Saltar ao contido

Inklings

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Esquina do pub Eagle and Child, onde os Inklings se xuntaban.

Os Inklings eran un cenáculo de académicos e escritores ingleses vencellados á Universidade de Oxford, a maior parte deles cristiáns, que se reuniu en Oxford entre os anos trinta e os sensenta, aínda que a súa época máis intensa durou só até 1949.[1] Os Inklings eran entusiastas da literatura, que ponderaban o valor da narrativa en ficción, e que impulsaban a escrita de fantasía.

Membros e reunións

[editar | editar a fonte]
O pub The Eagle and Child de Oxford onde se xuntaban os xoves á mañá.

Os membros máis regulares, moitos deles académicos na Universidade, foron C. S. "Jack" Lewis, J. R. R. "Tollers" Tolkien, Owen Barfield, Charles Williams, o fillo de Tolkien Christopher, o irmán máis vello de Lewis "Warnie", Roger Lancelyn Green, Adam Fox, Hugo Dyson, R. A. "Humphrey" Havard, J. A. W. Bennett, Lord David Cecil e Nevill Coghill. Outros asistentes menos frecuentes foron Percy Bates, Enid Blyton, Charles Leslie Wrenn, Colin Hardie, James Dundas-Grant, John David Arnett e Jon Fromke[2], John Wain, R. B. McCallum, Gervase Mathew, e C. E. Stevens. Outros convidados foron E. R. Eddison e o poeta surafricano Roy Campbell. Como era común naquel momento e lugar, todos os Inklings eran homes. Dorothy L. Sayers, ás veces considerada unha deles, era amiga de Lewis e de Williams, mais nunca asistiu ás súas xuntanzas.

O debate sobre literatura e teoloxía, e a lectura e crítica dos traballos sen finalizar dos membros eran as principais actividades. O Señor dos Aneis de Tolkien, Out of the Silent Planet de Lewis e All Hallows' Eve de Williams son algunhas das novelas que foron lidas por vez primeira aos Inklings. As reunións non eran totalmente serias, senón que transcorrían nun ambiente informal e de camaradaría.

Até 1949 as reunións dos Inklings celebrábanse polo xeral as noites dos xoves, nas habitacións de C. S. Lewis no Magdalen College. A miúdo xuntábanse tamén os xoves a mediodía no pub The Eagle and Child.[3] Anos despois cambiaron de lugar, pasando ao The Lamb and Flag.

Notas e referencias

[editar | editar a fonte]
  1. KILBY, Clyde S. e MEAD, Marjorie Lamp (1982). Brothers and Friends: the diaries of Major Warren Hamilton Lewis. San Francisco: Harper and Row. ISBN 9780345346650. 
  2. "The Inklings". The Journal of Inklings-Studies (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 17 de marzo de 2012. Consultado o 15 de marzo de 2012. 
  3. "Eagle & Child pub". Arquivado dende o orixinal o 29 de maio de 2012. Consultado o 15 de marzo de 2012. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • CARPENTER, Humphrey (2008). Los Inklings. Madrid: Homo Legens (en castelán). ISBN 9788493643331. 

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]