Intervención estranxeira na guerra civil española
| Intervención estranxeira na guerra civil española | |||||
|---|---|---|---|---|---|
| |||||
| |||||
| |||||
| |||||
| Wikidata |
A intervención estranxeira na guerra civil española é o relato do papel que desempeñaron na guerra civil española os diversos países que interviñeron en favor dun dos dous bandos enfrontados. A Alemaña nazi, a Italia fascista e o Portugal corporativista posicionáronse en favor do bando sublevado, mentres que a Unión Soviética e México situáronse en favor do bando republicano. Reino Unido, Francia e Estados Unidos seguiron unha política de «non intervención».[1]
Segundo Enrique Moradiellos, tanto as testemuñas e protagonistas da época (dun ou doutro bando ou máis ou menos neutrais) como as fontes históricas e as análises posteriores coincidiron maiormente nese aspecto. A intervención exterior (en forma armas, municións e combatentes ou mediante apoio financeiro, diplomático ou loxístico) foi un aspecto relevante do conflito e tivo grande importancia tanto no desenvolvemento como no desenlace.[2]
Cando o golpe militar de xullo de 1936 devén nunha verdadeira guerra civil, ambos bandos optan por recorrer á demanda de axuda estranxeira porque carecían dos elementos e equipamentos bélicos necesarios para un combate prolongado e de envergadura. Por iso tivo unha importancia crucial e vital a decisión da Alemaña nazi e da Italia fascista de interviren en apoio das tropas de Franco, o que salvou unha situación moi grave. Isto permitiulle a Franco retomar a iniciativa estratéxica e emprender a ofensiva militar cunha seguridade, vigor e contundencia que xa nunca abandonaría. Do mesmo xeito e con igual carácter crucial e vital, a decisión soviética de acudir en auxilio material da República en outubro de 1936 permitiu a resistencia de Madrid fronte o asedio franquista. Ademais, sostivo con posterioridade a estratexia defensiva do bando gobernamental até a súa caída máis de dous anos despois.
A dimensión internacional da guerra civil española
[editar | editar a fonte]A «guerra de España» (como a chamou a prensa internacional) tivo unha repercusión inmediata nas complicadas relacións internacionais da segunda metade da década de 1930.[3] En Europa existía unha pugna política, diplomática, ideolóxica e estratéxica a tres bandas entre as potencias democráticas (Reino Unido e Francia), as potencias fascistas (a Alemaña nazi e a Italia fascista) e a Unión Soviética. O «asunto español», xa que logo, foi enfocado por cada Estado europeo desde os seus intereses concretos. Francia e Reino Unido vían que a «guerra de España» podía complicar aínda máis o difícil xogo estratéxico que se desenvolvía a escala europea. Polo tanto, o principal obxectivo da diplomacia deses países foi procurar o illamento do conflito español. A esa táctica obedeceu a primeira das grandes medidas internacionais: o acordo xeral sobre a Non Intervención.[4]
Porén, os réximes fascistas europeos (Alemaña e Italia) e o Portugal salazarista apoiaron desde o principio o bando sublevado, mentres que desde outubro de 1936 a República obtivo o apoio da URSS e das Brigadas Internacionais (tamén recibiu o apoio case simbólico de México). O apoio internacional aos dous bandos foi vital nos primeiros meses. A axuda italo-xermana permitiu que o bando sublevado trasladase o Exército de África á Península a finais de xullo de 1936. Pola súa parte, a axuda soviética contribuíu de modo decisivo á defensa republicana de Madrid en novembro de 1936.[5]
A axuda italiana e alemá que recibiu o bando sublevado incrementouse notabelmente a partir de outubro de 1936, cando comezaron a chegar ao bando republicano a axuda soviética e as primeiras Brigadas Internacionais. A partir dese momento, que coincidiu co inicio da batalla de Madrid, a guerra internacionalizouse e con iso gañou en brutalidade e destrución. O territorio español converteuse en campo de probas do novo armamento que estaba a se desenvolver neses anos de rearmamento, previos ao que sería a segunda guerra mundial.[6]
A guerra civil española foi considerada en moitas ocasións como o preámbulo da segunda guerra mundial ou como un episodio da «guerra civil europea» que comezou en 1914 coa primeira guerra mundial e concluíu en 1945 co fin da segunda guerra mundial. A guerra civil española foi na súa orixe un conflito interno, pero nunca puido ser só unha loita entre españois ou entre a revolución e a contrarrevolución. Para moita xente, España converteuse no campo de batalla dun conflito inevitábel con polo menos tres contendentes: o fascismo, o comunismo (ou as revolucións socialista, anarquista ou trotskista) e a democracia. Na guerra civil española combateron decenas de miles de persoas procedentes do estranxeiro.[7]
Hai un aspecto humanitario da dimensión internacional da guerra civil. A maioría das embaixadas e legacións estranxeiras de Madrid e algúns consulados de capitais de provincia deron asilo político a miles de persoas de ambos bandos que se atopaban en perigo de morte.
A axuda internacional inmediata
[editar | editar a fonte]
Ante o fracaso do golpe de estado de xullo de 1936 (en canto á toma inmediata do poder), tanto o bando sublevado como o goberno buscaron axuda internacional urxente. O primeiro obtivo axuda rapidamente da Italia fascista e da Alemaña nazi. O mesmo 20 de xullo o xeneral Franco, que se atopaba bloqueado en África e pretendía cruzar o estreito coas tropas coloniais, enviou a Luis Bolín e o marqués de Luca de Tena a Roma a se entrevistaren con Mussolini para que lle proporcionase axuda aérea. O mesmo fixo o xeneral Mola, pola súa banda, que enviou a Antonio Goicoechea, Luis Zunzunegui e Pedro Sáinz Rodríguez. O 30 de xullo aterraban en Nador, no Protectorado español de Marrocos, procedentes de Sardeña nove avións Savoia Marchetti dos 12 concedidos a Franco. Dous deles aterraron por erro en Alxeria, co que o goberno francés soubo que as potencias fascistas estaban a auxiliar o bando sublevado. Mussolini tomou a decisión de responder afirmativamente a petición de axuda do xeneral Franco cando soubo que Hitler ía apoiar a Franco e tras comprobar que Francia e Gran Bretaña non ían intervir.[8]
Aos bombardeiros Savoia-Marchetti S.M.81 o 7 de agosto engadíronse 27 cazas xunto con 5 tanques, 40 metralladoras e 12 canóns, ademais de municións e gasolina. Ademais enviáronse directamente a Mallorca 3 hidroavións e 6 cazas entre o 13 e o 19 de agosto. Así pois, antes de cumprirse o mes do inicio da guerra civil Italia enviara un total de 48 aparellos.[9]
O 23 de xullo chegaron a Berlín outros emisarios de Franco encabezados por Johannes Bernhardt, un comerciante residente en Tetuán e xefe do NSDAP entre a colonia alemá. Entrevistáronse con Adolf Hitler en Bayreuth, quen concedeu inmediatamente a axuda que se lle pedía en avións. Iniciando a Unternehmen Feuerzauber (Operación Lume Máxico), aínda que a operación se fixo a través de HISMA, a empresa que serviu de tapadeira. O 26 de xullo (ou o 29 de xullo, segundo Enrique Moradiellos) chegaron a Marrocos os primeiros 20 avións de transporte alemáns Junkers Ju 52, que se podían converter facilmente en bombardeiros, xunto con 6 cazas Heinkel He 51. O 14 de agosto[10] sumáronse outros 6 cazas He 51 e 2 Ju 52 solicitados por Franco. A finais de mes chegaron 7 aparellos máis, o que fixo un total de 41 avións remitidos por Hitler. Xunto cos 48 enviados por Mussolini foron un total de 89 aparellos.
Con eses avións Franco puido organizar unha ponte aérea coa Península para transportar os lexionarios e os regulares e conseguir a superioridade aérea no estreito de Xibraltar. Así, entre finais de xullo e mediados de outubro de 1936 foron levados á Península máis de 13 000 soldados do Exército de África, ademais de 270 toneladas de material. Por tanto a situación de bloqueo en que se atopaba o Exército de África (a principal forza de combate con que contaba o bando sublevado para tomar Madrid, unha vez detidas as columnas do xeneral Mola na serra de Guadarrama) púidose superar grazas á rápida axuda que recibiu o bando sublevado da Alemaña nazi e da Italia fascista.
Pola súa banda, na madrugada do 20 de xullo o goberno republicano de José Giral solicitou por telegrama a axuda de Francia de «armas e avións», ao que o presidente do goberno da Fronte Popular francés, o socialista Léon Blum, accedeu nun principio. Porén, a tormenta política que montou a dereita francesa cando se filtrou a petición á prensa fíxolle desistir o 25 de xullo de facer efectivo os envíos solicitados. Con todo, o factor fundamental no cambio de actitude do goberno francés de Léon Blum foi a posición británica de «neutralidade» no «asunto español». Reino Unido non apoiaría a Francia se esta se vía involucrada nunha guerra con Alemaña polla súa intervención na Guerra de España. Para Francia era vital o apoio británico en caso de guerra, así que o país, politicamente moi dividido, debía actuar de acordo coas posicións británicas. O Comité de Non Intervención foi unha proposta concreta da propia Francia o 1 de agosto de 1936.
Con todo, cando o goberno francés soubo que Italia estaba a enviar avións de combate (e antes de se reunir o Comité de Non Intervención), enviou a partir do 7 e 8 de agosto 13 cazas Dewoitine D.372 (un décimo cuarto avión estrelouse en Francia e foi entregado en novembro) e 6 bombardeiros Potez 540. Había unha particularidade notábel que contrastaba coas remesas italo-xermanas ao inimigo. Os avións tiveron que ser pagados en efectivo e a prezos moi elevados (non a crédito, como o caso italo-xermano). Ademais, foron entregados desarmados, sen acompañamento de pilotos e persoal de mantemento e sen un mínimo equipamento para armas, como miras, dispositivos de disparo ou portabombas.
Para camuflar a operación, a venda fíxose por mediación dunha axencia comercial ao xornalista español Corpus Barga. Pagouse co diñeiro obtido da reserva de ouro española enviada por avión a París e vendida ao Banco de Francia. O prezo foi un 75 % superior ao que pagaba o exército francés por eses avións, malia estaren desarmados. O 26 de agosto aterraron en Barcelona outros dous bombardeiros desarmados, un Potez 544 e un Bloch MB.210, camuflados como avións de transporte de Air France. Entre o 5 e o 7 de setembro enviáronse 5 cazas Loire 46, tamén desprovistos de armamento.
Desarmados non quería dicir —como pensaban en España— que os avións chegasen coas armas desmontadas e gardadas na fuselaxe, ou que ests fosen enviadas por separado por estrada ou por tren. Os cazas viñan sen metralladoras, soportes para as mesmas, caixas e tremoias de municións, mecanismos de tiro e mecanismos de sincronización (para permitir que as metralladoras montadas sobre a fuselaxe puidesen disparar entre as hélices en movemento) e de visores de artillaría. Os bombardeiros viñan á súa vez sen soportes para bombas, miras e armas defensivas. Todas as peticións do goberno español esixindo a entrega destes materiais esenciais foron rexeitadas. Por iso até o 31 de agosto non houbo ningún avión francés operativo. Nesa data entraron en acción os primeiros dous Dewoitine con dúas vellas metralladoras Vickers, inadecuadas para a súa colocación sobre as ás do Dewoitine.
En conclusión, en contra do afirmado pola historiografía franquista e revisionista, a intervención francesa non precedeu a italo-xermana nin tivo a súa mesma entidade en volume e calidade durante eses primeiros meses cruciais do conflito (89 avións fronte a 21, desde a sublevación até finais de agosto de 1936). De feito, até o comezo da axuda militar soviética a principios de outubro de 1936, a axuda recibida por Franco de Italia e Alemaña superou moito a recibida pola República doutras procedencias.
Esta conclusión de Enrique Moradiellos baséase en gran medida nas investigacións de Gerald Howson quen afirma que «durante o período do 8 de agosto ao 30 de setembro, durante o cal os republicanos conseguiron 26 avións entregados deste xeito [desarmados, sen medios para instalar as armas e sen pezas de recambio, pilotos adestrados nin artilleiros], os nacionais recibiron de Alemaña e Italia 141 avións militares, completados coas súas armas, municións, recambios, tripulacións adestradas e unha estrutura de mando. Destes, uns 120 estiveron listos para cubrir ao Exército de Franco durante a marcha sobre Madrid. Este feito, en lugar da suposta "mala calidade" dos avións franceses (que en certo sentido eran superiores aos seus equivalentes alemáns e italianos), explica por que a forza aérea republicana activa na zona central fora destruída case por completo cando os rusos entraron en escena a finais de outubro».
O «Comité de Non Intervención»
[editar | editar a fonte]
Francia e Reino Unido vían que a «guerra de España» podía complicar aínda máis a situación entre os países europeos e levar a unha gran guerra mundial. Por iso, a primeira orientación da diplomacia deses países foi procurar o illamento do conflito español mediante o acordo xeral sobre a non intervención. A este sumáronse 27 países de Europa, aínda que nunca se plasmou nun documento escrito. Como consecuencia diso estabeleceuse o Comité de Non Intervención con sede en Londres.
A «non intervención» estivo determinada pola política británica de «apazugamento» (appeasement policy) da Alemaña nazi. A esta viuse arrastrado o goberno da Fronte Popular de Francia, que só contaba co Reino Unido ante unha posible agresión alemá. Ademais en Reino Unido as simpatías do goberno conservador fóronse decantando cara o bando sublevado, ante o temor de que España caese «no caos dalgunha forma de bolxevismo» (en palabras do cónsul británico en Barcelona). Isto deuse especialmente a partir de febreiro de 1938, cando Anthony Eden foi substituído á fronte do Foreign Office por Lord Halifax. O contrario sucedía co Partido Laborista e os sindicatos, ademais de moitos intelectuais, cuxas simpatías estaban co bando republicano.
A animadversión do goberno conservador británico cara a Fronte Popular comezara antes do inicio da guerra debido en gran medida aos «distorsionados» informes e telegramas que enviou a Londres o novo embaixador en Madrid Henry Chilton. En setembro de 1935 este substituíra a sir George Grahame, quen non se deixara arrastrar polos prexuízos ideolóxicos e elaborara uns informes moito máis ponderados que amosaban maior coñecemento da realidade española. Os informes negativos do embaixador Chilton, que coincidían no substancial cos do Servizo de Intelixencia Naval (NIS), sumáronse aos artigos alarmistas que publicaba sobre España a prensa conservadora británica.
Francia, pola súa banda, tentou axudar timidamente á República ao principio. Cobroulle uns 150 millóns de dólares en axuda militar, como avións ou pilotos, entre outros. Porén, tivo que someterse ás directrices do Reino Unido e suspender a axuda. Ademais Francia e Reino Unido tentaron desalentar a participación dos seus cidadáns en apoio da causa republicana. Con todo, moitas persoas deses países foron voluntarias a España integradas ou non nas Brigadas Internacionais, entre elas, André Malraux e George Orwell.
A idea de que os principais países europeos asinasen un acordo de non intervención en España partiu do goberno francés de León Blum. O 30 de xullo o goberno francés descubriu que Italia estaba a axudar o bando sublevado cando dous avións enviados por Mussolini a Franco aterraron por erro na colonia francesa de Alxeria. Francia non podía axudar a República porque iso abriría un gran conflito interno na sociedade francesa e ademais enturbaría as relacións co seu aliado, Reino Unido. A idea do goberno francés era que, polo menos, poderían impedir a axuda ao bando sublevado. Como primeira proba da súa determinación na defensa da «non intervención» o goberno francés pechou a fronteira con España o 13 de agosto. O goberno británico sumouse enseguida ao proxecto, aínda que o mesmo puña ao mesmo nivel o Goberno legal e lexítimo da República e un grupo de militares rebeldes (o bando sublevado).

A finais de agosto de 1936 os 27 estados europeos (todos menos Suíza) que subscribiron o «Acordo de Non Intervención en España» decidiron «absterse rigorosamente de toda inxerencia, directa ou indirecta, nos asuntos internos dese país» e prohibiron «a exportación... reexportación e o tránsito a España, posesións españolas ou zona española de Marrocos, de toda clase de armas, municións e material de guerra». Para o cumprimento do acordo creouse en Londres o 9 de setembro un Comité de Non Intervención baixo a presidencia do conservador Lord Plymouth. Nel estaban representados todas as principais potencias europeas, incluídas Alemaña, Italia e a Unión Soviética. No caso de Estados Unidos, a influencia do cardeal Mundelain (arcebispo de Chicago preocupado polo avance do nazismo) fixo que a administración Roosevelt contemplase a posibilidade de levantar o embargo á República española. Finalmente, a férrea oposición mostrada a ambos lados do Atlántico pola xerarquía eclesiástica católica, desexosa dunha vitoria franquista, frustrou por completo esa iniciativa.
Porén, a política de «non intervención» converteuse na práctica nunha farsa. Alemaña, Italia e Portugal non suspenderon en absoluto os seus envíos de armas e municións ao bando sublevado. O 28 de agosto, case o mesmo día en que se alcanzaba o acordo de «non intervención», reuníanse en Roma os xefes dos servizos secretos militares de Alemaña, o almirante Wilhelm Canaris, e de Italia, o xeneral Mario Roatta para proseguiren as subministracións de material bélico e as entregas de municións, segundo as peticións de Franco, malia o embargo de armas.
A República denunciou ante a Sociedade de Nacións a intervención das potencias fascistas en favor do bando sublevado, aínda que estas nunca foron amoestadas. A única vitoria republicana neste eido foi o acordo de Nyon (Suíza) do 14 de setembro de 1937 polo que se dispuxeron patrullas navais para localizar uns submarinos descoñecidos (en realidade italianos) que viñan hostigando os barcos que abastecían a República, algúns deles de bandeira británica. Inmediatamente os ataques deses submarinos «pantasmas» cesaron.
A Armada británica e a «non intervención»
[editar | editar a fonte]O bloqueo sublevado do Cantábrico
[editar | editar a fonte]Durante os dous primeiros meses da guerra a Armada do bando sublevado dominou o Mar Cantábrico e bloqueou o tráfico marítimo que se dirixía aos portos republicanos. Porén, a maioría dos barcos nesa área eran de bandeira británica, polo que contaban coa protección da Royal Navy. Ademais, o bando sublevado temía as serias consecuencias diplomáticas que podía ter abordalos. Polo tanto, o bloqueo non foi moi efectivo, pois limitouse aos buques doutras nacionalidades. Só nunha ocasión, entre o 16 e o 17 de setembro de 1936, un bou sublevado tentou deter un mercante británico. Este foi escoltado por un destrutor inglés até o límite das augas xurisdicións españolas e de alí a Santander por un submarino republicano.

O bloqueo imposto durante a Campaña do Norte (marzo-outubro de 1937) pola Armada do bando sublevado viuse dificultado pola Royal Navy, que tiña no Mar Cantábrico o cruceiro de batalla HMS Hood. Este sería relevado polos acoirazados HMS Royal Oak e HMS Resolution, o cruceiro Shropshire e varios destrutores (Blanche, Brazen, Beagle, Brilliant e Firedrake) que protexían os mercantes británicos até augas territoriais españolas. Dese xeito chegaban con facilidade víveres (só quedaban tres millas) aos portos republicanos. Unha lei aprobada o 4 de decembro de 1936 polo parlamento británico de maioría conservadora, a Merchant Shipping (Carriage of Arms to Spain) Act, prohibía que barcos británicos transportasen material de guerra a España.
Desde o punto de vista do dereito internacional, non lle estaba recoñecido a ningún dos dous bandos da guerra o dereito de belixerancia, o que lles permitiu deter e rexistrar barcos sospeitosos de levar armas ao inimigo fóra das augas territoriais. Polo tanto, o bloqueo sublevado do Cantábrico era ilegal e o goberno británico actuou en consecuencia para protexer os seus barcos, xa que o tráfico entre o País Vasco e Inglaterra era moi intenso desde finais do século XIX. O ferro de Biscaia era levado ás illas e no retorno os barcos traían carbón de Gales.
Ademais entre a opinión pública británica había unha corrente de simpatía cara os vascos que se viu acrecentada pola actuación do goberno vasco nos primeiros meses da guerra impedindo a persecución relixiosa e a violencia que se desatou no resto da zona republicana. Os terríbeis bombardeos de Durango e de Gernika conmocionaron á sociedade británica, mesmo aos sectores máis profranquistas. O ministro de asuntos exteriores Anthony Eden dixo na Cámara dos Comúns o 20 de abril de 1937: «Se tivese que elixir en España, creo que o Goberno vasco correspondería máis ao noso sistema que o de Franco ou a República». A decisión británica de non recoñecer o bloqueo sublevado viuse reforzada cando o 2 de abril de 1937 o goberno francés fixo unha declaración no mesmo sentido.

Produciuse unha crise o 6 de abril cando o cruceiro Almirante Cervera tentou impedir o paso ao porto de Bilbao do mercante británico Thorpehall. A situación provocou a rápida intervención do destrutor británico Brazen, ao que pronto se sumaron os destrutores Brilliant e Blanche. Vivíronse momentos de gran tensión entre o Almirante Cervera e os tres destrutores, pero finalmente o buque sublevado retirouse e deixoulle o paso libre ao Thorpehall. O goberno británico, reunido o día seguinte, reafirmou a súa política de non recoñecemento do bloqueo sublevado. Porén, realizou unha concesión ao advertir aos armadores británicos dos perigos que podían correr os seus barcos na costa vasca. A cinco mercantes recomendóuselles fondearen en Saint-Jean-de Luz, na costa francesa, e non seguisen até Bilbao.
O 13 de abril o lehendakari José Antonio Aguirre comunicou a Londres que os cinco mercantes non correrían perigo se penetraban en augas xurisdicionais españolas. Serían protexidos polos bous vascos e as baterías costeiras, e ademais o porto de Bilbao fora limpado de minas. A noite do 19 de abril un dos cinco mercantes, o Seven Seas Spray, cunha carga de 3600 toneladas de alimentos, creu nestas garantías e partiu de Saint-Jean-de Luz. Entrou a mañá seguinte no porto de Bibao, aclamado pola multitude e o seu capitán foi agasallado polo goberno vasco. O 22 de abril outros tres mercantes británicos (Macgregor, Hamsterley e Stanbrook) saíron ao mar, pero foron detidos polo cruceiro Almirante Cervera. Isto motivou a intervención do Hood e dun destrutor que lle comunicaron que non tiñan dereito «a pararen barcos británicos fóra das augas territoriais». Vivíronse momentos de gran tensión con intercambios de mensaxes cada vez máis agresivas. Finalmente o Almirante Cervera retirouse e os tres mercantes ingleses, cargados con 8000 toneladas de alimentos, entraron na ría de Bilbao escoltados por dous bous vascos e de novo aclamados pola multitude. A partir de entón os mercantes británicos entraron con regularidade en Bilbao e tamén en Santander. As poucas veces que tentaron ser detidos pola mariña sublevada interviñeron buques británicos e chegaron a porto.
Os buques da Royal Navy non só contribuíron a aliviar o bloqueo naval que padecía Biscaia. Tamén protexeron os barcos que evacuaron miles de refuxiados cando era inminente a caída de Bilbao. A decisión do goberno británico foi anunciada o 30 de maio, aínda que xa a finais de abril, tras o bombardeo de Gernika do 26 de abril que arrepiou a opinión pública británica, protexeu un barco con 4000 nenos vascos que foron acollidos en Inglaterra. O 5 de maio protexeron outros dous barcos con nenos que ían ser acollidos en Francia por militantes da CXT. Neste último caso o Royal Oak e o destrutor Faulknor enfrontáronse ao Almirante Cervera que pretendía conducilos a un porto sublevado e que tivo que desistir do seu intento.[11]
O incidente do destrutor Hunter
[editar | editar a fonte]O 20 de abril de 1937, en plena ofensiva de Biscaia, púxose en marcha a patrulla de control naval do Comité de Non Intervención. Buques de guerra británicos, franceses, alemáns e italianos despregáronse arredor das costas españolas. Isto aumentou o risco de que fosen atacados pola aviación ou a mariña de guerra dos bandos contendentes ao seren confundidos con unidades navais inimigas. Foi o caso do destrutor británico Hunter, aínda que as consecuencias do incidente foron moito menos graves que os do mercante armado italiano Barletta ou o do cruceiro alemán <i id="mwAaU">Deutschland</i>.
No caso do Hunter non era a primeira vez que era atacado un buque da mariña de guerra británica. O acoirazado Royal Oak fora bombardeado pola aviación republicana á altura de Punta Europa (Xibraltar) o 3 de febreiro de 1937 ao ser confundido co cruceiro sublevado Canarias. O 13 de febreiro os destrutores Havock e Gipsy foran bombardeados á altura do cabo Tenez por un Ju 52 da aviación alemá ao servizo do bando sublevado. Malia levaren claramente pintadas as cores da bandeira británica, probabelmente foron confundidos con destrutores republicanos que eran do mesmo modelo. Moito máis grave foi o incidente do Hunter, pois o 13 de maio de 1937 a unhas cantas millas ao sur de Almería chocou cunha mina fondeada polo bando sublevado. Oito membros da dotación morreron e nove resultaron feridos. Foron socorridos polo acoirazado republicano Jaime I e logo trasladados a Xibraltar por barcos británicos, xunto co barco que foi remolcado. O Almirantado británico presentou unha enérxica protesta ante Franco e pediu unha indemnización, pero o bando sublevado negou a súa responsabilidade e dixo que a mina era republicana. Con todo, abandonaron inmediatamente a campaña de minado, polo que o Hunter foi o único buque de guerra avariado por unha mina fóra do límite das tres millas.
Os afundimentos dos mercantes Endymion e Alcira
[editar | editar a fonte]O último día de xaneiro e os primeiros días de febreiro de 1938 foron afundidos dous mercantes británicos, o que causou unha grave crise entre o goberno británico e o goberno sublevado de Burgos. O 31 de xaneiro o submarino Sanjurjo torpedeou e afundiu o mercante Endymion cando transportaba carbón de Xibraltar a Cartaxena. Morreron 12 membros da tripulación e un observador do Comité de Non Intervención que ía a bordo. Era o primeiro ataque que se producía dende a sinatura dos acordos da conferencia de Nyon o setembro do ano anterior. A protesta británica provocou que o bando sublevado relevase o comandante do Sanjurjo, o capitán de corveta Pedro Suances, e que de acordo con Italia se retirasen os catro submarinos «lexionarios» que viñan colaborando co bloqueo sublevado do tráfico mercante.
A crise agravouse só catro días despois cando un hidroavión alemán Heinkel He 59 afundiu o mercante Alcira, que tamén transportaba carbón e que así mesmo levaba a bordo un observador do Comité de Non Intervención. Sucedeu a vinte millas de Barcelona, aínda que o mando sublevado alegou que se atopaba en augas xurisdicionais. O piloto alemán dixo que o confundira cun mercante republicano, malia que o Alcira levaba moi visíbel a bandeira británica. O goberno británico protestou de novo e reproduciuse na Cámara dos Comúns o intenso debate que tivera lugar poucos días antes con motivo do afundimento do Endymion. Para evitar maiores problemas co Reino Unido ordenóuselle á aviación alemá e italiana con base en Mallorca que os seus bombardeos se dirixisen contra barcos que estivesen dentro das augas xurisdicionais e, sobre todo, contra os portos.[11]
Como os buques británicos constituían a inmensa maioría dos mercantes que comerciaban coa España republicana, estes continuaron a ser bombardeados case a diario nos mesmos portos ou cando estaban preto deles. De novo produciuse un intenso debate no parlamento británico no que a oposición laborista e liberal atacou o goberno conservador por non actuar. Porén, este respondeu que se o facía arriscábase a desencadear unha guerra xeneralizada en Europa. O primeiro ministro Neville Chamberlain escribiu:
«Examinei cada forma posible de represalia, e teño claro que ningunha servirá de non estarmos dispostos a facer a guerra contra Franco, o cal moi probabelmente levaría á guerra con Italia e Alemaña, e en todo caso negaría a miña política de apazugamento».
Finalmente o 26 de xullo de 1938 Chamberlain anunciou á Cámara dos Comúns que Franco lle asegurou que non se atacarían mercantes británicos no mar e que os evitarían nos portos dentro do posíbel. De feito, designáronse algúns portos específicos sen instalacións militares nos que puidesen atracar.
A rendición de Menorca
[editar | editar a fonte]A única intervención británica na guerra produciuse con motivo da rendición de Menorca ao bando sublevado para impedir que esta illa estratéxica puidese caer baixo dominio italiano ou alemán. Esta ameaza motivou que o goberno británico aceptase a proposta do xefe franquista da Rexión Aérea das Baleares, o capitán de fragata Fernando Sartorius y Díaz de Mendoza, Conde de San Luis. Este previamente recibira a aprobación de Franco para que un barco da Royal Navy o trasladase a Maó e negociar alí a rendición da illa a cambio de que as autoridades civís e militares republicanas puidesen abandonala baixo protección británica. O goberno británico puxo en marcha a operación sen informar o embaixador republicano en Londres Pablo de Azcárate. Cando se decatou, Azcárate presentou unha protesta formal por prestar un buque británico a un «emisario das autoridades rebeldes españolas».
Así, a mañá do 7 de febreiro arribaba ao porto de Maó o cruceiro Devonshire co conde de San Luis a bordo. Entrevistouse co gobernador republicano, o capitán de corveta Luís González de Ubieta, que acababa de ser nomeado tras ser substituído como xefe da frota republicana polo tamén capitán de corveta Miguel Buiza. O conde ameazou con bombardear a illa se non se rendía e Ubieta contestoulle que a defendería mentres non recibise ordes contrarias dos seus superiores. Ubieta non conseguiu contactar co goberno de Negrín, polo que consultou co xefe da frota Miguel Buiza, quen lle dixo que el sabería resolver o problema «coa súa probada bonhomía e lealdade». Así, tomou a única decisión posíbel ante o illamento de Menorca tras a caída de Cataluña: a rendición. Na decisión tamén influíu a sublevación da gornición de Ciutadella, no outro lado da illa, a noite do 7 ao 8 de febreiro. Ás 5 da madrugada do 9 de febreiro o Devonshire partiu de Maó cara Marsella con 452 persoas refuxiadas, mentres que outras 70 foron evacuadas nunha embarcación menor. A tarde do día 8 houbera un bombardeo italiano que provocou a protesta inmediata do conde de San Luis á base de Palma, malia non recibir resposta.
Tras a marcha do Devonshire Menorca foi ocupada polo bando sublevado sen que participase ningún continxente italiano nin alemán. A intervención británica deu lugar a un acalorado debate na Cámara dos Comúns o 13 de febreiro. A oposición laborista acusou o goberno conservador de Neville Chamberlain de comprometer ao Reino Unido en favor de Franco, aínda que a noticia de que se evacuaron tantas persoas, incluídos os mandos republicanos, acougou os ánimos. O día seguinte o representante oficioso de Franco en Londres, o Duque de Alba, fixo chegar ao secretario do Foreign Office Lord Halifax «a gratitude do Generalísimo e do goberno nacional» por colaborar en «reconquistar Menorca».
A saída de España do coronel Casado
[editar | editar a fonte]Produciuse unha segunda e última intervención da mariña británica durante a ofensiva final. O 30 de marzo de 1939 o destrutor Galatea recolleu no porto de Gandía o coronel Casado, quen dirixira o golpe de estado contra o goberno de Juan Negrín a principios de marzo. Foi substituído por un Consello Nacional de Defensa presidido polo xeneral Miaja, pero Casado era o home forte. Este contactara co cónsul inglés en Valencia a posibilidade de que o goberno británico lle facilitase a saída de España a el e ás persoas comprometidas no Consello Nacional de Defensa. As «negociacións» cos representantes de Franco para obter unha «paz honrosa» fracasaran estrepitosamente porque Franco, como sostivera sempre, só aceptaba a rendición incondicional do exército da República. O cónsul contactou co seu goberno pero este en principio mostrouse reticente. Porén, cando Casado e os seus acompañantes (164 homes, 20 mulleres e 4 nenos) se presentaron o 29 de marzo en Gandía —porto frecuentado polos buques británicos por estaba rexentado por unha empresa desa nacionalidade—, permitíuselles subir a bordo do destrutor Galatea. Mentres unha compañía de infantes de mariña desembarcados do cruceiro Sussex garantía a seguridade do embarque. A mañá do día 30 de marzo partía de Gandía o Galatea que trasladou os seus hóspedes ao buque hospital Maine. Este levounos a Marsella, onde chegaron o 3 de abril ás 6.30 horas, dous días despois de facerse público o último parte da guerra civil española, asinado polo xeneral Franco.
A intervención estranxeira en favor do bando sublevado
[editar | editar a fonte]
As axudas en homes ao bando sublevado materializáronse na Lexión Cóndor alemá (uns 6000 homes) e o Corpo di Truppe Volontarie italiano (un máximo de 40 000), máis un continxente de combatentes portugueses, os Viriatos. Para que non houbese dúbida do seu compromiso coa causa do bando sublevado, o 18 de novembro de 1936, en plena batalla de Madrid, Italia e Alemaña recoñeceron oficialmente a Franco e a Xunta Técnica do Estado como o goberno lexítimo de España. Nomearon embaixadores a Roberto Cantalupo e a Wilhelm von Faupel, respectivamente, quen presentaron as súas cartas credenciais en Burgos.
Os combatentes alemáns, italianos e portugueses eran en realidade soldados regulares que recibían unha paga no seu país de orixe, aínda que a propaganda do bando sublevado sempre os presentou como «voluntarios». Os voluntarios xenuínos que combateron no bando sublevado foron uns mil ou mil cincocentos homes. Entre eles destacou a Brigada Irlandesa do xeneral Eoin O'Duffy, integrada por uns 700 efectivos que viñeran combater a España para libraren «a batalla da cristiandade contra o comunismo». Porén, só participaron na batalla do Xarama e uns meses despois volveron a Irlanda. Pola súa parte, entre 300 e 500 franceses da ultradereitista Croix-de-Feu constituíron o batallón Jeanne d'Arc.
Tamén hai que contar entre os estranxeiros que participaron no bando sublevado os miles de marroquís do Protectorado de Marrocos que foron enrolados de forma intensiva nas tropas de Regulares do Exército de África a cambio dunha paga.
En canto a armamento, segundo Julio Aróstegui, o bando sublevado recibiu de Italia e de Alemaña 1359 avións, 260 carros de combate, 1730 canóns, fusís, e municións. Doutra banda, a compañía Texaco vendeu gasolina de forma barata e constante a Franco. De igual maneira, Ford forneceu ao longo da guerra entre 12 000 e 15 000 camións ao bando sublevado, moitos máis que os vendidos por Italia ou Alemaña (que apenas chegaban en conxunto aos 5000).[12]
Os motivos que induciron a Hitler e a Mussolini a apoiar o bando sublevado, aínda que disfrazados de anticomunismo, eran políticos e estratéxicos. Ambos estimaron que o rápido envío a Marrocos dunha axuda aérea militar limitada e encuberta podería nun principio dar a vitoria a Franco e alterar cun baixo custo e risco o equilibrio estratéxico europeo-occidental. Iso daríase na medida en que un réxime democrático e pro-francés como era a República fose substituído por outro afín ao Terceiro Reich e á Italia fascista ou, como mínimo, por outro réxime estritamente neutral. Desa maneira, favorecería a viabilidade dos respectivos plans expansionistas en Europa central e no Mediterráneo.
A Alemaña nazi
[editar | editar a fonte]
A razón principal da axuda da Alemaña nazi a Franco, como demostraron as investigacións do historiador español Ángel Viñas, foi que Hitler considerou que a vitoria do bando sublevado favorecería os intereses da política exterior de Alemaña. Na guerra europea que ía estalar en Europa nos próximos anos (que para Hitler era inevitábel), con Francia como un dos seus inimigos a bater, sería mellor contar en España cun goberno favorábel encabezado por militares anticomunistas. O goberno republicano reforzaría os seus vínculos con Francia (e co seu aliado o Reino Unido) e coa Unión Soviética (inimigo estratéxico e ideolóxico do Terceiro Reich) o que dificultaría o expansionismo nazi no leste de Europa. Hitler díxolle a Wilhelm von Faupel, o primeiro encargado de negocios do Reich ante Franco, en novembro de 1936:
Na decisión de Hitler tamén contaron outros dous factores, o ideolóxico e o militar. Hermann Göring, o número dous do Terceiro Reich e xefe da Luftwaffe, declarou ante o Tribunal de Núremberg en 1945 que el apoiara a intervención en España a favor de Franco:
[...] primeiro para contrarrestar neste lugar a expansión do comunismo e, en segundo lugar, para someter a prueba a miña nova aviación... cazas, bombardeiros e canóns antiaéreos, e así tiven a posibilidade de comprobar se o material fora desenvolvido de acordo cos seus fins
Canto ao primeiro motivo alegado por Göring, o nazismo lanzou dende o primeiro momento a campaña propagandística, controlada por Joseph Goebbels, de que a guerra de España era unha confrontación entre «fascistas» e «marxistas», e responsabilizou a Unión Soviética e ao «comunismo internacional» de causar a guerra. Respecto ao segundo motivo, o nazismo despregou na zona sublevada a Lexión Cóndor, cuxos integrantes foron moi ben pagos.
A Lexión Cóndor
[editar | editar a fonte]
En novembro de 1936 Hitler, ao mesmo tempo que recoñecía oficialmente a Franco, ordenou o envío dunha unidade aérea completa que constituiría unha unidade autónoma dentro do exército sublevado. Contaría cos seus propios xefes e oficiais comandados polo xeneral Hugo von Sperrle (logo substituído polo tamén xeneral da Luftwaffe Wolfram von Richthofen). Estaba integrada inicialmente por cadro escuadrillas de cazas Heinkel 51 e catro de bombardeiros Junkers Ju 52. Ademais a Lexión Cóndor contaba cun batallón de 48 tanques e outro de 60 canóns antiaéreos. Estaba formada por uns 5500 homes aos que se foi relevando con frecuencia unha vez adquiriran a experiencia bélica que buscaban, polo que por España pasaron uns 19 000 efectivos. Así a guerra civil española foi un campo de probas da Luftwaffe, nos que ensaiou as armas e tácticas que logo empregaría na Segunda Guerra Mundial. Probáronse os cazas Messerschmitt Bf 109 e Junkers Ju 87 A/B e os bombardeiros Junkers Ju 52 e Heinkel He 111 e estreáronse en España as tácticas de bombardeo sobre cidades. Aínda que non foi o único, o máis famoso foi o bombardeo de Gernika. Picasso representouno no seu cadro Guernica, exposto no pavillón español da Exposición Universal de París de 1937.
A Lexión Cóndor permaneceu en España durante toda a guerra e participou desde novembro de 1936 en todas as batallas importantes cuns 620 avións. Perderon a vida en combate 371 dos seus membros. Acabada a guerra, tras participar no desfile da Vitoria de Madrid o 19 de maio de 1939 baixo a presidencia de Franco, a Lexión Cóndor fixo o seu último desfile oficial en España o 22 de maio. As tropas foron trasladadas a Alemaña por transatlánticos e recibidas no porto de Hamburgo por Hermann Göring.
Viaxaban 5136 oficiais e soldados cunhas 700 toneladas de equipo e a maior parte dos avións que quedaban. Desde a súa chegada a España reivindicaran a destrución de 386 avións inimigos (313 deles en combate aéreo) coa perda de 232 dos seus, dos cales só 72 foron destruídos pola acción inimiga. Os avións da Lexión Cóndor lanzaran unhas 21 000 toneladas de bombas, co que contribuíron en gran medida á vitoria final do bando sublevado.
A Armada alemá
[editar | editar a fonte]
En canto Hitler decidiu axudar ao bando sublevado, a armada alemá enviou á zona do estreito de Xibraltar unha pequena frota encabezada polo acoirazado Admiral Graf Spee. Integrada por dous cruceiros e catro destrutores, o seu fin era protexer os mercantes «especiais» que transportaban material de guerra, aínda que recibiron ordes de evitar incidentes. Para dirixir e encubrir o movemento de mercantes cara a España sublevada creouse o departamento de viaxes de barcos (Schiffahrtsabteilung) dentro do Estado Maior (Sonderstab W), encargado da axuda ao bando sublevado. Formouse a mañá do 26 de xullo de 1936, despois de que Hitler así o decidise a noite anterior.
O primeiro mercante con material de guerra e avións, o Usaramo, que chegou a Cádiz o 6 de agosto, non foi detido pola frota republicana que bloqueaba o estreito. Porén, os seguintes, o Kamerún e o Wigbert, foron detidos, aínda que conseguiron descargar en Lisboa. O material de guerra chegou ás tropas sublevadas a través de Portugal. Case ao mesmo tempo o Girgenti chegaba á Coruña con 1767 toneladas de fusís e municións, cos cales se solucionaron os problemas do Exército do Norte comandado polo xeneral Emilio Mola. O cónsul inglés en Sevilla comunicou ao goberno británico o notábel incremento de movementos de barcos alemáns nos portos de Sevilla, Cádiz e Huelva, 228 en 1936 e 449 en 1937 (fronte os 171 de antes da guerra).

O caso do mercante Palos demostrou até que punto a Kriegsmarine alemá estaba disposta a protexer os envíos. O 20 de novembro de 1936 dito mercante foi detido polo bou Bizkaia das forzas navais do goberno vasco e conducido ao porto de Bilbao. No rexistro das súas adegas atopouse celuloide preparado para ser empregado na manufactura de proxectís de artillaría e máquinas de comunicación telefónica. A detención produciuse a cinco millas da costa, fóra das tres millas internacionalmente recoñecidas (España insistía en que o límite das súas augas xurisdicionais eran cinco millas). O goberno alemán, xa que logo, reclamou a carga confiscada negando que fose material de guerra (o 29 de novembro o buque saíu de Bilbao escoltado polo cruceiro Könisberg). Ao non ser atendida a súa esixencia, como represalia o 1 de xaneiro de 1937 o acoirazado Admiral Graf Spee secuestrou á altura de Almería o vapor Aragón. Dous días despois o Königsberg secuestrou o mercante Marta Junquera á altura do cabo de Ajo. Como a carga do Palos seguiu sen ser devolta, Alemaña cedeu os barcos ao bando sublevado despois de liberar a tripulación.
A política naval da mariña de guerra alemá concretouse en protexer os Sonderschiffe (eufemismo utilizado para referirse aos barcos que transportaban material de guerra). Porén, tamén se dedicou a transmitir información ao bando sublevado sobre os movementos da frota republicana e dos barcos que levaban material de guerra a portos republicanos. Así mesmo, abasteceu a Armada sublevada de canóns para os barcos e as baterías de costa, municións e material de transmisións e artillaría antiaérea, e forneceu técnicos e instrutores para ensinar o seu manexo. O xefe da frota alemá en augas españolas, o contraalmirante Rolf Carls, escribiu que iniciarían «a participación oculta pero activa das forzas navais alemás» en favor da causa sublevada.

Por mor da presión do bando sublevado a Kriegsmarine deu un paso máis. A finais de 1936 organizou a Operación Úrsula, que consistía no envío secreto ao Mediterráneo de dous submarinos, U-33 e U-34, para atacaren buques de guerra republicanos e mercantes. O U-33 e o U-34, que saíran de Alemaña o 21 de novembro de 1936, realizaron cinco ataques pero fallaron por «problemas de inexperiencia e dificultades cos torpedos». Porén, por pura casualidade, o U-34 afundiu o submarino republicano C-3 á altura de Málaga. Tras o ocorrido a Operación Úrsula foi suspendida o 10 de decembro e a responsabilidade de realizar unha campaña submarina en augas españolas pasou á Mariña italiana.

Tamén houbo unha importante actividade aeronaval alemá desde a chegada a finais de 1936 dunha escuadrilla de hidroavións Heinkel He 59 que estableceu a súa base en Pollença (Mallorca). Dende alí dedicouse a fustrigar o tráfico comercial e nalgunha ocasión atacou barcos de guerra republicanos. A noite do 23 ao 24 de maio de 1937 foi alcanzado o acoirazado Jaime I.
Cando en marzo de 1937 entrou en vigor o plan de control do Comité de Non Intervención os Sonderschiffe («barcos especiais») que enviaba o Schiffahrtsabteilung («departamento de viaxes de barcos») adoptaron o pavillón de Panamá para eludilo. Pasaron a chamarse Acme, Balboa, Colón, Golfo de Darién e Golfo de Panamá. Dese xeito tamén se evitou ter que empregar buques de guerra para protexer os mercantes.
Os cruceiros achegados por Alemaña non interviñeron, agás no bombardeo de Almería polo Admiral Scheer o 31 de maio de 1937. Este efectuouse en represalia polo ataque aéreo que sufrira o 28 de maio de 1937 o acoirazado de peto Deutschland en Eivisa. O ataque probablemente fora efectuado por tripulacións rusas, sen ter coñecemento del o mando republicano. Porén, o escándalo internacional que provocou fixo que a República dixese que fora un erro e que se trataba de avións republicanos que crían atacar o cruceiro pesado Canarias.
O bombardeo de Almería, que se produciu abertamente, exhibindo o pavillón alemán, chegou a ser considerado como un posíbel motivo para que a República declarase a guerra a Alemaña. Foi a posición defendida polo coronel Rojo e Indalecio Prieto, quen procuraban a xeralización do conflito a toda Europa. Porén, finalmente impúxose a postura contraria de Negrín e Azaña.
A Italia fascista
[editar | editar a fonte]
Coma no caso da Alemaña nazi, a razón principal da axuda italiana ao bando sublevado tamén estivo directamente relacionada coa política exterior. Mussolini quería construír un imperio no Mediterráneo e pensaba que gañando un aliado na súa parte occidental debilitaría a posición militar de Francia e do Reino Unido, ademais de ter fácil acceso ao estratéxico arquipélago das Baleares. Tamén, coma os nazis, utilizou o anticomunismo na súa propaganda para xustificar a intervención na guerra civil española.[8] Nun despacho remitido a Berlín polo embaixador alemán en Roma a finais de decembro de 1936 expúñanse estas prioridades políticas e estratéxicas de Mussolini:[9]
Os intereses de Alemaña e Italia no problema español coinciden na medida de que ambos países pretenden evitar unha vitoria do bolxevismo en España ou Cataluña. Porén, mentres que Alemaña non persegue ningún obxectivo diplomático inmediato en España á marxe deste, os esforzos de Roma diríxense sen ningunha dúbida a lograr que España se acomode á súa política mediterránea ou, ao menos, a evitar a cooperación política entre España e o bloque de Francia e Inglaterra. Os medios utilizados para este fin son: apoio inmediato a Franco; asentamento nas illas Baleares que previsibelmente non será retirado voluntariamente a menos que se instale en España un goberno central favorábel a Italia; compromiso político de Franco con Italia; e estreito vínculo entre o fascismo e o novo sistema político estabelecido en España.
Segundo Michael Alpert, na decisión de Mussolini tamén contou, ademais de reforzar o prestixio do fascismo, «o temor constante italiano a que un goberno español de esquerdas permitise o paso de tropas coloniais francesas polo seu territorio en caso dun conflito entre Francia e Italia». Italia tamén interveu na contenda española coa intención de anexionar as Baleares e o enclave norteafricano de Ceuta, e tamén coa idea de crear un estado cliente en España.
Desde o comezo da guerra, a Italia fascista converteu Mallorca nunha gran base aeronaval desde a que desenvolveu todo o seu esforzo de guerra contra a República. Malia non se tratar unha ocupación militar de iure, as bandeiras italianas chegaron a ondear sobre a illa. En terra houbo persoal militar italiano con uniformes do Exército italiano e dependían da estrutura orgánica das forzas armadas italianas.
O Corpo di Truppe Volontarie (CTV) e a Aviación Lexionaria
[editar | editar a fonte]

Italia foi o país que enviou o maior continxente de combatentes estranxeiros dos que loitaron no bando sublevado. Desde finais de xullo de 1936 xa había oficiais italianos que pilotaban os Savoia S.M.81 e os cazas Fiat CR.32 encadrados na Lexión Estranxeira. En agosto transformáronse na Aviazione Legionaria, coa base principal en Mallorca. A partir de decembro de 1936 despregouse en España unha unidade militar completa, o Corpo di Truppe Volontarie (CTV). Foi comandada polo xeneral Mario Roatta até o desastre da batalla de Guadalaxara en marzo de 1937, e despois polos xenerais Ettore Bastico, Mario Berti e Gastone Gambara. O CTV estaba integrado por 40 000 homes que foron sendo relevados. Así, por España pasaron 72 775 efectivos: 43 129 do exército italiano e 29 646 da milicia fascista. A estes hai que engadir os 5699 que pasaron pola Aviazione Legionaria, polo que a cifra total de combatentes foi moi superior á participación alemá e ás Brigadas Internacionais.
O CTV e a Aviazione Legionaria combateron até o final da guerra. Porén, a finais de 1938, polas mesmas datas en que as Brigadas Internacionais deixaban España, Mussolini retirou a cuarta parte do CTV, uns 10 000 homes. Foron despedidos en Cádiz polos xenerais Queipo de Llano e Millán Astray e recibidos en Nápoles polo rei de Italia Vítor Manuel III.
A Armada italiana
[editar | editar a fonte]Os primeiros seis meses da guerra chegaron aos portos sublevados uns 50 mercantes italianos con material de guerra. O primeiro, o Emilio Morandi, chegou a inicios de agosto de 1936 co combustíbel especial que necesitaban os bombardeiros S.M.81 chegados o 30 de xullo. Segundo informaron os cónsules ingleses ao seu goberno, en 1937 chegaron aos portos de Sevilla, Cádiz e Huelva 183 mercantes italianos (fronte os 73 de antes da guerra). Na ruta que seguían os mercantes, a illa de Mallorca foi unha escala estratéxica, especialmente despois de fracasar o intento de reconquista polo bando republicano en agosto de 1936. Para asegurar o dominio da illa, entre agosto e novembro de 1936 estivo ancorado na baía de Palma o cruceiro Fiume.
Ao mesmo tempo que Italia e Alemaña subscribían o Pacto de Non Intervención, reuníronse en dúas ocasións o almirante Canaris, xefe do servizo de información alemán, co seu homólogo italiano o xeneral Mario Roatta, para planificaren as misións de ambas mariñas de guerra na súa axuda ao bando sublevado.
En canto empezou a chegar en outubro de 1936 material de guerra da Unión Soviética á República, despregouse na canle de Sicilia unha escuadra italiana composta por 8 cruceiros e 3 flotillas de destrutores. Dita escuadra vixiaba os movementos dos barcos que se dirixían a portos republicanos. Tamén se puxo en marcha un plan secreto para que 4 submarinos italianos atacasen eses barcos (tamén os de bandeira mexicana e española) e a armada republicana. O xefe da misión naval italiana en España, o capitán de navío Giovanni Remedio Ferreti, e o xefe do Estado Maior da Armada sublevada, o vicealmirante Cervera, acordaron que a bordo de cada un deles iría un oficial da Armada española. Porén, ningún dos catro era de submarinos, para que no caso de que fose capturado o submarino fose presentado como o seu comandante.
Os catro submarinos Naiade, Topazio, Antonio Sciesa e Torricelli saíron á mar a primeira quincena de novembro e dirixíronse a Cartaxena, o principal porto de entrada da axuda bélica soviética. A acción destes submarinos coordinouse cos dous submarinos alemáns da tamén secreta Operación Úrsula, que se relevarían na vixilancia das costas españolas. Os submarinos italianos, a diferenza dos alemáns, conseguiron un notábel éxito cando o 22 de novembro o Torricelli torpedeou o cruceiro republicano Miguel de Cervantes no porto de Cartaxena causándolle graves danos. Deixouno fóra de servizo durante ano e medio (até abril de 1938) xa que no dique seco da base de Cartaxena non collía un cruceiro. As autoridades republicanas culparon do ataque a «unha frota estranxeira», mentres que o bando sublevado dixo que o realizou o submarino español B-5 que se pasou ao seu bando. O Comité de Non Intervención non abriu ningunha investigación. Aínda que máis tarde afundiron un mercante español e avariaron outro, o seu maior éxito foi que o ataque ao Miguel de Cervantes paralizou a frota republicana que evitaba saír do porto.
Tras comprobar que o ataque ao Miguel de Cervantes non tivera consecuencias internacionais, a Armada italiana incrementou de forma notábel a súa presenza en augas españolas. Así, a mediados de febreiro de 1937 había 13 cruceiros, 22 destrutores, 2 lanchas torpedeiras, 7 buques auxiliares e 42 submarinos que desempeñaran misións na guerra española. O 6 de decembro de 1936 creouse o Ufficcio Spagna para coordinar o esforzo italiano en España, que incluíu o despregamento dos 48 000 soldados do CTV. Dito continxente empezou a ser desembarcado en Cádiz ese mesmo mes.
O Portugal salazarista
[editar | editar a fonte]
Aínda que foi menos aireada, a axuda do Portugal de Oliveira Salazar ao bando sublevado tamén tivo importancia, sobre todo nos primeiros meses da guerra. Portugal permitiu aos militares rebeldes utilizaren as súas estradas, ferrocarrís e portos para comunicar a zona norte con Andalucía. Ademais, devolveu á zona sublevada os republicanos que fuxían da represión. Despois Portugal constituíu unha base de operacións para a compra de armas e foi un firme aliado do bando sublevado na «farsa» da «non intervención», a quen sempre defendeu ante o Comité de Non Intervención e na Sociedade de Nacións. Nunha visita a Londres do ministro portugués de exteriores Armindo Monteiro ao seu homólogo británico Anthony Eden, Monteiro deixoulle claro a este que o perigo o constituían os «roxos», non Italia ou Alemaña:
[...] primeiro para contrarrestar neste lugar a expansión do comunismo e, en segundo lugar, para someter a prueba a miña nova aviación... cazas, bombardeiros e canóns antiaéreos, e así tiven a posibilidade de comprobar se o material fora desenvolvido de acordo cos seus fins
O bando sublevado puido contar tamén cuns 10 000 «voluntarios» portugueses, Os Viriatos, que en realidade recibían un salario dende Portugal. O país permitiu o paso de subministracións alemás polos seus portos, co que violou o acordo de «non intervención» que subscribira.
Voluntarios internacionais
[editar | editar a fonte]A Brigada Irlandesa
[editar | editar a fonte][...] primeiro para contrarrestar neste lugar a expansión do comunismo e, en segundo lugar, para someter a prueba a miña nova aviación... cazas, bombardeiros e canóns antiaéreos, e así tiven a posibilidade de comprobar se o material fora desenvolvido de acordo cos seus fins
A Brigada Irlandesa, organizada e mandada polo xeneral «protofascista» Eoin O'Duffy e integrada por 700 católicos dispostos a loitar «do lado das forzas cristiás», chegou á España franquista a finais de 1936. Foi a única forza organizada composta integramente de voluntarios que se uniu ao bando sublevado.
Integrouse na Lexión Estranxeira formando a XV Bandeira. Participou na batalla do Xarama e nunha fracasada operación de distracción previa á Batalla de Guadalaxara. Nestes combates morreron unha decena de homes, algúns por «lume amigo», e varios máis foron feridos. Con todo, a moral e a disciplina dos membros da brigada fóronse deteriorando, polo que o 13 de abril de 1937 Franco disolveuna. Na decisión tamén puido influír a negativa de O'Duffy a combater na Fronte Vasca porque non quería loitar contra outros católicos (o Euzko Gudarostea). A Brigada volveu a Irlanda en xuño de 1937.
Á iniciativa do xeneral O’Duffy responderan o IRA e o Partido Comunista de Irlanda coa formación da columna Connolly das Brigadas Internacionais, integrada por uns 200 voluntarios que combateron ao lado da República española.
Requetés Rusos Brancos
[editar | editar a fonte]«Unha vitoria do Exército [sublevado] non implicaría necesariamente unha vitoria de tipo político italiano ou alemán, mais unha vitoria dos roxos sería fatalmente unha vitoria da anarquía, con graves consecuencias para Francia e, xa que logo, para Europa, onde a forza do comunismo era xa enorme».
Houbo militares rusos tsaristas do antigo Movemento Branco (asentados en España e Francia tras a «emigración branca») que se sumaron ao carlismo, ao que eran moi afíns (así como para continuar a contrarrevolución internacional e a cruzada contra o bolxevismo). Na súa gran maioría pertencían á Unión Militar Rusa (organización militar de veteranos do Exército Imperial Ruso para apoio mutuo no exilio), aínda que tamén había recrutas doutras organizacións ou por iniciativa individual.[14] Moitos tiveron que cruzar a fronteira de Francia cara España e terminaron integrándose nas unidades militares dos requetés carlistas, sen maior autonomía. Isto debeuse a que houbo problemas financeiros para enviar destacamentos rusos propios, de 1000 soldados, baixo a bandeira do Rexemento Kornilov, así como outra oferta de integrar 800 oficiais experimentados ao exército de Franco (pois non había diñeiro para pagar as viaxes de rusos a España).[15] Terminaron sendo parte maiormente do Tercio Doña María de Molina.[14] Tamén había outras nacionalidades (como xeorxianos) entre estes voluntarios que incluían todos os pobos do antigo Imperio Ruso. Á súa vez, o xeneral e escritor Nikolai Shinkarenko propúxolle a Franco desenvolver unha Unidade de Voluntarios Rusos que fomentase o recrutamento de máis rusos brancos, pero Franco rexeitou a proposta porque había pouco máis de 100 rusos en combate.[15] Os anticomunistas rusos tamén loitaron na Lexión Estranxeira española e outras unidades do Exército Nacional.[14] Ao final das hostilidades os voluntarios rusos foron despedidos con títulos e premios, e outorgóuselles a nacionalidade española.
A intervención estranxeira en favor da República
[editar | editar a fonte]
No caso da República os combatentes estranxeiros tiveron unha organización xeral que deu lugar ás Brigadas Internacionais, polas que pasaría un total aproximado de 40 000 combatentes. O material de guerra que a República recibiu foi esencialmente soviético, con pequenas partidas de artillaría ou avións francesas, así como fusís e munición mexicanos. A Unión Soviética foi a única gran potencia que axudou realmente a República.
A Unión Soviética
[editar | editar a fonte]A prioridade dada á seguridade da Unión Soviética pódese comprobar tamén nun informe do vicexefe do servizo secreto militar soviético de principios de 1937 no que o seu autor (o comandante Anatoli Nikonov) afirmaba:[9]
«Unha vitoria dos fascistas en España pode crear as condicións para reforzar a agresividade de todos os Estados fascistas; en primeiro lugar e ante todo, da Alemaña hitleriana, afondando extraordinariamente o perigo de guerra en Europa, en especial dun ataque de Alemaña contra Checoslovaquia e outros países democráticos e dunha guerra contrarrevolucionaria contra a URSS».

A axuda soviética comezou case tres meses despois de empezar a guerra civil, mentres o que bando sublevado levaba recibindo subministracións regulares de Italia e de Alemaña desde o seu inicio. Grazas en parte a iso as forzas de Franco acumularan vitorias e estaban a piques de iniciar o asalto a Madrid. A situación cambiou cando Stalin decidiu intervir na contenda.
A primeira petición de axuda soviética (armamento e municións «de todo tipo e en grandes cantidades») fíxoa o goberno de José Giral inmediatamente despois do golpe de estado. Comunicouna a través do embaixador soviético en París porque non había embaixador en Madrid, malia que a República española estabelecera relacións diplomáticas coa Unión Soviética en xullo de 1933. Porén, Stalin non respondeu a petición por non pórse a mal con Reino Unido e Francia (partidarios da «non intervención»), con quen quería cooperar para frear a Alemaña nazi. Ademais, Stalin pensaba que axudar a República española podería dar a entender que tiñan razón quen dicían que tras o bando republicano estaba o «comunismo internacional». Por iso a URSS subscribiu o 22 de agosto o Pacto de Non Intervención.
Con todo, cando Stalin tivo pleno coñecemento da axuda que estaba a recibir o bando sublevado da Alemaña nazi e a Italia fascista concluíu que se a República española era derrotada aumentaría o poder das potencias fascistas en Europa. Aquilo suporía unha ameaza para a Unión Soviética (igual que para Francia, unha posíbel aliada). Así, o 14 de setembro de 1936 Stalin decidiu enviar material bélico á República española. Dous días despois xa estaba en funcionamento a Operación X a cargo de oficiais da NKVD (Comisariado do Pobo para Asuntos Internos) e o GRU (Servizo de intelixencia militar). Ademais, ordenou ao Komintern que organizase o envío de voluntarios, unha decisión que foi adoptada polo seu secretariado o 18 de setembro de 1936, que deu orixe ás Brigadas Internacionais.
Segundo Ángel Viñas, a República acabou por recorrer á axuda soviética como consecuencia da política de Non Intervención, pois non atopou alternativa viábel para defenderse ante a prohibición de importar armas e munición dos países asinantes do Pacto. O feito está en consonancia co testemuño do entón presidente da República, Manuel Azaña. Este xustificou a compra de armas á URSS co fin de «suplir a carencia doutros mercados en Europa e América. Sen esa circunstancia, a URSS non tería moito que facer na guerra de España».[1]
Segundo Denis Smyth, «a intervención de Stalin na guerra civil española non se debeu a un rexurdir do internacionalismo revolucionario na política exterior soviética. Ao contrario, a inxerencia soviética no conflito civil español tiña como obxectivo consolidar e quizais mesmo completar cunha alianza militar, o achegamento de Moscova ás potencias occidentais fronte á común ameaza do nazismo». Neste sentido son significativas as instrucións que o comisario de Asuntos Exteriores, Maxim Litvinov, deu a principios de setembro de 1936 ao novo embaixador soviético en Madrid, Marcel Rosenberg:
«Discutimos en reiteradas ocasións o problema da axuda ao goberno español despois da súa partida, pero chegamos á conclusión de que non era posíbel enviar nada dende aquí [...]. O noso apoio proporcionaría a Alemaña e Italia o pretexto para organizar unha invasión aberta e un abastecemento de tal volume que nos sería imposíbel igualalo [...]. Con todo, se se probase que malia a declaración de Non Intervención se segue a prestar apoio aos sublevados, entón poderíamos cambiar a nosa decisión».
Con todo, as verdadeiras razóns da intervención soviética disfrazáronse coa retórica internacionalista e antifascista. Así deuse moita publicidade ao telegrama que enviou Stalin a José Díaz, secretario xeral do PCE, en outubro de 1936, no que lle dicía:[16]
«Os traballadores da Unión Soviética non fan máis que cumprir co seu deber ao prestar toda a axuda que poden ás masas revolucionarias de España. Son plenamente conscientes de que a liberación de España do xugo dos reaccionarios fascistas non é unha preocupación exclusiva dos españois, senón a causa común de toda a humanidade progresista que mira o futuro».
O primeiro transporte soviético que chegou á España republicana foi o Neva. Procedente de Odesa, descargou en Alacant 2000 toneladas de alimentos o 25 de setembro de 1936 despois dunha travesía dunha semana. Pouco despois chegou o Kuban, do que se sospeitou que levaba fusís e municións. A primeira remesa marítima de envíos bélicos soviéticos partiu o 26 de setembro de 1936 de Crimea e arribou a Cartaxena o 4 de outubro. O primeiro transporte de armamento pesado (carros de combate cos seus tanquistas) foi o do Komsomol, que fondeou en Cartaxena o 15 de outubro. Oito días antes a URSS anunciara que se consideraría liberada das obrigas contraídas co Comité de Non Intervención se non cesaban as violacións do Pacto de Non Intervención por parte de Alemaña e de Italia en favor do bando sublevado. Dende aquela data os envíos da axuda soviética non cesaron.
Afirmouse que desde o 15 de outubro até o final de 1936 houbo 23 viaxes con armas en barcos soviéticos e 10 en buques doutra nacionalidade. Con todo, segundo a documentación atopada da Operación X (nome en clave da operación de subministración á España republicana), en 1936 só houbo 8 viaxes de buques soviéticos, 5 de mercantes españois e 2 de navíos estranxeiros. Segundo esa mesma documentación o material entregado á República sería de 623 avións (máis 4 avións de instrución UTI), 331 tanques, 60 carros blindados, 1228 pezas de artillaría, 15 008 metralladoras e 379 645 rifles. Estas cifras (en especial o número de avións, de tanques e de carros blindados) son notabelmente inferiores ás proporcionadas polos historiadores e militares franquistas Ramón Salas Larrazábal e Jesús Salas Larrazábal entre 1972 e 1974: 1111 avións, 900 tanques, 300 carros blindados, 1500 pezas de artillaría, 15 000 metralladoras e 540 000 rifles.
Por outra banda, Howson puntualiza que parte do material enviado polos soviéticos, especialmente as pezas de artillaría e os rifles, era vello e gastado. Até o 10 de agosto de 1937 non chegou ningún rifle soviético moderno, pois os enviados até entón proviñan de diversos países e eran de dez tipos e seis calibres diferentes. A primeira peza de artillaría moderna, os canóns antitanque de 45 mm, comezaron a chegar a finais de abril de 1937. Ademais, os canóns antiaéreos, a diferenza dos alemáns de 88 mm, non podían ser utilizados como artillaría de campaña.

Ao longo de outubro de 1936 chegaron 30 avións de bombardeo Tupolev SB. O 28 chegou un novo transporte con 25 cazas Polikarpov I-15. Estes 55 avións remitidos desde a URSS «equilibraron» relativamente a situación aérea e frearon temporalmente o dominio indisputado do aire do que gozaran os franquistas grazas ao volume e calidade da axuda aeronáutica italiana e xermana. O 29 de outubro de 1936 entraron en acción por primeira vez tanques rusos T-26 tripulados por soviéticos que atacaron a cabalaría franquista. En 1937 había 125 carros de combate soviéticos ao mando do xeneral soviético Dmitri Pávlov. O ano seguinte dous Tupolev SB pilotados por soviéticos bombardearon o acoirazado alemán Deustchland en augas de Eivisa. Resultaron mortos 22 tripulantes e houbo 75 feridos, dos que máis tarde morrerían 9.
O 12 de decembro de 1936 o cruceiro Canarias afundiu fronte a Orán o Komsomol cando realizaba a súa terceira viaxe a España levando material de guerra, aínda que o seu destino oficial era Gante (Bélxica). A súa carga declarada eran 7000 toneladas de mineral de manganeso, a forma máis frecuente de «camuflar» os mercantes soviéticos que se dirixían a España con material de guerra. Ademais, para sortear e confundir os barcos sublevados, ás veces ían acompañados de barcos soviéticos «inocentes» que nin se dirixían a España nin transportaban material de guerra. Isto creaba desesperación nas autoridades navais sublevadas que os detiñan e revisaban a carga, ao ter que deixalos marchar a continuación.
O Komsomol foi avistado en alta mar entre as costas de Alacant e de Alxeria polo cruceiro Canarias, que o obrigou a deterse. O capitán do barco soviético comunicouse co mando naval soviético no Mar Negro, que lle ordenou abrir as escotillas e afundir o barco e que a tripulación, 34 homes e 2 mulleres, ficase prisioneira do Canarias. Posiblemente a intención era poder demostrar que uns mariñeiros inocentes dun barco neutral estaban nun «cárcere fascista». Segundo a versión soviética posterior, isto foi o que sucedeu, e ademais de abrir as escotillas a tripulación incendiou o barco. Porén, segundo a versión do xefe da frota sublevada o Komsomol foi afundido polo Canarias de 56 canonazos ao sospeitar que o barco levaba armas. Por algún motivo os detalles do afundimento permaneceron en segredo na URSS. A realidade quizais demostraría a incapacidade soviética para defender a súa propia navegación ou revelaría o tráfico de armas.A axuda soviética nunca puido compensar a masiva intervención militar da Italia fascista e a Alemaña nazi debido á limitada capacidade da industria bélica soviética e ás dificultades loxísticas para os envíos dende a URSS a España. A diplomacia soviética razoaba internamente en agosto de 1936 que «a distancia que os separa de España fai moi difícil a posibilidade de prestar calquera forma de axuda militar». Segundo Enrique Moradiellos habería que engadir un segundo motivo para que a intervención soviética nunca igualase o bloque ítalo-xermano: as «razóns de orde política-estratéxica supremas que impelían a cautela e a evitación da guerra por razóns de seguridade do réxime soviético e das súas expostas fronteiras europeas e asiáticas». Así o recoñeceu o propio Stalin ao embaixador republicano en Moscova o verán de 1937. Esta é a mensaxe que enviou o embaixador Marcelino Pascua ao presidente da República Manuel Azaña:[9]
Terminantemente, [Stalin] reitéralle que aquí [en Moscova] non perseguen ningún propósito político especial. España, segundo eles, non está propicia ao comunismo, nin preparada para adoptalo, e menos para imporllo, nin aínda que o adoptase ou llo impuxesen podería durar, rodeado de países de réxime burgués, hostís. Pretenden impedir, opóndose ao triunfo de Italia e de Alemaña, que o poder ou a situación militar de Francia se debilite. [...] O Goberno ruso ten un interese primordial en manter a paz. Sabe de sobra que a guerra poría en grave perigo o réxime comunista. Necesitan anos aínda para consolidalo. Mesmo na orde militar están lonxe de lograr os seus propósitos. Escuadra, apenas teñen, e propóñense construíla. A aviación é excelente, segundo se proba en España. O exército de terra é numeroso, disciplinado e seica ben instruído. Pero non ben dotado en todas as clases de material. [...] Gran interese en non tropezar con Inglaterra.
Para pagar a axuda soviética o goberno de Largo Caballero ordenou transportar a Moscova unha parte importante das reservas de ouro do Banco de España, gardadas no arsenal da base naval de Cartaxena. Catro barcos soviéticos, escoltados pola frota republicana até as costas de Alxeria, transportaron as 500 toneladas de ouro desde Cartaxena, de onde partiron o 25 de outubro de 1936, até o porto de Odesa. A operación foi organizada por Kuznetsov.
A Unión Soviética carecía de frota no Mediterráneo, polo que a axuda á República no campo naval limitouse a unha trintena de oficiais da Armada soviética (con pseudónimos españois) encabezados polo capitán de navío Nikolái Kuznetsov. A máxima preocupación deste foi asegurar que os mercantes que traían o material bélico soviético desde o Mar Negro fosen escoltados pola mariña republicana para chegaren aos portos de destino. Estes asesores, segundo un informe confidencial elaborado cara o final da guerra para o presidente Negrín, eran considerados dentro da frota «hóspedes molestos que hai soportar con amabilidade. O mesmo ocorre na base naval de Cartaxena».

A misión defensiva da frota republicana case imposta por Kuznetsov (a propia da mariña soviética de entón) foi unha das razóns polas que na mariña republicana non se chegou a desenvolver unha mentalidade de combate agresiva como a que caracterizara a armada sublevada desde o principio do conflito.
A diferenza do que ocorreu co bando sublevado (que foi apoiado polas armadas italiana e alemá), a República só recibiu da URSS catro lanchas torpedeiras de clase G-5 que chegaron en maio de 1937 (por iniciativa de Kuznetsov). Pesaban 18 toneladas, alcanzaban os 35 nós e levaban 2 tubos lanzatorpedos e os seus mandos eran soviéticos con dotacións españolas adestradas pola URSS. Porén, a súa utilidade foi escasa, xa que foron estacionadas en Portmán, xunto a base de Cartaxena, á que a frota sublevada non se achegaba por temor ás baterías de costa. A única operación nas que foron protagonistas foi a que despois sería coñecida como a batalla de Cabo de Palos. Inicialmente ía consistir nunha rápida incursión das catro lanchas na base sublevada de Palma, pero frustrouse polo mal tempo e estas non saíron á mar.
As Brigadas Internacionais
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Brigadas Internacionais.


As Brigadas Internacionais non se formaron de xeito espontáneo como sostivo o Komintern. O 18 de setembro de 1936, a instancias de Stalin, o Secretariado da Komintern decidiu organizalas. Do recrutamento e dos aspectos organizativos encargáronse dirixentes do Partido Comunista Francés encabezados por André Marty, e o centro de recrutamento estabeleceuse en París. Pero moitos dos seus integrantes si foron verdadeiros «voluntarios da liberdade» (como dicía a propaganda republicana) chegados dende os países dominados por ditaduras e polo fascismo. Viñeron de Alemaña, Italia ou Polonia, pero tamén de países democráticos como Francia (que achegou o maior número de brigadistas, uns 9000), Reino Unido e Estados Unidos (co batallón Lincoln que chegou a finais de 1936). Este entrou en combate na batalla do Xarama en febreiro de 1937. Así pois, as Brigadas Internacionais non eran o «Exército da Komintern», como aseguraba a propaganda do bando sublevado, instrumento da política de Stalin. Un traballador inglés que se enrolou nas Brigadas Internacionais explicoulle así nunha carta á súa filla por que viñera combater a España:
«De todos os países do mundo, xente obreira coma min veu a España parar o fascismo. Así, aínda que estou a miles de millas de ti, estou loitando para protexerte a ti e a todos os nenos de Inglaterra, así como a xente de todo o mundo».

Hugh Thomas cifrou nuns 40 000 o número de brigadistas que combateron en España, moi lonxe dos 100 000 que daba a propaganda franquista para inchar a influencia do «comunismo internacional». Estudos máis pormenorizados e recentes sitúan a cifra en algo menos de 35 000, non moi lonxe por tanto da cifra estimada por Thomas. O que tamén está demostrado é que nunca houbo máis de 20 000 combatentes á vez e que morreron en combate uns 10 000.
O centro de adestramento situouse en Albacete e alí organizáronse as cinco brigadas numeradas da XI á XV. A XI, comandada polo xeneral soviético Kléber, e a XII, comandada polo escritor húngaro Máté Zalka, Lukács, tiveron un papel destacado na batalla de Madrid. Os voluntarios canadenses formaron o Batallón Mackenzie-Papineau (os Mac-Paps). Tamén houbo un pequeno grupo de pilotos estadounidenses que formaron o Escuadrón Yankee, liderado por Bert Acosta. Algúns brigadistas famosos, escritores e poetas como Ralph Fox, Charles Donnelly, John Cornford e Christopher Caudwell describirían as súas experiencias na fronte. Ademais dos brigadistas houbo uns 20 000 voluntarios en unidades médicas ou auxiliares.
En 1938 o número de brigadistas reduciuse ostensiblemente até aproximadamente un terzo. O 21 de setembro dese ano o presidente Negrín anunciou en Xenebra ante a asemblea xeral da Sociedade de Nacións a retirada inmediata e incondicional de todos os combatentes estranxeiros que loitaban no bando republicano coa esperanza de que o bando sublevado fixese o mesmo. O 28 de outubro desfilaron por última vez polas rúas de Barcelona as Brigadas Internacionais. Ao acto, encabezado polos presidentes da República, Manuel Azaña e do goberno Juan Negrín, asistiron unhas 250 000 persoas. Nesas mesmas datas Mussolini retirou uns 10 000 soldados do CTV «como xesto de boa vontade» cara o Comité de Non Intervención. Porén, uns 30 000 soldados italianos seguiron a combater en España até o final da guerra.

México e Arxentina
[editar | editar a fonte]México deu apoiou militar, diplomática e moral á causa republicana. Proveu ás forzas leais con 20 000 rifles, municións (fálase dun aproximado de 28 millóns de cartuchos), 8 baterías, algúns avións e comida. Así mesmo, creou asilos para preto de 25 000 españois republicanos e deu protección, teito e alimentación a miles de intelectuais, familias e nenos que chegaron ao porto de Veracruz.[12] Pola súa parte, Arxentina cooperou na evacuación de asilados cara Francia con dous buques da Armada Arxentina, o 25 de Mayo e o Tucumán. A embaixada arxentina en Madrid tamén axudou a salvar centos de civís que fuxían das represalias republicanas.
Francia
[editar | editar a fonte]
Mentres estivo no poder a Fronte Popular (até o 22 de xullo de 1937 e entre o 13 de marzo e o 10 de abril de 1938), Francia mantivo unha posición que o seu presidente, Léon Blum, cualificou de «non intervención relaxada». Iso significaba que o goberno francés permitía a entrada en España dalgúns materiais de guerra sempre que estivesen convenientemente camuflados. Con todo, só unha pequena parte procedía da propia Francia. As chegadas do material comprado noutros países foron intermitentes e pouco abundantes, agás entre o 17 de marzo e o 13 de xuño de 1938. Esas semanas Blum abriu a fronteira e Daladier, quen o sucedeu como primeiro ministro, mantívoa aberta ata que o Reino Unido o obrigou a pechala. Nese período puido entrar en España o material de guerra soviético que chegara a Bordeos por mar desde o porto ruso de Murmansk, no Ártico. Tres transportes soviéticos que chegaron a Bordeos tras o peche da fronteira puideron introducir o seu cargamento (90 cazas «Mosca») a España por estrada.
O goberno republicano comprou a Francia entre 222 e 270 avións, pero só 60 deles eran modernos. Todos se entregaron desarmados, sen medios para instalar as armas e sen pezas de recambio, pilotos adestrados nin artilleiros. Os outros eran avións militares obsoletos (fabricados a principios dos anos 1920), avións de instrución e avións civís sen ningunha utilidade militar.
O bando republicano organizou as operacións clandestinas de compra de armas desde París. Estiveron a cargo delas tres profesores de dereito que estaban alí ao principio da guerra (Fernando de los Ríos, Pablo de Azcárate e Luis Jiménez de Asúa), pero estes non tiñan ningunha experiencia comercial nin sabían de armamentos nin de avións. Creouse unha Comisión de Compras baixo a dirección do novo embaixador Luis Araquistáin. En febreiro de 1937 foi substituída por unha Oficina Técnica integrada por militares, por orde do ministro de Mariña e Aire Indalecio Prieto, responsábel da compra de armas.
Polonia
[editar | editar a fonte]A ditadura militar polaca Sanacja encabezada polo coronel Józef Beck simpatizaba co bando sublevado. De feito, chegoulles a vender varios cazas obsoletos ao principio da guerra. Porén, estaba necesitada de diñeiro para financiar o seu programa de rearmamento. Así, Polonia converteuse no segundo provedor de armas ao bando republicano despois da Unión Soviética. Con todo, o que Polonia vendeu a prezos exorbitantes foi chatarra. Incluíanse, entre outros, canóns de campaña e obuses antigos e gastados de 1905 sen equipo para transporte nin miras e con apenas munición para unha semana, vendidos ao prezo dos canóns modernos. O goberno polaco obtivo a cambio 40 millóns de dólares e a venda ocultouse a través dunha cadea de intermediarios. Segundo explicou un dos axentes polacos que participou na operación, «fomos capaces de restabelecer a solvencia do banco polaco vendendo lixo aos españois a prezos exorbitados».
Checoslovaquia
[editar | editar a fonte]Checoslovaquia, que era o maior exportador de armas do mundo, vendeu armas ao bando republicano. A operación, segundo Gerald Howson, constituíu «un dos capítulos máis escuros da historia da non intervención». Os xenerais checoslovacos que tiñan que aprobar as remesas de armas atrasaban a sinatura para iren cobrando sucesivas «comisións». Os envíos facíanse a través de Bolivia para non comprometer o goberno de Edvard Benes (que asinara o Acordo de Non Intervención), polo que tamén houbo que pagar subornos aos gobernantes bolivianos. Finalmente a URSS, tras negarse en varias ocasións, actuou como intermediaria e enviou as armas checoslovacas a España entre abril e maio de 1938 a través de Francia. Eran 50 000 rifles, 2000 metralladoras e 70 millóns de cartuchos. Foi a única remesa de armas de Checoslovaquia que chegou á España republicana.
Estados Unidos
[editar | editar a fonte]O presidente Roosevelt estabeleceu un «embargo moral» mediante o que os fabricantes e comerciantes de armas do país se absterían por vontade propia de abastecer ningún dos bandos. Con todo, o embaixador español en México, Félix Gordón Ordás, recibiu varias ofertas de armas dos Estados Unidos de América e do Canadá. Malia os obstáculos que puxeron varios bancos británicos e norteamericanos para as transferencias de divisas de México aos Estados Unidos de América, Gordón Ordás conseguiu enviar certo material bélico a España. Foron 20 avións civís, nove dos cales chegaron en xaneiro de 1938 ao porto de Le Havre (Francia) a bordo do mercante Ibai, xunto cunha remesa de armas procedente de Bolivia.
As compras máis útiles, realizadas polo tenente coronel Francisco León Trejo, foron unha serie de talleres móbiles Ford para o mantemento dos avións republicanos e 24 aeromotores F-54 Wright Cyclone que permitiron aumentar a potencia dos cazas «Mosca» I-16. A trama máis complexa foi a ideada para facer chegar a España 50 biplanos Grumman, 34 dos cales conseguiron ser levados a Francia. Tamén se compraron 3000 camións a General Motors, mentres que o bando sublevado conseguiu adquirir 12 000. Doutra banda, ao bando republicano prohibíuselle comprar aceite e petróleo en Estados Unidos de América, pero Texaco, Standard Oil e outras empresas vendéronlle ao bando sublevado todo o cru que necesitou.
Grecia
[editar | editar a fonte]Grecia mantivo relacións diplomáticas formais coa República, pero o réxime do 4 de agosto, a ditadura de Ioannis Metaxas, simpatizaba co bando sublevado. Grecia uniuse á política de non intervención en agosto de 1936, pero desde o principio o goberno grego consentiu a venda de armas a ambos bandos. O provedor oficial foi Pyrkal, ou Compañía Grega de Cartuchos e Pólvora (GPCC), e a personalidade clave detrás do acordo foi o seu director, Prodromos Bodosakis-Athanasiadis. A empresa aproveitou en parte o Plan Schacht anterior, un acordo de crédito xermano-grego que permitiu compras gregas a Rheinmetall-Borsig. Algúns dos produtos alemáns foron posteriormente reexportados á España republicana. Con todo, a GPCC tamén vendía as súas propias armas, xa que operaba varias fábricas. Grazas, en parte, ás vendas españolas, converteuse na maior empresa grega. A maior parte das vendas gregas foron para a República. Os acordos para España negociáronos Grigori Rosenberg, fillo dun coñecido diplomático soviético, e Máximo José Kahn Mussabaun, o representante español no consulado de Tesalónica. Os envíos partían xeralmente do Pireo en barcos camuflados e con bandeiras cambiadas, e tiñan como destino oficial distintos portos de México. Sábese que as vendas continuaron desde agosto de 1936 até polo menos novembro de 1938.
Descoñécese o número exacto de envíos, pero foi significativo. En novembro de 1937 declarouse que 34 barcos gregos non cumprían co acordo de Non Intervención e a mariña nacionalista apoderouse de 21 embarcacións só en 1938. Os detalles das vendas ao bando sublevado non están claros, pero sabíase que eran moitos menos. Algunhas fontes afirman que só en 1937 os envíos de GPCC ascenderon a 10,9 millóns de dólares para o bando republicano e 2,7 millóns para o bando sublevado e que a finais de 1937 Bodosakis asinou outro contrato co bando republicano por uns 10 millóns de dólares. Porén, non está claro se se chegou a entregar a munición contratada. As armas vendidas incluíron artillaría (como 30 pezas de canóns de 155 mm), metralladoras (polo menos 400), cartuchos (polo menos 11 millóns), bombas (polo menos 1.500) e explosivos (polo menos 38 toneladas de TNT).
O financiamento da guerra e o «Ouro de Moscova»
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Ouro de Moscova.
A República financiou a guerra coas reservas de ouro do Banco de España que enviou á Unión Soviética (o que a propaganda franquista chamou o «ouro de Moscova»), agás unha cuarta parte que foi vendida a Francia (o «ouro de París», do que a propaganda franquista nunca falou).
Ese «ouro de Moscova» estaba destinado ao pago do armamento adquirido a Rusia e outros países que debeu abonarse en todos os casos. Porén, as entregas alemás e italianas ao bando sublevado eran gratis ou con pago diferido en mercadorías. O ouro saído cara Moscova estimouse en 510 toneladas, cun valor de 530 millóns de dólares da época.
A República e o «Ouro de Moscova»
[editar | editar a fonte]O goberno republicano contaba coas reservas de ouro do Banco de España, que foron vitais para soster o esforzo bélico. Gardadas nos sotos do edificio principal do Banco de España na praza da Cibeles de Madrid, ascendían a 707 toneladas en lingotes e moedas cun valor aproximado entón de entre 783 e 805 millóns de dólares. Constituía unha das principais reservas de ouro do mundo.
O 21 de xullo de 1936, catro días despois do golpe de Estado, o ministro de Facenda do goberno de Azaña ordenou o envío urxente a París en avión dunhas 40 toneladas de ouro. O Tesouro republicano obtivo por elas 507 millóns de francos que serviron para comprar armas e municións antes que o Acordo de Non Intervención se puxese en marcha. O 12 de setembro, cando as tropas sublevadas se achegaban a Madrid, o goberno de Largo Caballero decidiu por unanimidade sacar da capital as reservas de ouro do Banco de España para que non caesen en mans do bando sublevado. A operación foi organizada polo ministro de Facenda do novo goberno, Juan Negrín, quen oito meses despois pasaría a presidilo. Este comunicoulle ao presidente do Banco de España, o exministro republicano Lluís Nicolau d'Olwer que o destino do ouro serían as polvoreiras de La Algameca, na base naval de Cartaxena. Os conselleiros do Banco opuxéronse á medida e os poucos que quedaban leais á República tamén se pasaron ao bando sublevado. Formaron o Consello do Banco de España nacional, con sede en Burgos, baixo a presidencia do subgobernador do banco no momento da sublevación, Pedro Pan. Os últimos lingotes e sacos de moedas chegaron a Cartaxena o 21 de setembro, en total, 560 toneladas de ouro.
Endureceuse a política de «non intervención», que afectaba sobre todo a República, xa que as potencias fascistas seguían fornecendo axuda a Franco. Ante a decisión da Unión Soviética de acudir en axuda da República, o presidente Largo Caballero solicitou o 15 de outubro de 1936 ao embaixador soviético Marcel Rosenberg que o Goberno soviético aceptase o depósito en Moscova baixo a custodia do goberno soviético da maioría do ouro gardado en Cartaxena, un total de 510 toneladas. Catro barcos soviéticos transportárono ao porto de Odesa e de alí chegou en tren a Moscova a comezos de novembro de 1936.
A oportunidade e o acerto da decisión de depositar en Moscova a maior parte das reservas de ouro do Banco de España foi obxecto de polémica. Algunhas fontes afirman (seguindo fundamentalmente as investigacións de Ángel Viñas) que o goberno republicano non tiña outra opción, debido á hostilidade que mostraran cara a República os bancos de Reino Unido e Francia (a outra alternativa). A Unión Soviética era a única que garantía armamento e alimento a cambio de ouro. Pola contra, Pablo Martín-Aceña, investigador especializado no financiamento da Guerra civil, cre que o goberno da República decidiu con precipitación antes de explorar outras opcións, como Francia e mesmo os Estados Unidos.
A propaganda franquista dixo que o ouro do Banco de España (que chamou o «ouro de Moscova») fora roubado pola República e entregado a Stalin sen contrapartidas. Ángel Viñas concluíu que o depósito de ouro se esgotou menos dun ano antes do final da Guerra Civil e gastouse integramente en pagos de armamento, incluíndo os custos da operación. Autores como Martín-Aceña ou Olaya Morales critican os modelos hipotéticos de Viñas, que na súa opinión carecen de probas que os validen ao cento por cento, polo que polo momento resulta imposíbel afirmar se foi así. Se, efectivamente, o depósito de ouro foi integramente vendido á URSS, fica sen responder a cuestión do gasto de todas as divisas xeradas pola venda do ouro e transferidas á Banque Commerciale de l'Europe du Nord de París, xa que non se atopou ningún documento, soviético ou español, referente a tales operacións. Martín-Aceña conclúe que a investigación do ouro non está completamente pechada.[1]
Unha terceira parte do produto da venda quedou na URSS para liquidar as subministracións bélicas enviados a España e saldar diversas compras e gastos. As outras dúas foron transferidas a París á Banque Commercial pour l'Europe du Nord. Pola súa banda, o Banco de Francia adquiriu 174 toneladas de ouro, unha cuarta parte do total das reservas, polas que pagou á Facenda republicana 195 millóns de dólares. En total, entre o «ouro de Moscova» (tres cuartas partes das reservas do Banco de España) e o «ouro de París» as autoridades republicanas obtiveron 714 millóns de dólares, o custo financeiro da guerra civil para a República. En Rusia non quedou nada do ouro español e as reservas estaban practicamente esgotadas no verán de 1938. O problema foi que debido á política de «non intervención» en moitas ocasións a República foi estafada polos traficantes de armas, que lle venderon equipos obsoletos a prezos moito maiores do custo real. Os gobernos republicanos tamén foron estafados pola propia URSS, como sinalou Gerald Howson, ou por Polonia e outros países que abusaron da precaria situación republicana para venderlles «chatarra bélica». Howson tamén afirma que a documentación dos Arquivos Militares Rusos estudada por el revela, así mesmo, que a base de alterar o tipo de cambio de rublo a dólar por cada un dos artigos que enviaba, a URSS estafoulle á República española millóns de dólares, probablemente até 51 millóns de dólares só en vendas de armas.
O bando sublevado
[editar | editar a fonte]Como o bando sublevado non contaba con ouro, a maior parte do custo da guerra (uns 700 millóns de dólares, unha cantidade similar á gastada pola República) foi sufragada mediante créditos obtidos de Italia e de Alemaña. Italia concedeu entre 413 e 456 millóns de dólares, mentres que Alemaña deu 240 millóns. A Alemaña nazi cobrou parte do material de guerra con alimentos, materias primas e mineral españois. Estes chegaban a Alemaña a través de dúas compañías creadas con tal fin que tiñan o monopolio do comercio entre ambos países: a Sociedad Hispano-Marroquí de Transportes (con sede no Protectorado Español de Marrocos) e a ROWAK (a súa contraparte alemá), con sede en Berlín e baixo o control absoluto de Hermann Göring, quen ao parecer ideou todo o sistema de pago "en especie". A forma de devolver os créditos foi aumentar as exportacións cara Alemaña e Italia, que substituíron a Francia e Reino Unido como os primeiros clientes de España. Cando acabou o conflito, Alemaña era o primeiro socio comercial de España.
O bando sublevado tamén obtivo axuda económica e financeira de empresas e persoas de negocios de Reino Unido, Francia e os Estados Unidos. A compañía británica das minas de Río Tinto en Huelva vendeu o mineral ao conglomerado alemán HISMA-ROWAK. Pola súa parte, a empresa norteamericana Texaco e a británica Shell venderon petróleo a crédito ao bando sublevado durante toda a guerra. Sen el a maquinaria de guerra do exército de Franco non funcionaría, pois Italia e Alemaña, como España, dependían do petróleo angloamericano para as súas subministracións. O bando sublevado recibiu 3 500 000 toneladas de petróleo a crédito, máis do dobre do que conseguiu a República. Ademais, algúns deses magnates do petróleo entorpeceron o comercio cara a República e bloquearon os créditos ao seu sistema bancario. Así mesmo, o bando sublevado contou coa axuda financeira de españois ricos como Joan March, quen achegou 15 millóns de libras esterlinas, e do exrei Afonso XIII, quen doou 10 millóns de dólares.
Debate sobre a dimensión internacional da guerra civil
[editar | editar a fonte]Segundo Enrique Moradiellos, durante a propia guerra e despois dela fóronse definindo dúas respostas diferentes, unha por cada bando, ao papel da intervención estranxeira no desenvolvemento e o final da guerra. Para a maior parte dos protagonistas do bando republicano (e para gran parte de historiadores pro-republicanos), a intervención alemá e italiana (e, en menor medida, a portuguesa) en favor dos militares sublevados en España adquiriu unha entidade inmensurabelmente maior en cantidade, calidade e oportunidade temporal da que caracterizou a axuda externa lograda polo goberno republicano. Tivo ademais un impacto transcendente e crucial na derrota militar absoluta do bando republicano e na vitoria do bando sublevado.
A versión franquista, formulada durante a guerra e con notábeis partidarios na historiografía, é antagónica á republicana. Segundo esta, a intervención da Italia fascista, da Alemaña nazi e do Portugal salazarista, tanto en volume como en calidade e regularidade, non só non foi maior, senón que foi algo inferior á que recibiu a República de orixe francesa, soviética, mexicana ou checoslovaca. A súa contribución ao curso e desenlace da guerra foi secundaria e en ningún caso vital, xa que ambas axudas neutralizáronse mutuamente pola súa equiparación e práctica igualdade en todos os planos.
Cal dos bandos recibiu máis axudas do exterior (cualitativa e cuantitativamente)?
[editar | editar a fonte]Esta é unha das grandes polémicas sobre a historia da guerra civil española. As fontes máis favorábeis ao bando vencedor sempre sostiveron que as axudas en material de guerra e outras subministracións foron similares. Porén, co paso do tempo e a análise dos feitos, considérase indubidábel que o material que recibiu o bando sublevado e a axuda efectiva do nazismo e o fascismo foron moito máis acaídas aos obxectivos perseguidos que todo o aparello do material, os combatentes e os conselleiros soviéticos no bando republicano. Independentemente das axudas en soldados ao bando sublevado que se materializaron na Lexión Cóndor alemá (uns 6000) e o Corpo di Truppe Volontarie italiano (un máximo de 40 000), máis pequenos continxentes de combatentes portugueses e irlandeses, a entidade da axuda foi importante en canto a armamento: avións (1359), carros de combate (260), artillaría (1730 canóns), fusís (en menor cantidade) e municións.
No caso republicano os combatentes estranxeiros tiveron unha organización xeral que deu lugar ás Brigadas Internacionais, polas que pasou un total aproximado de 40 000 combatentes. O material de guerra que a República recibiu foi esencialmente soviético, con pequenas partidas francesas de artillaría ou avións e fusís e munición mexicanos. O problema da avaliación cuantitativa desas entregas de armamento segue en pé, así como a valoración da súa utilidade. En calquera caso é un feito a superioridade aérea do bando sublevado en escenarios e accións fundamentais, como a guerra no norte ou a batalla do Ebro, e a súa maior eficacia artilleira. No conxunto, as aviacións alemá e italiana foron moito máis eficaces.
Julián Casanova afirma que no bando sublevado loitaron máis de 100 000 estranxeiros ao longo da guerra (78 000 de Italia, 19 000 de Alemaña, 10 000 de Portugal e máis de mil voluntarios doutros países) aos que habería que sumar os 70 000 marroquís dos Regulares do Exército de África. En cambio, polo bando republicano loitaron 35 000 voluntarios nas Brigadas Internacionais e 2000 militares da URSS, dos que 600 eran asesores non combatentes. Así, conclúe que «fronte o mito do perigo comunista e revolucionario o que realmente chegou a España a través dunha intervención militar aberta foi o fascismo». En canto ao material bélico, afirma que o que entrou na España republicana foi inferior ao recibido polo bando sublevado e de peor calidade.
Enrique Moradiellos, pola súa banda, demostrou que os primeiros meses da guerra a axuda ítalo-xermana ao bando sublevado foi moi superior á que recibiu o bando republicano. Por exemplo, a principios de setembro de 1936 o bando sublevado recibira 141 avións de combate (73 procedentes de Alemaña e 56 de Italia), mentres que a República lograra importar 60 aparellos de diversa procedencia (a metade civís e desarmados). Por tanto, en contra do sustentado pola historiografía franquista e revisionista, a chegada da axuda soviética á República en outubro de 1936 (xunto coa das Brigadas Internacionais) non rompeu un equilibrio de xeito masivo, «senón que tratou de estabelecelo por primeira vez». Os 55 aparellos soviéticos que chegaron ao longo de outubro equilibraron relativamente a situación aérea e acoutaron por un tempo o dominio indisputado do aire do que gozara o bando sublevado grazas á axuda aeronáutica de Italia e Alemaña. Porén, a resposta que deron inmediatamente eses dous países volveu romper ese equilibrio precario, pois superou con moito, tanto en cantidade como en calidade, as remesas soviéticas.
A partir do 6 de novembro de 1936 Hitler comezou a enviar unha unidade aérea completa, a Lexión Cóndor. Esta chegou a contar cunha forza regular de 140 avións permanentes aos que asistían un batallón de 48 823 tanques e outro de 60 canóns antiaéreos. Os seus efectivos alcanzaban os 5600. Pola súa banda, Mussolini remitiu a España durante decembro de 1936 e até inicios de xaneiro de 1937 un auténtico corpo de exército expedicionario: o Corpo di Truppe Volontarie. O seu número chegaría ao máximo a mediados de febreiro de 1937 con 48 823 efectivos da Milicia e do Exército. En canto ao material militar, con data de 1 de decembro de 1936 Italia remitira a Franco 118 avións de combate militar, mentres que Alemaña enviara 162 aparellos.
Segundo Enrique Moradiellos, esta masiva intervención militar de Italia e Alemaña a prol de Franco (completada pola medida diplomática do recoñecemento de iure o 18 de novembro de 1936) supuxo un «punto de non retorno» na intervención estranxeira no conflito. Considera que rompeu «de xeito xa irreversíbel o precario equilibrio logrado tras a arribada da axuda militar soviética». A reactivación dos envíos italianos e xermanos adoptou un patrón de proporción e regularidade que non puido (nin quixo) ser compensado polas posteriores remesas soviéticas. Stalin non quería arriscarse a que un incremento notábel da intervención en España puidese pór en risco a seguridade do réxime soviético e das súas expostas fronteiras europeas e asiáticas. Así pois, mantívose o desequilibrio, como o demostra a notábel diferenza dos avións enviados a un e outro bando polos seus respectivos aliados.
Segundo Gerald Howson, o bando republicano tivo dispoñíbel durante a guerra unha forza aérea de combate efectiva «de entre 950 e 1060 aparellos, dos cales 676 (ou como máximo 753) procedían da Unión Soviética». Pola súa parte, o bando sublevado dispuxo de «1429-1539 aparellos, dos cales 1321-1431 procedían de Alemaña e Italia». Así o facía constar a finais de xaneiro de 1939 o representante británico ante a República nun informe confidencial para o seu goberno:
«A artillaría estaba reducida a menos de doce canóns por división e estes estaban desgastados polo uso constante. En aviación, a inferioridade do goberno era aproximadamente dun avión por cada seis inimigos. Non tiñan sequera suficientes metralladoras».
O mesmo desequilibrio dábase en canto ao número de combatentes estranxeiros. Mussolini remitira a España para combater co bando sublevado (sen ningún carácter «voluntario») 72 775 combatentes (43 129 do Exército e 29 646 da Milicia), ademais dos 5699 da Aviazione Legionaria, un total de 78 474. Hitler, pola súa banda, enviou uns 19 000 soldados en rotación cunha alta especialización e adestramento. Sumados aos 700 voluntarios católicos irlandeses do xeneral Eoin O'Duffy e os 10 000 Viriatos portugueses fan un total de 108 000 combatentes. Non se inclúen aquí os 70 000 marroquís que tomaron parte na guerra como integrantes das Tropas de Regulares Indíxenas, dificilmente clasificábeis como «españois» por motivos obvios.
En canto ao bando republicano só se poden contabilizar os 2000 asesores e tropas especiais soviéticas e os arredor de 35 000 integrantes das Brigadas Internacionais (nunca houbo máis de 12 000-15 000 ao mesmo tempo). O total de 37 000 combatentes é unha cifra moi inferior aos máis de 100 000 que loitaban no bando sublevado sen contar os 70 000 marroquís enrolados nos regulares.
Foi decisiva na derrota da República a política de «non intervención»?
[editar | editar a fonte]A maioría das fontes consideran que a política de «non intervención» prexudicou moito máis á República ca ao bando rebelde. A axuda da Unión Soviética á República non só non puido compensar a axuda nazi e fascista ao bando sublevado, senón que ademais estivo condicionada aos seus propios intereses. En opinión de Julio Aróstegui:
«non se concederon os dereitos de belixerancia a Franco no curso da guerra, pero a cambio diso negouse o dereito a un goberno lexítimo como era o da República a adquirir armas para enfrontar unha sublevación. [...] A República perdeu a guerra desde o momento en que na escena internacional non se lle deixou actuar como un país soberano e foi considerada por certas potencias como un perigo. A posición de Gran Bretaña é paradigmática e a actitude do conservadorismo británico [no poder cando estala o conflito español], non xa negando axuda senón impedíndoa, atópase estreitamente relacionada coa derrota republicana».
Segundo Enrique Moradiellos, «sen o asfixiante embargo de armas imposto pola política europea de Non Intervención e a consecuente inhibición das grandes potencias democráticas occidentais, co seu gravoso efecto na capacidadd militar, situación material d fortaleza moral, é altamente improbábel que a República sufrise unha caída interna e unha derrota militar tan total, completa e sen paliativos». Así o recoñecía o agregado militar británico en España nun informe confidencial de finais de 1938 enviado ao seu goberno:[9]
Fose cal for o propósito imparcial e benévolo do Acordo de Non Intervención, as súas repercusións no problema de abastecemento de armas das forzas republicanas foron, para dicir o mínimo, funestas e sen dúbida moi distintas do que se pretendía. A axuda material de Rusia, México e Checoslovaquia (á República) nunca se equipararou en cantidade ou calidade coa de Italia e Alemaña (ao xeneral Franco). Outros países, con independencia das súas simpatías, víronse refreados pola actitude de Gran Bretaña. Nesa situación, as armas que a República puido comprar noutras partes foron poucas, por vías dubidosas e xeralmente ao agacho. O material bélico así adquirido tivo que ser pagado a prezos altísimos e utilizado sen a axuda de instructores cualificados no seu funcionamento. Tales medios de adquisición danaron severamente os recursos financeiros dos republicanos.
O presidente da República Manuel Azaña, desde o exilio, considerou como o primeiro inimigo da República a Reino Unido pola súa adhesión ao embargo de armas prescrito pola política de Non Intervención, por diante mesmo da intervención armada de Italia e Alemaña. Esta mesma apreciación compartíaa, desde o outro lado, o monárquico Pedro Sainz Rodríguez, ministro de Educación do primeiro goberno de Franco:
«moitos españois, desorientados pola propaganda anti-inglesa do réxime de Franco, cren de boa fe que conseguimos a nosa vitoria exclusivamente pola axuda italiana e alemá; eu teño a convicción de que, aínda que esta contribuíu, a razón fundamental pola que gañamos a guerra foi a actitude diplomática de Inglaterra, que se opuxo a unha intervención en España».
Así pois, segundo Moradiellos, «a inhibición de Francia respecto da sorte da República e o compromiso estritamente neutralista de Gran Bretaña (para citar só as dúas grandes potencias democráticas occidentais)» foi determinante no resultado do conflito.
Gerald Howson constatou as enormes dificultades que tivo a República para adquirir armamento. Esta foi decote vítima de estafas por parte de comerciantes de armas e de gobernos como o de Polonia, que lle vendeu chatarra a prezos desorbitados. Howson afirmou:
«Parece evidente que o argumento segundo o cal a non intervención tivo pouca ou ningunha repercusión no resultado da guerra é inxustificable. Ao contrario, o seu efecto nas filas republicanas foi devastador materialmente porque tivo como resultado que conseguisen tan só unha pequena fracción do que necesitaban para unha guerra defensiva, por non falar da ofensiva, e moralmente porque puxo os republicanos desde o principio na posición de derrotados potenciais. [...] Todos os gobernos, con excepción do mexicano, que estiveron involucrados dun modo ou outro na Guerra Civil española comportáronse dun modo vergoñoso...».
Foi decisiva na vitoria sublevada a intervención da Alemaña nazi e a Italia fascista?
[editar | editar a fonte]O bando vencedor sostivo que a intervención italiana e alemá, cando non a negaron, foi unha resposta posterior á intervención soviética, polo que o seu papel no triunfo do bando sublevado sobre o bando republicano foi só relativa. Esta tese franquista foi recuperada polo autor revisionista Pío Moa, quen afirma:[17]
«Franco, en gran inferioridade material, estivera moi preto de resolver a contenda nuns cantos meses, e estivera tamén moi preto de ser aniquilado finalmente. O resultado foi decisivo noutro sentido: a guerra volveuse inevitabelmente longa, as columnas pouco numerosas do principio cederon o paso a unha mobilización masiva na que cada bando chegou a recrutar máis dun millón de soldados (máis os roxos cós nacionais), a afluencia de material estranxeiro fíxose moito máis abundante e sostida, e as Brigadas Internacionais foron respondidas coa Lexión Cóndor e os voluntarios italianos do CTV.
Polo resto da loita, as intervencións estranxeiras mantivéronse bastante parecidas, con desequilibrios parciais nun ou outro momento, nunca decisivos».
Julián Casanova defende que a intervención alemá e italiana foi decisiva para a vitoria dos militares sublevados contra a República. Para apoiar a súa tese cita o comentario que lle fixo Hitler a Galeazzo Ciano, ministro de Asuntos Exteriores italiano e xenro de Mussolini en setembro de 1940, tres meses despois de derrotar a Francia:
«Italia e Alemaña fixeron moito por España en 1936... Sen a axuda de ambos países non existiría Franco hoxe».
Esa mesma tese deféndea Michael Alpert. Afirma que «a abundancia de material de que dispuxo o Xeneralísimo [Franco], sobre todo de aviación e de artillaría de grandes calibres» que obtivo da axuda italiana e alemá foi «a maior causa da derrota da República». Cita ao xeneral Rojo, quen en marzo de 1938, tras a caída da fronte de Aragón, escribía:
«A verdadeira causa de debilidade atópase no estado de inferioridade dos nosos medios materiais e especialmente da aviación».
Enrique Moradiellos tamén lle concede un carácter crucial á axuda de Italia e Alemaña.
«Sen a constante e sistemática axuda militar, diplomática e financeira prestada pola Alemaña de Hitler e a Italia de Mussolini, é ben difícil crer que o bando liderado polo xeneral Franco puidese obter a súa rotunda vitoria absoluta e incondicional. Para empezar, sen a oportuna axuda nazi e fascista na última semana de xullo de 1936: como se recuperaron os insurxentes do trauma que supuxo o inicial fracaso do golpe militar faccional (literalmente: a cargo dunha facción do Exército) en case a metade do país, incluíndo o seu capital e as súas zonas máis densamente poboadas e industriais?».
Moradiellos achega dous testemuños para sustentar a súa tese. O primeiro é un informe confidencial elaborado para o seu goberno polo agregado militar británico en España a finais de 1938 no que se dicía: «É case superfluo recapitular as razóns [da vitoria do xeneral Franco]. Estas son, en primeiro lugar, a persistente superioridade material durante toda a guerra das forzas nacionalistas en terra e no aire, e, en segundo lugar, a superior calidade de todos os seus cadros até hai nove meses ou posiblemente un ano». O segundo é outro informe remitido a Berlín tras a ocupación de Cataluña en febreiro de 1939 polo embaixador alemán ante Franco, Eberhard von Stohrer: «a explicación da decisiva vitoria de Franco reside na mellor moral das tropas que loitan pola causa nacionalista, así como na súa gran superioridade no aire e na súa mellor artillaría e outro material de guerra».
O historiador militar José García Rodríguez, xeneral de brigada retirado do Exército do Aire, é categórico:
«Coa falta do reforzo incesante dos Gobernos alemán e italiano, os rebeldes estaban perdidos. Así, o réxime de Franco reduciuse a un intento máis e non máis memorábel cás anteriores no proceso cara a estabilización da democracia. O factor internacional entrou de feito en xogo e todo terminou en catástrofe».
Notas
[editar | editar a fonte]- 1 2 3 Hochschild, Adam (2018). España en el corazón: La historia de los brigadistas americanos en la Guerra Civil Española (en castelán). Malpaso Ediciones SL. ISBN 9788417081799.
- ↑ Moradeillos García, Enrique (maio 2003). "Las razones de una crítica histórica: Pío Moa y la intervención extranjera en la Guerra Civil española". El Catoblepas (15): 11.
- ↑ Aróstegui, 1997, p. 40
- ↑ Aróstegui, 1997, p. 60
- ↑ Casanova, 2007, pp. 261-262.
- ↑ Casanova, 2007, pp. 273-274.
- ↑ Casanova, 2007, pp. 262-263; 279.
- 1 2 Casanova 2007, p. 268.
- 1 2 3 4 5 Moradiellos 2003.
- ↑ Alpert 1996, p. 127.
- 1 2 Alpert 1987.
- 1 2 Chomsky, Noam (2017). Estados fallidos: el abuso de poder y el ataque a la democracia (en castelán). Barcelona: Ediciones B. ISBN 9788490703823.
- ↑ "La historia olvidada de la pirámide fascista italiana de Burgos". elDiario.es. 18 de decembro de 2021.
- 1 2 3 "ИЗ ПУТ" (en ruso).
- 1 2 Berrueta Magariño, Julen (novembro de 2023). "Shinkarenko, de perder la guerra civil en Rusia a ganarla en España". JotDown (en castelán). Consultado o 17 de decembro de 2025.
- ↑ Smyth 2001, p. 158-159.
- ↑ Moa, Pío (2003). Los mitos de la guerra civil. La Esfera de los Libros.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Alpert, Michael (1987). La guerra civil española en el mar (en castelán). Madrid: Siglo XXI. ISBN 84-323-0609-6.
- Alpert, Michael (1996). "La historia militar". En Stanley Payne y Javier Tusell. La guerra civil. Una nueva visión del conflicto que dividió España (en castelán). Madrid: Temas de Hoy. ISBN 84-7880-652-0.
- Aróstegui, Julio (1997). La Guerra Civil. La ruptura democrática, (en castelán). Madrid: Historia 16. ISBN 84-7679-320-0.
- Balfour, Sebastian (1999). Spain and the Great Powers in the Twentieth Century (en inglés). Routledge. ISBN 978-0415180788.
- Barbieri, Pierpaolo (2015). Hitler’s shadow empire: Nazi economics and the Spanish Civil War (en inglés). Cambridge e Londres: Harvard University Press. ISBN 9780674728851.
- Bosworth, R. J. B. (2009). The Oxford Handbook of Fascism (en castelán). Oxford University Press. ISBN 9780199594788.
- Casanova, Julián (2007). República y Guerra Civil (Vol. 8 de la Historia de España, dirixda por Josep Fontana e Ramón Villares) (en castelán). Barcelona: Crítica/Marcial Pons. ISBN 978-84-8432-878-0.
- Elorza, Antonio; Bizcarrondo, Marta (1999). Queridos camaradas. La Internacional Comunista y España, 1919-1939 (en castelán). Barcelona: Planeta. ISBN 84-08-02222-9.
- García Rodríguez, José (2013). Conspiración para la Rebelión militar del 18 de julio de 1936 (del 16 de febrero al 17 de julio) (en castelán). Madrid: Sílex. ISBN 978-84-7737-748-1.
- Howson, Gerald (2000). Armas para España. La historia no contada de la guerra civil española (en castelán). Barcelona: Ediciones Península. ISBN 978-84-8307-304-9.
- Howson, Gerald (2001). "Los armamentos: Asuntos ocultos a tratar". En Paul Preston. La República asediada. Hostilidad internacional y conflictos internos durante la Guerra Civil (en castelán). Barcelona: Ediciones Península. pp. 375–415. ISBN 84-8307-400-1.
- Kowalsky, Daniel (2004). "La Unión Soviética y las Brigadas Internacionales" (PDF). Ayer (en castelán) 4 (56): 93–120. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 21 de xuño de 2012.
- Manrique García, José María; Molina Franco, Lucas (2006). Las armas de la Guerra Civil Española (en castelán). Madrid: La Esfera de los Libros. ISBN 978-84-9734-475-3.
- Martín-Aceña, Pablo (2001). El Oro de Moscú y el Oro de Berlín (en castelán). Madrid: Taurus. ISBN 84-306-0448-0.
- Moradiellos, Enrique (maio 2003). "Las razones de una crítica histórica: Pío Moa y la intervención extranjera en la Guerra Civil española". El Catoblepas (en castelán) (15): 11.
- Murillo Fuentes, Miguel (2022). Guerra Civil. El papel de la Alemania nazi (en castelán). Almería: Círculo Rojo. ISBN 978-84-1128-920-7.
- Olaya Morales, Francisco (2004). El expolio de la República. De Negrín al Partido Socialista, con escala en Moscú: el robo del oro español y los bienes particulares (en castelán). Barcelona: Belacqua. ISBN 84-95894-83-1.
- Roussillon, Sylvain (2021). Los Voluntarios internationales de Franco (en castelán). Madrid: Homo Legens. ISBN 978-84-18162-58-9.
- Smyth, Denis (2001). "'Estamos con vosotros': Solidaridad y egoísmo en la política soviética hacia la España republicana, 1936-1939". En Paul Preston. La República asediada. Hostilidad internacional y conflictos internos durante la Guerra Civil (en castelán). Barcelona: Península. pp. 155–183. ISBN 84-8307-400-1.
- Stradling, R. A. (2001). "Campo de batalla de las reputaciones: Irlanda y la Guerra Civil Española". En Paul Preston. La República asediada. Hostilidad internacional y conflictos internos durante la Guerra Civil (en castelán). Barcelona: Península. pp. 185–224. ISBN 84-8307-400-1.
- Thomas, Hugh (1976). La Guerra Civil española (en castelán). Barcelona: Grijalbo. ISBN 978-84-9908-087-1.
- Viñas, Ángel (2010). "Inglaterra y el Frente Popular". En Manuel Ballarín e José Luis Ledesma. La República del Frente Popular. Reformas, conflictos y conspiraciones (en castelán). IV Encontro “Historia y Compromiso” (Zaragoza, decembro de 2008). Zaragoza: Fundación Rey del Corral de Investigaciones Marxistas. pp. 21–34. ISBN 978-84-613-6121-2.