Illa dos Monxes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 47°35′48″N 2°50′41″O / 47.596666666667, -2.8447222222222

Illa dos Monxes
Illa dos Monxes
Vista da illa.

A Illa dos Monxes, Île aux Moines en francés, Enizenac'h en bretón, é a maior das illas do Golfo de Morbihan, no sur da Bretaña. Tamén chamada a Perla do Golfo, goza dun clima excepcionalmente suave e é visitada durante todo o ano por numerosos turistas.

Toponimia[editar | editar a fonte]

A illa foi chamada sucesivamente Crialeis («cruz curta», pola súa forma en cruz), Enez manac'h («illa do monxe»), que no bretón actual dá Erizenac'h. A orixe do nome da illa ven por ter sido esta propiedade dos monxes da abadía Saint-Sauveur de Redon, aínda que nunca chegaron a habitala.

Xeografía[editar | editar a fonte]

A Illa dos Monxes está situada no Golfo de Morbihan. Mide 7 km de longo por 3,5 de largo e ten unha superficie de 3,2 km2. Ten forma de cruz e ningún punto da illa dista máis de 450 m do mar. Pódese acceder a ela dende o porto de Larmor-Baden ou dende Port-Blanc, en Baden. É sitio natural protexido pola súa vexetación de tipo mediterráneo.

Historia[editar | editar a fonte]

A presenza de numerosos dolmens e outros vestixios aínda visíbeis dan fe de que a illa xa era habitada na época neolítica. En 854 o rei da Bretaña Erispoë doou a illa á abadía de Saint-Sauveur de Redon (fundada esta polo seu pai Nominoë). Úsana como celeiro da abadía. Tralas invasións normandas do século X, a illa é incorporada á parroquia de Arradon. En 1543 pasa a formar parroquia e en 1792 concello, co nome afrancesado Isle-aux-Moines.

Demografía[editar | editar a fonte]

En 2011 a illa contaba 625 habitantes; entre 1836 e 1851 chegou a pasar dos 1.700 habitantes. Durante o verán a poboación vese multiplicada por dez, ademais de recibir unha media de 3.000 visitantes diarios durante os meses de xullo e agosto.

Patrimonio[editar | editar a fonte]

  • Cromlech de An Keu, datado uns 5.000 anos a.n.e., composto por 24 menhires dispostos en semicírculo; cun radio de máis de 70 m, é un dos máis grandes de Europa.
  • Dolmen de Pen Hap, o mellor conservado da illa.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]