Ilyushin Il-28

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ilyushin Il-28
Tipobombardeiro medio
FabricanteIlyushin
Harbin Aircraft Manufacturing Corporation (H-5)
Primeiro voo8 de xullo de 1948
Introducido1950
Principais usuariosForza Aérea Soviética
Forza Aérea do Exército Popular de Liberación
Forza Aérea de Checoslovaquia
Forza Aérea de Polonia
Unidades construídas6 635

O Ilyushin Il-28 (ruso: Илью́шин Ил-28; designación OTAN: Beagle) é un bombardeiro a reacción do período de posguerra fabricado orixinalmente para a Forza Aérea Soviética. Foi o primeiro avión deste tipo da Unión Soviética en ser producido a grande escala. Construíuse baixo licenza na China como o Harbin H-5. A produción total na USSR foi de 6 316 avións, e fabricáronse 319 H-5. Só 187 exemplares da variante de adestramento HJ-5 foron producidos. Nos anos 90 centos deles aínda estaban en servizo en varias forzas aéreas 50 anos despois do seu primeiro voo. Os únicos H-5 en servizo no presente son uns 80 avións que operan coa Forza Aérea do Exército Popular de Corea.[1] O Il-28 é designado pola USAF/DoD como "Type 27"[2] e pola OTAN como "Beagle",[3] mentres que a variante de adestramento Il-28U recibía a designación "Type 30"[2] da USAF/DoD, e a Mascot da OTAN.[4][5]

Deseño e desenvolvemento[editar | editar a fonte]

Tras distintos intentos para construír un bombardeiro catrimotor (o Ilyushin Il-22 con motores Lyulka TR-1 e o non construído Ilyushin Il-24 con Rolls-Royce Derwent), a oficina de deseño Ilyushin comezou a desenvolver un novo bombardeiro táctico a reacción a finais de 1947.[6] A intelixencia occidental centrouse no desenvolvemento de catrimotores mentres que o bimotor Ilyushin Il-28 creouse para cumprir un requisito para un bombardeiro que puidese levar unha carga de bombas de 3 000 kg a unha velocidade de 800 km/h.[7][8] O novo deseño aproveitouse da venda de varios motores Rolls-Royce Nene do Reino Unido á Unión Soviética, o que permitiu aos enxeñeiros soviéticos producir rapidamente unha copia sen licenza do Nene, o RD-45, deseñando Ilyushin o novo bombardeiro ao redor de dous RD-45.[7]

O Il-28 era máis pequeno que os anteriores deseños e tiña unha tripulación de tan só tres persoas (piloto, navegante e artilleiro). Tamén era máis pequeno que o seu competidor da oficina de deseño de Tupolev, o trimotor (con dous Nenes e un Rolls-Royce Derwent) Tupolev Tu-73, que fora iniciado moito antes que o proxecto de Ilyushin e voara antes do que o deseño do Il-28 fose aprobado.[7]

Bodega de bombas de Il-28

O deseño do Il-28 tiña un esquema convencional, con á alta e recta e unha cola e estabilizadores horizontais en frecha. Os motores estaban instalados e voluinosas góndolas colgadas xusto debaixo das ás. A roda de morro retraíase cara a atrás, mentres que as rodas principais facíano cara a adiante nas góndolas dos motores. A tripulación estaba acomodada e compartimentos presurizados separados. O navegante, que tamén actuaba de bombardeiro, estaba no compartimento do morro acristalado e tiña unha mira de bombardeo OPB-5 baseada na mira estadounidense Norden da segunda guerra mundial, mentres que o piloto sentábase baixo unha cabina en forma de burbulla que se abría lateralmente cun parabrisas blindado. O artilleiro sentábase nun compartimento separado na parte traseira da fuselaxe, operando unha torreta motorizada armada con dous canóns Nudelman-Suranov NS-23 de 23 mm con 250 disparos cada un. En servizo, ás veces retirábase a torreta para aforrar peso.[9] Mentres que o piloto e o navegante tiñan asentos exectables, o artilleiro tiña que lanzarse en paracaídas por unha escotilla no chan no caso dunha emerxencia. No morro montáronse dous canóns fixos de 23 mm que disparaban cara a adiante, accionados polo piloto e con 100 disparos cada un. Na fuselaxe tiña unha bodega de bombas capaz de levar catro bombas de 100 kg en contedores individuais, ou unha única gran bomba de ata 3 000 kg colgada na bodega.[10]

Unha característica de deseño pouco común do Il-28 era que as ás e a cola dividíronse horizontalmente a través do centro da á, mentres que a fuselaxe dividiuse verticalmente na liña central, permitindo que as partes separades se construísen individualmente e equipado con sistemas antes de ser parafusado para completar a montaxe da aeronave.[11] Isto incrementaba lixeiramente o peso da estrutura do avión, pero facilitaba a fabricación e demostrou ser máis barato.[12][13]

O primeiro prototipo, impulsado por dous Nene importados, realizou o seu voo de estrea o 8 de xullo de 1948, con Vladimir Kokkinaki aos controis. As probas foron exitosas, demostrando o Il-28 un bo manexo e acadando unha velocidade de 833 km/h. O segundo prototipo voou o 30 de decembro dese mesmo ano con motores RD-45 soviéticos substituíndo aos Nenes.[14] Tras completar as probas a principios de 1949 o avión foi pedido para ser fabricado a grande escala o 14 de maio de 1949, usándose o motor Klimov VK-1, unha versión mellorada do RD-45, para mellorar o rendemento do avión.[15][16] O primeiro avión de preprodución con motores VK-1 voou o 8 de agosto de 1949, e contaba cunhas góndolas modificadas para reducir a resistencia, mentres que o radomo para o radar de navegación moveuse dende a parte traseira da fuselaxe a xusto detrás da roda do morro.

A produción a grande escala comezou en setembro de 1949 en tres factorías, entregándose os primeiros avións a principios de 1950, e permitindo así que 25 Il-28 fosen exhibidos no desfile do Primeiro de Maio en Moscova 1950 (como pedira Joseph Stalin cando o avión entrou en produción en 1949).[17][18] O Il-28 converteuse rapidamente no bombardeiro táctico estándar das forzas soviéticas e foi amplamente exportado.[15]

Historial operacional[editar | editar a fonte]

Il-28 polaco

O Il-28 foi amplamente exportado, servindo en forzas aéreas dunhas 20 nacións que ían dende países do Pacto de Varsovia ata varios de Oriente Medio e África. Exipto foi un dos primeiros clientes e destruír os Il-28 exipcio no chan foi unha proridade para a Royal Air Force durante a guerra de Suez e despois para a Forza Aérea de Israel durante a guerra dos Seis Días e a guerra do Yom Kippur.

Os Il-28 exipcios tamén combateron na guerra civil do Iemen do Norte, que comezou en 1963. Ademais de atacar ás forzas realistas, tamén bombardearon as cidades saudís de Jizan, Najran e Khamis Mushait.[19] Dous Il-28 exipcios puideron ter sidoderrubados preto de Sanaa por Hawker Hunter da Real Forza Aérea de Arabia Saudita voados por pilotos británicos en 1966.[20]

A Unión Soviética estaba en proceso de proporcionar o tipo para que se montase localmente en Cuba cando foi detido pola crise dos mísiles de Cuba, tras a cal Nikita Khrushchev accedeu a retiralos. O tipo tamén foi usado de forma limitada en Vietnam e coas forzas afgás en Afganistán. Catro Il-28 ex-exipcios e dous ex-soviéticos (todos con tripulacións exipcias) foron operados pola Forza Aérea de Nixeria na guerra civil de Nixeria. Finlandia tivo tamén catro exemplares do tipo entregados entre 1961 e 1966 para tarefas de remolque de brancos. Estiveron en servizo ata os anos 80.

A Unión Soviética relegou os seus Il-28 a segunda liña a finais dos anos 50. A principios dos anos 60 introducíuse o supersónico Yak-28 para encargarse do rol de ataque a baixa cota do Beagle; algunhas variantes do Il-28 permaneceron en servizo coa Unión Soviética ata os anos 80.[21][22] Os derradeiros Il-28 de fabricación soviética estiveron voando en Exipto ata os 90.

A República Popular da China recibiu máis de 250 Il-28 de fabricación soviética a partir de 1952,[23] e cando ocorreu a ruptura sino-soviética a finais dos 50, decidiu comezar a febricar o avión a pesar de que non tiña licenza para facelo.[24] Os avións de fabricación chinesa diferenciábanse dos soviéticos en que tiñan unha estrutura da á redeseñada, abandonando a división horizontal e aforrando así 110 quilogramos a costa dunha fabricación máis difícil. Os avións chineses tamén usaban unha torreta de cola distinta baseada na do Tupolev Tu-16, e equipadas con canóns AM-23 de disparo rápido.[25]

Os Il-28 de fabricación chinesa con designación H-5 e construídos por HAMC aínda estaban voando por centos nos 90 na China, e en pequens cantidades en Corea do Norte e Romanía. As tres principais versións chinesas son o bombardeiro H-5, seguido do adestrador HJ-5, e o H-5R (HZ-5) de recoñecemento de longo alcance, e posteriormente chegou o HD-5 de contramedidas electrónicas (ECM) e medidas de apoio de guerra electrónica (ESM).

Sábese que o tipo aínda está en servizo coa Forza Aérea de Corea do Norte, aínda que pouco se sabe de se son unha mestura de superviventes do lote de 24 avións soviéticos entregados nos anos 60 con algúns H-5 de fabricación chinesa, ou se son só H-5. Algúns deles probablemente son usados para obter pezas de reposto para manter un pequeno rupo operativo dunha ducia de aparellos. Estes avións dánlle a Corea do Norte medios para bombardear obxectivos en Corea do Sur e o oeste do Xapón, aínda que son vulnerables aos modernos sitemas de mísiles antiaereos e interceptores.

Varios Il-28s están conservados en museos e como monumentos en Rusia, Alemaña, Hungría e outros países.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Derailing a Nuclear Program by Force - Stratfor Worldview". web.archive.org. 2017-04-23. Archived from the original on 23 de abril de 2017. Consultado o 2022-04-12. 
  2. 2,0 2,1 ""Type" Numbers (1947-1955)". designation-systems.net. Consultado o 2022-04-12. 
  3. "B - Bombers". designation-systems.net. Consultado o 2022-04-12. 
  4. "Miscellaneous". designation-systems.net. Consultado o 2022-04-12. 
  5. Gunston 1995, pp. XXX–XXXI
  6. Sweetman e Gunston 1978, p. 113
  7. 7,0 7,1 7,2 Green e Swanborough 1988, p. 44
  8. Gunston 1995, p. 417
  9. Winchester 2006, p. 112
  10. Green e Swanborough 1988, pp. 45-46
  11. Winchester 2006, p. 113
  12. Green e Swanborough 1988, p. 45
  13. Gunston 1995, p. 114
  14. Green e Swanborough 1988, p. 46
  15. 15,0 15,1 Nemecek 1986, p. 173
  16. Gordon, Komissarov e Komissarov 2004, p. 117
  17. Green e Swanborough 1988, pp. 47-49
  18. Gordon, Komissarov e Komissarov 2004, p. 118
  19. Cooper 2017, pp. 17-18
  20. Cooper 2017, p. 23
  21. "The Ilyushin Il-28 "Beagle"". www.airvectors.net. Consultado o 2022-04-16. 
  22. "Yakovlev Yak-25 & Yak-28". www.airvectors.net. Consultado o 2022-04-16. 
  23. Gordon e Komissarov 1997, p. 20
  24. Gordon e Komissarov 2008, p. 113
  25. Gordon e Komissarov 2008, pp. 113-114

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Gordon, Yefim, Dmitry Komissarov e Sergei Komissarov. OKB Ilyushin: A History of the Design Bureau and Its Aircraft. Hinckley, Leicestershire, UK: Midland Publishing, 2004. ISBN 1-85780-187-3.
  • Green, William e Gordon Swanborough. "Il-28 ... A Quadragenarian Ilyushin". Air Enthusiast, Thirty-six, May–August 1988, pp. 39–51. ISSN 0143-5450.
  • Nemecek, Vaclav. The History of Soviet Aircraft from 1918. London: Willow Books, 1986. ISBN 978-0-00218-033-7.
  • Sweetman, Bill e Bill Gunston. Soviet Air Power: An Illustrated Encyclopedia of the Warsaw Pact Air Forces Today. London: Salamander Books, 1978. ISBN 0-517-24948-0.
  • Winchester, Jim, ed. "Ilyushin Il-28 'Beagle'." Military Aircraft of the Cold War (The Aviation Factfile). London: Grange Books plc, 2006. ISBN 1-84013-929-3.