Indicidade
En lingüística, semiótica e filosofía da linguaxe, a indicidade ou indexicalidade (en inglés: indexicality) refírese a un enunciado ou comportamento (un indicio) que apunta cara a un estado de cousas. Exemplos de indicios son: eu, que se refire a quenquera que estea a falar; agora, que se refire ao tempo no cal se enuncia esta palabra; ou aquí, que se refire ao lugar onde se produce a enunciación.[1]
Indicidade xeral
[editar | editar a fonte]Segundo Charles Sanders Peirce, a indicidade é unha das tres modalidades do signo[2], polo que se trataría dun fenómeno que se estende alén da linguaxe. Dende o punto de vista da antropoloxía, verbi gratia, a indicidade incluiría calquera elemento (roupa, variedades de fala, modais na mesa...) que apunte cara a identidade ou status social dunha persoa.[3] Outro exemplo de indicidade non lingüística é sinalar un obxecto co dedo, no canto de enunciar o seu nome.[2][4]
Indicidade lingüística
[editar | editar a fonte]Os indicios lingüísticos puros reciben o nome de deícticos.[1] Os deícticos posúen un modo contextual de referencia, xa que o receptor da mensaxe necesita coñecer ao emisor ou o contexto para captar o referente.[1] Xeralmente, os indicios acompáñanse de xestos ou outras expresións non verbais.[4] Por outra banda, existen tamén indicios lingüísticos non referenciais, como marcadores de xénero ou da clase social do falante.[1][3]
Os indicios aseméllanse aos demostrativos (isto, iso...), xa que ambos tipos de expresións varían en función da situación. Porén, algúns teóricos propoñen que se trata de categorías diferentes de palabras.[5]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 Silverstein, Michael (1976). "Shifters, Linguistic Categories, and Cultural Description".
- ↑ 2,0 2,1 "El icono, el índice y el símbolo".
- ↑ 3,0 3,1 Ochs, Elinor (1990). "Indexicality and socialization". En Herdt, Schweder e Stigler. Cultural Psychology: Essays on Comparative Human Development. Cambridge University Press.
- ↑ 4,0 4,1 Nakassis, Constantine V. (2018). "Indexicality's Ambivalent Ground". Signs and Society 6 (1). doi:10.1086/694753.
- ↑ Braun, David (2017). Zalta, Edward N., ed. Indexicals (Summer 2017 ed.). Metaphysics Research Lab, Stanford University.