Isabel de Requesens e Enríquez de Velasco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Isabel de Requesens e Enríquez de Velasco
Nacemento1468
Falecemento5 de marzo de 1535
Lugar de falecementoNápoles
NacionalidadeEspaña
PaiGalceran de Requesens i Joan de Soler
NaiBeatriz Enriquez
CónxuxeRamón de Cardona
FillosFerran de Cardona-Anglesola i de Requesens e Catalina Folch de Cardona
IrmánsDoña Anna Maria Requesens de Soler, y Enriquez de Velasco
editar datos en Wikidata ]

Isabel de Requesens e Enríquez de Velasco, nada en 1495/1496, e finada en Nápoles o 5 de marzo de 1532, tamén coñecida como Isabel de Cardona e de Requesens, foi condesa de Palamós, de Trivento e Avellino e señora da Baronía de Calonge, por dereito propio e, por matrimonio, vicerraíña de Nápoles.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Foi filla do primeiro conde de Palamós Galcerán de Requesens i Joan de Soler e da dama castelá Beatriz Enríquez de Velasco, curmá do rei Fernando o Católico. Quedou orfa o ano 1506 cunha gran fortuna e boa parte dos títulos paternos.

O condado de Palamós herdouno o seu tío, Luis de Requesens á morte do seu pai. Cando Luis morreu, Isabel disputou o condado á súa curmá Estefanía de Requesens e Roís de Liori. Aínda que esta gañou o litixio, cedeulle os títulos a Isabel, que foi a terceira condesa de Palamós. Así, en 1509, Isabel herdou os títulos italianos dos condados de Trivento e Avellino, outorgados ó seu pai por combater xunto ó rei, así como o condado de Palamós, a baronía de Calonge, e o señorío de Sant Feliu de Guíxols.

Seguindo a política de alianzas deseñada polo seu pai, Isabel casou co seu curmán irmán Ramón Folc de Cardona-Anglesola, duque de Somma, conde de Oliveto e barón de Bellpuig. O 11 de maio de 1506 Fernando o Católico aprobou as súas capitulacións matrimoniais, que foran outorgadas en Salamanca o 16 de xaneiro. A finais dese mesmo ano, en Nápoles, tiveron lugar as celebracións, diante do propio rei.

Algunhas fontes sinalan que tiveron dous fillos (Fernando e Catarina), mentres que outras lle engaden un terceiro, Antón; finalmente, segundo Marino Sanuto, tiveron catro fillos, dous mozos e dúas mozas:[1]

  • Antón, o primoxénito, que era mudo.
  • María (n. 1507/1510)
  • Beatriz (1511-1535)
  • Fernando de Cardona-Anglesola e de Requesens (20 de novembro de 1521 - 1571), segundo duque de Somma.

Residiu no palacio de Requesens en Barcelona, lugar que dende o ano 1917 é sede da Real Academia das Boas Letras de Barcelona.[2]

O pintor Rafael Sanzio e o seu discípulo Giulio Romano fixeron un retrato dela encargado o ano 1518 para o cardeal Bibbiena para regalarllo ó papa León X na corte francesa e compracer así ó rei Francisco I de Francia, home mullereiro e rival do marido de Isabel, Ramón Folch de Cardona-Anglesola.

Ó morrer o seu marido en 1522, atribúeselle o encargo dun fastuoso mausoleo en Bellpuig ó escultor italiano Giovanni da Nola.[3] Esta obra renacentista realizada en mármore branco de Carrara, é unha das máis importantes do seu xénero en España. Inicialmente o mausoleo situouse no convento de San Bartolomeu de Bellpuig, que ela fundou; no ano 1841-1842, despois da exclaustración, o mausoleo foi trasladado á igrexa parroquial de San Nicolao.

En vida, tivo fama pola súa beleza, facéndose copias do cadro que dela pintou Rafael, e dedicándoselle versos. Faleceu en Nápoles ós 36 anos de idade, o 5 de marzo de 1532 e foi sepultada nunha tumba na igrexa napolitana de Santa Anunziatta, nun sepulcro desaparecido nun incendio en 1757[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Marino Sanuto. Diarios 1496-1533. 
  2. "Notícia de la cessió de l'edifici, un cop restaurat, a la web de l'Acadèmia". 
  3. Hernando Sánchez, Carlos José. "Ramón Folch de Cardona y Anglesola". dbe.rah.es (en castelán). Consultado o 2018-06-29. 
  4. Isabel de Requesens