Inglés de Irlanda
| Inglés de Irlanda | |||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||
| Propiedades | |||||||
|
Número de falantes
| |||||||
|
Alfabeto
| |||||||
|
Dialecto de
| |||||||
| Clasificación lingüística | |||||||
| Localización | |||||||
| |||||||
| Identificadores | |||||||
| |||||||
| Wikidata C:Commons | |||||||
O inglés de Irlanda ou hiberno-inglés,[1] tamén chamado ás veces angloirlandés,[2] é un conxunto de variedades da lingua inglesa faladas na illa de Irlanda. O inglés e a primeira lingua máis falada no día a día tanto na República de Irlanda como en Irlanda do Norte, xunto co irlandés, así como unha das súas linguas oficiais (xunto co escocés do Ulster, outra lingua local de Irlanda do Norte).
O estándar escrito do inglés de Irlanda e a súa ortografía están en consonancia cos do inglés británico.[3] Porén, os diversos acentos e algunhas das estruturas gramaticais e do vocabulario do hiberno-inglés son únicos. Destaca, en especial, a súa fonoloxía e léxico conservadores, con trazos que xa non adoitan aparecer nos dialectos ingleses e norteamericanos. Ademais, amosa unha importante influencia do irlandés e, no norte, do scots.
Os especialistas actuais tenden a dividir o inglés de Irlanda en catro ou cinco dialectos principais:[4][5] o setentrional ou do Ulster, os occidentais e meridionais (como o acento de Cork), varios dialectos dublineses, e un dialecto estándar non rexional que leva desenvolvéndose dende finais da década de 1970.
Historia
[editar | editar a fonte]O inglés medio chegou a Irlanda como resultado da invasión anglonormanda da illa a finais do século XII, que tamén supuxo o asentamento dunha pequena elite de fala anglonormanda. Esta primeira vaga lingüística evolucionou cara aos extintos idiomas yola e fingaliano, que xa non eran mutuamente comprensibles co inglés medio. Un segundo transvasamento sucedeu no século XVI, durante a era isabelina, o que converte ao inglés de Irlanda na variedade máis antiga das localizadas fóra da Gran Bretaña. Ademais, é máis conservadora a nivel fonolóxico e léxico que moitos outros dialectos do inglés.[2][6]

Durante a época anglonormanda, o inglés falábase principalmente na área coñecida como a Estacada (en inglés: The Pale), arredor de Dublín, namentres o irlandés permaneceu como a lingua maioritaria no resto do país. Deste período sobreviviron pequenos grupos de falantes de inglés medio. Con todo, o seu illamento produciu a aparición de dialectos agora extintos, como o yola (en Wexford) ou o fingaliano (en Fingal). Contra a era dos Tudor, a cultura e mais a lingua irlandesas recuperaron a meirande parte do territorio gañado polos invasores normandos, incluíndo a Estacada.
A conquista dos Tudor e a colonización de Irlanda levou a unha segunda vaga de inmigración de falantes de inglés, xunto coa supresión forzada e o conseguinte declive no status e uso do irlandés. Cara a mediados do século XIX, o inglés convertérase na lingua da metade da poboación. Ademais, continúa a ser a lingua de prestixio na actualidade, e incluso os falantes nativos de irlandés dominan tamén o inglés. En consecuencia, apenas un 1% da poboación irlandesa fala o irlandés,[7] malia ser unha materia obrigatoria nas escolas públicas. Entre o 40% dos irlandeses que afirmaban falar algo de irlandés en 2016, tan só un 4% o empregaba diariamente fóra do sistema educativo.[8] Segundo o censo de 2022, o número xeral de falantes de irlandés aumentou un 6% dende o 2016; non obstante, as persoas que o empregan de maneira cotiá descendeu un 2%.[9]
O viaxeiro alemán Ludolf von Münchhausen visitou a Estacada de Dublín en 1591. Nas súas palabras, "fálase pouco irlandés, e incluso hai xente aquí que non o sabe falar".[10] Se as súas aseveracións son certas, a lingua de Dublín na década de 1590 era o inglés e non o irlandés. Por outra banda, Albert Jouvin, quen visitou Irlanda en 1668, dixo: "nas zonas do interior, fálase unha lingua peculiar, mais na meirande parte das cidades e vilas da costa só se fala o inglés".[11] Por último, Richard Twiss, no seu A Tour of Ireland in 1775, refírese á lingua falada en Dublín nos seguintes termos: "na actualidade case todos os campesiños falan o inglés, con idéntica adecuación que as persoas da súa mesma clase en Inglaterra".[12]
No seu libro On Early English Pronunciation, Part V, un dos primeiros estudos sobre a dialectoloxía do inglés, Alexander John Ellis incluíu varias mostras do angloirlandés falado en Forth e Bargy, no condado de Wexford.[13] Ellis, un erudito de finais do século XIX, parecía ignorar que o inglés se falaba en partes de Irlanda, especialmente no Ulster, dende había séculos.[14]
Inglés do Ulster
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Inglés do Ulster.
O inglés do Ulster, ou inglés do norte de Irlanda, refírese ao conxunto de variedades faladas na provincia do Ulster, que inclúe Irlanda do Norte e os condados limítrofes da República de Irlanda. Reciben a influencia do irlandés do Ulster e do scots, traído polos colonos escoceses durante a colonización do Ulster. As súas principais subdivisións son o inglés do Ulster medio, o inglés do Ulster meridional e mais o escocés do Ulster, que pode considerarse unha lingua independente. A nivel fonético, destacan os seguintes trazos:
- As oracións declarativas adoitan pronunciarse cunha elevación do ton ao final, un tipo de entoación que outros falantes de inglés asocian coas oracións interrogativas.[15]
- "Kit" redúcese, aproximándose a [ë~ɘ~ɪ̈].
- "Strut" é moi próximo a [ɞ].
- "Goose" e "foot" combínanse como [ʉ].
- "Mouth" aproxímase a [ɐʏ~ɜʉ].
- "Price" pronúnciase como [ɛɪ~ɜɪ], en especial antes de consonantes xordas.
- "Face" pronúnciase como [eː], pero na actualidade é común escoitar [eːə] ou, incluso, [ɪːə] nunha sílaba pechada.
- "Goat" pronúnciase case sempre como un [o̝(ː)].
- Ausencia do happy-tensing, coa vogal final de happy, holy ou money pronunciadas como [e].
- A sílaba final /l/ pronúnciase ás veces como [ɫ], especialmente antes dunha consonante.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Hickey 2007.
- ↑ 2,0 2,1 Christiansen.
- ↑ Hickey 2012.
- ↑ Hickey 2004a.
- ↑ Hickey 2004b.
- ↑ Joyce 1910, p. 6.
- ↑ Hickey 2007, p. 121.
- ↑ CSO 2017.
- ↑ CSO 2023.
- ↑ Münchhausen 2012.
- ↑ Jouvin 1779.
- ↑ Twiss 2020, p. 7.
- ↑ Ellis 1889, p. 1.
- ↑ Aveyard 2022.
- ↑ Hickey 2007, p. 118.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Aveyard, Edward (2022). "What is Dialect?". Transactions of the Yorkshire Dialect Society (en inglés) 23 (122): 9.
- Christiansen, Thomas. "English in Ireland and Irish in English: Hiberno-English as Exemplar of World English" (PDF) (en inglés). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 20 de outubro de 2021. Consultado o 9 de novembro de 2025.
- CSO (2017). "Census of Population 2016 - Profile 10 Education, Skills and the Irish Language". cso.ie (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 8 de decembro de 2020.
- CSO (2023). "Press Statement Census 2022 Results Profile 8 - The Irish Language and Education". cso.ie (en inglés).
- Ellis, Alexander John (1889). On early English pronunciation: with especial reference to Shakspere and Chaucer, containing an investigation of the correspondence of writing with speech in England from the Anglosaxon period to the present day means of the ordinary printing types (en inglés). Truebner & Co.
- Hickey, Raymond (2004a). "Irish English: Phonology". En Kortmann, Bernd; Schneider, Edgar W. A Handbook of Varieties of English (en inglés). Walter de Gruyter. ISBN 3110175320.
- Hickey, Raymond (2004b). A Sound Atlas of Irish English (en inglés). Walter de Gruyter. ISBN 978-3-11-018298-9.
- Hickey, Raymond (2007). Irish English: History and Present Day Forms (en inglés). Cambridge University Press. ISBN 9781139465847.
- Hickey, Raymond, ed. (2012). Standards of English: Codified Varieties Around the World (en inglés). Cambridge University Press.
- Jouvin, Albert (1779). "Description of England and Ireland under the Restoration" (en inglés).
- Joyce, P. W. (1910). English as We Speak It in Ireland (en inglés). Longmans, Green.
- Münchhausen, Ludolf von (2012). "A German Visitor to Monaincha in 1591" (en inglés).
- Twiss, Richard (2020). A Tour in Ireland in 1775 (PDF) (en inglés). Ex-classics Project. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 7 de decembro de 2024.