Saltar ao contido

Intercambio de claves Diffie-Hellman

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O protocolo de intercambio de claves Diffie-Hellman foi o primeiro algoritmo de clave pública. Foi desenvolvido por Whitfield Diffie e Martin Hellman en 1976, e baséase nas propiedades dos logaritmos discretos. É un protocolo de intercambio de clave simétrica, é dicir, emprégase para acordar unha clave común, K, entre interlocutores, pero non para cifrar e descifrar. Utilízase cando a canle de comunicacións para intercambiar a clave simétrica non é segura.[1]

Descrición do algoritmo

[editar | editar a fonte]

Definición matemática xeral

[editar | editar a fonte]

Sexa G un grupo multiplicativo e sexa g∈G un xerador de G. Tense que o par (G,g) é a clave pública e que a clave privada é un enteiro aleatorio que selecciona cada individuo e que manteñen en segredo. Sexa a∈G o enteiro que selecciona un individuo e b∈G o enteiro que selecciona o outro. Cada un envíalle ao outro x=ga ou y=gb, respectivamente. Deste xeito, cada un deles pode obter a clave K de forma independente, pois, facendo as operacións dentro do grupo, tense que K=ya=gab=xb.[2]

Definición habitual

[editar | editar a fonte]

Como caso particular, adóitase empregar como grupo multiplicativo o grupo ℤp, con p primo. É dicir, o grupo é o conxunto de números comprendidos entre 0 e p−1, ambos incluídos. Como xerador, utilízase un g∈ℤp. Así, o par (p,g) é a clave pública. Agora, cada usuario escolle un número aleatorio dentro do grupo, a e b, e envíalle ao outro usuario, x=ga(modp) e y=gb(modp), respectivamente. Para obter a clave K, cada un deles ten que facer, respectivamente, a operación K=ya(modp) e K=xb(modp).[2]

Intercambio de claves mediante o protocolo Diffie-Hellman.

Ánxela e Breixo queren acordar unha clave simétrica para utilizar no cifrado simétrico. Para iso, acordan publicamente dous números: o primo p e o xerador g. Toman p=11 e g=3.

Agora, Ánxela escolle un número aleatorio a=5, calcula x=ga(modp)=35(mod11), é dicir, x=1, e envíallo a Breixo. Por outra banda, Breixo escolle tamén un número aleatorio, neste caso, b=7, e envíalle a Ánxela y=gb(modp)=37(mod11), é dicir, y=9.

A continuación, Ánxela calcula ya(modp)=95(mod11)=1, e Breixo calcula xb(modp)=17(mod11)=1. Como vemos, ambos números son iguais, polo que K=1 é a clave que poden empregar para o cifrado simétrico.

Características

[editar | editar a fonte]

A vantaxe deste algoritmo é que obter a clave sen coñecer algún dos números privados é computacionalmente inviable cando p se fai moi grande. Porén, hai que ter coidado na escolla do grupo, pois en función de como se seleccione, pode ser que descompoñer a orde do grupo sexa relativamente sinxelo. O exemplo anterior deu como clave K=1, pois Ánxela, ao facer a primeira operación, obtivo como resultado un 1. Neste caso, Ánxela tería que escoller outro número privado, pois no caso de que algunha das operacións dea 1 (ga(modp)=1 ou gb(modp)=1), é sinxelo descompoñer a orde do grupo, facilitando ataques computacionais. O grupo máis empregado (sen ter en conta o mundo das curvas elípticas) é (ℤp∗)2, onde p=2q+1 e q é un primo de Sophie-Germain.

Outra característica deste protocolo é que serve para transmitir información por canles non seguras. Isto débese a que aínda que se poidan ver os números x e y que viaxan pola rede, ao non coñecer a e b, é imposible coñecer a clave.[2]

Susceptible a ataques man-in-the-middle

[editar | editar a fonte]

Este algoritmo só funciona correctamente se hai a certeza de que quen está enviando a información é quen di ser. Pero isto non ten por que ser sempre así, xa que pode ser que no momento de transmitir os datos do algoritmo, alguén os intercepte e os modifique. Este tipo de ataque chámase atacante no medio, comunmente coñecido en inglés como man-in-the-middle.

Ataque man-in-the-middle no protocolo de intercambio de claves Diffie-Hellman.

Na imaxe pódese observar como o atacante intercepta os datos e engana aos interlocutores. Ánxela pensa que lle está enviando o valor x=1 a Breixo, pero en realidade, estallo enviando ao atacante, pois este interceptou a mensaxe. O atacante tamén colleu un número privado, igual que Ánxela e Breixo: c=5. Agora, o atacante calcula co seu número privado K1=xc(modp)=14(mod11)=1, e envíalle a Ánxela z=gc(modp)=34(mod11)=4. A continuación, Ánxela calcula K1=za(modp)=45(mod11)=1, pensando que z é o valor que lle devolveu Breixo. Así, o atacante e Ánxela xa teñen unha clave coa que poden cifrar e descifrar mensaxes, pero Ánxela pensa que está compartindo a clave con Breixo, non co atacante.

De igual modo ocorre con Breixo. Este mándalle a Ánxela o valor y, mais o atacante no medio intercéptao e recíbeo. Fai a operación K2=yc(modp)=94(mod11)=5 e envíalle a Breixo z=gc(modp)=34(mod11)=4. Breixo, que pensa que este número foi o que lle mandou Ánxela, calcula K2=zb(modp)=47(mod11)=5, polo que agora Breixo e o atacante teñen unha clave única coa que cifrar mensaxes.

Así, cando Breixo lle mande unha mensaxe a Ánxela, cífraa coa clave K2, o atacante intercéptaa, descífraa coa clave K2 e ve o contido da mensaxe. Despois de lela, cifra a mensaxe coa clave K1 e mándalla a Ánxela. Deste xeito, a comunicación entre Ánxela e Breixo xa non é privada. Se o que quere o atacante é modificar a información en vez de lela, unha vez descifre coa clave de Breixo, pode escoller outro texto distinto, cifralo coa clave de Ánxela e enviarllo. Así, Ánxela pensa que foi Breixo quen mandou esas mensaxes, mais están modificadas polo atacante.[3]

Evitar o ataque man-in-the-middle

[editar | editar a fonte]

Para evitar o ataque anteriormente mencionado é necesario estar seguros de que a persoa que nos manda a información é quen di ser. Isto pódese solucionar cun protocolo de firma de clave pública ou transmitindo as mensaxes por unha canle segura, onde os atacantes non poidan capturar as mensaxes intercambiadas.[3]

O protocolo Diffie-Hellman úsase para intercambiar claves simétricas, que logo se usarán para cifrar mensaxes, cando a canle de comunicación non é segura. Para que un protocolo sexa seguro, a información ten que ir cifrada. Xeralmente cífrase co protocolo de clave simétrica, onde se precisa unha clave común entre os usuarios que realizan a comunicación. Os integrantes da comunicación teñen que compartir esa clave dalgún xeito entre eles, e se a canle de comunicación non é segura, calquera pode interceptala, podendo descifrar as mensaxes posteriores que se cifren con ela. Por tanto, utilízase este protocolo ao inicio das comunicacións para intercambiar as claves, pois non é necesario unha canle segura para que ambas partes obteñan a clave.

O intercambio de claves Diffie-Hellman utilízase na maioría de protocolos seguros. Algúns deles son SSL e TLS, SSH, SecureFTP ou IPsec.[4]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]