Saltar ao contido

Irmáns Livonianos da Espada

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
 Irmáns Livonianos da Espada
 Nome orixinal
    Fratres militiae Christi Livoniae (la)   Editar o valor en Wikidata
Imaxe do emblema
Imaxe do escudo de armas
Imaxe
 Instancia de
 Parte de
 Composto por
Implicados
 Fundador/a
 Lealdade
 Ten en propiedade
Datas
 Fundación / creación
1202 Editar o valor en Wikidata
 Disolución / destrución
1237 Editar o valor en Wikidata
Historia
 Conflito
 Substituído por
Orde de Livonia (1237 - 1561) Editar o valor en Wikidata
Localización
 Localización
 Sede
 Lugar de formación
 País
Códigos e identificadores
VIAF316393131 Editar o valor en Wikidata
ISNI0000000108227128 Editar o valor en Wikidata
Freebase/m/015t0s Editar o valor en Wikidata
Fontes e ligazóns
Wikidata C:Commons

Os Irmáns Livonianos da Espada (en latín: Fratres militiae Christi, literalmente "Irmáns no exército de Cristo", en alemán: Schwertbrüderorden), tamén coñecidos como os Cabaleiros de Cristo, Irmáns da Espada, Espadacheiros ou Milicia Livoniana de Cristo, foron unha orde militar católica fundada en 1202 por Alberte de Buxhoeveden, bispo de Riga [1] (príncipe bispo de Livonia), e composta por monxes guerreiros alemáns (livonianos).[2] Baseábase principalmente nos estatutos dos Cabaleiros Templarios.[3]

Fundación

[editar | editar a fonte]
Terra Mariana.

O bispado de Livonia estableceuse en 1186. No 1198, Alberte de Buxhoeveden, foi nomeado reitor e trasladou a súa sede a Riga. As poboacións da diocese (Livonianos, Letóns, Estonianos etc.) eran predominantemente pagáns e, ás veces, hostís cos misioneiros cristiáns. Alberte, xa como bispo de Riga (tamén chamado príncipe-bispo de Livonia), ou posiblemente Theoderich von Treyden,[4] decatouse de que un exército permanente en Livonia sería máis útil que unha curta estadía dos cruzados. Como as recompensas para os cabaleiros seculares na zona báltica non eran suficientes para garantir a súa permanencia a longo prazo, Alberto fundou unha Irmandade, denominounos "orden de los hermanos del ejército de Cristo", en 1202 para axudar ao bispado de Livonia na conversión dos pagáns livonianos, latgalianos e selonios que vivían ao longo das antigas rutas comerciais desde o golfo de Riga cara ao leste.[5]

A Irmandade tiña a súa sede en Fellin (Viljandi, na actual Estonia), onde aínda se manteñen as murallas do castelo do Mestre. Outras fortalezas incluían Wenden (Cēsis), Segewold (Sigulda) e Ascheraden (Aizkraukle). Os comandantes de Fellin, Goldingen (Kuldīga), Marienburg (Alūksne), Reval (Talín) e o administrador xudicial de Weißenstein (Paide) pertencían ao séquito de cinco membros do Mestre da Orde.

En 1207, os territorios bálticos, coñecidos como Terra Mariana, foron organizados polo legado papal Guillaume de Módena. Este estableceu os bispados episcopais e os principados eclesiásticos de Riga (erixido un arcebispado), Curlandia, Dorpat e Ösel-Wiek. O resto do territorio báltico foi asignado á Orde da Espada. O arcebispo de Riga ocupaba o cumio da xerarquía feudal e eclesiástica. En 1215, Terra Mariana converteuse nunha dependencia baixo vasalaxe da Santa Sé.

No 1205, tivo lugar a primeira batalla dos irmáns livonianos. O duque semigaliano Viestard visitou Riga para solicitar a axuda dos Irmáns de Espada despois de que unha tribo semigaliana local fose devastada polos lituanos. A irmandade era reticente a ir á guerra debido á ausencia do bispo Albert. Non obstante, Viestard persuadiu con éxito aos Irmáns de Espada e, estes, prepararon unha emboscada contra os lituanos que regresaban co botín, onde o líder lituano foi decapitado.[5]

No 1206, o duque Vladimir de Polozk esixiu tributos aos habitantes do Daugava cando expiraron os termos de servizo dos cruzados. Os Irmáns de Espada, coa axuda dos cruzados restantes, derrotaron as tropas rusas que chegaron repentinamente ao Daugava.[5]

No 1207, os Irmáns de Espada enfrontáronse a un ataque de Lituania lanzado durante o inverno. Os Irmáns de Espada e os seus aliados aloxáronse no castelo de Lennewarden (actual Lielvārde), no lado norte do Daugava. O exército lituano desafiou á Orde e foi derrotado por esta na batalla posterior. Esta vitoria serviu para demostrar o valor da liña de castelos ao longo do río, que permitía manter unha comunicación exitosa. Mentres tanto, a milicia local puido reunirse na fortaleza máis próxima á ruta de regreso dos asaltantes e atacalos.[5]

Os Irmáns de Espada tiñan superioridade na cabalería pesada polo que os nativos, durante a cruzada livoniana, intentaron evitar batallas campais o que ocasionou que a maior parte dos enfrontamentos consistisen en incursións. A Orde construíu unha liña fortificada ao longo do Daugava que creou un tempo de paz na rexión e o pobo livoniano comezou a considerar os Irmáns de Espada como protectores eficientes. A pesar diso, algúns líderes nativos sentiron que a Orde representaba un desafío á súa autoridade, como o caso do rei Vetseke, o propietario orixinal da fortaleza de Koknese. Nunha incursión, o rei Vetseke masacrou traballadores alemáns que estaban reconstruíndo a fortaleza mais foi castigado despois diso.[5]

No 1211, varias ameazas arredor de Livonia levaron a Alberte de Riga a reforzar as defensas. Así, para protexer o flanco norte, Alberto organizou unha invasión do sur de Estonia na que os Irmáns de Espada foron o núcleo do exército cruzado, aliados cos rusos, os leais livos e letóns, e liderados por Engelbert von Thisenhusen, cuñado de Alberte de Riga. Despois dun asedio, tomaron Fellin (Viljandi) e negociaron un acordo coa condición de que os pagáns aceptasen o bautismo. Ao ano seguinte, a orde destruíu a resistencia sacaliana nunha batalla na que caeron 2.000 sakalianos.[5]

Entre 1211 e 1212, os Irmáns de Espada decatáronse de que o inverno era a mellor estación para a guerra debido aos pantanos conxelados, á escasa maleza e á dificultade dos seus inimigos para cubrir as súas pegadas. Ademais, os cabaleiros podían usar os ríos conxelados como camiños rápidos. A Orde utilizou estas vantaxes nas súas campañas ata 1218, cando conquistaron o sur de Estonia, mentres tanto, repelían os contraataques de rusos e lituanos.[5] En 1230, Curlandia foi conquistada e convertida pola orde.[5]

Indisciplina

[editar | editar a fonte]

Desde a súa fundación, a indisciplinada Orde tendeu a ignorar a súa suposta vasalaxe aos bispos. Os desexos dos Irmáns de Espada de expandirse ao norte do río Daugava, ao longo do río Gauja de Livonia, levaron á Orde a un enfrontamento co bispo Alberto. Alberto quería estenderse ao sur do río e non tiña interese en Estonia, previamente prometida ao rei Valdemar II de Dinamarca.

O mestre Wenno avanzou cara ao norte sen o permiso do bispo Alberto e levou a que a Orde tomase a fortaleza de Treiden. En 1208, fundaron o castelo de Segewold no val do Gauja e o castelo de Wenden río arriba. Este último creceu como fortaleza e o mestre Wenno situou alí a sede da Orde. Wickbert, un home leal a Alberto de Riga, foi nomeado para xestionar o castelo de Wenden mais o mestre Wenno destituíuno. A seguir, Wickbert fuxiu e pediu a protección de Alberte de Riga e matou a Wenno cun machado.[5]

No 1219, o rei Valdemar II de Dinamarca conquistou o norte de Estonia coa axuda do bispo Alberte. Pouco despois, no 1222, Estonia foi repartida entre Valdemar II e Alberte de Riga nun acordo insatisfactorio para os Irmáns de Espada. Para mante-los ingresos, explotaron aos campesiños ata que xurdiu unha revolta polo que foron reprendidos polo Papa, polo seu comportamento e polo xeito de xestiona-lo conflito. Como reacción, a Orde, entón, intentou apoderarse das terras danesas en Estonia ata que un legado papal os obrigou a devolvelas. Porén, cando o legado papal marchou, os Irmáns de Espada volveron recupera-las terras danesas e invadiron o territorio do bispo Alberte e cobraron peaxes ao tráfico no Daugava.[5]

Trala morte de Alberte de Riga, en 1229, as autoridades eclesiásticas consideraron que a Orde xa non era útil. O legado papal Bernardo de Aulne decidiu que debían ser reprimidos e intentou recuperar o castelo danés de Reval. Non obstante, a Orde derrotouno e fíxoo prisioneiro.[5]

No 1232, nunha carta do 24 de novembro, o papa Gregorio IX pediu aos Irmáns que defendesen Finlandia dos ataques novgorodianos.[6] Non obstante, non se conserva ningunha información coñecida sobre as posibles actividades dos cabaleiros en Finlandia que foi conquistada en 1249, por Suecia, trala Segunda Cruzada Sueca.

Incorporación á Orde Teutónica

[editar | editar a fonte]

A Orde foi decimada na batalla de Saule en 1236 contra os samoxitianos e os semigalianos.[7] Este desastre levou aos irmáns superviventes a incorporarse, tras a autorización papal en 1237, á Orde dos Cabaleiros Teutónicos ao ano seguinte, e a partir dese momento pasaron a coñecerse como Orde Livonia.[7] Continuaron funcionando en todos os aspectos (goberno, vestimenta e política) como unha rama autónoma da Orde Teutónica, dirixida polo seu propio Mestre (el mesmo, suxeito de iure ao Gran Mestre da Orde Teutónica).

Organización

[editar | editar a fonte]

Os Irmáns de Espada tiñan un conxunto de regras adaptadas dos Cabaleiros Templarios, que lles esixían ser de nobre cuna e facer votos de obediencia, pobreza e celibato. A orde tamén incluía soldados, artesáns e cregos como membros. Os Cabaleiros formaban unha asemblea xeral, que seleccionaba un gran mestre e outros oficiais. O gran mestre servía de por vida na orde. Escollía un consello e un xefe militar para cada castelo de distrito, onde vivían os cabaleiros da orde. Wenno von Rohrbach foi o primeiro mestre da orde (1204–1209),[8] seguido por Volkwin Schenk von Winterstein, que morreu na batalla de Saule en 1236.

Ao principio, o principal deber dos Irmáns de Espada era protexer os sacerdotes e misioneiros. As características do territorio supuxeron un desafío moral para os cruzados porque a terra dos livos e letóns non fora cristiá previamente. Polo tanto, non tiñan ningunha xustificación para atacalos. A división do territorio conquistado tamén foi un problema ao que se enfrontou a orde. Os Irmáns de Espadas debían gornecer os castelos construídos para manter o control ao longo do Daugava. Non obstante, os deberes de gornición non implicaban a propiedade. Alberte de Riga estableceu que un terzo de calquera novo territorio podía ser retido pola orde. Mentres tanto, o resto do territorio foi entregado ao bispo.[5]

A sede da Orde estaba situada en Viljandi (Fellin), na actual Estonia, onde aínda se manteñen as murallas do castelo. Outras fortalezas incluían Cesis (Wenden), Sigulda (Segewold) e Aizkraukle (Ascheraden). Os comandantes de Viljandi (Fellin), Kuldiga (Goldingen), Aluksne (Marienburg), Talín (Reval) e o baile de Paide (Weissenstein) formaban parte do consello de cinco membros da Orde.

Mestres da Orde

[editar | editar a fonte]
  1. Christiansen (1997), p. X
  2. Pérez (1998), p. 269
  3. Gieseler (1871), p. 448
  4. Blomkvist (2005), p. 539
  5. 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 11 12 Turnbull (2004)
  6. "Anagni 24.11.1232" (en latín). 27 de setembro de 2007. Archived from the original on 27 de setembro de 2007. Consultado o 27 de abril de 2026.
  7. 1 2 Plakans (2011), p. 44.
  8. Venning (2004)

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]