Saltar ao contido

Inmunoglobulina Y

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A inmunoglobulina Y (abreviada como IgY) é un tipo de inmunoglobulina que é o principal anticorpo no sangue das aves, réptiles e peixes pulmonados. Tamén se encontra en altas concentracións na xema de ovo de galiña. Igual que outras inmunoglobulinas, a IgY é un tipo de proteína formada polas células do sistema inmunitario en reacción a certas substancias estrañas ao organismo, as cales recoñece especificamente.

A IgY é con frecuencia mal denominada inmunoglobulina G (IgG) na literatura científica antiga, e ás veces incluso en catálogos de produtos comerciais, debido á súa semellanza funcional coas IgG de mamíferos e coa inmunoglobulina E (IgE). Porén, esta nomenclatura antiga está hoxe obsoleta, xa que a IgY difire tanto estrutural coma funcionalmente da IgG de mamíferos,[1] e non presenta reaccións cruzadas con anticorpos orixinados contra IgG de mamíferos.[2] O nome inmunoglobulina Y suxerírono en 1969 G.A. Leslie e L.W. Clem despois de que atoparon diferenzas entre as inmunoglobulinas encontradas en ovos de galiña e a inmunoglobulina G. Outros sinónimos son IgG de galiña, IgG de xema de ovo e 7S-IgG.

Como as galiñas poden poñer ovos case cada día, e a xema dos ovos dunha galiña inmunizada contén unha alta concentración de IgY, as galiñas estánse facendo cada vez máis frecuentemente a fonte habitual de anticorpos personalizados para investigación. (Xeralmente, inxéctanse mamíferos como coellos e cabras co antíxeno de interese nos laboratorios.)[3]

Os patos producen unha forma truncada de IgY, que perdeu parte da rexión Fc. Como resultado, non se poden unir ao complemento nin ser captadas polos macrófagos.[4][5]

A IgY tamén foi analizada na tartaruga chinesa de cuncha branda Pelodiscus sinensis.[6]

Características

[editar | editar a fonte]

En galiñas, a inmunoglobulina Y é o equivalente funcional da inmunoglobulina G (IgG). Igual que a IgG, está composta de dúas cadeas lixeiras e dúas pesadas. Estruturalmente, estes dous tipos de inmunoglobulinas difiren principalmente nas súas cadeas pesadas, que na IgY teñen unha masa molecular duns 65 100 unidades de masa atómica (uma), polo que son máis grandes que as IgG. As cadeas lixeiras da IgY, cunha masa molar dunhas 18 700 uma, son algo menores que as cadeas lixeiras da IgG. A masa molar da IgY é dunhas 167 000 uma. A flexibilidade estérica da molécula de IgY é menor que a da IgG.

Funcionalmente, a IgY é en parte comparable coa inmunoglobulina E (IgE), e tamén coa IgG. Porén, a diferenza da IgG, a IgY non se une á proteína A, nin á proteína G nin ao receptor de Fc celular. Ademais, a IgY non activa o sistema do complemento.

Aplicacións bioanalíticas

[editar | editar a fonte]

Comparada cos anticorpos de mamíferos, a IgY ofrece varias vantaxes para a extracción dirixida a anticorpos e as súas aplicacións en bioanálise. Como os anticorpos son extraídos de xemas de ovos postos, o método de produción de anticorpos non é invasivo, e non é necesario extraer sangue dos animais para obtelos do soro. A cantidade dispoñible dun determinado anticorpo increméntase considerablemente coa continua posta de ovos por unha mesma galiña.

A reactividade cruzada da IgY con proteínas procedentes de mamíferos é claramente menor que a da IgG. Ademais, a resposta inmune contra certos antíxenos en polos exprésase máis fortemente que en coellos ou outros mamíferos.

Das inmunoglobulinas que se orixinan durante a resposta inmune, só a IgY se encontra no ovo de galiña. Así, en preparacións feitas a partir de ovo de galiña, non hai contaminación coa inmunoglobulina A (IgA) ou a inmunoglobulina M (IgM). O rendemento de IgY obtida de ovo de galiña é comparable ao da IgG obtida de soro de coello.

Unha desvantaxe da IgY, en comparación cos anticorpos de mamíferos, é que o illamento de IgY de ovos de galiña é máis difícil que o illamento de IgG de soro sanguíneo. Isto débese en gran medida ao feito de que a IgY non se pode unir coa proteína A nin coa proteína G. Así, non pode separarse doutros compoñentes do ensaio, por exemplo, doutras proteínas. Adicionalmente, o rico almacén de lípidos e lipoproteínas da xema de ovo debe ser eliminado.[7] Ao contrario, os soros sanguíneos que conteñen anticorpos poden ás veces ser utilizados directamente nas bioanálises, sen ter que utilizar complicados pasos de illamento.

Utilización en alimentos

[editar | editar a fonte]

A IgY, especialmente en países asiáticos, foi probada clinicamente como suplemento alimentario e conservante. Por exemplo, probáronse produtos como o iogur que contiñan IgY específicas para patóxeno, para ver a súa capacidade de reducir a bacteria Helicobacter pylori no estómago ao dificultar a adhesión da bacteria ao recubrimento interno do estómago.[8][9] A IgY usada para este propósito foi extraída de ovos de galiñas inmunizadas. Os anticorpos contra a Salmonella e outras bacterias, e contra virus, prodúcense da mesma maneira, e empréganse como compoñente nutricional para a protección contra estes patóxenos. O laboratorio de seguridade alimentaria da Universidade Oceánica da China experimentou co uso de IgY específica para as bacterias Shewanella putrefaciens e Pseudomonas fluorescens como conservante para peixes. A duración comercial para a venda en bo estado dos peixes tratados con IgY ampliouse con este tratamento de 9 días a 12 ou 15, o que demostra unha actividade antimicrobiana significativa contra a bacteria específica.[10]

  1. Larsson A, Bålöw RM, Lindahl TL, Forsberg PO. Poult Sci. 1993 Oct;72(10):1807-12.Chicken antibodies: taking advantage of evolution--a review.
  2. Structure, Function and Physicochemical Properties of IgY Arquivado 21 de maio de 2014 en Wayback Machine., Gallus Immunotech. Acceso 28 de outubro de 2010.
  3. REVIEW - Chicken Antibodies- IgY - http://www.oramune.com/custom.aspx?id=7 Arquivado 03 de xuño de 2009 en Wayback Machine.
  4. Davison, T. Fred; Bernd Kaspers; Karel Antoni Schat (2008). Avian Immunology. Academic Press. p. 418. ISBN 978-0-12-370634-8. 
  5. Lundqvist, Mats L.; Darlene L. Middleton; Cynthia Radford; Gregory W. Warr; Katharine E. Magor. "Immunoglobulins of the non-galliform birds: Antibody expression and repertoire in the duck". Developmental & Comparative Immunology 30 (1-2): 93–100. PMC 1317265. PMID 16150486. doi:10.1016/j.dci.2005.06.019. 
  6. Zhen Xu, Gai L Wang, P Nie. Mol Immunol. 2009 vol. 46 (10) pp. 2124-32. IgM, IgD and IgY and their expression pattern in the Chinese soft-shelled turtle Pelodiscus sinensis.
  7. Elvira Schecklies (1996). Polyklonale Antikörper (en German) (Erste Auflage ed.). Weinheim: VCH Verlagsgesellschaft mBH. ISBN 3-527-30078-3. 
  8. Suzuki H, Nomura S, Masaoka T, et al. (xullo de 2004). "Effect of dietary anti-Helicobacter pylori-urease immunoglobulin Y on Helicobacter pylori infection". Aliment. Pharmacol. Ther. 20 Suppl 1: 185–92. PMID 15298626. doi:10.1111/j.1365-2036.2004.02027.x. 
  9. Horie K, Horie N, Abdou AM, et al. (decembro de 2004). "Suppressive effect of functional drinking yogurt containing specific egg yolk immunoglobulin on Helicobacter pylori in humans". Journal of Dairy Science 87 (12): 4073–9. PMID 15545368. doi:10.3168/jds.S0022-0302(04)73549-3. 
  10. Xu, Yafu; Lin, Hong; Sui, Jianxin; Cao, Limin (novembro de 2011). "Effects of specific egg yolk antibody (IgY) on the quality and shelf life of refrigerated paralichthys olivaceus.". Journal of the Science of food and Agriculture 92 (6): 1267–72. doi:10.1002/jsfa.4693. Consultado o 19 febreiro de 2015. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Rüdiger Schade, Irene Behn, Michael Erhard: Chicken Egg Yolk Antibodies, Production and Application. Springer-Verlag, Berlin 2001, ISBN 3-540-66679-6
  • G.A. Leslie, L.W. Clem: Phylogeny of immunoglobulin structure and function. 3. Immunoglobulins of the chicken. In: Journal of Experimental Medicine. 130(6)/1969. Rockefeller University Press, S. 1337-1352, ISSN 0022-1007
  • A. Polson, M.B. von Wechmar, M.H. van Regenmortel: Isolation of viral IgY antibodies from yolks of immunized hens. In: Immunological Communications. 9(5)/1980. Dekker New York, S. 475-493, ISSN 0090-0877
  • A. Polson, M.B. von Wechmar, G. Fazakerley: Antibodies to proteins from yolk of immunized hens. In: Immunological Communications. 9(5)/1980. Dekker New York, S. 495-514, ISSN 0090-0877

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
  • Táboa que compara as IgG e IgE de mamífero coa IgY aviaria e a IgY truncada de pato. Gallus Immunotech, acceso o 28 de outubro de 2010.