Centro Oceanográfico de Vigo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Instituto Oceanográfico de Vigo»)
Centro Oceanográfico de Vigo
Tipoinstituto de investigación
Área de operaciónEspaña
Data de fundación1917
EnOia
PaísGalicia
42°11′01″N 8°48′46″O / 42.183611111111, -8.8127777777778
Na rede
http://www.ieo.es/es/web/vigo/
editar datos en Wikidata ]

O Centro Oceanográfico de Vigo, fundado en 1917, é un dos nove Centros Oceanográficos do Instituto Español de Oceanografía. Situado na zona de Cabo Estai-Canido, San Miguel de Oia, Vigo. Consta de dous edificios: un edificio principal e un módulo de experiencias biolóxicas, dedicado fundamentalmente á investigación sobre o cultivo de peixes.[1]

Funcións[editar | editar a fonte]

Trátase dun Organismo Público de Investigación (OPI) dependente da Secretaría de Estado de Investigación, Desenvolvemento e Innovación do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade de España. O IEO dedícase á investigación en ciencias do mar, especialmente no relacionado co coñecemento científico dos océanos, a substentabilidade dos recursos pesqueiros, o desenvolvemento dos cultivos mariños e o respecto e protección do medio ambiente mariño. O IEO representa a España na maioría dos foros científicos e tecnolóxicos internacionais relacionados con mar e os seus recursos.[2]

Historia[editar | editar a fonte]

O Centro Oceanográfico de Vigo inaugurouse o 2 de setembro de 1917 co nome de Laboratorio Oceanográfico de Vigo. O seu establecemento xa estaba previsto cando se creou o Instituto Español de Oceanografía (IEO) en 1914, pero a súa posta en marcha real puido realizarse grazas ao impulso do Concello de Vigo e á Xunta de Obras do Porto da cidade.[3]

O apoio ao establecemento dun laboratorio biolóxico debeuse fundamentalmente á inquietude social ante un problema que preocupaba, nos primeiros anos do século XX, aos sectores produtivos e á poboación en xeral, como foi a crise da sardiña, polas súas consecuencias sobre a economía e o emprego. 100 anos despois, a súa escaseza volven a preocupar a pescadores e científicos, e o Centro segue dedicando, como nos inicios, un grande esforzo para conseguir un futuro sustentábel da explotación desta e outras moitas especies dos mares.[4]

O Laboratorio Oceanográfico de Vigo instalouse no Pavillón da Sociedade de Salvamento de Náufragos na rúa Montero Ríos (coñecido localmente como "As Avenidas"), sendo o seu primeiro director Fernando de Buen y Lozano.

Durante os seus primeiros anos desenvolveu investigacións tanto sobre pescarías, especialmente da sardiña, como sobre oceanografía física e química, e leváronse a cabo varias campañas de investigación a bordo de buques da Armada Española, xa que aínda non se contaba con barcos de investigación propios.

Buque Cornide de Saavedra.

Despois de varios altibaixos na súa actividade, en 1935 o Laboratorio instalouse na rúa Nicolás Salmerón, coñecida actualmente como Areal, facéndose cargo da súa dirección José María Navaz. Desde ese momento o Laboratorio consolídouse e comezou a súa actividade de maneira máis firme.

En 1974 por necesidades de espazo, o Laboratorio trasladouse á avenida de Beiramar, onde continuou cos seus traballos de investigación, que son potenciados por novas incorporacións de persoal e medios, así como polo acceso ao buque de investigación B/O Cornide de Saavedra, con base en Vigo, o que lle permitiu levar a cabo campañas de investigación en mar a fóra ao longo de todo o ano. Ademais, desde principios dos anos 1980, o Centro Oceanográfico contou co B/O José María Navaz para realizar traballos nas rías e na plataforma costeira próxima. É, a partir desta etapa, cando o Centro orientou os seus equipos de investigación nas áreas de coñecemento da investigación pesqueira, o medio mariño e a protección ambiental, con especial énfase nos aspectos da contaminación e das mareas vermellas, de grande incidencia nas rías galegas e na acuicultura.[3]

En Beiramar continuou até 1987, ano no que se trasladou á actual sede en Cabo Estai – Canido, onde conta con dous edificios deseñados expresamente para o Instituto Español de Oceanografía, un dedicado á investigación mariña en xeral e outro á investigación e experimentación sobre cultivos mariños. Nestas novas instalacións é onde, xa co nome de Centro Oceanográfico de Vigo, consegue o seu gran despregue levando a cabo investigacións mariñas destacadas tanto a nivel nacional como internacional.[3]

Estrutura administrativa[editar | editar a fonte]

Da dirección dependen:[5]

  • Investigación
    • Acuicultura
    • Medio mariño e protección ambiental
    • Proxectos transversais
    • Pescaeías
  • Servizos xerais
    • Administración
    • Biblioteca
    • Informática
    • Mantemento

A dirección do Centro Oceanográfico de Vigo asúmea a doutora María Victoria Besada Montenegro,[4] científica titular de OPIs.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. IEO. Centro Oceanográfico de Vigo. Consultada o 13 de maio de 2020.
  2. 2,0 2,1 IEO. Centro Oceanográfico de Vigo Consultada o 13 de maio de 2020.
  3. 3,0 3,1 3,2 IEO. Historia. Consultada o 13 de maio de 2020.
  4. 4,0 4,1 Mª Victoria Besada Montenegro (5 de agosto de 2018). "Pregón al Santísimo Cristo de la Victoria". Atlántico. Consultado o 20 de abril de 2020. 
  5. IEO. Estructura del CO de Vigo. Consultada o 13 de maio de 2020

Véxase tamén[editar | editar a fonte]