Jesús de Monasterio
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) Jesús de Monasterio y Agüeros 21 de marzo de 1836 Potes, España |
Morte | 28 de setembro de 1903 (67 anos) Cabezón de la Sal, España |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España |
Educación | Conservatorio Real de Bruxelas |
Actividade | |
Ocupación | violinista , profesor de música , compositor , director de orquestra |
Profesores | Charles Auguste de Bériot |
Alumnos | Enrique Fernández Arbós (pt) e Pedro de Urrutia y Cruz (en) |
Lingua | Lingua castelá |
Instrumento | Violín |
Jesús de Monasterio y Agüeros, nado en Potes (Cantabria) en 1836 e finado en Casar de Periedo (Cantabria) en 1903, foi un violinista, compositor e pedagogo español. Dá nome a un dos dous conservatorios de Santander (o outro nomeouse en honor a Ataúlfo Argenta).
Traxectoria
[editar | editar a fonte]É xunto con Pablo Sarasate é o maior representante da escola violinística española, na que destaca como clasicista. Tralos seus primeiros estudos, trasladouse a Bruxelas (Bélxica) onde estudou con Bériot. Dende alí comezou unha carreira brillante como virtuoso por Europa antes de volver a instalarse en España para exercer labores de alta docencia e de organización e pulo da vida musical. En Madrid foi director do Conservatorio Nacional de Música, músico da Real Capela e académico fundador da Sección de Música na Real Academia de Belas Artes de San Fernando. Como docente formou á meirande parte dos violinistas activos de relevancia na España de principios do século XX.
Participou no alhambrismo e o seu labor foi fundamental na introdución das obras de Wagner no panorama musical español e un dos máis importantes difusores da música de cámara. En 1863 fundou, xunto co pianista Juan María Guelbenzu, a Sociedad de Cuartetos de Madrid. En 1866, xunto a Barbieri e Gaztambide fundou a Sociedad de Conciertos de Madrid, orquestra chave no ambiente musical español, coa que se adicou á promoción do sinfonismo alemán, especialmente as Sinfonías de Ludwig van Beethoven.
Como docente
[editar | editar a fonte]Nos seus últimos anos adicouse case en exclusiva ao ensino musical, poñendo as bases da escola violinística española. No ano 1887 creouse para el no Conservatorio de Madrid a cátedra de Perfeccionamiento de Violín e de Música Instrumental de Cámara, á que pasou logo de abandonar a súa de Violín. Ás súas clases só podían acceder os alumnos que obtiveran os primeiros ou segundos premios en violín nos últimos concursos públicos da Escola de Música, os premiados en concursos doutros países, ou os que demostraran mediante un exame de selección as condicións necesarias para ingresar na clase. Entre os que pasaron polas súas mans salientan instrumentistas como Manuel Pérez, Manuel Pardo, Julio Casares, Juan Antonio Espino, Pedro Urrutia, Eduardo Fernández Murrió, Francisco Torres, Teodoro Ballo, Enrique Fernández Arbós, Andrés Goñi, Julia Rogel, Andrés Gaos ou Julio Francés, entre os violinistas, ou Juan Ruiz Casaux e Pau Casals, entre os violonchelistas.
Composicións
[editar | editar a fonte]Como compositor, a súa obra é fundamentalmente violinística. Nela destacan:
- Fantasía original española (1853), para violín e orquestra.
- Adiós a la Alhambra (1855), para violín e piano, inscrito dentro do movemento alhambrista, peza de virtuosismo violinístico para salón, cunha bela liña melódica. Tamén realizou unha versión orquestral.
- Grande Fantaisie Nationale (1855), para violín e orquestra.
- Concierto en Si menor para violín y orquesta (1859; 2.ª versión de 1880), obra escrita con boa técnica (violinística sobre todo, porque a orquestra desempeña un papel secundario), cunha estrutura similar ao Concerto para Violín de Mendelssohn e que se trata do único concerto para violín escrito en España nesa época, e mesmo en todo o século. Está na liña dos concertos románticos de violín que compuñan os grandes virtuosos da época, como Henri Vieuxtemps ou Wieniawski, cunha partición de violín solista de gran virtuosismo.
- Marcha fúnebre e triunfal (1864).
- Scherzo fantástico, composto en Madrid en novembro de 1865, corrixido en Potes en setembro de 1866, e estreado o 15 de marzo de 1868 pola Sociedad de Conciertos de Madrid, baixo a dirección de Barbieri. Segundo a Revista y Gaceta Musical (23-III-1868), o Scherzo “produciu unha viva sensación no público, que fixo repetir a peza, chamando ao autor entre os máis nutridos e prolongados aplausos” e para Peña y Goñi, “ten todo o sabor dunha peza clásica impregnada da savia moderna, porque hai que dicir, en honra do insigne artista, que non recoñece exclusivismos estéticos e adora o belo onde quera que o haxa”.
- Melodía para orquesta (1872).
- Melodía para violín o violonchelo y piano (1874), adicada ao seu amigo Víctor Mirecki.
- Estudio de concierto en si bemol (1875), para arpa, óboe, clarinete, trompa e orquestra de cuerda.
- Sierra Morena (1877), para violín e orquestra.
- Veinte estudios artísticos de concierto, polos que, o 21 de outubro de 1878, recibiu, na Exposición Universal de París, a Medalla de Prata dentro do apartado denominado "Organización e material da segunda ensinanza".
- Andantino expresivo (1881), para orquestra de corda.
- Andante religioso, para orquestra de corda.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Jesús de Monasterio |