Ioannis Zizioulas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ioannis Zizioulas
John Zizioulas at IOCS Westcott House.jpg
Nacemento10 de xaneiro de 1931
Lugar de nacementoKatafygio, Kozani
NacionalidadeGrecia
RelixiónCristianismo ortodoxo
Alma máterUniversidade de Atenas, Universidade Aristóteles de Salonica e Universidade Harvard
Ocupaciónteólogo, profesor universitario e ministro
PremiosOrder of Merit (Ukraine), 3rd class, honorary doctor of the University of Munich, honorary doctor of the University of Münster, honorary doctor of the University of Belgrade e sen etiquetar
Na rede
Facebook: 54769204675 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Ioannis Zizioulas, nado o 10 de xaneiro de 1931, é un teólogo da Igrexa ortodoxa. Metropolita de Pérgamo. Membro do sínodo do Patriarcado ecuménico de Constantinopla. Pertence á Academia de Atenas.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Ioannis Zizioulas comezou os seus estudos en Tesalónica. Foi discípulo de Georges Florovsky. Doutorouse en 1965 na Universidade de Atenas. Ensinou teoloxía na Universidade de Edimburgo e na Universidade de Glasgow. É profesor visitante do King´s College London e da Universidade de Xenebra.

É unha figura clave do diálogo ecuménico con outras igrexas cristiás presidindo a comisión ortodoxa no diálogo co catolicismo.

Pensamento[editar | editar a fonte]

Desenvolveu unha ontoloxía da persoa derivada dunha fonda investigación da filosofía grega, dos Pais da Igrexa e do pensamento actual. Un compoñente esencial é a liberdade para a autoafirmación e para a participación na relación. Dende unha perspectiva biolóxica, a liberdade do home ten como peculiaridade a posibilidade de elixir suicidarse. É o cambio ontolóxico do bautismo o que produce unha liberdade non constrinxida aos límites da existencia biolóxica. A escatoloxía permite vivir no agora o que será completado coa resurrección mediante unha vida plena e eterna que outorga unha dimensión de liberdade e de esperanza á existencia humana concreta.

Un dos grandes males da cultura occidental é o individualismo. O illamento da persoa vai contra a súa esencia e ten as súas raíces no afastamento de Deus na caída orixinal. Isto fai que o individuo vexa no outro un potencial inimigo ou unha ameaza latente. Esta situación patolóxica só pode ser sandada pola experiencia da común chamada a unha vida plena que ofrece Cristo e que o Espírito realiza na persoa.

Entende que a eucaristía como comuñón no amor é o centro da Igrexa. Deste xeito, nunha igrexa local está expresada toda a universalidade da comunidade de crentes. Afirma que o bispo está ao servizo (diaconía) da comunidade, e é en relación con ela como debe ser entendido o seu ministerio.

Sobre o Papado, rexeita o poder xurisdicional no que teima a Igrexa católica. Recoñece que debe existir un primado para que exista unha realidade sinodal, consonte ensina a tradición, pero este non debe implicar un poder xurídico e piramidal como pretende Roma.

A súa concepción da Creación outórgalle unha especial sensibilidade pola ecoloxía e a preservación do medio ambiente.

Obras[editar | editar a fonte]

  • O ser como comuñón.
  • Lembrando o futuro: unha ontoloxía escatolóxica.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]