O jèrriais é unha forma da lingua normanda que se fala na Illa de Jersey, unha das Illas da Canle a carón da costa de Francia. Esmoreceu durante o século XX pola substitución do inglés como lingua da educación, do comercio e da administración. Hai moi poucas persoas que falen o jèrriais como lingua nai e, tendo en conta a idade dos falantes, este número mingua ano tras ano. Unha lingua semellante, o guernésiais, fálase na veciña illa de Guernsey; a lingua de Sark, o sercquiais, descende do jèrriais levado por colonos de Jersey que se asentaron en Sark no século XVI. É mutuamente intelixible coa lingua normanda da Normandía continental.
A literatura en jèrriais ten as súas orixes na poesía de Wace (s. XII). Porén, apenas se conservan obras anteriores á introdución da imprenta na illa de Jersey durante a década de 1780. Os primeiros textos impresos na lingua proceden de xornais de finais do século XVIII, e o primeiro poema datado é un fragmento de Matchi L'Gé (1777-1849), publicado en 1795. Ao longo do século XIX, houbo un incremento notable no número de xornais e revistas en jèrriais, onde moitos autores escribían con regularidade. A primeira antoloxía de poesía en jèrriais, Rimes Jersiaises, saíu do prelo en 1865.