitalicio.[30]

O lema «pola nosa liberdade e a vosa» rexurdiu entre as tropas polacas en Hungría durante a Primavera dos Pobos de 1848, e desde entón acompañou constantemente os soldados polacos obrigados a loitar polo seu país no estranxeiro.[24][25]

Retiro e morte

[editar | editar a fonte]

En 1849, tras o fracaso da Primavera dos Pobos, retirouse da vida política. Lelewel finou durante unha viaxe a París cando xa estaba gravemente enfermo, o 29 de maio de 1861, aos 75 anos.[4][31][32] O seu corpo foi soterrado no cemiterio de Montmartre (división 13), e en 1929 foi trasladado ao cemiterio de Rasos, en Vilnius, coincidindo coa celebración do 350 aniversario da universidade desa cidade.[2]

Sala dedicada a Joachim Lelewel na biblioteca da Universidade de Vilnius.

Homenaxes

[editar | editar a fonte]

A Universidade de Vilnius, que recibiu como legado a colección de libros e atlas de Joachim Lelewel, ten unha sala co seu nome dentro da biblioteca da súa universidade.[33]

Pola súa banda, a Escola Polaca Joachim Lelewel é unha escola internacional situada na localidade de Woluwe-Saint-Pierre, na rexión de Bruxelas-Capital, que ten un método de ensino, un programa e unha organización dos cursos similares aos existentes en Polonia.[34]

Citas célebres

[editar | editar a fonte]
  • «Pola nosa liberdade e a vosa!
  • «Polonia, si, pero, que clase de Polonia?
Manuscrito de Joachim Lelewel de 1813, co título de Historja Polska.

A obra histórica de Joachim Lelewel é considerable e o feito de varios traballos seren publicados en francés fixo que puidesen chegar a un público máis internacional. A xénese da súa obra sitúase na encrucillada entre a historiografía tradicional, centrada na Antigüidade, e a historia romántica, de carácter nacional nos seus temas e nos seus obxectivos. As súas primeiras investigacións centráronse en Grecia e Roma, mais a idea nacional xa estaba a agromar nelas. Para Lelewel, que tivo que enfrontarse á censura tsarista, a Antigüidade era ante todo un tema de edificación patriótica. A súa concepción humanista e voluntarista da historia tomou forma contra Hegel e a tese providencialista; para Lelewel a historia víase desde abaixo como unha manifestación da liberdade humana e a espontaneidade da acción de masas. Por moi fervente que fose en afirmar o particularismo polaco, rexeitaba calquera xeito de nacionalismo pechado e excluínte: o seu baseábase na crenza democrática e mantiña unha esencia universalista.[35][36]

Ademais da súa ampla obra puramente histórica, cómpre destacar as súas publicacións en materia numismática, con obras clave como Numismatique du Moyen Âge, considérée sous le rapport du type (París, 1835) e Études numismatiques et archéologiques (Bruxelas, 1841).

A seguir, lístase unha detallada escolma dos traballos monográficos publicados por Joachim Lelewel ao longo da súa traxectoria:[37][38][39]

Obras en polaco

[editar | editar a fonte]
Lelewel, J. (1826). Bibliograficznych ksiag dwoje: w których rozebrane i pomnozone zostaly dwa dziela Jerzego.

Obras en francés

[editar | editar a fonte]

Obras en alemán

[editar | editar a fonte]
  1. "Joachim Lelewel von Lowensprung h. wl. (ID: 14.93.26)". Sejm-wielki.pl
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 "Lelewel, Joachim". Encyclopedia of Romantic Nationalism in Europe (ernie.uva.nl).
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 "Family Background and Formative Years". En Skurnowicz, J. S. (1981). Páxinas 4-19.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Hoc, M. (1961). Páxina 5.
  5. 5,00 5,01 5,02 5,03 5,04 5,05 5,06 5,07 5,08 5,09 "Lelewel, Joachim". En Encyclopædia Britannica. 1911. Páxina 407.
  6. "Henryk Lelewel von Lowensprung h. wl. (ID: 14.93.1)". Sejm-wielki.pl
  7. "Karol Maurycy Lelewel von Lowensprung h. wl. (ID: 14.93.7)". Sejm-wielki.pl
  8. Feduszka, J. (2000). "Jan Paweł Lelewel (1796-1847)". En Zamojski Kwartalnik Kulturalny. Nº 3-4. 1999. Páxinas 77-84.
  9. "Prot Lelewel – wybitna postać historyczna Ziemi Wołomińskiej (I)" e "(II)".
  10. Beauvois, D. (1978). "Lumières et société en Europe de l'Est. L'Université de Vilna et les écoles polonaises de l'Empire russe (1803-1832) [compte rendu]". En Annales historiques de la Révolution française. 232. Páxinas 315-321.
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 11,4 11,5 Hoc, M. (1961). Páxina 6.
  12. "History". Vilnius University (VU.lt).
  13. 13,0 13,1 13,2 13,3 "The University Professor and Productive Scholar". En Skurnowicz, J. S. (1981). Páxinas 20-44.
  14. "Tygodnik Wilenski". Encyklopedia PWN (encyklopedia.pwn.pl).
  15. "Doktorzy honoris causa". Uniwersytet Jagiellonski w Krakowie (UJ.edu.pl).
  16. Lolowel, J. (1844). Novosiltzow à Vilna, ou Guerre impériale avec les enfants et l’instruction. Episode historique de 1824. Briard, Bruxelas.
  17. "Charte constitutionnelle du royaume de Pologne". Mjp.univ-perp.fr
  18. 18,00 18,01 18,02 18,03 18,04 18,05 18,06 18,07 18,08 18,09 18,10 "Lelewel in Warsaw Before and During the November Uprising". En Skurnowicz, J. S. (1981). Páxinas 45-72.
  19. Zajewski, W. (1994). "L'Europe face à la révolution en Belgique et en Pologne 1830-1831". En Acta Poloniae Historica. Nº 69. Páxinas 81-97.
  20. 20,0 20,1 20,2 Davies, N. (1986). Histoire de la Pologne. Fayard. Páxina 217. ISBN 978-2213016948
  21. 21,0 21,1 "Lelewel Émigré: Rebel v. Despotism: France, 1831-1833". En Skurnowicz, J. S. (1981). Páxinas 73-84.
  22. Hoc, M. (1961). Páxinas 5-6.
  23. Vanderkindere, L. (1884). L'Université de Bruxelles. Notice historique. Bruxelas. Páxinas 28, 61, LXIV, LXXX.
  24. 24,0 24,1 24,2 24,3 "Lelewel Émigré: The Romantic Nationalism: Belgium, 1833-1861". En Skurnowicz, J. S. (1981). Páxinas 85-103.
  25. 25,0 25,1 25,2 25,3 Sopocko, T. (1934).
  26. Lukowski, J.; Zawadzki, H. (2010). Historire de la Pologne. Perrin. Páxiona 189. ISBN 978-2262028886
  27. Davies, N. (1986). Histoire de la Pologne. Fayard. Páxina 230. ISBN 978-2213016948
  28. Hoc, M. (1961). Páxina 7.
  29. Lallemand, J. (1969). "Le Cabinet des Médailles". En Bibliothèque Royale. Mémorial 1559-1969. Páxinas 297-309. Bruxelas.
  30. Hoc, M. (1961). Páxinas 8-9.
  31. "Lelewel, Joachim". En Encyclopædia Britannica. 1911. Páxina 407.
  32. Hoc, M. (1961). Páxinas 11.
  33. "Joachim Lelewel: the historian that mastered colour". Vilnius University Library (Biblioteka.vu.lt).
  34. "École polonaise Joachim Lelewel". Internationalschoolsinbrussels.be
  35. Alice, G. (1965). "M. Serejski, Joachim Lelewel, traduction française.[compte-rendu]". En Annales. Economies, sociétés, civilisations. Vol. 20. Nº 6. Páxinas 1.288-1.291.
  36. "Lelewel's interpretation of Poland's History". En Skurnowicz, J. S. (1981). Páxinas 104-129.
  37. "Joachim Lelewel". Lietuvos krikšcioniškasis oaveldas (Paveldas.katalikai.lt).
  38. Hleb-Koszanska H.; Kotwicz?wna M. (1952).
  39. "Joachim Lelewel". The Online Books Page (onlinebooks.library.upenn.edu).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
Predecesor:
Nova creación
Presidente da
Sociedade Real de Numismática de Bélxica

1841 - 1848
Sucesor:
Renier Chalon