Inmersión lingüística
| Inmersión lingüística | |||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||
| |||||||
| |||||||
| |||||||
| |||||||
| Wikidata | |||||||
A inmersión lingüística é un modelo educativo e unha metodoloxía de aprendizaxe en que unha lingua, a miúdo minorizada ou non habitual para parte do alumnado, se emprega como principal lingua vehicular para favorecer a súa adquisición mediante o uso continuado.[1][2] A lingua de inmersión nun programa formativo non se presenta só como materia de estudo, senón tamén como instrumento para aprender contidos curriculares e participar na vida diaria da aula ou doutros espazos formativos.
Caracterízase pola "inmersión" ou mergullo nunha lingua nativa de interese para o individuo. Adoita distinguirse da submersión lingüística, situación na que alumnado alófono ou pertencente a un grupo lingüístico minoritario é escolarizado na lingua habitual da maioría sen medidas de apoio nin un programa deseñado para asegurar a adquisición equilibrada de ambas linguas.[3][4]
O seu obxectivo adoita formularse en termos de bilingüismo aditivo, isto é, a adquisición dunha nova lingua sen substituír necesariamente a primeira.
O termo emprégase sobre todo no ámbito escolar, pero tamén é aplicado por extensión a programas intensivos, residenciais ou de intercambio nos que a lingua de destino se converte no medio principal de comunicación e aprendizaxe. Nos contextos de linguas minorizadas, a inmersión lingüística adoita estar ligada ademais a obxectivos de cohesión social, transmisión interxeracional e normalización lingüística.[5][6]
Historia
[editar | editar a fonte]Os comezos da formulación contemporánea da inmersión lingüística adoitan ser situados nos programas de inmersión en francés iniciados no Quebec na década de 1960, especialmente para alumnado anglófono.[1][2]
O primeiro programa experimental para alumnado anglófono abriu en Saint-Lambert en 1965, e serviu de referente para a expansión posterior da inmersión no Canadá.[7][8]
A partir dese modelo desenvolvéronse programas de inmersión temperá, inmersión media e inmersión tardía, ademais de modalidades totais e parciais, que foron adaptadas a contextos sociolingüísticos e educativos moi diversos.[2]
Evidencia científica
[editar | editar a fonte]A evidencia da investigación internacional sobre os programas canadenses concluíu, en xeral, que a inmersión pode producir unha competencia claramente superior na lingua de escolarización adicional ca o ensino convencional de idiomas, sen perdas permanentes no rendemento académico xeral nin na lingua inicial do alumnado.[2] Algúns estudos observaron desfases temporais en lectura e escrita nos primeiros anos, pero non como efecto duradeiro.[9]
A bibliografía tamén sinala que os resultados dependen de factores como a idade de inicio, a continuidade do programa, a formación do profesorado, a dispoñibilidade de materiais e a presenza social da lingua fóra da aula. Nos contextos de linguas minorizadas, a inmersión adoita requirir medidas complementarias de apoio comunitario e institucional, xa que a presión da lingua dominante pode debilitar os efectos do ensino se este queda illado do resto dos espazos de socialización.[1][2]
Segundo Colin Baker, a bibliografía sobre os programas canadenses de inmersión é moi ampla (comprobou que se realizaran máis de mil estudos sobre o tema). Os seus resultados apuntan a que o alumnado de inmersión pode presentar nos primeiros anos algunha desvantaxe inicial en lectura, ortografía e puntuación respecto do alumnado monolingüe, mais tende a acadar posteriormente niveis semellantes ou superiores en pouco tempo. Baker tamén sinala que estes programas de inmersión non prexudican o desenvolvemento cognitivo nin as habilidades orais na lingua inicial do alumnado, e mesmo que o alumnado novo inscrito neles soe adquirir un dominio fluído similar ao nativo dunha lingua estranxeira arredor dos 11 anos.[10]
Casos desenvolvidos e iniciativas
[editar | editar a fonte]Catalán
[editar | editar a fonte]En Cataluña, a inmersión en catalán desenvolveuse como instrumento de normalización lingüística e de cohesión escolar, co propósito de evitar a segregación do alumnado segundo a lingua familiar e de garantir a competencia en catalán e castelán ao remate da escolaridade obrigatoria.[11] A documentación da Generalitat presenta o modelo catalán como un sistema no que a lingua propia do país funciona como eixo vertebrador do ensino, con presenza do castelán como materia e tamén como lingua coñecida polo alumnado ao final do proceso educativo.[12] En 2021, o Tribunal Supremo do Reino de España obrigou a impartir o 25% da materias en castelán.[13]
En Valencia, o ensino en valenciano desenvolveuse durante décadas a través de programas específicos, entre eles o Programa d'Immersió Lingüística, dirixido especialmente a alumnado castelanfalante, aínda que a evolución posterior da normativa levou a modelos plurilingües e, máis recentemente, a un sistema baseado na elección da lingua base, valenciano ou castelán.[14] Nas Baleares, a normativa establece o catalán como lingua propia, vehicular e de cohesión, aínda que o modelo balear adoita describirse máis como un sistema de centralidade do catalán ca como un réxime xeral de inmersión.[15] Na Cataluña Norte, baixo administración francesa, o catalán está presente en programas bilingües de paridade horaria, mentres que a inmersión en catalán se identifica principalmente coa rede asociativa La Bressola, que emprega o catalán como lingua principal de escolarización.[16]
Éuscaro
[editar | editar a fonte]
No ámbito do éuscaro, a educación en lingua propia desenvolveuse de maneira diferente segundo o territorio. No País Vasco, o sistema escolar artellouse historicamente arredor dos modelos lingüísticos A, B e D, regulados polo Decreto 138/1983 sobre o uso das linguas oficiais no ensino non universitario.[17][18] Nun documento oficial, o modelo B descríbese como un modelo de inmersión parcial, no que castelán e éuscaro se empregan como linguas de aprendizaxe, mentres que no modelo D o ensino se desenvolve en éuscaro e o castelán fica como materia.[19] A propia bibliografía institucional vasca emprega tamén a expresión modelo de inmersión en euskera. A Lei 17/2023 reforzou ademais o papel dos proxectos lingüísticos de centro e definiu o sistema educativo vasco como plurilingüe, co éuscaro como eixo central.[20]
En Navarra, a escolarización en éuscaro estivo condicionada pola zonificación lingüística establecida pola Lei Foral 18/1986 do Éuscaro.[21] Segundo a información oficial do Departamento de Educación, a modalidade que máis se aproxima á inmersión lingüística dentro do sistema navarro é o modelo D, totalmente en éuscaro salvo as materias de lingua castelá e lingua estranxeira.[22]
En Iparralde, baixo administración francesa, o ensino do éuscaro organízase mediante itinerarios bilingües e tamén mediante inmersión. A normativa francesa distingue entre o ensino bilingüe francés-lingua rexional e a metodoloxía inmersiva. No País Vasco norte, a federación de ikastolas Seaska define o seu proxecto como ensino da lingua vasca por inmersión e preséntase como a única rede que ofrece alí ese modelo de maneira xeral.[23]
Galego
[editar | editar a fonte]Na comunidade galega, a discusión sobre a inmersión está moi ligada ao debate sobre a normalización do galego e o papel do sistema educativo na súa transmisión. A Lei de normalización lingüística de 1983 recoñeceu o galego como lingua oficial do ensino e estableceu como obxectivo que o alumnado adquirise unha competencia plena nas linguas oficiais ao remate da escolaridade obrigatoria.[24] O Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento en 2004, insistiu na necesidade de reforzar o uso do galego nos distintos niveis educativos.[25] Posteriormente, o Decreto 124/2007 ampliou a súa presenza vehicular, mentres que o Decreto 79/2010 redefiniu o marco lingüístico do ensino non universitario.[26]
No sistema público galego non se consolidou un modelo xeral de inmersión en galego similar ao catalán ou ao modelo D vasco. Segundo a Enquisa estrutural a fogares de 2023, entre a poboación de 5 a 16 anos o 0,90 % recibía todas as materias en galego, o 11,76 % maioritariamente en galego, o 67,09 % nunha proporción semellante en galego e castelán, o 18,29 % maioritariamente en castelán e o 1,96 % integramente en castelán.[27]
O informe da Real Academia Galega sobre os datos do IGE de 2023 salientou ademais a forte castelanización das prácticas infantís e xuvenís. Segundo ese estudo, na franxa de 5 a 14 anos as prácticas monolingües en castelán chegaban ao 54 %, mentres que o uso do galego cos compañeiros de clase ficaba no 14,80 %, cos amigos no 14,86 %, cos irmáns no 15,97 %, co pai no 22,45 % e coa nai no 19,16 %. O mesmo informe sinalou que, nas últimas décadas, a incapacidade declarada para falar galego na mesma franxa de idade pasou do 18 % ao 32 %, e a incapacidade para escribilo do 21 % ao 38 %.[28] Diversos estudos relacionaron estes datos co papel da escola e coa insuficiencia das políticas de compensación lingüística. A monografía Avaliación da competencia bilingüe nos idiomas galego e castelán do alumnado de 4º da ESO, publicada pola RAG, concluíu que o modelo vixente non asegura unha alta competencia activa nas dúas linguas para todo o alumnado, e que a paridade máis elevada entre galego e castelán aparece sobre todo entre o alumnado galegofalante habitual.[29] Nunha liña semellante, o estudo sobre competencia oral ao final da ESO sinalou que a lingua familiar segue a ser o factor máis determinante do desenvolvemento oral e que o sistema educativo non está a neutralizar as desigualdades de partida.[30] Outros estudos sociolingüísticos reforzaron esa interpretación. O Mapa sociolingüístico escolar de Ames e o Mapa sociolingüístico escolar de Santiago de Compostela insistiron na relevancia da escolarización, da mobilidade residencial e dos espazos urbanos como factores que poden acelerar a substitución lingüística se non existen políticas compensadoras.[31][32] No caso de Ames, a RAG resumiu estes traballos indicando unha perda de presenza do galego de 11 puntos na educación infantil, 16 na primaria e 3 na secundaria, e unha situación final na que arredor de sete de cada dez adolescentes remataban a escolaridade obrigatoria como castelanfalantes monolingües.[28]
Investigación
[editar | editar a fonte]A reflexión específica sobre a inmersión lingüística en galego é do século XX. En 1990, Neves Arza e Daniel Veiga Martínez analizaron a relación entre programas de inmersión e normalización no contexto galego.[33] Pouco despois, en 1993, Xesús Rábade estudou a situación e as perspectivas da galeguización do ensino, insistindo na necesidade de avanzar desde a simple presenza do galego como materia cara ao seu uso efectivo como lingua de docencia.[34] No século XXI, a investigación sobre escola e lingua centrouse sobre todo na competencia bilingüe real do alumnado, na transmisión interxeracional e nos efectos sociolingüísticos da escolarización urbana e periurbana.[35][28][36] Nesa mesma liña, Anik Nandi e outros autores estudaron as respostas das familias galegofalantes e neofalantes fronte ao que denominaron políticas lingüísticas de baixa intensidade, así como o papel de proxectos comunitarios na creación de espazos de socialización en galego.[37] En 2025, o artigo "Modo galego, actívao! Deseño, avaliación e evolución do programa de compromiso lingüístico" presentou a experiencia de activación lingüística impulsada pola RAG e o Concello de Ames, concibida para converter as escolas en espazos seguros de uso do galego e para intervir precisamente nos puntos de maior risco de castelanización detectados pola investigación previa.[38]
Debate político, propostas e iniciativas
[editar | editar a fonte]A implantación dun modelo de inmersión en galego forma parte do debate político e social galego contemporáneo. No programa de goberno presentado para as eleccións galegas de 2024, o BNG propuxo derrogar o Decreto 79/2010, recoñecer o galego como lingua vehicular do ensino e elaborar un modelo de inmersión lingüística orientado á plena normalización.[39] Pola súa parte, o Relatorio político de Sumar Galicia de 2024 defendeu unha nova política lingüística baseada nun modelo de inmersión que reforzase o uso e a defensa do galego nas primeiras etapas educativas.[40]
As Escolas de Ensino Galego Semente son unha rede comunitaria, autoxestionada e sen fins de lucro xurdida en Santiago de Compostela en 2011, que se presenta como herdeira das históricas Escolas de Ensino Galego creadas polas Irmandades da Fala en 1923.[41] Segundo a propia organización, a iniciativa naceu no contexto de contestación social ao Decreto 79/2010 e co obxectivo de construír unha escola galega, comunitaria e pedagoxicamente renovadora.[41] Descricións externas do proxecto defíneno como unha experiencia de inmersión lingüística para nenos de 2 a 6 anos en contornos de maioría castelanfalante, orientada á creación dun modelo eficaz e creativo de escola en galego.[42] O Projeto Educativo Semente define o galego como eixe principal do centro e como lingua de socialización, tamén no xogo e no recreo, e vincúlao a unha pedagoxía inclusiva, comunitaria, laica e aberta á lusofonía.[43]
A experiencia de Semente xerou unha bibliografía específica na literatura sociolingüística,[44][45] estudada como exemplo de política lingüística de base social e de creación de espazos de transmisión e socialización en galego fronte á presión castelanizadora do contorno.[37][45]
Portugués e outras linguas en contextos lusófonos
[editar | editar a fonte]Nos contextos lusófonos, a inmersión lingüística non se presenta como un modelo único.
No Brasil, o termo imersão linguística emprégase con frecuencia para cursos intensivos de linguas, mentres que o marco educativo oficial fala máis ben de educación plurilingüe e, no caso dos pobos indíxenas, de educación multilingüe e intercultural.[46][47][48] Isto implica que, en moitas comunidades indíxenas, a escolarización non se concibe como inmersión, senón como combinacións variábeis entre portugués e linguas propias, como as tupí-guaranís e doutras familias.[49] Os pirahã, por exemplo, durante moito tempo foron maiormente monolingües en lingua pirahã e só algúns membros adquiriron recentemente variedades básicas de portugués na escola.[50][51] A diversidade lingüística inclúe tamén linguas de inmigración, como o hunsriqueano e outras variedades do alemán brasileiro, recoñecidas polo Inventario Nacional da Diversidade Lingüística.[52]
En Portugal, o único caso de lingua propia con recoñecemento legal alén do portugués é o do mirandés, variedade do astur-leonés falada nas Terras de Miranda.[53][54] Ese marco garante o dereito á súa aprendizaxe nos establecementos de ensino do concello de Miranda do Douro,[55] pero non configura un sistema xeral de inmersión. Fóra diso, existen escolas con plans de estudo estranxeiros situadas en Portugal, cuxos estudos se someten a procedementos de equivalencia.[56]
Nos PALOP, a realidade adoita ser máis a da escolarización en portugués como lingua oficial ca a dun modelo formalizado de inmersión. En Angola, a Constitución recoñece o portugués como lingua oficial e dispón que o Estado promova o ensino das outras linguas nacionais.[57] Ao mesmo tempo, os programas para o ensino primario recoñecen que a maioría das nenos non teñen o portugués como lingua materna e que o ensino debe facilitar a transición desde as linguas do medio familiar e social.[58] O termo imersão formativa tamén é empregado para cursos intensivos.[59]
En Moçambique, a Constitución define o portugués como lingua oficial e valoriza as linguas nacionais,[60] mentres que o Plano Curricular do Ensino Primário prevé tanto unha modalidade monolingüe en portugués como unha modalidade bilingüe, na que o portugués é nunha primeira fase unha disciplina e progresivamente pasa a ser tamén medio de ensino.[61]
En Cabo Verde, a política educativa recente reforzou o crioulo caboverdiano como lingua materna e compoñente identitaria do país,[62] mentres que a documentación curricular presenta o portugués como lingua oficial e de ensino e admite a introdución do crioulo no sistema educativo como educación bilingüe.[63]
En Guiné-Bissau, a escolarización estivo historicamente ligada ao portugués, pero o Plano Setorial da Educação (2017-2025) propuxo promover o portugués, o crioulo e as linguas nacionais como linguas de ensino, aprendizaxe profesional e cualificación. A inmersión (chamada imersão cultural) articúlase en tres niveis segundo o ámbito de uso e os obxectivos: A inmersión en portugués é a máis estruturada a nivel académico. O Centro Cultural Português em Bissau (vinculado ao Camões) acolle programas de Portugués como Lingua Estranxeira (PLE). O proxecto Kripor é outra iniciativa de formación intensiva deseñada para facilitar a transición lingüística e académica dos estudantes guineenses que se incorporan ao ensino superior en Portugal.[64]
En São Tomé e Príncipe o sistema educativo funciona en portugués, nunha situación de diglosia en relación aos crioulos locais. Non se documenta un modelo xeral de inmersión escolar nestas linguas; pola contra, a inmersión real do sistema prodúcese en portugués. Nos últimos anos, porén, xurdiron iniciativas de recuperación do lung'Ie na illa do Príncipe e propostas de educación bilingüe.[65]
En Timor Leste, a lexislación educativa establece o tétum e o portugués como linguas de ensino, mentres que a Constitución recoñece ambas como linguas oficiais.[66] Xunto a ese marco xeral, desenvolvéronse programas nos que varias linguas locais funcionaron como linguas iniciais de escolarización antes da introdución progresiva do tétum e portugués. Este modelo de inmersión inicial na lingua materna e de inmersión crecente nas linguas oficiais foi posto en práctica no programa piloto EMBLI (Education Multilingual Based on Mother Tongue), no que se empregaron, entre outras, as linguas baikeno, galolen e fataluku nos primeiros anos. A avaliación final do proxecto concluíu que este sistema de inmersión secuencial, baseado primeiro na lingua materna coa introdución gradual do tétum e portugués, producía mellores resultados ca os obtidos nas escolas ordinarias comparables nos primeiros cursos.[67]
Outros casos
[editar | editar a fonte]
Inglés
[editar | editar a fonte]Os English villages son programas temporais de inmersión en inglés, e non un modelo escolar ordinario. En Corea do Sur, o Gyeonggi English Village foi definido pola propia administración provincial como un "campamento de inmersión en inglés" con programas intensivos de dúas semanas ou máis. Iniciativas similares, pero sen a compoñente gobernamental, foron desenvolvidas en España (Valdelavilla, Soria), Turquía (Istambul), Italia, Polonia e Romanía.[68]
Maorí
[editar | editar a fonte]En Nova Zelandia, as Kura Kaupapa Māori e outros programas de ensino en maorí forman parte da chamada Māori-medium education. Segundo o Ministerio de Educación, considérase "inmersión en maorí" cando o alumnado recibe polo menos o 51 % da docencia nesa lingua.[69]
Hebreo
[editar | editar a fonte]O ulpan é un marco intensivo para a aprendizaxe do hebreo en Israel organizado por varios ministerios e institucións; nalgúns casos, como o kibbutz ulpan, combina estudo intensivo e residencia.[70]
Linguas indíxenas dos Estados Unidos
[editar | editar a fonte]Nos EUA, a inmersión lingüística foi tamén promovida para linguas indíxenas. A Native Language Immersion Student Achievement Act foi unha proposta federal para crear subvencións destinadas a escolas que empregasen linguas nativas americanas como principal lingua de ensino.[71] O Bureau of Indian Education anunciou en 2025 un programa de axudas para ampliar programas de inmersión en linguas nativas.[72] Existen escolas concretas de inmersión activas, como a Escola de Inmersión Cherokee.
Notas
[editar | editar a fonte]- 1 2 3 Swain, Merrill (1981-01-01). "Immersion education: applicability for nonvernacular teaching to vernacular speakers". Studies in Second Language Acquisition.
- 1 2 3 4 5 Genesee, Fred (1983-03). "Bilingual Education of Majority-Language Children: The Immersion Experiments in Review". Applied Psycholinguistics (en inglés) 4 (1): 1–46.
- ↑ Arza, Neves Arza; Martínez, Daniel Veiga (1990-12-24). "Os programas de inmersión e a normalización lingüística no contexto galego". Cadernos de Lingua (2): 105–111. ISSN 2603-6975. doi:10.32766/cdl.2.642.
- ↑ Lingüístics, Departament d'Ensenyament Servei d’Immersió i Acolliment (2012). "Bases teòriques del Programa d’Immersió Lingüística del Servei d’Ensenyament del català: 2004".
- ↑ Arza, Neves Arza; Martínez, Daniel Veiga (1990-12-24). "Os programas de inmersión e a normalización lingüística no contexto galego". Cadernos de Lingua (2): 105–111. ISSN 2603-6975. doi:10.32766/cdl.2.642.
- ↑ Lingüístics, Departament d'Ensenyament Servei d’Immersió i Acolliment (2012). "Bases teòriques del Programa d’Immersió Lingüística del Servei d’Ensenyament del català: 2004".
- ↑ "Second-Language Instruction". www.thecanadianencyclopedia.ca (en inglés). Consultado o 2026-04-14.
- ↑ Canada’s first French immersion program is launched through the efforts of three English-speaking Quebec mothers, dubbed the “mothers of immersion” - Office of the Commissioner of Official Languages of Canada clo-ocol.gc.ca (en inglés)
- ↑ Lazaruk, Wally (2007-08). "Linguistic, Academic, and Cognitive Benefits of French Immersion". Canadian Modern Language Review (en inglés) 63 (5): 605–627. ISSN 0008-4506. doi:10.3138/cmlr.63.5.605.
- ↑ Baker, Colin (1993). Foundations of Bilingual Education and Bilingualism (en inglés). Multilingual Matters. ISBN 978-1-85359-178-5.
- ↑ Lingüístics, Departament d'Ensenyament Servei d’Immersió i Acolliment (2012). "Bases teòriques del Programa d’Immersió Lingüística del Servei d’Ensenyament del català: 2004".
- ↑ Generalitat de Catalunya, Departament d'Educació (2018): El model lingüístic del sistema educatiu de Catalunya. Barcelona.
- ↑ "El Supremo obliga a las escuelas a impartir un 25% de horas en castellano". ElNacional.cat (en castelán). 2021-11-23. Consultado o 2026-04-13.
- ↑ Escandell, Baldaquí; Maria, Josep (2020). "La «Llei d’ús i ensenyament del valencià» i la configuració del sistema educatiu plurilingüe valencià" (en catalán e castelán).
- ↑ Decreto 92/1997, de 4 de xullo, que regula o uso e o ensino de e en lingua catalana, propia das Illes Balears, nos centros docentes non universitarios das Illes Balears die.caib.es (en catalán)
- ↑ "Pedagogia". Bressola.cat (en catalán). 2025-03-17. Consultado o 2026-04-13.
- ↑ País Vasco. Decreto 138/1983, do 11 de xullo, polo que se regula o uso das linguas oficiais no ensino non universitario no País Vasco. Boletín Oficial del País Vasco, 19 de xullo de 1983.
- ↑ As letras destes modelos son as denominacións oficiais da administración educativa correspondente, non son unha denominación alfabética consecutiva: A, B e D no País Vasco, e A, B, D e G en Navarra.
- ↑ 2012: Experimentación de un marco de educación trilingüe. Vitoria-Gasteiz (en éuscaro e castelán)
- ↑ Comunidade Autónoma Vasca (2024-01-18). "Lei 17/2023, do 21 de decembro, de Educación da Comunidade Autónoma do País Vasco, artigo 68.". BOE. pp. 6410–6476. Consultado o 2026-04-15.
- ↑ Navarra. Lei Foral 18/1986, do 15 de decembro, do Éuscaro. Boletín Oficial del Estado, 27 de xaneiro de 1987.
- ↑ "Ataria". seaska.eus (en éuscaro). Consultado o 2026-04-13.
- ↑ Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística. Diario Oficial de Galicia, 14 de xullo de 1983.
- ↑ Plan xeral de normalización da lingua galega - O Portal da Lingua Galega Lingua.gal
- ↑ Decreto 124/2007, do 28 de xuño, polo que se regula o uso e promoción do galego no sistema educativo. Diario Oficial de Galicia, 29 de xuño de 2007.
- ↑ "IGE - Enquisa estrutural a fogares. Coñecemento e uso do galego". www.ige.gal. Consultado o 2026-04-14.
- 1 2 3 Monteagudo, Henrique; Loredo, Xaquín; Vázquez-Grandío, Gabino S. (2024): Informe sobre a situación da lingua galega segundo os datos do Instituto Galego de Estatística de 2023. Análise da enquisa sobre coñecemento e uso do idioma galego (2023) e da evolución sociolingüística de Galicia (1992-2023). Real Academia Galega. doi: 10.32766/rag.445.
- ↑ Galega, Seminario de Sociolingüística da Real Academia; Loredo, Xaquín; Valdivia, Bieito Silva (2020-03-10). Avaliación da competencia bilingüe nos idiomas galego e castelán do alumnado de 4º da ESO. Real Academia Galega. ISBN 978-84-17807-07-8.
- ↑ Loredo, Xaquín; Vázquez-Grandío, Gabino S. (2021). "A competencia comunicativa oral en galego e castelán ao final do ensino obrigatorio". Boletín da Real Academia Galega (382): 135–161. ISSN 2605-1680. doi:10.32766/brag.382.814.
- ↑ Monteagudo, Henrique; Gutiérrez, Xaquín Loredo; Martínez, Lidia Gómez; Vázquez-Grandío, Gabino S. (2021-10-06). Mapa sociolingüístico escolar de Ames. Real Academia Galega. ISBN 978-84-17807-08-5.
- ↑ Fernández, Martín Vázquez (2025). "Mapa sociolingüístico escolar de Santiago de Compostela: lingua, mobilidade e territorio". Cadernos de lingua (42): 43–82. ISSN 1130-5924.
- ↑ Arza Arza, Neves; Veiga Martínez, Daniel (1990): "Os programas de inmersión e a normalización lingüística no contexto galego", Cadernos de lingua, 2, pp. 105-111. DOI: 10.32766/cdl.2.642.
- ↑ Rábade Paredes, Xesús (1993): "Situación e perspectivas da normalización no ensino", Cadernos de lingua, 7, pp. 45-52.
- ↑ Loredo, Xaquín (coord.); Silva Valdivia, Bieito (coord.) (2020): Avaliación da competencia bilingüe nos idiomas galego e castelán do alumnado de 4º da ESO. Real Academia Galega. DOI: 10.32766/rag.372.
- ↑ Loredo, Xaquín; Vázquez-Grandío, Gabino S. (2022): "A competencia comunicativa oral en galego e castelán ao final do ensino obrigatorio", Boletín da Real Academia Galega, 382, pp. 135-161. doi: 10.32766/brag.382.814.
- 1 2 Nandi, Anik; Kasares, Paula; Manterola, Ibon (2023): "Countering government's low-intensity language policies on the ground: family language policies in Castilian-Spanish dominated Galicia and Navarre", Critical Inquiry in Language Studies. doi: 10.1080/15427587.2023.2247510.
- ↑ Vázquez-Grandío, Gabino S.; Cuñarro, Rosa Moreiras (2025-12-22). "Modo galego, actívao! Deseño, avaliación e evolución do “programa de compromiso lingüístico”". Cadernos de Lingua (42): 83–113. ISSN 2603-6975. doi:10.32766/cdl.42.894.
- ↑ Bloque Nacionalista Galego (2024): Programa de goberno. Eleccións galegas 2024.
- ↑ Movemento Sumar Galicia (2024): Relatorio político. Asamblea Xeral Movemento Sumar Galicia.
- 1 2 Escolas de Ensino Galego Semente: "Um pouco de história". Consultado o 11 de abril de 2026.
- ↑ Soziolinguistika Klusterra: "Escolas de Ensino Galego Semente". Consultado o 11 de abril de 2026.
- ↑ Abalde, Xulia; Quiroga, Santiago; Vilaverde, Iria (2020): "Projeto Educativo Semente", Revista Galega de Educación, 78, pp. 60-62.
- ↑ "Semente Compostela, unha escola para medrar sen renunciar á propia identidade". Diario Compostela. 2025-08-06. Consultado o 2026-04-15.
- 1 2 Quiroga García, Santiago; Bolaño Amigo, María Eugenia (2018): "Projeto Educativo Semente. Iniciativa popular autogestionada y transformadora para la promoción, normalización y defensa de la lengua y la cultura gallega", en Hizkuntzak, Ondarea eta Identitateak Europan eta Kanadan. Hizkuntza gutxituak biziberritzeko xedez.
- ↑ Conselho Nacional de Educação. Parecer CNE/CEB n.º 2/2020, de 9 de julho de 2020. Diretrizes Curriculares Nacionais para a oferta de Educação Plurilíngue.
- ↑ Brasil. Lei n.º 9.394, de 20 de dezembro de 1996, artigos 32, § 3.º, e 78.
- ↑ Conselho Nacional de Educação. Resolução CNE/CEB n.º 5, de 22 de junho de 2012, artigos 1 e 2.
- ↑ Brasil. Conselho Nacional de Educação. Resolução CNE/CEB n.º 5, de 22 de junho de 2012, artigos 1, 2 e 7.
- ↑ "Acquiring complexity: the Portuguese of some Piraha Men". journals.dartmouth.edu. Consultado o 2026-04-13.
- ↑ "La noche temática - El código de la Amazonia (La gramática de la felicidad)". rtve.es (en pirahã, portugués, inglés, e castelán). 2013-06-11. Consultado o 2026-04-13.
- ↑ Instituto do Patrimônio Histórico e Artístico Nacional (IPHAN). Guia de Pesquisa e Documentação para o Inventário Nacional da Diversidade Linguística, vol. 1.
- ↑ Diário da República de Portugal. Lei n.º 7/99, de 29 de janeiro. Reconhecimento oficial de direitos linguísticos da comunidade mirandesa.
- ↑ Despacho Normativo n.º 35/99, de 5 de julho, Diário da República, 20 de xullo de 1999.
- ↑ Despacho Normativo n.º 35/99, de 5 de julho, nºs 1 e 2.
- ↑ Direção-Geral dos Estabelecimentos Escolares. FAQs Matrículas
- ↑ Constituição da República de Angola, 2010, artigo 19.
- ↑ Instituto Nacional de Investigação e Desenvolvimento da Educação (INADE). Programa de Língua Portuguesa. 3.ª Classe, pp. 8-9.
- ↑ "Imersão formativa debate avaliação da aprendizagem no segundo dia de trabalhos em Luanda". OPaís (en portugués). 2026-01-06. Consultado o 2026-04-15.
- ↑ Constituição da República de Moçambique, artigos 9 e 10.
- ↑ Ministério da Educação e Desenvolvimento Humano de Moçambique. Plano Curricular do Ensino Primário, 2020.
- ↑ Cabo Verde. Decreto-Legislativo n.º 13/2018, de 7 de dezembro, preámbulo.
- ↑ Ministério da Educação de Cabo Verde. Programa de Língua e Cultura Cabo-verdianas. 10º Ano, 2024.
- ↑ "GB_2026". Associação Ser Mais Valia (en portugués). Consultado o 2026-04-15.
- ↑ Staff, Forbes (2026-03-03). "Crioulos de São Tomé e Príncipe em risco de extinção – alerta especialista". Forbes África Lusofona (en portugués). Consultado o 2026-04-15.
- ↑ "Timor oriental: Loi fondamentale de l'éducation (2008)". www.axl.cefan.ulaval.ca (en francés e portugués). Consultado o 2026-04-15.
- ↑ Walter, Stephen L. (2016): The Mother Tongue-Based Multilingual Education (EMBLI) Pilot Program Endline Assessment. Executive Summary.
- ↑ Gyeonggi Province: "Educational Exchange Agreement between English Village & Suwon Foreign Students School", 2006.
- ↑ "Kaupapa Māori education and Māori medium education support funding". www.education.govt.nz (en inglés). Consultado o 2026-04-14.
- ↑ "Learning Hebrew — Ulpanim". בית עולה (en inglés). 2022-01-23. Consultado o 2026-04-14.
- ↑ "S. Rept. 114-215 - NATIVE LANGUAGE IMMERSION STUDENT ACHIEVEMENT ACT". www.congress.gov. Consultado o 2026-04-14.
- ↑ "Native Language Immersion Grant Program". www.bie.edu; Bureau of Indian Education (en inglés). 2025-03-11. Consultado o 2026-04-14.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- [en http://www.carla.umn.edu/immersion/acie/vol4/Feb2001_WhyImmers.html] ACIE Newsletter, February 2001, Vol. 4, No. 2
- [pt http://thefools.com.br/aprender-ingles-rapido]