Saltar ao contido

Illa de Nikumaroro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía físicaIlla de Nikumaroro
(en) Nikumaroro Editar o valor en Wikidata
Imaxe
Tipoilla
illa arrecife Editar o valor en Wikidata
Parte deIllas Fénix Editar o valor en Wikidata
Situado na entidade xeográficaIllas Fénix Editar o valor en Wikidata
Localización
División administrativaIllas Fénix, Kiribati Editar o valor en Wikidata
Editar o valor en Wikidata Mapa
 4°40′48″S 174°31′01″O / -4.68, -174.517
Bañado porocéano Pacífico Editar o valor en Wikidata
Características
Dimensións2 (ancho) × 6 (lonxitude) km
Superficie4,1 km² Editar o valor en Wikidata

Nikumaroro, anteriormente coñecida como Illa Kemins ou Illa Gardner, forma parte das Illas Fénix, Kiribati, no océano Pacífico occidental. É un atol de coral remoto, alongado e triangular con vexetación profusa e unha gran lagoa mariña central. Nikumaroro ten uns 7,5 km. de longo por 2,5 km. de ancho. Aínda que estivo ocupada en varias ocasións do pasado, a illa está deshabitada na actualidade.

Kiribati declarou a Área Protexida das Illas Fénix en 2006, e o parque ampliouse en 2008. A reserva mariña de 425.300 km² contén oito atois de coral, incluído Nikumaroro.[1][2]

Nikumaroro foi obxecto de considerables especulacións e exploracións como posible lugar onde a piloto Amelia Earhart e o navegador Fred Noonan puideron aterrar en xullo de 1937 cando desapareceron durante o seu desafortunado voo para circunavegar o mundo.[3][4][5] Non obstante, ata a data, non se atoparon probas concluíntes do seu avión na illa nin nas súas inmediacións.[6]

Características

[editar | editar a fonte]

O atol é remoto e está conformado por dous illotes[7] alongados que case pechan a lagoa interior e que lle dan ao atol unha característica forma triangular, a súa vexetación é profusa e conta cunha lagoa mariña central.

Hai dúas entradas angostas a través do bordo do atol, bloqueadas por un arrecife ancho, o cal seca ao baixar a marea. Nas augas de Nikumaroro están presentes 21 xéneros de coral duro, con abundante coral vivo na zona oeste, nalgunhas áreas mesmo superando o 50%.[8]

Xeografía

[editar | editar a fonte]

Unha espesa maleza e un bosque de Pisonia cobren a superficie terrestre. As árbores medran 15 m. de altura e provocan a descomposición do material foliar no solo.[5] Quedan cocos dos intentos de operar unha plantación na illa de 1893 a 1894 e máis tarde de 1938 a 1963.[5]

A escaseza de auga doce en Nikumaroro demostrou ser problemática para os residentes no pasado e contribuíu directamente ao fracaso dun proxecto británico para colonizar a illa de 1938 a 1963.

Prehistoria

[editar | editar a fonte]

Evidencias de ocupación prehistórica

[editar | editar a fonte]

Pouco se sabe da presenza de asentamentos na illa antes de 1824. As evidencias de ocupación prehistórica son escasas e sen fundamento.

En 1989, unha expedición á illa realizada por TIGHAR suxeriu que o que crían que eran trampas para peixes na costa da illa eran, de feito, evidencias de nativos do Pacífico esquecidos hai moito tempo. O grupo de traballo de TIGHAR tamén atopou o que se cría que era un azulexo de basalto.[9]

Identidade dos pobos prehistóricos

[editar | editar a fonte]

Os antigos asentamentos nas próximas illas de Manra e Orona probablemente foron fundados arredor do ano 1000 a.C., cando se sabe que os melanesios orientais viaxaron cara ao norte a través da auga.[10] Estes produciron artefactos de basalto que se orixinaron en Samoa, as Marquesas e as Illas Cook, e que foron transportados ás Illas Fénix e Liña durante os séculos XII-XIV d. C.[11] Hai probas que suxiren que a illa Howland foi o lugar dun asentamento prehistórico, que puido estenderse ata Rawaki, Kanton, Manra e Orona, e posiblemente Nikumaroro. Descubríronse sitios arqueolóxicos en Manra e Orona que suxiren que houbo dous grupos distintos de colonos na zona, un da Polinesia oriental e outro da Micronesia.[12]

Avistamentos e afirmacións do século XIX

[editar | editar a fonte]

Nikumaroro era coñecido por diversos nomes a principios do século XIX: illa de Kemins, illa de Kemis, Motu Oonga, Motu Oona e illa de Mary Letitia. O primeiro rexistro dun avistamento europeo foi feito polo capitán C. Kemiss (ou Kemin, Kemish) do buque baleeiro británico Eliza Ann en 1824. O 19 de agosto de 1840, o USS Vincennes da da Expedición de Exploración dos Estados Unidos confirmou a súa posición e rexistrou o nome do atol como Illa Gardner, nome dado orixinalmente en 1825 por Joshua Coffin do baleeiro de Nantucket Ganges. Algunhas fontes din que a illa recibiu o nome do congresman estadounidense Gideon Gardner, propietario do Ganges.[5][13][N 1]

En 1856, a illa foi reclamada pola compañía CA Williams & Co., de New London, Connecticut, baixo a Lei de illas de guano, aínda que nunca se atoparon depósitos de guano, e os Estados Unidos renunciaron ao seu reclamo en 1882. En 1892, a illa foi novamente reclamada, esta vez polo buque HMS Curacao, do Reino Unido. Case inmediatamente, outorgóuselle unha licenza ao empresario John T. Arundel para cultivar palmeiras de coco. Alí establecéronse 29 insulares, e construíronse algunhas estruturas con teitos de ferro corrugado, pero unha seca no ano 1893 resultou no abandono do proxecto de explotación. En 1916, foi arrendada ao capitán E.F.H. Allen da Samoa Shipping Trading Co Ltd, pero permaneceu deshabitada ata 1938.[5]

O 29 de novembro de 1929, os 35 homes que conformaban a tripulación da fragata británica SS Norwich City, desembarcaron no sector noroeste da illa durante unha tormenta. Houbo polo menos 8 vítimas. A tripulación restante acampou preto das estruturas colapsadas do proxecto abandonado de Arundel, e foi rescatada logo de sobrevivir varios días na illa.

O barco naufragado foi un punto prominente no arrecife por setenta anos, aínda que para o ano 2004 só quedaban cascallos pesados espallados, incluíndo a maciza máquina de vapor da nave.

O 1 de decembro de 1938, membros da Expedición Británica de Inspección de Illas do océano Pacífico chegaron para avaliar a illa como unha posible posición xa sexa para aterraxes de hidroavións como para a construción dun aeródromo. O 20 de decembro, chegaron máis oficiais británicos con vinte colonos gilbertenses nunha das últimas expansións coloniais do Imperio Británico. Os esforzos para preparar o terreo para o cultivo de palmeiras de coco víronse contrariados por falta de auga potable. Para xuño de 1939 instaláronse exitosamente algúns pozos. Había 58 colonos gilbertenses na illa, incluíndo a 16 mulleres e 26 nenos.

O primeiro supervisor da illa e o maxistrado foi Teng Koata, cuxa esposa, segundo a lenda local, tivo un encontro coa deusa Manganibuka nunha parte remota da illa. O oficial colonial británico, Gerald Gallagher (1912-1941), estableceu o cuartel xeral do Proxecto de Colonización das Illas Fénix nun pobo localizado no extremo occidental da illa, xusto ao sur da entrada máis grande á lagoa. Deseñáronse anchas rúas de grava coralina e un patio de armas. As estruturas máis importantes eran unha casa administrativa feita de palla, un comisariato con armazón de madeira e unha choza radiodifusora. De 1944 a 1945, un equipo de 25 homes dos Gardacostas dos Estados Unidos estableceu unha estación de navegación LORAN na punta sueste da illa, instalando polo menos unha cabana quonset e algunhas estruturas máis pequenas.

Na década dos ´50, a poboación da illa aumentou a 100 persoas aproximadamente, con todo, a principios dos ´60, secas periódicas e fontes inestables de auga potable provocaron a evacuación en 1963 da maioría dos insulares polos británicos ás Illas Salomón, e para 1965, Nikumaroro estaba oficialmente deshabitada.

Vista de Nukumaroro desde o satélite

En 1971, o Reino Unido concedeu autonomía ás Illas Gilbert, que lograron independencia completa en 1979 como Kiribati. Ese mesmo ano, os Estados Unidos, logo de examinar a illa para a posible experimentación de armas, renunciaron a todos os reclamos sobre a illa Gardner, a cal foi oficialmente renomeada como Nikumaroro, un nome inspirado por lendas gilbertenses que foi usado polos colonos durante as décadas do ´40 e do ´50.

Situación actual

[editar | editar a fonte]

Nikumaroro é visitado esporadicamente por biólogos atraídos polos seus extensos ecosistemas mariños e aviarios. Os visitantes a miúdo mencionan a calor ecuatorial atafegante da illa, o coral filoso como unha navalla, o denso follaxe e caranguexos sumamente agresivos. Varias especies de quenllas e golfiños tursiops foron observadas nas augas circundantes, e unha certa cantidade destas son tóxicas para os humanos durante certas estacións. O océano máis aló do arrecife é moi profundo e o único ancoradoiro está no extremo occidental, a través do arrecife desde as ruínas do pobo, pero é seguro só cando sopran os ventos alisios do sueste. Desembarcar sempre foi difícil e é usualmente realizado ao sur do ancoradoiro.

O Grupo Internacional non lucrativo para a Recuperación Histórica de Aeronaves fixo numerosas expedicións a Nikumaroro durante os anos 90 co propósito darlle valor á hipótese que sostén que en 1937 Amelia Earhart e Fred Noonan aterraron e morreron na illa logo de fracasar en atopar á Illa Howland durante as etapas finais do seu desafortunado Voo Mundial, incluíndo indicios de que Earhart puido sobrevivir por varios meses antes de que grupos británicos de inspección empezasen a chegar en 1938, momento en que ela e Noonan poderon sucumbir ás lesións, a fame ou a enfermidade.

Fortes tormentas en 2002 destruíron a maioría das estruturas restantes en Nikumaroro, aínda que a tumba de Gallagher aínda pode verse no sitio máis alto do pobo.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. Dado que outras fontes din que o membro da familia Joshua Gardner era o capitán do «Ganges» nese momento, ou ben existe certa confusión no rexistro histórico ou ben tanto Gardner como Coffin estaban a bordo cando se avistou a illa en 1825. (Dunmore 1992, p. 115)

Referencias

[editar | editar a fonte]
  1. Howard, Brian Clark (16 de xuño de 2014). "Pacific Nation Bans Fishing in One of World's Largest Marine Parks". National Geographic News. Arquivado dende o orixinal o 19 de xuño de 2014. Consultado o 15 de maio de 2015.
  2. "Phoenix Islands Protected Area". Government of Kiribati. Arquivado dende o orixinal o 1 de decembro de 2007. Consultado o 25 de xaneiro de 2015.
  3. "US reportedly to search again for Amelia Earhart's plane". MSNBC. 19 de marzo de 2012. Arquivado dende o orixinal o 2 de maio de 2012. Consultado o 20 de marzo de 2012.
  4. Pruitt, Sarah (29 de outubro de 2014). "Researchers Identify Fragment of Amelia Earhart's Plane". history.com. Consultado o 29 de outubro de 2014.
  5. 1 2 3 4 5 Resture, Jane. "Gardner Island (Nikumaroro) Phoenix Group". Jane Resture. Arquivado dende o orixinal o 17 de novembro de 2016. Consultado o 25 de xaneiro de 2015.
  6. Cohn, Julie (14 de outubro de 2019). "The Amelia Earhart Mystery Stays Down in the Deep". The New York Times (en inglés). ISSN 0362-4331. Consultado o 30 de novembro de 2019.
  7. Arthur Dahl Review of the Protected Areas System in Oceania. IUCN Commission on National Parks and Protected Areas, United Nations Environment, 1986, páxina 176
  8. Abigail Alling et. al. Catastrophic Coral Mortality in the Remote Central Pacific Ocean: Kirabati Phoenix Islands. Atoll Research Bulletin 551, 2006
  9. Niku I, 1989. TIGHAR.https://tighar.org/wiki/Niku_I_(1989)
  10. Suárez, p. 17.
  11. Di Piazza e Pearthree. Voyaging and basalt exchange in the Phoenix and Line archipelagues: the viewpoint from three mystery islands. Archaeol. Oceanía 36 (2001) 146–152
  12. "Jane's Oceania Home Page. Jane Resture. 28 de setembro de 2008". Arquivado dende o orixinal o 14 de xullo de 2024. Consultado o 18 de xullo de 2025.
  13. Bryan 1942, p. 71.