Irmáns Álvarez Quintero
Serafín Álvarez Quintero, nado en Utrera (Sevilla) o 26 de marzo de 1871 e finado en Madrid o 12 de abril de 1938 e o seu irmán Joaquín, nado en Utrera o 20 de xaneiro de 1873 e finado en Madrid o 14 de xuño de 1944, foron uns dramaturgos e poetas españois. Foron coñecidos popularmente como os irmáns Álvarez Quintero.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Malia naceren en Utrera, instaláronse en Sevilla. Traballaron en Facenda ao tempo que colaboraban en diversas publicacións como El Diablo Cojuelo, e iniciaron amodiño a súa dedicación exclusiva ao teatro. O seu debut como autores tivo lugar en 1888 con Esgrima y amor no Teatro Cervantes de Sevilla.
O éxito da comedia impúlsaos a viaxar a Madrid. A partir de 1889 estrean alí varios sainetes líricos e xoguetes cómicos, cun éxito que consolida a súa carreira. Entre eles están: Gilito (1889), Blancas y negras (1892), La media naranja (1894), La buena sombra (1895), La reja (1897), El traje de luces (1898) ou El patio (1900). Ambos irmáns colaboraron en todas as súas obras dramáticas e foron membros da Real Academia Española.
O seu primeiro éxito salientábel obtivérono en 1897 con El ojito derecho. A este éxito seguírono moitos outros, como Las flores (1901), El genio alegre (1906), Malvaloca (1912), Puebla de las mujeres (1912), Las de Caín (1908) e moito despois Mariquilla Terremoto (1930). Foron nomeados fillos predilectos de Utrera e Sevilla e adoptivos de Málaga e Zaragoza.
As súas obras representáronse mesmo no estranxeiro, en escenarios como o do Teatro Colón de Buenos Aires, a cargo da compañía Guerrero-Mendoza. Esta xa levaba varias das súas obras cando construíu dito teatro. Os autores gozaron de innumerábeis homenaxes, entre elas unha moi coñecida nos anos 20 en Madrid, en que colaborou todo o mundo escénico.[1]
Ambos foron apresados ao comezo da Guerra Civil en El Escorial, e en 1938 Serafín finou por causas naturais. O anarcosindicalista Melchor Rodríguez García tivo que interceder para permitirlle á irmá deste que o seu cadaleito levase un crucifixo, como desexaba Serafín (non permitido nese momento), ante a negativa dos milicianos da casa mortuoria.[2] Joaquín finou en 1944. Os restos de ambos repousan no cemiterio madrileño de San Justo.
Obra
[editar | editar a fonte]Da súa obra destacan principalmente as comedias, os sainetes e os libretos para zarzuela, cun gran talento cómico. En total escribiron preto de douscentos títulos, algúns deles galardoados. Los Galeotes recibiu o premio da Real Academia á mellor comedia do ano. Tamén escribiron, en menor medida, obras dramáticas, como Malvaloca (1912) ou Cancionera (1924).
Comedias (selección)
[editar | editar a fonte]- Fortunato
- Nena Teruel
- Mundo mundillo...
- Los leales
- Dios dirá
- La calumniada
- Don Juan, buena persona
- Tambor y cascabel
- La boda de Quinita Flores
- Pasionera
- Concha la Limpia
- Los mosquitos
- Las de Abel
- Diana la cazadora
Sainetes
[editar | editar a fonte]- Mañana de sol (1905)
Libretos para zarzuela
[editar | editar a fonte]Estilo
[editar | editar a fonte]Moitas das súas pezas son de natureza costumista e describen o modo de ser das súas terras andaluzas. Porén, deixan á marxe a visión sombría e miserábel das secuelas sociais e resaltan unha terra de luz e colorido e unha ideoloxía tradicionalista.
A linguaxe das súas pezas é depurada e elegante cos matices fónicos do dialecto andaluz. O seu humor é fino e de bo gusto, sen chegar ao ordinario, co que estilizaron e idealizaron o xénero chico. Son mestres no diálogo, sempre vivaz e gracioso. Nos anos 30 a súa arte aproveitouse no cinema e crearon guións para os filmes de Estrellita Castro.
No aspecto dramático non achegan novidades substancias na técnica nin na estrutura, mais depuraron o andalucismo da mesma forma que fixo Carlos Arniches co madrileñismo. Con todo, nunca afondaron na crítica social, que ficou no ternurismo e no melodramático.
As comedias burguesas dos irmáns ofrecen unha visión idealizada e amábel de Andalucía que non inquieta ao público medio, e a alegría de vivir acala calquera indicio de conflito dramático. É esta alegría a que salvou o seu teatro de implacables críticos como Ramón Pérez de Ayala, Azorín ou Luis Cernuda.
As súas Obras completas editáronse en Madrid: Fernando Fe e Espasa-Calpe, 1918-1947, en 42 volumes.
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Javier Huerta, Emilio Peral, Héctor Urzaiz, Teatro español de la A a la Z. Madrid: Espasa-Calpe, 2005.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Álvarez Quintero, Serafín y Joaquín (1930). Mariquilla Terremoto (en Castellano) (Primera ed.). Sociedad General Española de Librería. p. 105.
- ↑ Gamazo, Rufo (27 de abril de 2008). "Ejemplo de todo un hombre". El correo de Zamora. Consultado o 29 de marzo de 2020.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- JIMÉNEZ FERNÁNDEZ, Rafael: Primeros ensayos de los Álvarez Quintero; en Revista de Humanidades, n.º 15, 2008, pp. 33-59. ISSN: 1130-5029
- Reprodución, en PDF.
- Serafín, na Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes.
- ÁLVAREZ QUINTERO, Joaquín e Serafín: Los mosquitos.
- Representación da adaptación de Cayetano Luca de Tena, ofrecida por TVE na emisión do 10 de agosto de 1966 de Estudio 1, con presentación de Alfredo Marqueríe, dirección e realización de Luca de Tena, actuacións de José Bódalo, Irene Daina, Antonio Martelo, Julio Arroyo, Rosa L. Goróstegui, Vicente Haro, Almudena Cotos e María José Luján, e recitado de Manuel Dicenta; a presentación, até os 3 min. e 30 seg.; a relación da repartición, a partir dos 3 min. e 45 seg.; a función, a partir dos 5 min. e 53 seg.
- Outra copia.
- Outra copia.
- Manuel Dicenta recita o soneto do Acto II da peza de Lope de Vega La discreta enamorada.
- Texto do soneto.
- Texto do soneto, en Wikisource.
- Manuel Dicenta recita o soneto do Acto II da peza de Lope de Vega La discreta enamorada.
- Representación da adaptación de Cayetano Luca de Tena, ofrecida por TVE na emisión do 10 de agosto de 1966 de Estudio 1, con presentación de Alfredo Marqueríe, dirección e realización de Luca de Tena, actuacións de José Bódalo, Irene Daina, Antonio Martelo, Julio Arroyo, Rosa L. Goróstegui, Vicente Haro, Almudena Cotos e María José Luján, e recitado de Manuel Dicenta; a presentación, até os 3 min. e 30 seg.; a relación da repartición, a partir dos 3 min. e 45 seg.; a función, a partir dos 5 min. e 53 seg.