Ilse Aichinger

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Ilse Aichinger
Nome completoIlse Aichinger
Nacemento1 de novembro de 1921
 Viena
Falecemento11 de novembro de 2016
 Viena
NacionalidadeAustríaca
Alma máterUniversidade de Viena
OcupaciónEscritora
PaiLudwig Aichinger
NaiBerta Aichinger
CónxuxeGünter Eich
FillosClemens Eich e Mirjam Eich
IrmánsHelga Michie
Coñecida porStory in Reverse, The Greater Hope e Eliza Eliza
PremiosGran Premio de Literatura de Austria, Premio Franz Kafka, Gran Premio Estatal de Literatura de Austria...
Ilse Aichinger (signature).jpg
editar datos en Wikidata ]

Ilse Aichinger nada en Viena o 1 de novembro de 1921[1] e finada na mesma cidade o 11 de novembro de 2016,[1][2] foi unha escritora austríaca que xogou un papel moi importante na literatura alemá da posguerra, principalmente por relatar cunha linguaxe innovadora e de forma parcialmente autobiográfica a persecución do nazismo ao pobo xudeu. Aichinger non só formou parte de numerosas asociacións de escritores e institucións lingüísticas, senón que tamén foi galardoada en múltiples ocasións, grazas a obras como Die größere Hoffnung ou Spiegelgeschichte. Ademais, foi columnista no periódico austríaco Die Presse.

É considerada como a representante máis importante da literatura alemá de posguerra.[2]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Infancia e mocidade[editar | editar a fonte]

Fillas dun profesor católico e unha médica xudía, Ilse Aichinger e a súa irmá xemelga, Helga Michie, naceron en Viena no ano 1921. A súa infancia transcorreu principalmente na cidade austríaca de Linz, onde permaneceu ata o divorcio prematuro dos seus pais en 1927. A súa nai, Berta, decidiu entón regresar coas súas fillas a Viena, onde Ilse viviría alternando entre a casa da súa avoa xudía e un colexio católico.

No ano 1938, o Anschluss significaría para Ilse e a súa familia o inevitable comezo dun período de constante persecución e medo polas súas vidas. Helga foi quen de fuxir xunto con outros nenos e nenas xudeus cara a Gran Bretaña o 4 de xullo de 1939 grazas á evacuación impulsada polo Goberno británico, coñecida como Kindertransport. Con todo, a súa familia non correu a mesma sorte e o estalido da Segunda Guerra Mundial impediulle reunirse con ela. Ilse, pola súa parte, aínda menor de idade e, para os nazis, «media-aria» (en alemán, Halbarierin), permaneceu en Viena baixo a tutela da súa nai para salvala da deportación.[3] Se ben Berta Aichinger perdeu o seu emprego, isto non supuxoun verdadeiro inconveniente ata 1942.

Durante este tempo, Ilse non só viviu completamente illada, senón que viu como se lle negaba unha praza na universidade. Ademais, tanto ela como a súa nai foron obrigadas a traballar durante os anos de guerra. Ilse incluso correu o risco de ser deportada e asasinada debido a que, unha vez que alcanzou a maioría de idade, agochou á súa nai nun cuarto que se lle asignara no antigo Hotel Metropol na Morzinplatz, fronte ao cuartel xeral da Gestapo.

Respecto ao resto da familia, tanto a avoa de Ilse como os seus tíos, Erna e Felix, irmáns menores da súa nai, foron secuestrados en 1942 e enviados ao campo de concentración de Maly Trostenets, cerca de Minsk, onde foron asasinados.

Estudos e obras[editar | editar a fonte]

En 1945, Ilse Aichinger comezou a estudar medicina, pero abandonou os seus estudos  despois de cinco semestres para escribir a súa novela parcialmente autobiográfica Die gröβere Hoffnung (en galego, A esperanza máis grande). Foi escrito «na cociña dun piso pobre nun barrio exterior» de Viena e na oficina «dunha institución para persoas incurables, anciás e deportadas», onde a súa nai traballaba como médico.[4]

O crítico Hans Weigel recomendoulle que se presentase a ela mesma e aos seus textos á editoria Bermann-Fischer, que finalmente publicou as súas obras. Pero incluso antes diso, os textos anteriores de Aichinger publicados en xornais e revistas como Wiener Kurier, Plan ou Der Turm  provocaron certo rebumbio polo que, segundo Hans Weigel, a literatura austríaca da posguerra rexurdiu con Ilse Aichinger. En 1949-50 Ilse Aichinger traballou como revisora para S. Fischer e en 1950-51 como axudante de Inge Aicher-Scholl na Escola Superior de Deseño de Ulm.

No ano 1951, foi invitada por primeira vez ao Grupo 47 por Hans Werner Richter, onde coñeceu o seu futuro marido Günter Eich. En 1952, gañou o premio do grupo pola súa obra Spiegelgeschichte (en galego, Conto en espello). Nese mesmo ano escribiu o notorio discurso Rede unter dem Galgen (Discurso baixo a forca). Do ano 1956 ao 1993 foi membro da Academia das Artes de Berlín Occidental.

En 1953 casou co escritor Günter Eich. A parella e seus fillos Clemens (tamén escritor) e Mirjam residiron primeiro en Lenggries, despois en Breitbrunn am Chiemsee e, dende 1963, en Großgmain, no estado de Salzburgo. En 1967, fixo unha longa xira de lectura polos Estados Unidos. O ano do seu matrimonio con Eich coincidiu co seu debut na radio coa obra Knöpfe (Botóns). En 1957 pasou a formar parte do Centro PEN de escritores de Alemaña.

Anos tardíos[editar | editar a fonte]

Günter Eich finou no ano 1972. Anos despois da morte do seu marido, e tras a morte da súa nai, Aichinger mudouse a Frankfurt ao principio dos anos oitenta. En 1988 mudouse a Viena, e logo dunha longa pausa creativa, volveu a escribir a finais da década dos noventa. Nesa época non deixou de recibir prestixiosos premios literarios, malia que as súas publicacións cada vez eran máis breves e escasas. En 1996, Aichinger asinou a Frankfurter Erklärung zur Rechtschreibreform (Declaración de Frankfurt sobre a reforma da ortografía) e no ano 1997 prohibiu a adaptación dos seus textos ás novas normas ortográficas.

Dende 1977 foi integrante da Academia Alemá da Lingua e Poesía en Darmstadt. Así mesmo, foi membro de pleno dereito da Academia Bávara de Belas Artes. Ademais, tras a fusión da Academia das Artes de Berlín Occidental coa Academia das Artes da RDA uniuse á Academia das Artes de Berlín en 1993.

En 1984 mudouse a Frankfurt por invitación da editorial alemá S. Fischer Verlag e  regresou a Viena en 1988. Trala morte accidental do seu fillo Clemens en febreiro de 1998, a autora retirouse case por completo do panorama literario. Un par de anos máis tarde, tras 14 anos sen escribir, publicou no xornal vienés Der Standard ensaios semanais parcialmente autobiográficos dende finais de 2001 ata 2003. Porén, en 2004 rompeu a súa relación con este xornal debido a un artigo sobre a Premio Nobel Elfriede Jelinek. En decembro de 2004, Ilse Aichinger comezou a traballar como columnista para o suplemento semanal «Spectrum» do diario austríaco Die Presse. Algúns destes textos tardíos publicáronse no libro Film und Verhängnis (Cine e perdición) publicado en 2001, e tamén nos pequenos volumes Unglaubwürdige Reisen (Viaxes incribles), publicado en 2005, e Subtexte (Subtexto), publicado en 2006.[5]

En Viena, onde viviu ata a súa morte, Aichinger pasaba case todos os días na súa cafetería habitual, o histórico Café Demel, situado na rúa Kohlmarkt. Amais, era asidua visitante do cinema.[6]

Ilse Aichinger faleceu o 11 de novembro de 2016 á idade de 95 anos.[7] En 2018, unha rúa do distrito Donaustadt de Viena foi nomeada na súa honra.

Obra[editar | editar a fonte]

Primeiros traballos[editar | editar a fonte]

Portada de Die größere Hoffnung, edición de 1991, baseada nun deseño de Otl Aicher

Dende o principio, Aichinger chamou, nas súas obras, á crítica das condicións políticas e sociais, e manifestouse contra a falsa harmonía e o esquecemento histórico. Xa no ano 1945, escribiu Das vierte Tor (A cuarta porta) o primeiro texto da literatura austríaca sobre o mundo dos campos de concentración.[8] Un ano máis tarde, escribiu no ensaio Aufruf zum Misstrauen (Chamada á sospeita): «Debemos desconfiar de nós mesmos. Da claridade das nosas intencións, da profundidade dos nosos pensamentos, da bondade das nosas accións. Temos que desconfiar da nosa propia veracidade!».[8] Con este chamamento contra a represión da historia e por unha impecable autoanálise, Ilse Aichinger volveuse contra a denominada Kahlschlagliteratur (literatura de desmonte total), cuxos partidarios propagaban un novo e radical comezo despois do final da Segunda Guerra Mundial.

En 1948, escribiu a súa única novela, Die größere Hoffnung, na que, baseándose na súa propia vida, describe o destino dunha nena «medio-xudía» (en alemán, Halbjüdin) baixo o nacionalsocialismo. Die größere Hoffnung é un libro sobre a falta de grandes esperanzas.[9] A novela non ofrece unha representación concreta e realista de humillacións, medo e esperanza desesperada, senón que é un retrato alegórico con dez imaxes ordenadas cronoloxicamente, dende a perspectiva dunha nena de 15 anos. Con todo, non se narra dunha maneira comprensible; o texto é máis unha rede de soños, contos de fadas, mitos e historia. Os monólogos alternan con diálogos, a narración autorial coa persoal. «A través da exaltación de simbólica, o horror non se minimiza en absoluto, senón que só se eleva a outro nivel e está ligado a temas atemporais».[10]

Die größere Hoffnung é, xunto cos estudos sobre Moosbrugger e Clarisse de Robert Musil en Der Mann ohne Eigenschaften (O home sen atributos), a primeira novela deconstrutiva que focaliza na lingua da literatura austríaca e que á vez afonda na historia.[11]

Nas súas primeiras narracións, que mostran a influencia que tivo de Franz Kafka, Aichinger describe a «escravitude existencial do ser humano a través de medos, presións, soños, delirios e fantasías febrís».[12] O tema da difícil relación entre o soño e a realidade, e entre a liberdade e a coacción, repítese unha e outra vez; como por exemplo, no volume en prosa de 1963 Wo ich wohne (Onde eu vivo). O relato homónimo tamén trata a alienación e a cuestión da autonomía e da responsabilidade.

Crítica da linguaxe[editar | editar a fonte]

Dende o comezo, a obra de Aichinger amosou unha marcada tendencia a un estilo conciso, como se pode ver, por exemplo, na revisión de 1960 da súa primeira e única novela Die gröβere Hoffnung (1948). O volume de recompilación Schlechte Wörter (Malas palabras), publicado en 1976, trae consigo, ademais, un cambio temático na obra de Ilse Aichinger: «Se noutrora dominaba a busca da verdade, agora ela chega á crítica da linguaxe subversiva».[13] Á autora parecíalle que a linguaxe se convertera nun medio de expresión inútil. Esta visión estaba en consonancia cunha produción cada vez máis escasa e cuns textos máis breves, ata o punto de se converteren en aforismos.

A propia Ilse Aichinger explicou isto como unha reacción ante a falta de relacións no mundo contemporáneo: «Non podes aventurarte a escribir e crear relacións de xeito artificial».[14] A súa poética do silencio é a consecuencia do seu rexeitamento a calquera forma de conformismo: «En contra da moi común opinión do “éche o que hai” que incuestionablemente acepta o que atopa. O mundo anhela ser contrarrestado».[15]

Citas[editar | editar a fonte]

Acerca da guerra[editar | editar a fonte]

«A guerra foi para min o momento máis feliz. A guerra aprendeume moito. O que vin alí foi o máis importante da miña vida. A guerra estaba chea de esperanza. Sabíase moi ben quen era un amigo e quen non, algo que xa non se sabe na Viena actual. A guerra era esclarecedora».[14]

«Unha vez [...] dixen que a Segunda Guerra Mundial foi o meu momento máis feliz. Aínda que vin os meus parentes sendo arrastrados en camións de gando, certamente crin que volverían. Xusto por iso o tempo posterior á Segunda Guerra Mundial foi o máis difícil para min, porque ninguén volveu».[16]

«O recordo da miña avoa no camión de gando na ponte Schwedenbrücke en Viena e a xente ao meu redor que miraba con certa sorna. Eu era moi nova e tiña a certeza de que a miña avoa, a persoa á que máis quería no mundo, voltaría. Entón a guerra rematou, o benestar irrompeu e a xente pasaba polo teu lado sen mirar. Iso foi aínda peor que a propia guerra».[14]

Acerca da escritura[editar | editar a fonte]

«Considereina [a escritura], dende sempre, unha profesión moi complicada. E nunca quixen ser escritora; quería ser médica, o cal fracasou pola miña torpeza. Nun primeiro momento, a miña intención era a de escribir unha crónica sobre a guerra. Non pensara sequera nun libro, o único que quería era rexistrar todo coa maior rigorosidade posible. Cando Fischer publicou o libro [Die größere Hoffnung] este contiña aínda demasiadas cousas. Quería dicilo todo nunha soa frase, non en vinte».[14]

«Escribir non é unha profesión. Xa non. A linguaxe está esnaquizada, deberíase de saber. Robert Musil deuse conta diso, pero a meirande parte da xente escribe de forma cronolóxica e sen prestar atención. Hoxe en día unha xa non pode definirse só como autora. O mesmo ten que sexas fontaneiro, enfermeiro ou que esteas nunha oficina. É outro mundo, malia que te aburra. Se alguén me pregunta sobre a miña profesión, digo “privada”»[14]

«A escritura xoga o papel de aparentar que todo ten algún significado. Se logro escribir dúas ou tres frases, entón teño a sensación de que a miña existencia non é completamente absurda, coma se aínda quedase unha chispa de sentido».[16]

Premios[editar | editar a fonte]

Premios aceptados por Ilse Aichinger[editar | editar a fonte]

  • 1952: Premio de literatura do Grupo 47. Homenaxeada no marco do Premio René Schickele (xunto con Franziska Becker, Heinrich Böll, Siegfried Lenz, Luise Rinser e Heinz Risse; gañador do premio principal: Hans Werner Richter)
  • 1953: Premio de promoción do Círculo cultural da industria alemá[17] (xunto con Heinrich Böll)
  • 1955: Premio Immermann; Premio de literatura da cidade de Bremen por Der Gefesselte: Erzählungen (homenaxeada xunto con Herbert Meier)
  • 1961: Premio de literatura da Academia Bávara de Belas Artes (xunto con Joachim Maass)
  • 1968: Premio Anton Wildgans
  • 1971: Premio Nelly Sach. Discurso laudatorio: Karl Krolow
  • 1974: Premio literario da Cidade de Viena (xunto con Manès Sperber)
  • 1974:Premio Nacional de Literatura de Austria
  • 1975: Premio Roswitha
  • 1979: Premio Georg Trakl de Poesía
  • 1979: Premio Franz Nabl
  • 1982: Premio Petrarca. Discurso laudatorio: Michael Krüger
  • 1983: Premio Franz Kafka. Discurso laudatorio: Wendelin Schmidt-Dengle
  • 1984: Premio Marie Luise Kaschnitz
  • 1984: Premio Günter Eich (poesía)
  • 1987: Premio Europalia de Literatura da Comunidade Europea
  • 1988: Premio de Literatura de Weilheim
  • 1991: Gran Premio de Literatura da Academia Bávara de Belas Artes. Discurso laudatorio: Peter Horst Neumann
  • 1991: Premio Peter Rosegger, Premio Manès Sperber (xunto con Albert Drach)
  • 1995: Gran Premio Estatal de Literatura de Austria
  • 1997: Premio Erich-Fried
  • 2000: Premio Joseph-Breitbach (xunto con W.G. Sebald e Markus Werner)
  • 2002: Premio honorífico do comercio de libros austríaco pola tolerancia no pensamento e na acción. Discurso laudatorio: Günter Traxler
  • 2015: Gran Premio de Arte da Provincia de Salzburgo[18]

Galardóns rexeitados por Ilse Aichinger[editar | editar a fonte]

Estes son algúns dos premios e recoñecementos rexeitados por Ilse Aichinger:[19]

  • 1991: Orde ao Mérito da República Federal de Alemaña
  • 1991: Condecoración do Estado de Salzburgo
  • 1994: Orde Bávara de Maximiliano para as Ciencias e as Artes
  • 1994: Condecoración Austríaca para as Ciencias e as Artes

Obras[editar | editar a fonte]

Narrativa[editar | editar a fonte]

  • Das vierte Tor (relato curto). Wiener Kurier, Viena 1945
  • Die größere Hoffnung (novela). Bermann-Fischer, Ámsterdam 1948
  • Spiegelgeschichte (relato curto). Wiener Tageszeitung, Viena 1949
  • Rede unter dem Galgen (relatos). Jungnunnenverlag, Viena 1952
  • Der Gefesselte (relatos). S. Fischer, Frankfurt do Meno 1953. (Inclúe o relato: Das Fenster-Theater)
  • Eliza Eliza (relatos). S. Fischer, Frankfurt do Meno 1965
  • Nachricht vom Tag (relatos). S. Fischer, Frankfurt do Meno 1970
  • Meine Sprache und ich (relatos). S. Fischer, Frankfurt do Meno 1978
  • Kleist, Moos, Fasane (recompilación) S. Fischer, Frankfurt do Meno 1987
  • Eiskristalle. Humphrey Bogart und die Titanic (recompilación) S. Fischer, Frankfurt do Meno 1997
  • Film und Verhängnis. Blitzlichter auf ein Leben (autobiografía). S. Fischer, Frankfurt do Meno 2001
  • Der Wolf und die sieben jungen Geißlein (a partir  do conto popular dos irmáns Grimm). Edition Korrespondenzen, Viena 2004
  • Unglaubwürdige Reisen (relato curto). S. Fischer, Frankfurt do Meno 2005
  • Subtexte (ensaio). Edition Korrespondenzen, Viena 2006

Poesía[editar | editar a fonte]

  • Verschenkter Rat. S. Fischer, Frankfurt do Meno 1978
  • Kurzschlüsse. Edition Korrespondenzen, Viena 2001

Pezas radiofónicas[editar | editar a fonte]

  •   Knöpfe. 1953
    • 1953: Produción SDR/NWDR (Radiodifusión da Alemaña do Sur e do Noroeste). Con Liselotte Köster (Ann), Karin Schlemmer (Rosy), Ingeborg Engelmann (Jean), Heinz Reincke (John), Erwin Linder (Bill) entre outros. Composición: Rolf Unkel, Dirección: Otto Kurth
    • 1962: Produción Norddeutscher Rundfunk (Radiodifusión da Alemaña do Norte). Con Gustl Halenke (Ann), Wolfgang Wahl (John), Karin Bohrmann (Rosie), Julia Costa (Jean), Hanns Lothar (Bill) entre outros. Composición: Johannes Aschenbrenner, Dirección: Fritz Schröder-Jahn
    • 1974: Produción DRS (Radio Suiza: Radio da Suíza alemá). Con Herlinde Latzko (Ann), Verena Buss (Jean), Krista Stadler (Rosie), Ulrich Kuhlmann (John), Hans Gerd Kübel (Bill), Volker Spahr (Jack). Dirección: Joseph Scheidegger
    • 1989: Produción Radio DDR (Radio da República Democrática Alemá). Con Suheer Saleh (Ann), Arianne Borbach (Jean), Franziska Troegner (Rosie), Gunnar Helm (John), Uwe Müller (Bill). Dirección: Peter Groeger
  • Zu keiner Stunde. S. Fischer, Frankfurt do Meno 1957
  • Französische Botschaft. Con Rudolf Rhomberg (o policía), Renate Grosser (a rapaza), Michael Paryla (orador), Christoph Wille (o neno do parque). Dirección: Hans Dieter Schwarze. Produción: Radiofusión Bávara 1959. Primeira transmisión: 20 de maio de 1960
  • Weiße Chrysanthemen. Con Hans Zesch-Balloth (xeneral), Anne Kersten (xenerala), Edith Schultze-Westrum(florista). Dirección: Hans Dieter Schwarze. Produción: Radiofusión bávara 1959. Primeira transmisión: 20 de maio de 1960
  • Besuch im Pfarrhaus. Ein Hörspiel. Drei Dialoge. S. Fischer, Frankfurt do Meno 1961
  • Nachmittag in Ostende. 1968
  • Die Schwestern Jouet. Con Elisabeth Flickenschildt (Josepha), Blandine Ebinger (Anna), Grete Mosheim (Rosalie). Dirección: Ludwig Cremer. Produción: Radiofusión Bávara, Radiofusión da Alemaña Sur, Radiofusión da Alemaña Noroeste, Radiofusión Austríaca 1969
  • Auckland. Catro pezas. S. Fischer, Frankfurt do Meno 1969
  • Gare Maritime. 1976
  • Zu keiner Stunde. Szenen und Dialoge. S. Fischer, Frankfurt do Meno 1980

Antoloxías[editar | editar a fonte]

  • Wo ich wohne: Erzählungen, Gedichte, Dialoge. S.Fischer, Frankfurt do Meno 1963.
  • Heinz F. Schafroth (ed.) Dialoge, Erzählungen, Gedichte. Reclam, Stuttgart 1971
  • Schlechte Wörter. S. Fischer, Frankfurt do Meno 1976
  • Gedichte und Prosa. Gymnasium Weilheim, Weilheim i. OB. 1980
  • Es muss gar nichts bleiben. Interviews 1952–2005. Edition Korrespondenzen, Viena 2011
Colección de oito volumes

S. Fischer, Frankfurt do Meno 1991. Edicións de peto 2015:

  • Der Gefesselte: Erzählungen I. 1948–1952
  • Die größere Hoffnung. 1948
  • Eliza Eliza. Erzählungen 2. 1958–1968
  • Schlechte Wörter. 1976
  • Kleist, Moos, Fasane.1987
  • Auckland (adaptacións radiofónicas). 1992
  • Zu keiner Stunde. Szenen und Dialoge. 1991
  • Verschenkter Rat. 1978

Adaptacións de pezas radiofónicas[editar | editar a fonte]

Audiolibros[editar | editar a fonte]

  • Ilse Aichinger. Knöpfe. Hörspiel, Lesungen und Originalaufnahmen. Der Hörverlag, Múnic, 2007
  • Ilse Aichinger. Knöpfe. Christoph Merian Verlag, Basilea, 2007

Filmografía[editar | editar a fonte]

  • Steinwendtner, Brita (Dir.ª) Ilse Aichinger, Schreiben ist sterben lernen (telefilme), 45 min, 1991[20]
  • Beilharz, Norbert (Dir.) Die Kinogängerin (documental para televisión), 60 min, 2001[21]
  • Nagel, Christine (Dir.ª) Wo ich wohne. Ein Film für Ilse Aichinger (documental), 81 min, 2014[22]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Cunningham, John M. (3 de marzo de 2017). "Ilse Aichinger". britannica.com (en inglés). Consultado o 1 de febreiro de 2021. 
  2. 2,0 2,1 Redacción (11 de novembro de 2016). "Fallece la escritora Ilse Aichinger a los 95 años". elmundo.es (en castelán). Consultado o 1 de febreiro de 2021. 
  3. "Ilse Aichinger". teachsam.de (en alemán). Consultado o 1 de febreiro de 2021. 
  4. Deckert (2007), pp. 17–18.
  5. Ivanovic, Christine (xuño de 2011). "Das Maß der Hoffnung. Ilse Aichingers Zeitsprünge" (PDF). Der Hammer (50): 1–8. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 18 de febreiro de 2021. Consultado o 01 de febreiro de 2021. 
  6. Mohr, Peter (11 de novembro de 2006). "Alles Komische hilft mir Zum 85. Geburtstag der Schriftstellerin Ilse Aichinger". literaturkritik.de (en alemán). Consultado o 3 de febreiro de 2021. 
  7. Redacción (11 de novembro de 2016). "Schriftstellerin Ilse Aichinger ist tot". sueddeutsche.de (en alemán). Consultado o 3 de febreiro de 2021. 
  8. 8,0 8,1 Fechner, Meike; Wirtz, Susanne (12 de xaneiro de 2017). "Ilse Aichinger 1921-2016". hdg.de (en alemán). Consultado o 3 de febreiro de 2021. 
  9. Kastberger 2007, p. 20
  10. Wunderlich, Dieter (11 de novembro de 2016). "Ilse Aichinger: Die größere Hoffnung". dieterwunderlich.de (en alemán). Consultado o 3 de febreiro de 2021. 
  11. Reichensperger 2007, p. 12
  12. "Aichinger, Ilse". buecher-wiki.de (en alemán). 11 de novembro de 2016. Consultado o 3 de febreiro de 2021. 
  13. "Ilse Aichinger Biographie". onlinekunst.de (en alemán). 12 de setembro de 2014. Consultado o 3 de febreiro de 2021. 
  14. 14,0 14,1 14,2 14,3 14,4 Radisch, Iris (1 de novembro de 1996). "Ilse Aichinger wird 75: Ein ZEIT-Gespräch mit der österreichischen Schriftstellerin". zeit.de (en alemán). Consultado o 3 de febreiro de 2021. 
  15. Hilmes, Carola (11 de novembro de 2016). "Annäherung". querelles-net.de (en alemán). Consultado o 3 de febreiro de 2021. 
  16. 16,0 16,1 Kaindlstorfer, Günter (15 de novembro de 2005). "Ilse Aichingers Aufzeichnungen". deutschlandfunk.de. Consultado o 3 de febreiro de 2021. 
  17. "Kulturkreis der deutschen Wirtschaft im BDI e.V." (PDF). kulturkreis.eu (en alemán). Consultado o 3 de febreiro de 2021. 
  18. Redacción (1 de novembro de 2015). "Ilse Aichinger erhält Großen Kunstpreis des Landes Salzburg". derstandard.at (en alemán). Consultado o 3 de febreiro de 2021. 
  19. Reichensperger 2003, p. 344
  20. "Ausgezeichneter Film: "Schreiben ist sterben lernen"". derstandard.at (en alemán). 4 de novembro de 2001. Consultado o 3 de febreiro de 2021. 
  21. "Die Kinogängerin". imdb.com (en inglés). Consultado o 3 de febreiro de 2021. 
  22. "Wo ich wohne". filmfonds-wien.at (en alemán). Consultado o 3 de febreiro de 2021. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Bartsch, Kurt e Melzer, Gerhard (ed.): Ilse Aichinger. Droschl, Graz / Viena 1993.
  • Deckert, Renato (2007). Das erste Buch: Schriftsteller über ihr literarisches Debüt (en alemán). Suhrkamp Verlag. ISBN 978-3518458648. 
  • Kastberger, Klaus (2007). "Überleben. Ein Kinderspiel - Ilse Aichinger: Die größere Hoffnung (1948).". En Kastberger, Klaus; Neumann, Kurt. Grundbücher der österreichischen Literatur seit 1945. Erste Lieferung (en alemán). Viena: Paul Zsolnay Verlag. ISBN 978-3-552-05418-9. 
  • Kinne, Kathrin; Torrent-lenzen, Aina. «Ilse Aichinger: la poética del silencio». Cuadernos del Ateneo, 2006, no 22, p. 73-79. Consultado o 21 de decembro de 2020. Dispoñible en https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=2602629
  • Moser, Samuel (ed.): Ilse Aichinger. Leben und Werk. Fischer Taschenbuchverlag, Frankfurt do Meno 1995.
  • Gómez Pato, Rosa Marta. Lenguaje, realidad y memoria histórica en la obra lírica de Ilse Aichinger "Verschenkter Rat". Tese de doutoramento. Universidade de Santiago de Compostela 2004. Consultado o 21 de decembro de 2020. Dispoñible en https://dialnet.unirioja.es/servlet/tesis?codigo=104979
  • Gómez Pato, Rosa Marta. «La traducción de los poemas de Ilse Aichinger al español: ¿Un lenguaje sencillo? Reflexiones en torno a la traducción poética», en Elena, Pilar [et. al.], eds.: Universo de Palabras. Actas del I Simposio de la Traducción del/alAlemán. Salamanca: Facultad de Traducción y Documentación [et. al.], 1999, p. 135-142.
  • Reichensperger, Richard (2003). "VI Anhang". En Moser, Samuel. Ilse Aichinger. Leben und Werk. Informationen und Material zur Literatur (en alemán) (2ª ed.). Frankfurt: S. Fischer Verlag. 
  • Reichensperger, Richard (2007). "Ilse Aichingers frühe Dekonstruktionen". En Kastberger, Klaus; Neumann, Kurt. Grundbücher der österreichischen Literatur seit 1945. Erste Lieferung (en alemán). Viena: Paul Zsolnay Verlag. ISBN 978-3-552-05418-9. 
  • Serra Pfennig , Isabel. «Ilse Aichinger: entre el recuerdo y la memoria». En Historia, memoria y recuerdo: Escrituras y reescrituras del pasado en la narrativa en lengua alemana desde 1945. Síntesis, 2018. p. 93-101. Consultado o 21 de decembro de 2020. Dispoñible en https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=6529753
  • Sabaté Planes, Dolors . «La perspectiva femenina en Ilse Aichinger como estrategia subversiva contra el canon». En Tradición e innovación en los estudios de lengua, literatura y cultura alemanas en España. 1998. p. 327-332. Consultado o 21 de decembro de 2020. Dispoñible en https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=4348405
  • Silvério, Susana Margarida Gomes. Corpus delicti: da mudez ao silênco, mulheres em tempo de guerra: die gröbere Hoffnung de Ilse Aichinger e Kassandra de Christa Wolf. 2003. Tese de mestrado. Fac. de letras Universidade de Coimbra.  Consultado o 21 de decembro de 2020. Dispoñible en http://porbase.bnportugal.pt/ipac20/ipac.jsp?profile=

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  • Publicacións de e sobre Ilse Aichinger (https://portal.dnb.de/opac.htm?method=simpleSearch&qu ery=118501232) no catálogo da Biblioteca nacional de Alemaña.
  • Ilse Aichinger (https://www.literaturportal-bayern.de/autorinnen-autoren?task=lpbauthor.default&pnd=118501232) no Portal de literatura (Projekt der Bayerischen Staatsbibliothek) Meike Fechner, Susanne Wirtz: Ilse Aichinger. (https://www.dhm.de/lemo/biografie/ilse-aichinger) Currículum vítae tabular en LeMO (DHM e HdG).
  • Ilse Aichinger.(http://www.fembio.org/biographie.php/frau/biographie/ilse-aichinger/) En: FemBio. Frauen-Biographieforschung (con referencias e citas).
  • Breve biografía e recensións das obras de Ilse Aichinger (https://www.perlentaucher.de/au tor/ilse-aichinger.html) de perlentaucher.de
  • Gravación de son: Ilse Aichinger le Die größere Hoffnung (1965) (https://www.mediathek.at). Do arquivo en liña da Mediateca Austríaca.
  • Ulrich Goerdten: Ilse Aichinger. Biblioteca da Universidade Libre de Berlín, 2013, arquivado dende o orixinal.
  • (https://www.fu-berlin.de) 13 de maio de 2013; recuperado o 11 de  novembro do 2016 (Colección de enlaces da Biblioteca da Universidade Libre de Berlín).
  • Aichinger, Ilse. Universidade de Viena, arquivado do orixinal (https://giftbot.toolforge.org/deref.fcgi?url=https%3A%2F%2Flic.ned.univie.ac.at%2Fd e%2Fnode%2F21851) o 19 de xuño de 2013; recuperado o 11 de novembro de 2016 (Ilse Aichinger sobre „Literatur im Kontext“, un proxecto multilingüe da Universidade de Viena).
  • Hajo Steinert, Richard Reichensperger: Studio LCB mit Ilse Aichinger. (https://www.dichterlesen.net/veranstaltungen/studio-lcb-mit-ilse-aichinger-108)  
  • Literarisches Colloquium Berlín, 31 de outubro de 1996 (Charla e lecturas con e sobre Ilse Aichinger dispoñibles para escoitar e descargar en https://www.dichterlesen.net/ ).
  • Fragmentos de texto sobre lugares en Viena (http://www.planetlyrik.de/ilse-aichinger-kurzschlusse/2015/01/)  
  • Arquivos de son de Ilse Aichinger (http://www.mediathek.at/trefferliste/searchword/czoxNDoi SWxzZSBBaWNoaW5nZXIiOw==) na Mediateca austríaca.
  • Ilse Aichinger: Der Querbalken. En: Merkur. Zeitschrift für europäisches Denken (190), 1963, páx. 1179–1184, texto completo (https://volltext.merkur-zeitschrift.de/article/mr_1963_12_1179-1184_1179 _01)
  • Ilse Aichinger: Die Schwestern Jouet (relato). En: Die Tat, o 6 de xaneiro de 1969, páx. 9, dietatarchive.ch ((https://www.e-newspaperarchives.ch/?a=d&d=DTT19690106-01.2.30&srpos=2&e=-------de-20-DTT-1--img-txIN-Die+Schwestern+Jouet+-------0-----)
  • Klaus Kastberger: Ilse Aichinger: Film und Verhängnis. En: Die Presse, 27 de outubro 2001http://www.literaturhaus.at/index.php?id=387