Saltar ao contido

Irmandades da Fala

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Irmandade da Fala»)

Irmandades da Fala
Grupo excursionista das Irmandades en Pontedeume (1919) Editar o valor en Wikidata
Tipoinstitución cultural
Ideoloxíanacionalismo galego
Data de fundación1916
Data de disolución1931
Fundador(es)Antón Villar Ponte, Manuel Lugrís Freire, Florencio Vaamonde Lores, Uxío Carré Aldao, Luís Porteiro Garea, Francisco Tettamancy Gastón e Ramón Villar Ponte
Organización relacionadaPartido Galeguista
SedeReal Academia Galega
EnA Coruña
PaísGalicia
editar datos en Wikidata ]

As Irmandades da Fala[1] foi unha organización nacionalista galega activa entre 1916 e 1931. Nesta etapa, o movemento galeguista asumiu por primeira vez o monolingüismo en galego.

Aurelio Ribalta, escritor galego que residía en Madrid e membro dun grupo de intelectuais galeguistas alí establecido, realizou un chamamento dende a revista Estudios Gallegos para defender a lingua galega en 1915. O 5 de xaneiro de 1916 Antón Villar Ponte recolleu a chamada de Aurelio Ribalta e comezou dende as páxinas de La Voz de Galicia unha campaña para a creación dunha Liga de Amigos do Idioma Galego. En marzo publicou o folleto Nacionalismo gallego. Nuestra afirmación regional, no que volve sobre a cuestión da defensa, dignificación e fomento do uso da lingua galega.

A proposta, malia ser ben acollida, acollería dúas tendencias ideolóxicas principais, a tradicionalista de Antón Losada Diéguez e a liberal demócrata.

Primeira edición de Nacionalismo gallego. Nuestra afirmación regional

O 18 de maio de 1916, Antón Villar Ponte convocou unha xuntanza nos locais da Real Academia Galega na Coruña. Asistiron arredor de 20 persoas, entre elas, Manuel Lugrís Freire, Florencio Vaamonde Lores, Uxío Carré Aldao, Luís Porteiro Garea, Francisco Tettamancy ou Ramón Villar Ponte. Nesta xuntanza acordouse a creación dunha Irmandade dos Amigos da Fala, que tería como obxectivo a defensa, exaltación e fomento da lingua de Galicia, e nomeouse a Antón Villar Ponte como Primeiro Conselleiro.

Deseguido constituíronse diversas agrupacións locais, comezando pola de Santiago de Compostela o 28 de maio dese mesmo ano, presidida por Luís Porteiro Garea[2], e seguida polas de Monforte de Lemos, Pontevedra, Ourense ou Vilalba. En 1917 nacen as Irmandades en Ferrol, Melide, Vigo, Mondoñedo e Baralla, e en 1918 as da Estrada, Vilagarcía de Arousa, Betanzos, Ortigueira, Muxía e Lugo[3]. Nos seguintes anos seguen creándose outras até un total de 28; e a maioría delas elaboraban Boletíns[4]. Nestas agrupacións locais foron integrándose persoeiros como Aurelio Ribalta, Manuel Banet Fontenla, Ramón Cabanillas ou Xoán Vicente Viqueira. Na agrupación de Ourense entraron persoeiros como Antón Losada Diéguez, Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo e Florentino López Cuevillas. Tamén se fundaron agrupacións na emigración, entre elas en Madrid, na Habana e en Buenos Aires.

“A nosa lingua é o camiño de ouro da nosa redención e do noso progreso: sen a lingua morreremos como pobo, e nada significaremos endexamais na cultura universal. [...] Eu penso que as únicas setas que van sempre rectas a furar o branco do futuro son aquelas que se lanzan valéndose do arco da nosa lingua, xa que só entón nos mostramos orixinais. Eses que viven de costas ás orixes dificilmente poderán redimirse da servidume do mimetismo. ¿Que cousa máis orixinal que a lingua dun pobo, xerada por accións e reaccións seculares entre o home e a Natureza, para facelo diverso no universo?”
Nacionalismo gallego. Nuestra afirmación regional (1916), por Antón Villar Ponte[5].

O 26 de abril de 1916 celebrou o primeiro acto público en conmemoración dos fusilamentos de Carral. As primeiras accións das Irmandades estaban dirixidas á promoción da cultura e da lingua galegas, coa convocatoria de cursos de galego, recitais, xogos florais ou exposicións. Porén, pronto comezaron a manifestarse tamén iniciativas de carácter político. En 1918 presentaron dous candidatos ás eleccións: Porteiro Garea por Celanova e Losada Diéguez pola Estrada, con negativos resultados en ambos casos.[6] Manuel Lugrís Freire redactou o que foi o himno orixinario das Irmandades:

Na fala gallega vive

a ialma da nosa terra;
a redención de Galicia
nos seus acentos latexa.

Pobo que o seu verbo esquece
é traidor á natureza;
como irmáns todos falemos

a nobre fala gallega.
Antón Villar Ponte, un intelectual sobranceiro na historia contemporánea galega, nunha homenaxe a Pondal
A Nosa Terra foi voceiro das Irmandades entre 1916 e 1932

O 14 de novembro naceu o órgano oficial das Irmandades, A Nosa Terra, dirixida por Villar Ponte e monolingüe en galego, con 2.000 subscritores iniciais. En febreiro de 1917 Lois Porteiro Garea deu un mitin no Casino Republicano da Coruña, que supuxo o paso á actividade política do movemento. Este feito tivo fulminantes consecuencias, como o abandono de quen só tiñan interese nun rexionalismo cultural e a perda de apoio da prensa da Restauración. A Nosa Terra deixouse de imprimir no obradoiro de La Voz de Galicia e este xornal converteríase no seu principal adversario. En novembro dese ano unha delegación galeguista, encabezada por Porteiro, Ribalta e Lois Peña Novo, foi convidada a Barcelona á Semana Galeguista que organizaba a Lliga Regionalista de Francesc Cambó. En setembro de 1917 colaborou coa Lliga para concorrer ás eleccións parlamentarias de febreiro de 1918. Presentaron candidaturas na Coruña (Antón Valcárcel) e en Celanova (Luís Porteiro), aínda que non foron elixidos. En 1918 o xornal madrileño El Debate organizou na Coruña unha Semana Rexionalista, en que participaron as Irmandades. No evento quedaron patentes as súas diferenzas respecto doutros movementos rexionalistas galegos, ao declararárense nacionalistas, federalistas e progresistas. Galicia é defendida coma unha nación, é dicir, un país con raza, lingua, territorio, historia, institucións e cultura propias.

Discurso de Porteiro Garea ó fundarse a Irmandade da Fala en Santiago en 1917
Carné das Irmandades da Fala de 1917, asinado por Villar Ponte

I Asemblea Nacionalista (1918)

[editar | editar a fonte]

A I Asemblea Nazonalista celebrouse en Lugo entre o 17 e 18 de novembro de 1918. Contou coa asistencia de 16 agrupacións locais representadas por unhas 60 persoas, a metade procedente da cidade da Coruña. Desta Asemblea saíu o Manifesto Nazonalista, que supuxo a superación definitiva do rexionalismo e que constituiría a base común do nacionalismo galego ata a Guerra civil española. Define Galicia como nación e reclama a súa autonomía integral e a cooficialidade do galego.

Tendo a Galicia todal-as caracteristicas esenciaes de nazonalidade, nós, nomeámonos, d-oxe pra sempre, nazonalistas galegos, xa que a verba rexonalismo non recolle todal-as aspiraciós nin encerra toda a intensidade dos nosos problemas.

II Asemblea Nacionalista (1919)

[editar | editar a fonte]

Nas eleccións a Cortes de 1919 non presentaron candidaturas e mesmo recomendaban a abstención, aínda que a agrupación da Coruña defendeu participar nas municipais de setembro dese ano. Ante esta discrepancia, convocouse a II Asemblea Nacionalista en Santiago de Compostela en novembro, asemblea na que se definiron as dúas opcións políticas cada vez máis diverxentes, representadas polas Irmandades da Coruña, por unha banda, dirixidas por Peña Novo, e polos nacionalistas como Risco, Villar Ponte, Castelao e outros.

Nesta II asemblea decidiuse conmemorar o Día de Galicia o 25 de xullo do ano seguinte.

En 1920 Vicente Risco publicou o ensaio Teoría do nacionalismo galego, o ideario das Irmandades. Esta obra postula os trazos diferenciais históricos, xeográficos e culturais que lle dan a Galicia o status de nación[8].

III Asemblea Nacionalista (1921)

[editar | editar a fonte]

A III Asemblea realizouse en Vigo en abril de 1921.

IV Asemblea Nacionalista (1922)

[editar | editar a fonte]
IV Asemblea Nacionalista en Monforte de Lemos. Entre outros están Castelao, Antón e Ramón Villar Ponte, Roberto Blanco Torres e Antón Losada Diéguez

Na IV Asemblea Nacionalista, celebrada en Monforte do 18 ao 20 de febreiro de 1922, as Irmandades esgazaron. A Irmandade da Coruña e algunhas pequenas da comarca mantiveron as formulacións orixinais, mentres que o resto das agrupacións constituíronse na Irmandade Nazonalista Galega, dirixida por Vicente Risco. Esta propugnaba a creación dun partido nacionalista desde o que participar nun estado federalista e conseguir a autonomía. Porén, defendía o abstencionismo electoral e limitábase á propaganda e organización ata que se consolidase. Por situarse fóra do sistema, os seus detractores acusárono de culturalista e apoliticista. [9]

Risco foi un activo membro das Irmandades

V Asemblea Nacionalista (1923)

[editar | editar a fonte]

Pola súa banda, a Irmandade da Coruña, dirixida por Alfredo Somoza e Ánxel Casal, seguiu a editar A Nosa Terra durante a ditadura de Primo de Rivera. En 1923 convocaron a V Asemblea Nacionalista, que mantén a liña promulgada en 1918 e elixe a Peña Novo como primeiro Conselleiro.

A fracción representada por Risco aceptou entrar en concellos e deputacións durante a ditadura, en 1924. Conseguiu os nomeamentos de Villar Ponte, Losada Diéguez e o propio Risco.No seo das Irmandades xorden o Grupo Nós (1920) e o Seminario de Estudos Galegos (1923), que continuarán a tarefa de difusión e reivindicación do idioma, así como o estudo e a investigación da realidade galega. Deste xeito escríbense as primeiras obras de ensaio en lingua galega, centradas no estudo e divulgación da historia e da cultura galegas: xeografía, etnografía, historia, filosofía etc. A creación de editoriais, revistas e xornais propician tamén un notábel incremento da actividade literaria.

Entre 1929 e 1930 produciuse a reorganización das Irmandades. Villar Ponte abandona as posicións de Risco e reintégrase na Irmandade coruñesa. Xunto con Santiago Casares Quiroga, constitúe a Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA), desde a que asistirá á proclamación da Segunda República Española e ás eleccións das Cortes Constituíntes en xuño de 1931.

Coa fundación do Partido Galeguista en 1931, disólvense as Irmandades da Fala

VI Asemblea Nacionalista (1930)

[editar | editar a fonte]

Simultaneamente, outras agrupacións locais adoptan diferentes nomes. O 27 de abril de 1930 o grupo ourensán de Risco celebra a VI Asemblea Nacionalista na Coruña, coa presenza das distintas tendencias das Irmandades, e acordan crear un Partido Autonomista Republicano Agrario que non chegou a nacer.

VII Asemblea Nacionalista (1931)

[editar | editar a fonte]

Finalmente rexorden algunhas agrupacións locais, entre elas a de Pontevedra (dirixida por Castelao), e convócase a VII Asemblea Nacionalista nesa cidade en decembro de 1931. Nesta asemblea acordouse a creación dun partido político que aglutinase o galeguismo. Constituíuse deste xeito o Partido Galeguista e a disolución das Irmandades.

A Irmandade da Coruña non se disolveu como tal, modificou o seu estatuto para constituírse en delegación do PG até 1936. Moitos dos seus membros fundadores, como Alfredo Somoza, Federico Zamora ou Arturo Taracido seguiron na ORGA-FRG. Victor Casas deixou a ORGA en novembro de 1931. Suárez Picallo entrou no PG en 1933 e Antón Villar Ponte en marzo de 1934.

Afiliación

[editar | editar a fonte]
Placa no lugar onde foi fundada a primeira das irmandades, na Coruña

A fins de 1916 as 6 irmandades locais contaban con 200 afiliados. No verán de 1918 formouse a Sección Feminina, constituída por 200 mulleres, con Micaela Chao Maciñeira como conselleira primeira. En decembro foi substituída por Xosefa Vázquez.[10] En novembro de 1918 xa existían 13 irmandades e 700 afiliados, a máis importante a da Coruña con arredor de 350 afiliados. En 1919 permanecían 500 afiliados e en 1924 só quedaban 200. Despois da ditadura de Primo de Rivera produciuse o renacer das Irmandades, que chegaron a 16 agrupacións e 700 afiliados en 1929, sendo xa 46 en 1931.

A maior parte dos seus membros eran intelectuais e profesionais liberais.

Ideoloxía

[editar | editar a fonte]
Vocabulario castellano gallego, editado en 1933.

Inicialmente, a composición ideolóxica dos membros das IF era ben variada. Nela cabían desde republicanos como Antón Villar Ponte, demócratas radicais como Lois Porteiro e Xaime Quintanilla Martínez (nun principio), rexionalistas liberais como Uxío Carré Aldao, rexionalistas tradicionalistas como Salvador Cabeza de León, Juan Barcia Caballero, Felipe Gil Casares, xaimistas como Antonio Valcárcel López e social-católicos como Luís Peña Novo. Foron os sectores máis liberais e progresistas os que dotaron as Irmandades da Fala dun claro contido nacionalista. Os sectores máis conservadores e rexionalistas acabarían marchando ou non alcanzarían relevancia na organización, coa excepción de Antón Losada Diéguez.

Programa político e económico

[editar | editar a fonte]
Placa en conmemoración da constitución da Irmandade da Fala de Vilalba
Placa en conmemoración da constitución da Irmandade da Fala de Vilalba

No congreso celebrado en novembro de 1918 na cidade de Lugo, as Irmandades marcaron o seu programa político:

  1. Obxectivos prioritarios:
    1. Autonomía integral para Galicia.
    2. Autonomía municipal.
    3. Ingreso de Galicia na Liga das Nacións.
    4. Busca dunhas bases para facer posible un federalismo con Portugal.
  1. Obxectivos para Galicia:
    1. O poder lexislativo encomendábase a un Parlamento galego elixido directamente polo pobo.
    2. O poder xudicial estaría sempre desenvolvido por cidadáns galegos.
    3. Réxime tributario propio sen intervención do poder central.
    4. Cooficialidade do castelán e do galego.
    5. Igualdade de dereitos da muller.
    6. Supresión das Deputacións Provinciais.
    7. Lexislación social nas competencias que se estimasen non exclusivas do Estado.
    8. Toda a potestade docente.
    9. Administración (non construción) dos ferrocarrís.
    10. Fixación da cota de forzas que se estimasen precisas para manter a orde no país.
    11. Control da política económica, non excluídos os bancos.
    12. Substantividade do dereito foral galego.
    13. Recuperación por parte dos pobos dos montes comunais.
    14. Soberanía estética de Galicia, que conservase nas construcións o estilo digno e propio de cada marco xeográfico.
  1. Pena, Xosé Ramón (2016). Historia da Literatura Galega III. De 1916 a 1936. Xerais. ISBN 978-84-9121-107-5. 
  2. Fernández del Riego, F.: Historia da literatura. Editorial Galaxia, 1984, px. 123. ISBN 84-7154-462-8.
  3. López Bernárdez, Carlos. As Irmandades da Fala, o soño dun teatro galego en Actas das I Xornadas das Letras Galegas en Lisboa; tirado de VV.AA., Lingua e literatura II, Rodeira, A Coruña, 2003, páx. 133
  4. Cal, Rosa (1998) "Origen de la prensa nacionalista gallega: Apuntes divulgativos" Arquivado 11 de novembro de 2009 en Wayback Machine. (en castelán).
  5. Villar Ponte, Antón, Nacionalismo gallego, nuestra afirmación regional, A Coruña, Voz de Galicia, 1916; o texto tirouse de VV.AA., Lingua e literatura II, Rodeira, 2003, A Coruña, páx. 142
  6. Piñeiro, R.: "Importancia decisiva da Xeración Nós", en Grial nº 59 (xaneiro, febreiro, marzo de 1978), p. 11.
  7. Campos Villar, Xabier: "A evolución ideolóxica de Manuel Lugrís Freire Arquivado 3 de abril de 2010 en Wayback Machine.", en Madrygal. Revista de Estudios Gallegos, 2007. p. 45-53.
  8. VV.AA., Lingua e literatura II bacharelato, Rodeira, A Coruña, 2003, páx. 154,
  9. Justo G. Beramendi e Xosé Manoel Núñez Seixas (1996) O nacionalismo galego, Vigo: A Nosa Terra, páx. 132-133.
  10. Ínsua, Emilio; Martínez, Xurxo (2018). Común temos a patria. Biografía dos irmáns Villar Ponte. Vigo: Xerais. p. 191. ISBN 978-84-9121-304-8. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]