Inocencio Ferrer Ovide
| Biografía | |
|---|---|
| Nacemento | 15 de decembro de 1915 Vilamartín de Valdeorras, España |
| Morte | 18 de xullo de 1992 Santiago de Compostela, España |
| Grupo étnico | Pobo galego |
| Actividade | |
| Ocupación | xastre, fotógrafo, político |
Inocencio Ferrer Ovide, nado en Vilamartín de Valdeorras o 15 de decembro de 1915 e finado en Santiago de Compostela o 18 de xullo de 1992, foi un xastre, fotógrafo e político galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Xastre cortador. Traballou dous anos en Burgos na Sastrería París e despois na Coruña na Sastrería Freire durante tres anos. Membro da UGT e afiliado ao Partido Comunista de España. Pasou un mes en prisión pola súa participación na folga xeral revolucionaria de 1934. Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 estivo fuxido ata que pasou a Asturias. Combateu no exército leal e despois pasou polas frontes de Bilbao, Santander e Teruel. Foi comisario axudante da 45 División do V Corpo de Exército. Coa derrota da República pasou a Francia como cidadán panameño cunha documentación falsa correspondente a un seu tío emigrado naquel país.[1] O 24 de maio de 1939 embarcou no Sinaia rumbo a México, arribando a Veracruz o 13 de xuño.[2] Instalouse en Guadalaxara e en 1945 pasou a residir en Cidade de México. Amigo e compañeiro de Luís Soto, Carlos Velo e Florencio Delgado Gurriarán, participou no Padroado da Cultura Galega de México do que foi tesoureiro, e foi administrador de Vieiros. Foi membro da comisión organizadora da homenaxe ao presidente Lázaro Cárdenas en representación do Padroado da Cultura Galega en 1957. Pasou os últimos anos no fogar Virgen de los Milagros de Valdegodos, viaxando a México. Finou no Hospital Gil Casares de Santiago de Compostela o 18 de xullo de 1992.[3]
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]Recibiu unha homenaxe no Barco de Valdeorras o 4 de xuño de 1989.[4]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Casou en Guadalaxara con Eva Hernández Meza en 1940, e foi pai de Nelia Ferrer Hernández, directora do Club de Danza da Escola Normal superior de México.[5]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Inocencio Ferrer, una azarosa vida plasmada en centenares de fotografías", La Voz de Galicia, Ourense, 21-6-1987, p. 40.
- ↑ Asilados políticos españoles llegados a bordo del vapor Sinaia
- ↑ La Voz de Galicia, O Barco, 19-7-1992, p. 80.
- ↑ La Voz de Galicia, O Barco, 6-6-1989, p. 30.
- ↑ Ferrer Ovide, Inocencio (1915-?)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- García Yáñez, Félix (2005). O Barco e a Terra de Valdeorras durante a II República e o Franquismo (1931-1977). Vigo: A Nosa Terra. pp. 56, 71. ISBN 978-84-96403-13-0.
- "Inocencio Ferrer: 'Fraga chegou a dicer que os do Padroado da Cultura de México eramos un grupo de subversivos'" Entrevista de Gustavo Docampo Paradelo. A Nosa Terra, 417, 25-1-1990, p. 10-11.