Saltar ao contido

Inoculación

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Inoculación[1] é o acto de implantar un patóxeno ou outro microbio ou virus nunha persoa ou outro organismo. É un método de inmunidade inducida artificilmente contra varias doenzas infecciosas. O termo "inoculación" é tamén usado de maneira máis xeral para indica a deposición intencional de microbios nun medio de crecemento, como nunha placa de Petri usada nos cultivos microbiolóxicos, ou en alimentos para facer produtos como o iogur e bebidas fermentadas como a cervexa e o viño. Igualmente as raíces das leguminosas poden ser inoculadas con bacterias Rhizobium. Tamén se pode dicir que un animal velenoso inocula o seu veleno cando ataca outro animal. Este artigo trata principalmente do uso da inoculación para producir inmunidade contra unha infección. A inoculación utilizouse para erradicar a varíola e para reducir marcadamente outras doenzas infecciosas como a polio. Aínda que os termos "inoculación", "vacinación" e "inmunización" se utilizan con frecuencia indistintamente, hai importantes diferenzas. Inoculación é o acto de implantar un patóxeno ou microbio en xeral nunha persoa ou outro recipiente; a vacinación é o acto de implantar ou administrar unha vacina especificamente; e a inmunización é o desenvolvemento da resistencia a enfermidades que resulta da resposta do sistema inmunitario a unha vacina ou infección natural.

Terminoloxía

[editar | editar a fonte]

Ata comezos da década de 1800 a inoculación referíase só á variolación (da palabra latina variola), que foi o procedemento predecesor da vacina da varíola. A variolación facíase co propio virus da varíola humana, un Orthopoxvirus e, se ben inmunizaba, tiña certo perigo porque ás veces a cepa utilizada causaba a propia infección da varíola.[2] A administración da vacina da varíola, introducida por Edward Jenner en 1796, chamábase inoculación da varíola das vacas ou inoculación da vacina (do latín vacca 'vaca'), porque se facía co virus da vaccinia que afectaba as vacas pero, como era moi similar ao virus da varíola, tamén inmunizaba as persoas contra o virus da varíola. Despois, a inoculación da varíola seguiu chamándose variolación, mentres que a inoculación con varíola das vacas denominouse vacinación (do termo usado por Jenner variolae vaccinae, 'varíola das vacas'). Louis Pasteur propuxo en 1861 ampliar o significado do termo vacina e vacinación para incluír os novos procedementos protectores que se estaban a desenvolver. Inmunización refírese ao uso de vacinas así como ao uso de antitoxinas, que conteñen anticorpos preformados, como para as exotoxinas da difteria ou o tétano. Tamén podemos quedar inmunizados por unha infección anterior ou exposición natural ao axente microbiano causante.[3] Co tempo a variolación caeu en desuso, sendo substituída polo procedemento de Jenner, e mesmo foi finalmente prohibida en Inglaterra en 1840, debido á súa maior perigosidade.[4]

Inoculación utilízase tamén para procedementos realizados in vitro. Estes inclúen a transferencia de microorganismos a ou desde utensilios de laboratorio como tubos de ensaio ou placas de Petri en laboratorios de investigación e diagnóstico, e tamén en aplicacións comerciais como na fabricación de cervexa, panadaría, enoloxía (produción de viño), e na produción de antibióticos.[5] Por exemplo, o queixo azul faise inoculándoo co balor Penicillium roqueforti e a miúdo con certas bacterias.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

O termo deriva do latín in- 'in' + oculus 'no ollo'.[6]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para inoculación.
  2. "Pox Britannica". archive.nytimes.com. Arquivado dende o orixinal o 2022-04-23. Consultado o 2022-04-23.
  3. "ACIP Appx 1: Glossary for Guidelines for Immunization | CDC". www.cdc.gov (en inglés). 2022-03-15. Arquivado dende o orixinal o 2022-04-23. Consultado o 2022-04-23.
  4. Wolfe, Robert M; Sharp, Lisa K (24 de agosto de 2002). "Anti-vaccinationists past and present". British Medical Journal (Londres) 325 (7361): 430–32. PMC 1123944. PMID 12193361. doi:10.1136/bmj.325.7361.430.
  5. "Guidance for Industry: Characterization and Qualification of Cell Substrates and Other Biological Materials Used in the Production of Viral Vaccines for Infectious Disease Indications | FDA". www.fda.gov. Arquivado dende o orixinal o 2022-10-06. Consultado o 2022-10-10.
  6. "Inoculate". The Free Dictionary. Arquivado dende o orixinal o 12 de outubro de 2019. Consultado o 12 de abril de 2014.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Biblografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]