Jason Williams

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Jason Williams
Posición Base
Dorsal 55, 2, 44, 3
Altura 1,85 m (6 ft 1 in)
Peso oficial 82 kg (180 lb)
Nacemento 18 de novembro de 1975
(48 anos)
Belle (Virxinia Occidental)
Carreira
Universidade Marshall (1995–1996)
Florida (1997–1998)
NBA Draft 1998 / Rolda: 1 / Elección: 7
Por
Sacramento Kings
Tempadas 19982011
Equipo(s)
Estatísticas (NBA)
Puntos     8 266 (10,5 pp)
Asistencias     4 611 (5,9 pp)
Roubos     933 (1,2 pp)
Stats @ Basketball-Reference.com
Premios

Jason Chandler Williams, nado o 18 de novembro de 1975, en Belle, Virxinia Occidental, foi un xogador profesional estadounidense de baloncesto que xogou na National Basketball Association (NBA) dende 1998 tras ser elixido no draft polos Sacramento Kings até a súa retirada en abril de 2011, sendo o seu último equipo os Memphis Grizzlies.

De gran distribución e creación imaxinativa, foi comparado nos seus comezos con Pete Maravich debido ao seu imprevisible xogo e ao seu gran manexo do balón. En 2006 conseguiu o seu único anel de campión con Miami Heat. Cos seus 1,85 metros de estatura xoga na posición de base. Os alcumes máis coñecidos de Williams son "J-Will", "J-Dub" e "White Chocolate" (do inglés: chocolate branco).

Traxectoria deportiva[editar | editar a fonte]

Instituto[editar | editar a fonte]

Creceu en Belle, Virxinia Occidental, unha pequena vila a menos de 16 quilómetros de Charleston, onde se graduou no Instituto Dupont. Sempre destacou por posuír unha habilidade innata para os deportes, e tiña moi boas dotes para o fútbol americano. Jason foi a estrela de DuPont High School na súa tempada "freshman", a 1990-91. Como "junior" e "senior", compartiu equipo con Randy Moss, actual xogador da NFL. Con Moss formou unha sociedade que desbordou o pavillón sempre que o instituto xogaba. A pesar de todo, decidiu dedicarlle máis tempo ao baloncesto e deixou o equipo de fútbol.

Ao final da tempada 1993-94, Jason foi nomeado por USA Today Xogador do Ano en Virxinia Occidental, galardón que conseguira o ano anterior. Naquela tempada como "senior" asinou 18 puntos e 10 asistencias de media. El e Moss levaron DuPont a loitar polo título estatal, pero caeron na final. Jason converteuse no único xogador na historia do instituto en acadar os 1.000 puntos. Durante a súa etapa no instituto empezou a consumir marihuana, o que ao cabo lle pasaría factura na Universidade e na NBA.

Universidade[editar | editar a fonte]

Jason tiña un acordo para xogar na Universidade de Providence, onde adestraba Rick Barnes, co que Williams conectara moi ben. Con todo, Barnes deixou Providence por Clemson, e Jason deu marcha atrás na súa idea de xogar cos Friars de Providence. Tras isto, enrolouse na academia militar Fork Union, en Virxinia. Alí Williams só durou tres días.

O pai de Williams estudara a posibilidade de xogar na Universidade Marshall, da División II da NCAA. O pai falou con Billy Donovan, o adestrador, quen lle ofreceu xogar con eles unha vez acabada a tempada 1994-95. Na tempada 1995-96 Williams graduouse na Universidade Marshall, en Virxinia Occidental. Alí só estivo unha tempada na que logrou unhas estatísticas de 13,4 puntos e 6,4 asistencias por partido. No verán de 1996 Billy Donovan decidiu cambiar de aires e aceptar a oferta da Universidade de Florida. Williams decidiu seguir o seu camiño cara a Gainesville.

Cos Gators na tempada 1997-98, Williams converteuse no base titular. Conseguiu unhas medias de 17,1 puntos e 6,7 asistencias, mostrando ademais escintileos da súa brillantez. Williams logrou tamén unha marca de Florida con 17 asistencias o 3 de decembro de 1997, nun partido contra Duquesne. A seguinte tempada, Florida suspendeu permanentemente a Williams por uso de drogas despois de tres suspensións previas.

NBA[editar | editar a fonte]

Sacramento Kings[editar | editar a fonte]

Despois de ser suspendido por Florida, Williams decidiu presentarse ao Draft da NBA de 1998. Foi elixido por Sacramento Kings en sétima posición. Williams non acudiu á celebración do draft polo que foi entrevistado vía satélite dende Orlando debido a problemas médicos. Os Kings, cun cadro de xogadores formado por bastante xente nova (Williams, Chris Webber, Peja Stojakovic) e outros cunha boa experiencia (Nick Anderson ou Vlade Divac) lograron alcanzar os playoffs na tempada 1998-99. Con todo, caeron en primeira rolda ante Utah Jazz. Jason tivo unha media na súa primeira campaña na liga de 12,8 puntos, 3,1 rebotes e 6 asistencias por encontro, que lle valeron para ser incluído no Mellor quinteto de rookies da NBA.

Williams converteuse nun dos xogadores máis populares do equipo, gañándose á afección. A súa camiseta co número 55 ás costas converteuse nunha das máis vendidas de tódolos xogadores da NBA. A pesar diso, Jason tamén se gañou un bo número de detractores, entre xornalistas e afeccionados. Un dos seus grandes problemas foi o seu carácter de cara ao público. Solitario, indiferente, sen conceder demasiadas explicacións sobre as cousas que fai. Recibiu sancións por parte da liga por encararse con seareiros ou por non atender á prensa. Unha mostra disto ocorreu tras caer eliminados ante Utah Jazz. Miles de afeccionados foron a recibilos ao aeroporto e tódolos xogadores asinaron autógrafos e fixéronse fotos cos afeccionados, todos excepto Williams que colleu o seu coche e saíu de alí.

Na súa segunda tempada mellorou os seus rexistros con 13 puntos, 3 rebotes e 7,7 asistencias, algunhas destas, dunha imaxinación de fantasía. Porén, os Kings volveron caer en primeira rolda, esta vez ante Los Angeles Lakers. O 20 de xullo de 2000, Williams foi suspendido os cinco primeiros partidos da tempada 2000-01 por non cumprir co programa anti-drogas da liga, ao que estaba obrigado. A NBA non revelou detalles sobre que condicións do programa anti-drogras foran violadas. Naquela tempada os seus números descenderon, 9,4 puntos, 2,4 rebotes e 5,4 asistencias. Sacramento acabou cunha marca de 55-27 e Williams por fin superou unha rolda de playoffs, ao vencer 3-1 a Phoenix Suns. Pero en Semifinais de Conferencia os Lakers cruzáronse de novo no seu camiño.

Un dos momentos álxidos da súa etapa en Sacramento ocorreu no Rookie Challenge do All-Star de 2000 en Oakland (California), cando Williams marcouse un pase de cóbado por detrás para Raef Lafrentz. Tralo encontro chegou 20 minutos tarde á rolda de prensa de despois do partido, e contestou con desgana as preguntas dos xornalistas. Mesmo chegou a dicir, cando un xornalista preguntoulle sobre o incrible pase de cóbado que dera, que "dera este pase para que ninguén me pida que o volva a repetir". Nunca máis volvería ser o xogador imprevisible creativo e eléctrico que foi sobre a pista, o seu equipo preferiu a sobriedade e proxección de Mike Bibby.

Memphis Grizzlies[editar | editar a fonte]

En 2001, Sacramento Kings traspasaron a Williams aos Vancouver Grizzlies a cambio de Mike Bibby. Na súa primeira campaña cos Grizzlies, Williams asinou a súa mellor tempada estatisticamente, con 15,4 puntos, 3,1 rebotes e 8,4 asistencias. Con todo, atopouse cun equipo falto de talento. Co adestrador Sidney Lowe, o equipo mellorou considerablemente. En 2002, o "general manager" Jerry West puxo a Hubie Brown ao mando dos Grizzlies. O cambio foi positivo e o equipo alcanzou unha marca da franquía con 28 vitorias na súa primeira tempada.

Na tempada 2003-04, os Grizzlies romperon as estatísticas e sorprenderon a todos os afeccionados e expertos da liga. O equipo, liderado por Jason Williams e Pau Gasol xunto con Brown no banco e West nos despachos, logrou por primeira vez na súa historia gañar 50 partidos e clasificarse así para os Playoffs da NBA. Con todo, foron derrotados por 4-0 ante San Antonio Spurs en primeira rolda. Este foi o comezo da mellor etapa vivida polos Grizzlies, xa que durante as seguintes dúas tempadas tamén logrou meterse en Playoffs. Nos playoffs de 2005, Williams asinou a súa mellor participación nunha serie de playoffs, con 17 puntos, 2,3 rebotes e 5,3 asistencias de media no catro partidos.

Miami Heat[editar | editar a fonte]

O 2 de agosto de 2005, el e o seu compañeiro de equipo James Posey foron dous do trece xogadores envoltos no maior traspaso da historia da liga que lles levou a Miami Heat, a cambio do escolta Eddie Jones.

Williams comezou a xogar de base cos Heat na tempada 2005-06. Unha lesión no cóbado impediulle xogar algúns partidos, pero cando volveu á cancha demostrou a súa valía facéndose co control do ataque dos Heat. Converteuse nunha ameaza ofensiva, capaz de anotar desde dentro ou fóra da liña de 7,25. Williams recuperou o seu nivel con 12,3 puntos, 2,4 rebotes e 4,9 asistencias. Nos playoffs Williams fixo a súa mellor actuación no sexto partido das Finais da Conferencia Leste, contra Detroit Pistons, anotando 21 puntos. Williams gañaría o seu primeiro campionato da NBA en xuño de 2006, cando os Heat venceron aos Dallas Mavericks nas Finais. Williams tivo unha media nas Finais de 8,8 puntos e 4,7 asistencias.

Los Angeles Clippers[editar | editar a fonte]

O 7 de agosto de 2008 firma como axente libre por Los Angeles Clippers. Con todo anunciou a súa retirada o 26 de setembro de 2008, sen chegar a debutar co equipo e despois de recibir ofertas de Europa que desestimou.[1] Porén, o 20 de febreiro de 2009 enviou unha carta á NBA na que solicitaba regresar á liga. O base, deste xeito, quería volver tralo que foi unha breve e misteriosa retirada da que ninguén soubo ben os seus motivos.

Orlando, Memphis e retirada[editar | editar a fonte]

O 19 de agosto de 2009 fichou polos Orlando Magic por unha tempada, renovando para xogar tamén en 2010. Con todo, o 26 de xaneiro de 2011o seu contrato foi rescindido, asinando o 7 de febreiro de 2011 cos Memphis Grizzlies. Con todo, decidiu retirarse definitivente o 18 de abril de 2011, poucos meses despois da súa fichaxe polos de Tennessee.

Perfil de xogador[editar | editar a fonte]

O legado de Jason Williams na liga vai máis aló do estatístico. Williams consolidouse como un dos bases máis espectaculares da NBA na súa etapa en Sacramento Kings. Formou unha gran sociedade xunto a Chris Webber. Ambos foron os artífices converteron aos Kings nun dos equipos máis espectaculares do momento. É xogador que fai un xogo divertido, no destaca o seu dominio do balón, o descaro (chegou a comer flocos de millo durante o partido tomándoos prestadas da primeira fila), e unha imaxinación comparada coa de Pete Maravich.

É un habitual durante a súa carreira nas mellores xogadas semanais. Na súa primeira tempada en Sacramento a súa camiseta foi das máis vendidas entre os seareiros. Williams marcou tendencia, actualmente calquera base branco de características parecidas, adopta o alcume que fixo famoso a Williams "White Chocolate". O seu arriscado estilo de xogo tiña desvantaxes, as perdas. Con todo, este aspecto corrixiuno en Memphis Grizzlies e en Miami Heat, onde a súa forma de xogo cambiou totalmente a como nos ofreceu en Sacramento.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "JWill To Maccabi?". Arquivado dende o orixinal o 09 de setembro de 2009. Consultado o 09 de setembro de 2009. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]