Jarmo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Jarmo localízase na zona máis occidental do Crecente Fértil

Jarmo ou tamén Qala'at Jarmo, do kurdo Qala'at Charmay "castelo branco", é un sitio prehistórico neolítico do Oriente Próximo.

Situación[editar | editar a fonte]

Jarmo está sito no Curdistán iraquí, preto da cidade de As Sulaymaniyah e ao leste de Kirkük, nas abas occidentais dos Montes Zagros, a uns 800 m de altitude sobre o nivel do mar. As súas coordenadas son 35º 34' N e 44º 55' L.

Descuberta e escavacións[editar | editar a fonte]

O sitio foi descuberto inicialmente Dirección de Antigüidades de Iraq en 1940, que máis tarde o puxo en coñecemento do arqueólogo Robert Braidwood (1907-2003), da Universidade de Chicago, cando este andaba a buscar lugares propicios para investigar sobre a orixe da Revolución neolítica. Braidwood escavou, dentro do programa Iraq-Jarmo, ao longo de tres campañas: 1948; 1950-1951 e 1954-1955; unha cuarta campaña, a realizar entre 1958-59, ficou malograda a causa do estalido da revolución en Iraq. Cando quixo máis tarde reemprender o seu plan de investigacións sobre o Crecente Fértil, as dificultades atopadas en Irán, onde escavou en Tepe Asyab, levárono en 1963 a Turquía.

Novos métodos arqueolóxicos[editar | editar a fonte]

Durante as escavacións en Jarmo, e máis exactamente durante a campaña de 1954-55, Braiwood implantou un sistema multidisciplinario por vez primeira, a fin de refinar os métodos de investigación e obter os mellores resultados en busca das orixes da domesticación de plantas e animais. O norteamericano empregou no seu equipo un xeólogo (Herbert Wright), un paleobotánico (Hans Helbaek), un especialista en cerámica e en radiocarbono (Frederic Matson) e mais un zoólogo (Charles Reed), amén de varios arqueólogos. O método multidisciplinario en arqueoloxía sería, en adiante, utilizado en calquera escavación que se prezase de científica[1].

Jarmo, a aldea[editar | editar a fonte]

Espigas de trigo emmer

As escavacións puxeron ao descuberto unha pequena aldea que cubría unha extensión de entre 12.000 e 16.000 m², á que as medicións realizadas por carbono-14, asignan datas entre -7090, para as etapas máis antigas, e -4950 para as máis recentes. En total o sitio contiña 12 niveis. Pódese dicir que Jarmo vén ser dos asentamentos neolíticas permanentes máis antigos e, de xeito aproximado, contemporáneo de Xericó ou do horizonte neolítico de Shanidar. A súa fase álxida debeu corresponder a un período entre 6200 e 5800 a. C..

Esta pequena aldea estaba composta dunhas vinte e cinco vivendas, de paredes feitas de adobes, ladrillos de barro secado ao sol, que asentaban sobre alicerces de pedra, cun plano simple e co lar escavado sobre o mesmo chan. Estes habitáculos eran reparados e reconstruídos con frecuencia . Neles vivirían arredor de 150 persoas[2]. Era por tanto un asentamento permanente.

Nas fases máis antigas predomina a utillaxe de pedra, sílex, seguindo pautas anteriores, e obsidiana. O uso deste último material, que era obtido das proximidades do lago Van, a uns 320 km de distancia, suxire que estaba desenvolvido algún tipo de comercio organizado. No mesmo sentido interprétanse as cunchas decorativas que proceden do Golfo Pérsico[3]. Nos niveis máis antigos tamén se atoparon obxectos de cestería impermeabilizados con betume, material doado de encontrar nas proximidades de Jarmo.

Agricultura e gandería[editar | editar a fonte]

A actividade agrícola está demostrada pola utilización de fouciños de pedra e outras ferramentas, e cuncóns, tamén líticos, para gardar os alimentos colleitados, xuntos con recipientes de mármore tallado. En fases seguintes, recoñécense tamén instrumentos feitos de material óseo, en especial subelas, pero tamén botóns e culleres.

O recurso ao outro tipo de investigacións puxo de manifesto que os moradores de Jarmo plantaban trigo de dous tipos, emmer e einkorn, un tipo de cebada primitiva e mais lentellas (as historias xerais indican sempre a domesticación dos cereais, mais esquecen inventariar os primeiros legumes). A súa dieta, ou a dos seus animais, era aínda completada con especies bravas doutras plantas como chícharos, landras, algarrobas, pistachos e trigo salvaxe; son abundantes tamén as cunchas de caracois. Entre os animais domesticados, os restos mostran que as testemuñas máis antigas corresponden a cabras, ovellas e cans[4]. Nos niveis superiores das escavacións aparecen xa os porcos, en paralelo ás primeiras evidencias de cerámica[5]

Cerámica e relixión[editar | editar a fonte]

Aínda que Jarmo é un dos sitios máis antigos con cerámica, o feito de que apareza nos niveis máis recentes das escavacións, obriga a datar estes nos comezos do VIIº milenio. Está feita a man, é simple e con paredes espesas, revocada cun desengraxante vexetal. Aparecen tamén figuriñas de arxila, zoo e antropomorfas, entre as que cómpre destacar a presenza de representacións femininas de mulleres embarazadas, que se teñen posto en relación con divindades da fecundidade precursoras da Gran Deusa Nai das posteriores culturas neolíticas do mesmo Oriente Próximo[6].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Patty Jo Watson, Robert Braidwood, edic. dixital in https://web.archive.org/web/20051226150543/http://www.aps-pub.com/proceedings/1492/490208.pdf
  2. Robert Braidwood, La Revolución Agrícola, in Biología y cultura: introducción a la Antropología Biológica y Social. Selecciones de Scientific American. Madrid, H. Blume Ediciones, 1979, px. 213
  3. Robert Braidwood, op. cit., px. 314
  4. Aínda que o can, como animal doméstico, é citado na lista de animais domésticos de Jarmo, Braiwood indica expresamente que non atoparon evidencias de ósos de can entre os restos excavados, pero que o inclúe por apareceren figuriñas deles. Cfr. Braiwood, op. cit., pp. 315-316
  5. ."Jarmo". The Oxford encyclopedia of archaeology in the Near East (en inglés). New York: Oxford University Press. 1997. ISBN 9780199892280. OCLC 607143997. (require subscrición (?)). 
  6. Robert Braiwood, op. cit., px, 314 ; Luís Pericot e Juan Maluquer de Motes, La humanidad prehistórica. Salvat-Alianza. Madrid 1969, px. 109.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]