Isabel de Wittelsbach
Elisabetta Amalia Eugenia von Wittelsbach (Elisabeth Amelie Eugenie Herzogin in Bayern) ou Isabel de Wittelsbach, nada en Múnic o 24 de decembro de 1837 e finada en Xenebra o 10 de setembro de 1898, foi unha princesa bávara que chegou a ser emperatriz consorte de Austria entre 1854 e 1898 e raíña consorte de Hungría entre os anos 1867 e 1898.[1] No mundo xermanófono é máis coñocida como Isabel de Austria (Elisabeth von Österreich).
Pertencente á Casa de Wittelsbach, nacida coa dignidade de duquesa en Baviera e tratamento de Alteza Real, era filla do duque Maximiliano de Baviera e da princesa real Ludovica de Baviera.
Popularmente coñécese polo seu hipocorístico, orixinalmente Sisi, pero transformado en Sissi a raíz das películas de Ernst Marischka, grazas ás cales aínda se a recorda. Porén, algúns autores sosteñen, que o seu sobrenome tería sido en realidade Lisi, derivado de Isabel (Elisabeth en alemán).[2]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]O seu pai, o duque Maximiliano Xosé pertenceu a unha dinastía da rama secundaria dos duques de Baviera e a súa nai, Ludovica, era filla do rei Maximiliano I de Baviera.
Con 16 anos, o 4 de abril de 1854, casou co Emperador de Austria, Francisco Xosé I de Habsburgo-Lorena. Polo seu matrimonio converteuse en Emperatriz de Austria e desde 1867 en Raíña de Hungría.
Dotada de gran beleza, caracterizouse por ser unha persoa rebelde, culta e avanzada para a súa época: fumaba, falaba varios idiomas, practicaba a equitación, escribía poesía, coidaba a súa figura, gustáballe viaxar e detestaba o protocolo da corte imperial de Viena, da que permaneceu afastada, debido en parte aos continuos enfrontamentos coa súa sogra, a arquiduquesa Sofía, e máis tarde pola morte da súa primoxénita Sofía e o suicidio do príncipe herdeiro, Rodolfo.
Ao ser coroada raíña de Hungría, o 8 de xuño de 1867 en Cfen, recibiu como obsequio o palacio Gödölö. Isto, xunto coas súas continuas viaxes a Hungría acrecentou o rumor dunha relación sentimental co conde Gyula Andrássy. Entre os seus destinos no estranxeiro cabe destacar Grecia e Irlanda. Tamén visitou cidades españolas como Palma, Alacant e Elx, onde bautizou a palmeira de sete brazos. Estivo tamén en Madeira recuperándose dunha tuberculose bastante grave.
Morreu o 10 de setembro de 1898 en Xenebra, asasinada polo anarquista italiano Luigi Lucheni, á idade de 61 anos.
Fillos
[editar | editar a fonte]- Arquiduquesa Sofía (1855-1857).
- Arquiduquesa Gisela (1856-1932).
- Arquiduque Rodolfo (1858-1889).
- Arquiduquesa María Valeria (1868-1924).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Respecto ao nome, os membros da familia Wittelsbach eran batizados levando seu título por apelido, é dicir Herzog in Bayern para os homes e Herzogin in Bayern para as mulleres. Porén, é correcto engadir von Wittelsbach entre o nome e o título, dado que ese é o apelido da dinastía.
- ↑ {{cita web|url=http://www.tuttobaviera.it/sissi-sisi.html%7Ctítulo=Sissi[Ligazón morta], Sisi oppure Lisi?|dataacceso=6 de xullo de 2024.