Ilse Bing

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaIlse Bing
Biografía
Nacemento23 de marzo de 1899 Editar o valor em Wikidata
Frankfurt, Alemaña Editar o valor em Wikidata
Morte10 de marzo de 1998 Editar o valor em Wikidata (98 anos)
Manhattan, Estados Unidos de América Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeAlemaña
Estados Unidos de América Editar o valor em Wikidata
RelixiónXudaísmo Editar o valor em Wikidata
Actividade
Campo de traballoFotografía Editar o valor em Wikidata
Ocupaciónfotógrafa Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua inglesa Editar o valor em Wikidata
Obra
Arquivos en
Familia
CónxuxeKonrad Wolff (pt) Traducir (1937–) Editar o valor em Wikidata
Premios

Ilse Bing, nada en Frankfurt o 23 de marzo de 1899 e finada en Nova York o 10 de marzo de 1998,[1] foi unha fotógrafa alemá[2] de vangarda e comercial, pioneira na produción de imaxes monocromas durante o período de entreguerras.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Bing naceu nunha familia xudía acomodada de comerciantes en Frankfurt en 1899.[3] Recibiu unha boa educación, con atención particular nas artes e na música.[4]

Estudou historia da arte na Universidade de Frankfurt, aínda que iniciara os seus estudos universitarios nos campos das matemáticas e da física. Como importante complemento á súa formación, durante o curso 1923-24 estudou na Academia de Belas Artes de Viena. A súa aprendizaxe da fotografía realizouno de modo autodidacta en 1925 coa fin de ilustrar a súa tese sobre o arquitecto Friedrich Gilly. Catro anos despois comprou unha cámara Leica que empregou durante vinte anos como a súa máquina principal.[5]

En 1929, inspirada polo traballo de Florence Henri, Bing mudouse a París para traballar con Henri e outros modernistas.[6] Alí coñeceu tamén a André Kertész e Emmanuel Sougez e realizou reportaxes para diversas revistas como Das Illustrierte Blatt, Ars et Métiers Graphiques, Photo-Graphie, Vu e Harper's Bazaar. Sougez deulle o nome de "Raíña da Leica".[7] Realizou a súa primeira exposición na galería Julien Levy de Nova York en 1932 formando parte dunha mostra de fotografía europea e en 1937 participou na exposición organizada no Museo de Arte Moderna de Nova York por Beaumont Newhall co título de Photography (1839-1937).

En 1937 casou co pianista Konrad Wolff con quen emigrou en 1941 aos Estados Unidos, xa que eran xudeus e a Alemaña nazi dominaba Europa. Establecéronse en Nova York e en 1946 Bing adoptou a nacionalidade estadounidense. Aínda que viaxou en diversas ocasións a París, nos anos cincuenta a súa actividade fotográfica perdeu contido experimental e fíxose máis convencional. Non obstante, continuou a realizar fotografías en branco e negro ata 1957 en que comezou a realizar fotografías en cor que ela mesma revelaba.[8]

En 1959 abandonou a fotografía para dedicarse á poesía, á pintura e á colaxe e ocasionalmente incorporou fragmentos de fotografías. Estaba interesada en combinar as matemáticas, as palabras e as imaxes.[6] Cando deixou a fotografía, Bing afirmou que xa dixera todo o que quería dicir cunha cámara.[6]

O seu traballo foi valorado de novo tras unha exposición colectiva realizada en 1976 no Museo de Arte Moderna de Nova York e no Instituto de Arte de Chicago. Dende entón o seu traballo foi exposto en museos de todo o mundo como en Nova Orleáns en 1985, no Museo Carnavalet en 1987, no Museo Folkwang en 1994, no Museo Ludwig en 1996, no Museo de Vitoria e Alberto en 2004, en París en 2007 e en Barcelona en 2009.[9]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Margarett Loke (15 de marzo de 1998). "Obituaries. Ilse Bing, 98, 1930's Pioneer Of Avant-Garde Photography". The New York Times (en inglés). Consultado o 27 de xuño de 2011. 
  2. Auer, Michèle & Auer, Michel (1985). Encyclopédie internationale des photographes de 1839 à nos jours/Photographers Encyclopaedia International 1839 to the Present (en francés e inglés). I (A-K). Hermance: Editions Camera Obscura. ISBN 2903671052. 
  3. webmaster@vam.ac.uk, Victoria and Albert Museum, Online Museum, Web Team. "Ilse Bing Biography". www.vam.ac.uk (en inglés). Consultado o 9 de marzo de 2018. 
  4. "Ilse Bing | Jewish Women's Archive". jwa.org (en inglés). Consultado o 9 de marzo de 2018. 
  5. Mißelbeck, R. (2007). La fotografía del siglo XX. Museum Ludwig Colonia. Colonia: Taschen GmbH. pp. 57–58. ISBN 978-3-8228-4082-5. 
  6. 6,0 6,1 6,2 Loke, Margarett (15 de marzo de 1998). "Ilse Bing, 98, 1930's Pioneer Of Avant-Garde Photography". The New York Times (en inglés). ISSN 0362-4331. Consultado o 9 de marzo de 2018. 
  7. "Ilse Bing: Queen of the Leica". Victoria and Albert Museum (en inglés). Consultado o 27 de xuño de 2011. 
  8. Sougez, M.L.; Pérez Gallardo, H. (2003). Diccionario de historia de la fotografía (en castelán). Madrid: Ediciones Cátedra. p. 67. ISBN 84-376-2038-4. 
  9. Koetzle, Hans-Michael (2011). Fotógrafos de la A a la Z. Madrid: Taschen. p. 38. ISBN 978-3-8365-1108-7. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]