Jenaro Pérez Villaamil

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Jenaro Pérez Villaamil
Nome Jenaro Pérez Villaamil
Nacemento 1807
Lugar Ferrol
Falecemento 1854
Lugar Madrid

Jenaro Pérez Villaamil Duguet (as veces aparece como Genaro Pérez de Villa-Amil),[1] nado en Ferrol en febreiro de 1807 e finado en Madrid o 5 de xuño de 1854, foi un pintor romántico galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Formación[editar | editar a fonte]

Pérez Villaamil foi un neno prodixio e cando tiña soamente oito anos xa desempeñaba o cargo de axudante de profesor de debuxo no Colexio Militar de Santiago ás ordes do seu propio pai, que era mestre de fortificacións, topografía e debuxo. A súa vida foi unha auténtica aventura xa que, despois de vivir en Madrid coa familia, tiña só dezaseis anos cando se incorporou ao movemento liberal e alistouse no Exército para repeler a invasión conservadora dos Cen Mil Fillos de San Luís en 1823. En Sanlúcar la Mayor (Sevilla) resulta ferido e préndeno como prisioneiro de guerra. Levado a Cádiz, a súa catividade non lle impediu realizar estudos de pintura na academia desa cidade baixo a dirección do profesor José García e cando quedou libre en 1830 trasladouse a Porto Rico para realizar as decoracións do teito do Teatro Tapia, o gran teatro de San Xoán.

A etapa prerromántica[editar | editar a fonte]

Igrexa de San Juan de los Reyes de Toledo, 1839.

Pérez Villaamil pasou por dúas etapas plásticas nas que se dividiu a súa curta vida. A primeira foi a prerromántica e a segunda, que ocupou os derradeiros anos da súa vida, xa plenamente romántica.

Retornado a España en 1833, percorre Andalucía e faise amigo do pintor e debuxante inglés David Roberts, co que mellora a súa técnica, e pouco máis tarde marcha a Madrid, onde coñece a raíña Isabel II, e pide o ingreso na Real Academia de Belas Artes de San Fernando, que consegue en 1835. Meses máis tarde intervén na fundación do Ateneo de Madrid e na creación do Liceo Artístico y Literario Español, que foi o epicentro do romanticismo en Madrid. Tamén por aquel tempo coñece a Ramón de Mesonero Romanos e comeza a ilustrar as costumistas obras deste escritor español.

Etapa romántica[editar | editar a fonte]

En 1837 vende cadros ao rei Luís Filipe I de Francia e tamén á raíña Isabel de España, e é recoñecido como un dos mellores paisaxistas do momento. E nesa época comeza a mudar de amizades: do costumismo de Mesonero Romanos pasa a frecuentar a mozos do seu tempo que están a triunfar nas letras, como a José Zorrilla, que lle dedica o poema La noche de invierno. E en 1840, logo dunhas viaxes por Castela, trasládase a París, onde inicia unha viaxe por Europa (Francia, Bélxica, Países Baixos que se prolonga durante catro anos. A escusa da viaxe é a publicación de España artística y monumental, un álbum de litografías que na actualidade está extraviado e do que só se conservan algunhas reproducións soltas.

A temática deste pintor foi sempre a paisaxe, ás veces con vistas urbanas e tamén con exteriores arquitectónicos monumentais e achegando figuras populares que representan a personaxes da época o que lles dá aos seus cadros un toque humano e costumista. Nesas viaxes europeas toma contacto coa crítica internacional (Charles Baudelaire falou da súa obra no Salón de París de 1845, por exemplo), aprende de mestres do romanticismo europeo, e aproveita para venderlle cadros a distintas casas reais. Por iso entre as súas influencias principais están David Roberts, pero tamén as dos británicos Joseph William Turner e John Martin.

Noméano tenente director da Real Academia de San Fernando en febreiro de 1845, e ademais catedrático de paisaxe. E cando se crea a Escola Preparatoria para as carreiras de enxeñeiros civís e arquitectos, Villaamil é nomeado profesor de paisaxe. Regresa a Galiza en 1849 e percorre as provincias da Coruña e Pontevedra. Segue viaxando por España ata 1852, cando empeza a sufrir problemas de fígado. Dous anos máis tarde morre en Madrid con só 47 anos.

Ordes e condecoracións[editar | editar a fonte]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Interior dunha igrexa na Pinacoteca Francisco Fernández del Riego de Vigo.  
Paisaxe con río, castelo e escena de pescadores, no Museo de Pontevedra  
Ataque a un convoy carlista  
Castillo de Alcalá de Guadaira  

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Jenaro Pérez Villaamil Modificar a ligazón no Wikidata

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]