Illa de Portland
| Illa de Portland | |||||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||||||||||
| |||||||||||||||
| |||||||||||||||
| |||||||||||||||
| |||||||||||||||
| |||||||||||||||
| Wikidata G:Commons C:Commons | |||||||||||||||
Pórtland (en inglés: Isle of Portland), é unha illa de 6 km de longo e 2,4 km de ancho da canle da Mancha, aínda que non é parte das Channel islands. Composta principalmente de calcaria, está situada 8 km ao sur de Weymouth, na costa de Dorset, na parte central da Costa Xurásica, entre os condados de Devon e Dorset, sendo o seu punto máis meridional. Únese a Gran Bretaña por medio dunha ponte a través de Chesil Beach e forma o borough de Weymouth & Portland, duns 13 000 habitantes. É importante pola súa xeoloxía e accidentes xeográficos, e foi declarada Patrimonio da Humanidade.
O seu porto foi unha base da Royal Navy nas dúas guerras mundiais e a OTAN adestrou nas súas augas até a década de 1990. Na actualidade, a área constitúe unha zona de recreo e é sede da Academia Nacional de Navegación, que organizou as probas marítimas nos Xogos Olímpicos de 2012.
Historia
[editar | editar a fonte]Pórtland estivo habitada desde o Mesolítico (período medio da Idade de Pedra).[1] Os romanos chamaron a illa Vindelis.[2] En 1539, Henrique VIII ordenou a construción do castelo de Pórtland para defendela dos franceses; a edificación custou 5000 libras esterlinas.[3] É un dos castelos mellor preservados dese período e está aberto ao público, administrado pola English Heritage.[4][5]
Toponimia
[editar | editar a fonte]O nome da illa (que significa "terra do porto")[6] foi adoptado por unha das Áreas Mariñas Británicas para o prognóstico meteorolóxico e por varias localidades norteamericanas e australianas. A pedra de Pórtland, utilizada en construcións como a catedral de San Pablo e o palacio de Buckingham, aínda é extraída na actualidade.[7][8]
Pedra
[editar | editar a fonte]Os edificios máis vellos da illa, con muros de arredor de medio metro, foron construídos con pedra de Pórtland. A maior parte das vivendas conserva a cor amarelada ou agrisada da roca.
Sir Christopher Wren, arquitecto e deputado por Weymouth, utilizou seis millóns de toneladas desa pedra para reconstruír partes destruídas de Londres após o Grande incendio de 1666.
Logo da Primeira guerra mundial, a Coroa abriuse unha canteira para prover de pedra calcaria o Cenotafio de Whitehall e para medio millón de lápidas de soldados, e despois da Segunda guerra mundial, centos de miles de lápidas foron talladas nesta pedra para os caídos na Fronte occidental.
O cemento Pórtland, doutra banda, non é manufacturado na illa pero debe o seu nome a que a súa cor é similar á da pedra de Pórtland.[4][9]
Ferrocarrís históricos
[editar | editar a fonte]Houbo varias ferrovías en Pórtland. Aberto en 1826, o Merchant’s Railway foi o primeiro tren na illa, unindo as canteiras de Tophill cos peiraos de Castletown. O Weymouth & Portland Railway foi inaugurado en 1865 e ía da estación en Melcombe Regis até a Vitoria Square en Chiswell, atravesando Fleet e circulando baixo o nivel do mar detrás de Chesil Beach. A liña continuou co nome de Easton & Church Hope Railway, a través de Castletown e ascendendo os cantis de East Weares dobrando ao norte cara a Easton. A liña fechou en marzo de 1965.[10][11]
Porto de Pórtland
[editar | editar a fonte]A baía de Weymouth presenta unha marea con dúas baixadas, fenómeno causado polo tempo que tarda a auga en pasar Portland Bill.[12][13]
O porto é un dos máis profundos (dos 12 m aos 20 m de profundidade) e grandes (8,6 km²) xa construídos.
O primeiro quebraondas mandouno facer o príncipe Alberte en 1849 e o último Alberto Eduardo, príncipe de Gales, en 1872. Foron erixidos por civís principalmente, coa pedra era extraída por convictos do presidio da illa. Vinte e dous homes morreron na súa construción, e o quebraondas terminado contiña 5.731.376 toneladas de roca, custando 1.167.852 £.
A Mariña Real tivo bases en Pórtland desde 1919 e, na IIGM, a illa foi un branco de bombardeos. Para protexela de torpedos e submarinos, afundiron o HMS Hood entre os quebraondas. En 1946, as áreas de recreo convertéronse nun heliporto; con 229 metros é unha das pistas de aterraxe máis curtas de Inglaterra.[14][15]
A base naval pechou após a Guerra fría en 1995 e a Real Estación Aérea, en 1999, aínda que a pista se mantivo en uso para voos de investigación e rescate por parte dos Gardacostas. A zona xurisdiccional da MRCC Portland esténdese até a metade da canle da Mancha e de Devon até Hampshire, cubrindo unha área de 10.400 km². Os doce equipos de investigación e rescate na área de Pórtland lidaron con case mil accidentes en 2005; a maioría dos equipos usa lanchas pero a tripulación utiliza un helicóptero Sikorsky S-61.[14] [16][17][16]
Política e goberno
[editar | editar a fonte]
Pórtland é unha antiga Royal Manor, e até o século XIX constituíu unha liberty independente de Dorset. A illa foi distrito urbano de 1894 a 1974, até a creación do borough Weymouth & Portland, dividido en quince wards para as eleccións.[18]
Weymouth, Pórtland e o distrito de Purbeck atópanse no distrito electoral parlamentario de South Dorset, creado en 1885. O mesmo elixe un Membro do Parlamento.
Entre os deputados que representaron South Dorset figura Jim Knight (PL) que chegou a exercer como ministro de Educación no Goberno británico. South Dorset, o resto do Suroeste de Inglaterra e Xibraltar conforman o distrito electoral do Suroeste de Inglaterra do Parlamento Europeo.[19][20][21]
Weymouth e Pórtland está irmandada coa localidade alemá de Holzwickede, Renania do Norte-Westfalia, desde 1986 e coa francesa de Louviers, no departamento de Eure, Alta Normandía, desde 1959.[22][23]

Xeografía
[editar | editar a fonte]A illa áchase na canle da Mancha, 200 km ao oeste-suroeste de Londres. Atópase aproximadamente na parte media da Costa Xurásica, declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco; O Carreiro da Costa Suroeste, que cos seus 1.014 km constitúe o máis longo camiño para percorrer a pé no Reino Unido, rodea a illa.

Pórtland está conectada a Gran Bretaña en Abbotsbury a través de Chesil Beach, un tómbolo que se estende 29 km en dirección noroeste cara a West Bay.
Esta característica fixo que fose incorrectamente definida como unha península.[24][25][26]
Xeoloxía
[editar | editar a fonte]Portland está dividida en dúas partes: a zona norte, empinada, chámase Underhill, mentres que a parte maior e menos empinada coñécese como Tophill. A pedra de Portland atópase debaixo desta última; Alí o terreo descende dunha altitude de 151 m, preto de The Verne no norte.[27] A xeoloxía de Underhill é diferente: a súa superficie está dominada por unha escarpa de area de Portland sobre unha capa máis grosa de arxila de Kimmeridge, que se estende cara á praia de Chesil e o porto. Esta arxila foi o resultado dunha serie de corrementos de terra, formando os West Weares e os East Weares. [27]

No subsolo do sur de Dorset, a uns 2.400 m de profundidade, existe unha potente capa de halita do Triásico. A illa é un dos poucos lugares do Reino Unido onde este depósito ten espesor suficiente para permitir a escavación de grandes cavernas destinadas ao almacenamento subterráneo de gas natural.[28]
En 2008 foi autorizado un proxecto para crear catorce cavernas artificiais cunha capacidade de almacenamento duns 1.000 millóns de m³ de gas natural (o 1 % da demanda anual británica), conectadas á rede nacional mediante unha tubaxe soterrada de 37 km até Mappowder.[29][30]
As obras prevían comezar o almacenamento de gas en 2010 e completar o complexo arredor de 2013, ademais da creación dun centro de interpretación sobre a xeoloxía da illa. Porén, o proxecto non chegou a desenvolverse e posteriormente foi abandonado, sendo substituído por outras propostas de almacenamento enerxético.[31]
Portland Bill
[editar | editar a fonte]
Portland Bill é unha pequena península emprazada no extremo meridional da illa e non debe ser confundida coa illa en si mesma. É un angosto promontorio de pedra de Pórtland que constitúe o punto máis meridional de Tophill. Existen sobre ela tres faros; é un importante punto de referencia para os barcos que pasan polo lugar. O faro actual foi renovado en 1996 e desde entón é controlado a través de computadoras; unha oficina turística foi construída cerca para brindar información aos visitantes e guiar paseos polo mesmo. Os dous faros máis vellos sitúanse máis cerca do interior da illa e un deles é un importante observatorio utilizado por ornitólogos, provendo información sobre a migración de aves e aloxamento para os turistas.[32][32][33]
O saínte de Pórtland (the Shambles) é unha extensión submarina de pedra de Pórtland que penetra na canle da Mancha nun lugar onde a profundidade do mesmo é de entre 20 m e 40 m. O fluxo das mareas é alterado pola xeoloxía do lugar. Até os 10 m de profundidade e 2,4 km de distancia, as mareas corren cara ao sur de Portland Bill; este fenómeno denomínase Portland Race. A corrente cesa soamente por breves períodos durante as doce horas e media do ciclo mareal e pode alcanzar os 4 m por segundo.[34][34]
Ecoloxía
[editar | editar a fonte]
Debido á súa illada localización costeira, a illa de Pórtland presenta unha gran diversidade de flora e fauna; a costa e algunhas canteiras en desuso foron designadas Sitios de Especial Interese Científico.[24] As aves mariñas e migratorias ocupan a illa en diferentes estacións do ano, e ás veces, estas inclúen especies estrañas que atraen a ornitólogos de todo o país.[33] Os golfiños, as baleas e o peixe bobo (Cetorhinus maximus) son algúns dos visitantes pouco comúns de Pórtland.[35] Chesil Beach é un dos dous únicos lugares no Reino Unido onde habita o grilo escamento, o cal, a diferenza doutros grilos, carece de ás e non canta nin salta.[36]
O clima comparativamente cálido e sollío da illa permite o desenvolvemento de certas especies de plantas que non existen en Gran Bretaña. O solo calizo ten poucos nutrientes, razón pola cal prosperan na illa especies pequenas de flores silvestres e pasto, en ausencia de plantas de maiores dimensións. A lavanda do mar de Pórtland pode ser atopada nos máis altos cantís mariños; endémica da illa, é unha das plantas máis inusuais do país. As flores e plantas silvestres crean un hábitat perfecto para as bolboretas: máis da metade das 57 especies de bolboretas británicas habitan na illa, incluíndo variedades que emigran desde a Europa continental. Entre as especies que viven en Pórtland e que son pouco frecuentes dentro do Reino Unido, atópase a Plebeius argus.[37]
Clima
[editar | editar a fonte]O mar apracible que rodea a illa orixina un clima tépedo (Clasificación climática de Köppen: Cfb) cunha pequena variación nas temperaturas diarias e anuais. A temperatura media desde 1971 a 2000 foi de entre 10,2 e 12 °C. O mes máis cálido é agosto, cunha amplitude térmica de entre 13,3 e 20,4 °C, e o máis frío, febreiro, cunha amplitude de entre 3,1 e 8,3 °C.[38]
As temperaturas máximas e mínimas de todo o ano son superiores ás da media de Inglaterra. A temperatura media da superficie do mar no próximo Weymouth oscila entre os 7 °C en febreiro e os 17,2 °C en agosto.[39][40]
As inundacións costeiras afectaron aos residentes e ao transporte da illa durante séculos. No outono e no inverno, Chesil Beach sofre fortes tormentas e grandes ondas.[41] Despois de dúas graves inundacións na década de 1970, o borough Weymouth & Portland e Wessex Water decidiron investigar a estrutura da praia e os posibles proxectos de defensa costeira para protexer Chiswell e a ruta. O proxecto que finalmente se elixiu na década de 1980 reduciu a profundidade e a duración das inundacións.
| Termo medio climatolóxico de Weymouth e Pórtland | ||||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| Mes | Xan | Feb | Mar | Abr | Mai | Xuñ | Xul | Ago | Sep | Out | Nov | Dec | Ano | |
| Temperatura máxima media (°C) |
8,4 | 8,3 | 10,0 | 12,5 | 15,4 | 17,9 | 20,3 | 20,4 | 18,3 | 15,0 | 11,5 | 9,3 | 13,9 | |
| Temperatura media (°C) |
6,0 | 5,7 | 7,2 | 9,6 | 11,8 | 14,1 | 16,4 | 16,9 | 15,0 | 12,2 | 8,9 | 6,9 | 10,9 | |
| Temperatura mínima media (°C) |
3,5 | 3,1 | 4,3 | 6,6 | 8,1 | 10,3 | 12,5 | 13,3 | 11,6 | 9,3 | 6,2 | 4,5 | 7,8 | |
| Horas de sol termo medio |
62,4 | 79,9 | 120,6 | 185,2 | 221,9 | 213,8 | 235,1 | 217,5 | 162,9 | 118,8 | 81,7 | 55,7 | 1768,4 | |
| Precipitacións media (mm) |
76,6 | 64,3 | 62,9 | 47,6 | 46,6 | 47,0 | 35,6 | 52,2 | 66,4 | 77,4 | 84,5 | 90,9 | 751,7 | |
| Información obtida entre: WPBC[42] e Met Office[43] (Media 1971–2000) | ||||||||||||||
O borough de Weymouth e Pórtland, xunto co resto da costa sur, ten a miúdo o clima máis sollío do Reino Unido. Weymouth e Pórtland tivo unha media de 1768,4 horas de sol anuais entre 1971 e o 2000, que é apenas por encima do 40% do máximo de horas de sol posibles e 32% por encima da media do Reino Unido de 1339,7 horas. En catro dos últimos nove anos, houbo máis de 2000 horas de sol. Decembro é o mes máis nubrado, cunha media de 55,7 horas de sol, e xullo, o máis sollío, cunha media de 235,1 horas; os totais de horas de sol de todos os meses atópanse bastante por encima da media do Reino Unido.[39] O mes máis chuvioso é decembro, cunha media de 90,9mm de choiva, e o máis seco, xullo, cunha media de 35,6mm. En todo o país, este mínimo de choiva no verán só dáse na costa sur de Inglaterra.[44] A media anual de choiva de 751,7mm áchase bastante por baixo da media nacional con 1125,0mm, e os totais mensuais de choiva ao longo do ano tamén son inferiores á media do Reino Unido. Pórtland non se ve tan afectada polas tormentas atlánticas que castigan a Devon e a Cornualla.[45]
Os mares suaves ao redor da illa manteñen as temperaturas nocturnas por encima do punto de conxelación, facendo da xeada algo moi pouco frecuente: en media hai xeada só oito veces por ano, fronte ao amplamente superior media anual do Reino Unido de 55,6 días con xeada.[46][47] Os días con neve son igualmente inusuais: en media, de cero a seis días por ano; case todos os invernos teñen un día ou menos con caída de neve. Poida que neve ou que caia aguanieve un par de veces no inverno, pero case nunca chega a depositarse sobre o solo; as áreas costeiras no suroeste, como Pórtland, experimentan os invernos menos crus do Reino Unido.[48] A tempada de cultivos en Weymouth e Pórtland dura nove meses por ano.[49]
Demografía e economía
[editar | editar a fonte]| Ano | Poboación |
|---|---|
| 1971 | 12.330 |
| 1981 | 12.410 |
| 1991 | 13.190 |
| 2001 | 12.800 |
| 2009 | 12.820 |
| 2021 | 13.559 |
Segundo o censo de 2021, Portland contaba con 13.559 habitantes e unha densidade duns 1.061 hab./km². A estrutura demográfica é semellante á do resto de Dorset, cun peso importante da poboación de idade avanzada.[50]
O cristianismo continúa a ser a principal relixión, pero o número de persoas que se declaran sen relixión aumentou de forma significativa entre 2011 e 2021, seguindo a evolución xeral de Inglaterra e Gales.[51]
A maior parte da poboación ten unha idade de entre 18 e 44 anos (38,3%). Segundo o censo de 2021, a maior parte da poboación en idade laboral estaba ocupada e o 78,0 % dos habitantes declarou gozar de boa ou moi boa saúde.[50]
A economía de Portland continúa ligada ao porto, á extracción da pedra de Portland, ao turismo e ás actividades relacionadas coa navegación e cos deportes náuticos.[52][53]
Transporte
[editar | editar a fonte]
A illa está unida á terra firme pola estrada A354, que a comunica con Weymouth a través de Chesil Beach e enlaza coa rede viaria de Dorset. Portland dispón de servizos regulares de autobús con Weymouth, desde onde parten conexións cara a Londres, Bristol e outras cidades do sur de Inglaterra, percorrendo unha ruta de 142 km entre Exeter e Bristol;[54] hai transbordadores ao porto francés de Saint-Malo e as illas da Canle de Guernsey e Jersey.
Para aliviar o tráfico entre Weymouth e Pórtland, Jurassic Coast Railways propuxo a construción dunha ferrovía co mesmo percorrido do antigo Weymouth and Portland Railway a tempo para os Xogos Olímpicos de Londres, pero ese proxecto nunca foi construído.[55]
Educación
[editar | editar a fonte]A illa conta cun único centro educativo público, a Atlantic Academy Portland, inaugurada en 2017 logo da integración dos anteriores centros de ensino da illa. A academia ofrece educación desde infantil até secundaria.[56]
O alumnado que cursa estudos posobrigatorios (sixth form) ou de formación profesional adoita desprazarse a Weymouth ou Dorchester, onde existen varios centros especializados, entre eles o Weymouth College.[56]
Cultura
[editar | editar a fonte]Deporte
[editar | editar a fonte]A Weymouth and Portland National Sailing Academy (WPNSA), situada en Osprey Quay, foi inaugurada no ano 2000 e é un dos principais centros de vela do Reino Unido.[57] As augas de Weymouth Bay e Portland Harbour son consideradas entre as máis axeitadas do norte de Europa para os deportes náuticos e acollen con frecuencia regatas internacionais.[58]
A academia foi a sede das competicións de vela dos Xogos Olímpicos de Londres 2012 e dos Xogos Paralímpicos de verán de 2012, para os que se modernizaron as instalacións portuarias e deportivas da zona.[59]

Ademais da vela, a illa é un destino popular para a práctica do wíndsurf, kitesurf, mergullo e snorkelling, pesca deportiva, piragüismo e natación, incluíndo adestramentos e simulacros de rescate marítimo e de naufraxios.
Os seus cantís e antigas canteiras constitúen tamén un importante destino para a escalada, con áreas específicas para o boulder e o psicobloc. Con todo, a escalada deportiva con protección é o estilo máis difundido na illa.[60][61]
Coellos na cultura popular da illa
[editar | editar a fonte]Na illa de Portland existe desde antigo a superstición de que pronunciar a palabra inglesa rabbit («coello») trae mala sorte. A crenza está relacionada coa tradición dos canteiros que asociaban os coellos cos desprendementos de terra provocados polos seus tobos nas canteiras, e mesmo un traballador morreu logo de ceder o guindastre.[62] Por este motivo, adoitan empregarse eufemismos como underground mutton («carneiro subterráneo»), long-eared furry things («cousas peludas de orellas longas») ou simplemente bunnies.[63]
A superstición segue sendo coñecida. En 2005, durante a campaña publicitaria da película Wallace & Gromit: The Curse of the Were-Rabbit, os carteis colocados en Portland substituíron a palabra rabbit polo lema Something bunny is going on, en mostra de respecto pola súa tradición.[64][65]
Na literatura
[editar | editar a fonte]A illa de Portland aparece en varias obras de Thomas Hardy, que a recreou baixo o nome ficticio de Isle of Slingers («Illa dos arroxadores»), en referencia á sona dos seus habitantes como hábiles lanzadores de pedras. É o escenario principal da novela The Well-Beloved (1897) e tamén aparece en The Trumpet-Major (1880).[66][67] O escritor tamén se referiu á illa como Gibraltar of the North, debido ao seu parecido co peñón de Xibraltar: a súa xeografía física, illamento, clima comparativamente benigno e as rúas serpenteantes de Underhill.[68][69]
Na triloxía The Warlord Chronicles, Bernard Cornwell identifica Portland coa lendaria Illa dos Mortos, un lugar de confinamento para persoas consideradas insane (dementes) na Britania posromana. Con todo, trátase dun recurso literario do autor e non dunha hipótese histórica ou arqueolóxica aceptada.[70]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Mesolithic Site, Portland" (en inglés). Association for Portland Archaeology. 2002. Arquivado dende o orixinal o 9 de xuño de 2007. Consultado o 30 de xullo de 2007.
- ↑ "Lexicon Universale". Universitat Mannheim. 2006. Consultado o 3 de abril de 2007.
- ↑ "Portland, Dorset, England" (en inglés). The Dorset Page. 2000. Arquivado dende o orixinal o 12 de xullo de 2007. Consultado o 26 de xullo de 2007.
- 1 2 "Portland—Dorset" (en inglés). Dorset Guide. 2007. Arquivado dende o orixinal o 5 de maio de 2007. Consultado o 3 de abril de 2007.
- ↑ "Portland Castle" (en inglés). English Heritage. 2007. Consultado o 30 de xullo de 2007.
- ↑ "Portland - Etymology, Origin & Meaning of the Name". etymonline (en inglés). Consultado o 2026-07-21.
- ↑ "1710 - Construction is Completed" (en Inglés). Dean and Chapter St Paul's. 2007. Arquivado dende o orixinal o 28 de setembro de 2007. Consultado o 3 de abril de 2007.
- ↑ "Buckingham Palace History" (en inglés). HM Queen Elizabeth II. 2007. Consultado o 3 de abril de 2007.
- ↑ "History & Manufacture of Portland Cement" (en inglés). Portland Cement Association. 2007. Consultado o 26 de xullo de 2007.
- ↑ "Railways of the Weymouth area" (en inglés). Island Publishing. 2005. Arquivado dende o orixinal o 3 de abril de 2007. Consultado o 26 de xullo de 2007.
- ↑ "Weymouth to Portland Railway, Construction and growth" (en inglés). Weymouth and Portland Borough Council. 2007. Arquivado dende o orixinal o 8 de outubro de 2007. Consultado o 26 de xullo de 2007.
- ↑ "Portland Port Limited" (en inglés). Portland Port Limited. 2007. Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2007. Consultado o 26 de xullo de 2007.
- ↑ "Portland Harbour" (en inglés). Bristol Nomads Windsurfing Club. 2007. Arquivado dende o orixinal o 29 de setembro de 2007. Consultado o 30 de xullo de 2007.
- 1 2 "Portland Base/Heliport History" (en inglés). helis.com. 2007. Consultado o 28 de xullo de 2007.
- ↑ "Turret Battleship, HMS Hood" (en inglés). Cranston Fine Arts. 2007. Consultado o 26 de xullo de 2007.
- 1 2 "Coastguard Rescue Helicopter" (en inglés). Beer Coastguard. 2007. Arquivado dende o orixinal o 30 de setembro de 2007. Consultado o 28 de xullo de 2007.
- ↑ "Eastern Region - Area South" (en inglés). Maritime and Coastguard Agency. 2007. Arquivado dende o orixinal o 6 de agosto de 2007. Consultado o 28 de xullo de 2007.
- ↑ "Ward Map" (en inglés). Weymouth and Portland Borough Council. 2007. Arquivado dende o orixinal o 24 de decembro de 2007. Consultado o 16 de decembro de 2007.
- ↑ "WPBC Serving Councillors". Weymouth and Portland Borough Council. 2009. Arquivado dende o orixinal o 22 de marzo de 2010. Consultado o 23 de abril de 2010.
- ↑ "Knight 'inspires' swing to Labour" (en inglés). British Broadcasting Corporation. 2005. Consultado o 13 de decembro de 2007.
- ↑ "European elections" (en inglés). Weymouth and Portland Borough Council. 2004. Arquivado dende o orixinal o 24 de decembro de 2007. Consultado o 16 de decembro de 2007.
- ↑ "Städtepartnerschaften in Holzwickede" (en Alemán). Gemeinde Holzwickede. 2007. Arquivado dende o orixinal o 24 de decembro de 2007. Consultado o 15 de decembro de 2007.
- ↑ "Associations de jumelage" (en Francés). Ville de Louviers. 2007. Arquivado dende o orixinal o 24 de decembro de 2007. Consultado o 15 de decembro de 2007.
- 1 2 "Portland" (en inglés). Costa Xurásica. 2006. Arquivado dende o orixinal o 14 de septiembre de 2007. Consultado o 29 de decembro de 2007.
- ↑ "The Chesil Beach - General Introduction" (en inglés). Southampton University. 2007. Consultado o 13 de agosto de 2007.
- ↑ "Coastal Landform Definitions" (en inglés). Villanova College. 2007. Arquivado dende o orixinal o 14 de xullo de 2007. Consultado o 29 de xullo de 2007.
- 1 2 "General Geology" (en inglés). Southampton University. 2007. Consultado o 26 de xullo de 2007.
- ↑ Evans, D. J.; Holloway, S. (2009-01). "A review of onshore UK salt deposits and their potential for underground gas storage". Geological Society, London, Special Publications (en inglés) 313 (1): 39–80. ISSN 0305-8719. doi:10.1144/SP313.5.
- ↑ Portland Gas Ltd., ed. (2008). "The Proposed Isle of Portland Natural Gas Storage Facility and the Mappowder to Portland Gas Pipeline Project. Environmental Statement – Non-Technical Summary" (PDF).
- ↑ Portland Gas plc, ed. (16-05-2008). "Planning Permission Granted".
- ↑ "Regulatory News". Interim Results; www.lse.co.uk (en inglés). Consultado o 2026-07-30.
- 1 2 "Portland Bill Lighthouse" (en inglés). Trinity House. 2007. Arquivado dende o orixinal o 9 de agosto de 2007. Consultado o 26 de xullo de 2007.
- 1 2 "Portland wildlife" (en inglés). Weymouth and Portland Borough Council. 2007. Arquivado dende o orixinal o 6 de outubro de 2007. Consultado o 27 de xullo de 2007.
- 1 2 "Offshore Geology" (en inglés). Southampton University. 2007. Consultado o 26 de xullo de 2007.
- ↑ "Coastal Flora & Fauna" (en inglés). Weymouth and Portland Borough Council. 2007. Arquivado dende o orixinal o 6 de outubro de 2007. Consultado o 27 de xullo de 2007.
- ↑ "Chesil Beach" (en inglés). Weymouth and Portland Borough Council. 2007. Arquivado dende o orixinal o 6 de outubro de 2007. Consultado o 27 de xullo de 2007.
- ↑ "Portland Butterflies" (en inglés). Weymouth and Portland Borough Council. 2007. Arquivado dende o orixinal o 6 de outubro de 2007. Consultado o 27 de xullo de 2007.
- ↑ "Mean Temperature Annual Average" (en inglés). Met Office. 2001. Arquivado dende o orixinal o 22 de febreiro de 2012. Consultado o 11 de agosto de 2007.
- 1 2 "Annual weather summary" (en inglés). Weymouth and Portland Borough Council. 2008. Arquivado dende o orixinal o 24 de outubro de 2007. Consultado o 4 de xaneiro de 2008.
- ↑ "England 1971-2000 averages" (en inglés). Met Office. 2001. Arquivado dende o orixinal o 5 de xuño de 2011. Consultado o 10 de xullo de 2007.
- ↑ "Chiswell case study: The Scheme" (en inglés). Jurassic Coast. 2007. Arquivado dende o orixinal o 16 de xullo de 2007. Consultado o 27 de xullo de 2007.
- ↑ "Annual weather summary" (en inglés). Weymouth and Portland Borough Council. 2007. Arquivado dende o orixinal o 24 de outubro de 2007. Consultado o 12 de agosto de 2007.
- ↑ "1971-2000 mapped averages" (en inglés). Met Office. 2001. Consultado o 12 de agosto de 2007.
- ↑ "Met Office England's climate" (en inglés). Met Office. 2001. Arquivado dende o orixinal o 4 de novembro de 2006. Consultado o 6 de novembro de 2006.
- ↑ "UK 1971-2000 averages" (en inglés). Met Office. 2001. Arquivado dende o orixinal o 5 de xullo de 2009. Consultado o 4 de agosto de 2007.
- ↑ "Temperature and Frost" (en inglés). Geoff Kirby. 2005. Arquivado dende o orixinal o 9 de febreiro de 2007. Consultado o 18 de novembro de 2006.
- ↑ "Met Office UK snow lying days" (en inglés). Met Office. 2001. Arquivado dende o orixinal o 9 de agosto de 2007. Consultado o 18 de outubro de 2006.
- ↑ "Met Office UK winter climate" (en inglés). Met Office. 2001. Arquivado dende o orixinal o 14 de novembro de 2012. Consultado o 12 de novembro de 2006.
- ↑ "e-Digest, Environment Statistics, Climate Change". www.defra.gov.uk (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 03 de novembro de 2007. Consultado o 2026-07-30.
- 1 2 "Area profile for Portland - Dorset Council". gi.dorsetcouncil.gov.uk. Consultado o 2026-07-30.
- ↑ Office for National Statistics, ed. (29 novembro 2022). "Religion, England and Wales: Census 2021".
- ↑ Visit Dorset (ed.). "Isle of Portland".[Ligazón morta]
- ↑ "Portland Port". Arquivado dende o orixinal o 12 de setembro de 2017. Consultado o 30 de xullo de 2026.
- ↑ "Jurassic Coast Bus Service" (en inglés). Jurassic Coast. 2007. Arquivado dende o orixinal o 26 de agosto de 2007. Consultado o 30 de xullo de 2007.
- ↑ "Doubts over rail plans". Dorset Echo (en inglés). 2007. Consultado o 30 de xullo de 2007.[Ligazón morta]
- 1 2 "Welcome to Coastland College". Coastland College (en inglés). Consultado o 2026-07-30.
- ↑ "About". Weymouth & Portland National Sailing Academy (en inglés). Consultado o 2026-07-30.
- ↑ World Sailing (ed.). "Weymouth and Portland".
- ↑ "London 2012 Official Report – Sailing". library.olympics.com. Consultado o 2026-07-30.
- ↑ "Watersports in Weymouth and Portland" (en inglés). Weymouth and Portland Borough Council. 2006. Arquivado dende o orixinal o 10 de outubro de 2006. Consultado o 12 de novembro de 2006.
- ↑ "ROCKFAX; Databases; Portland". www.rockfax.com (en inglés). Consultado o 2026-07-30.
- ↑ Team, WPBC Web (2005-11-21). "Why can't you say the word Rabbit on the Isle of Portland?". www.weymouth.gov.uk (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 24 de outubro de 2007. Consultado o 2026-07-30.
- ↑ Palmer, Roy (2009). The History Press, ed. The Folklore of Dorset. ISBN 978-0752447975
|isbn=incorrecto: checksum (Axuda). - ↑ Campaign, ed. (7 outubro 2005). "Curse of the Were-Whatsit hits Wallace & Gromit posters".
- ↑ "'Something bunny is going on...' in Portland". IOL (en inglés). 2246-01-14. Consultado o 2026-07-30.
- ↑ Hardy, Thomas (1897). The Well-Beloved.
- ↑ Hardy, Thomas (1880). The Trumpet-Major.
- ↑ "Thomas Hardy County and the Hardy Trail" (en inglés). Lyme Regis Tourist Information. 2007. Arquivado dende o orixinal o 23 de marzo de 2021. Consultado o 26 de xullo de 2007.
- ↑ "The Well-Beloved by Thomas Hardy" (en inglés). Full Books. 2007. Consultado o 26 de xullo de 2007.
- ↑ "The Isle of the Dead" (en inglés). British Society of Dowsers. 1999. Arquivado dende o orixinal o 30 de setembro de 2007. Consultado o 30 de xullo de 2007.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| Commons ten máis contidos multimedia sobre: Illa de Portland |
| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Illa de Portland |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Jackson, Brian L. 1999. Isle of Portland railways. ISBN 0-85361-540-3
- Morris, Stuart. 1985. Portland, an Illustrated History The Dovecote Press, Wimborne, Dorset: ISBN 0-946159-34-3
- Morris, Stuart. 1998. Portland (Discover Dorset Series) The Dovecote Press, Wimborne, Dorset: ISBN 1-874336-49-0.
- Morris, Stuart. 2002. Portland: A Portrait in Colour The Dovecote Press, Wimborne, Dorset: ISBN 1-874336-91-1.
- Morris, Stuart. 2006. Portland, Then and Now The Dovecote Press, Wimborne, Dorset: ISBN 1-904349-48-X.
- Palmer, Susann. 1999. Ancient Portland: Archaeology of the Isle. Portland: S. Palmer. ISBN 0-9532811-0-8
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Weymouth & Portland borough council (en inglés)
- Geology of the Wessex Coast of Southern England (en inglés)
- Exploring Portland Arquivado 11 de abril de 2021 en Wayback Machine. (en inglés)
- Portland Sculpture & Quarry Trust (en inglés)
- Pórtland, capital penitenciaria
