A Jeanneke Pis (expresión en neerlandés que en galego significa "nena que ouriña") é unha singular estatua e fonte de bronce de arredor de 50 centímetros de altura, situada no centro histórico de Bruxelas, Bélxica.[1] A estatua representa unha nena pequena con coletas, espida e de crequenas, con faciana burleira, ouriñando dentro da cunca da fonte. Considérase como o homólogo feminino do Manneken Pis.[2]
Está situada entre os números 10 e 12 da calella da Fidelidade (impasse de la Fidélité/Getrouwheidsgang) da capital belga, que dá á rúa dos Carniceiros (rúe des Bouchers / Beenhouwersstraat), preto da Grand-Place.[3]
A estatua foi realizada en 1985 por Denis Adrien Debouvrie, que era tamén o propietario de varios restaurantes no barrio bruxelés do Illot Sacré, e foi inaugurada en 1987.[4][5]
O restaurador quixo restablecer a igualdade entre home e muller ao encargar a estatua, compensando así a existencia do Manneken Pis. No entanto, para o público acabou por simbolizar tamén a fidelidade, e é tradicional botar moedas nas cuncas da fonte, en proba da lealdade pola persoa amada.[6]