Illa de Arran

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Illa de Arran
Arran satellite.jpg
Imaxe satelital de Arran
Isle of Arran locator.png
Localización da illa de Arran
Situación
PaísEscocia
MarMar de Irlanda
Coordenadas55° 33′ 44″ N, 5° 14′ 04″ O
Xeografía
Superficie432 km²
Punto máis alto87

A Illa de Arran (en gaélico: Eilean Arainn, en inglés : Isle of Arran) é a maior illa do Firth of Clyde e cunha superficie de 432 km2 é a sétima maior de Escocia. Arran forma parte da autoridade unitaria de North Ayrshire e no censo de 2011 tiña 4629 habitantes[1]. Aínda que soe ser asociada coas Hébridas, estas están situadas ao norte e oeste da península de Kintyre. A illa de Arran é montañosa e foi descrita como o «o paraíso dos xeólogos».[2]

Está habitada desde o inicio do Neolítico, como mostran numerosos restos prehistóricos. No século VI, pobos gaélicos de Irlanda colonizaron a illa. Na era viquinga, pasou a ser propiedade da coroa norueguesa antes de ser absorbida polo Reino de Escocia no s. XIII. As Clearances no s. XIX provocaron un importante descenso da poboación e a desaparición da lingua gaélica.

A economía e a poboación reforzáronse nos últimos anos, sendo o sector principal o turismo. Arran tamén alberga unha gran biodiversidade, incluíndo tres especies de árbores endémicas da illa.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

A maioría das illas de Escocia estiveron habitadas por falantes de polo menos catro linguas diferentes desde a Idade de Ferro, polo que moitos nomes de illas teñen máis dun posible significado. Arran non é unha excepción e a orixe deste nome dista moito de ser coñecida. Mac an Tàilleir, en 2003, afirma que este termo non ten relación a priori co nome Árann, que en Irlanda significa reniforme (do irlandés Ára = ril).[3]

Haswell-Smith (en 2004) propón que a palabra é unha derivación léxica do britónico, algo pouco frecuente para unha illa escocesa, co significado de "lugar alto" que se corresponde coa súa xeografía[2].

Calquera outro topónimo de orixe britónica que puidese ter existido foi substituído á chegada dos gaels procedentes de Irlanda e a través do seu reino próximo de Dal Riada. Durante a Idade Viquinga, Arran, como a gran maioría das illas escocesas, pasou a ser propiedade da coroa norueguesa e era coñecida como "Herey" ou "Hersey". Por esta influencia, moitos dos topónimos actuais da illa de Arran son de orixe nórdica.[4]

Xeografía[editar | editar a fonte]

Relevo[editar | editar a fonte]

A illa atópase no Firth of Clyde, entre Ayr e Kintyre. O perfil dos outeiros do norte de Arran visto dende as costas de Ayrshire é unha vista coñecida chamada " guerreiro durmido (The Sleeping Warrior), polo seu parecido cun rostro humano en repouso[5] O máis alto destes outeiros é o Goat Fell, que culmina con 873,5 m. Hai outros tres picos ao nordeste da illa: Caisteal Abhail, Cìr Mhòr e Beinn Tarsuinn, con 721m.[6]

O val máis grande de Arran é Glen Iorsa ao oeste. O relevo do sur da illa é menos montañoso, unha parte importante das terras do interior atópase a unha altitude que supera os 350 m e o cumio de A'Chruach alcanza os 512 m.[7] Hai outros dous Marilyns ao sur, Tighvein e Beinn Bhreac.

Illas circundantes[editar | editar a fonte]

Holy Isle vista desde Whiting Bay, Arran.

Arran está rodeada por tres pequenas illas próximas: Holy Isle[8] ao leste, fronte a Lamlash, Pladda fronte á costa suroeste e a pequena illa Hamilton, fronte a Clauchlands Point, a 1,2 km ao sur de Holy Isle. Outras illas importantes no Firth of Clyde inclúen Bute e Inchmarnock ao norte de Arran, Great Cumbrae e Little Cumbrae ao nordeste.[9]

Aldeas e vilas[editar | editar a fonte]

Vista da baía de Kildonan no extremo sur de Arran

Arran ten unha serie de aldeas principalmente na costa. Brodick (en nórdico antigo: Breiðvík, "baía ampla") é o lugar da principal terminal de transbordador, varios hoteis e a maioría das empresas. O castelo de Brodick é a sede dos duques de Hamilton. Porén, Lamlash é a aldea máis grande da illa, cunha poboación de 1 010 habitantes en comparación cos 621 de Brodick (censo de 2001).[10] Outras vilas inclúen Lochranza ao norte, Corrie ao nordeste, Blackwaterfoot ao suroeste, Kildonan ao sur e Whiting Bay ao sueste. Catacol está xusto na estrada de Lochranza.[11]

Poboación[editar | editar a fonte]

A illa de Arran tiña 4 629 habitantes en 2011[1], unha densidade de 10,72 hab/km2. As principais vilas da illa son Brodick e Lamlash na costa leste: só elas concentran o 32% de poboación de Arran.[10]

Entre os habitantes de Arran estiveron Daniel e Alexander MacMillan, fundadores de Macmillan Publishers [12], o dramaturgo Robert McLellan e o Primeiro ministro de Escocia Jack McConnell.

Xeoloxía[editar | editar a fonte]

Arran é ás veces alcumado "Escocia en miniatura" xa que é atravesado pola liña de falla das Highlands que divide Escocia en Highlands e Lowlands de nordeste a suroeste. A illa foi un destino popular para os xeólogos desde o século XVIII, porque está formada por unha gran variedade de formacións xeolóxicas: rochas ígneas en forma de enxames de diques, soleiras, que datan do Paleóxeno; rochas sedimentarias, que datan do Triásico; rochas metamórficas, que datan do Precámbrico.[13]

Dique de diabase na baía de Kildonan.

A maioría das terras do interior do norte da illa están ocupadas por un gran batolito granítico de orixe volcánica que xurdiu hai 60 millions de anos no Cenozoico . Hai un círculo exterior de granitos rugosos e un núcleo interior de materiais granulares máis finos.[14] As rochas sedimentarias dominan a parte sur da illa, especialmente arenito vermello. Algúns destes arenitos conteñen fulguritas, marcas probabelmente causadas por un raio, que datan do Pérmico. As dunas de area teñen lugar na pedra arenisca do Pérmico preto de Brodick. Tamén hai capas de rochas do Triásico e mesmo un raro exemplo de creta do Cretáceo.[15]

Tamén existe a retinita, unha rocha volcánica semellante á obsidiana, utilizada dende o Mesolítico ata a Idade do Bronce, pasando polo Neolítico, para fabricar diversos obxectos. Desde o Neolítico, este material foi comercializado por toda a illa de Gran Bretaña [16] . Atopáronse recentemente nun xacemento de South Lanarkshire (Escocia) que data do século IV a. C., en asociación con toba volcánicade Cambria e cerámica de quilla.

No século XIX, a barita foi extraída dunha mina preto de Sannox. Alí foi descuberta en 1840, e entre 1853 e 1862 producíronse unhas 5000 toneladas desde mineral. A mina foi pechada polo o 11º Duque de Hamilton, co pretexto de que "marchou a solemne maxestade do panorama", pero foi reaberta após a Primeira guerra mundial e funcionou até 1938, cando o filón secou.[17]

Visitando Arran en 1787, o xeólogo James Hutton atopou o seu primeiro exemplo de "discordancia" ao norte de Newton Point preto de Lochranza, proporcionando probas das súas teorías plutonistas do uniformismo e pistas sobre a idade da Terra. A zona é un dos lugares máis famosos para o estudo da xeoloxía.[18] [19]

A cova do rei.

As glaciacións do Plistoceno cubriron case na súa totalidade Escocia de xeo e probabelmente os picos máis altos foron nunataks nese momento[20]. Despois da última deglaciación do Plistoceno, o nivel do mar era 70m máis baixo que o actual, e é probábel que ao redor do 14000 a. C. a illa se unise á «Escocia continental».[21] Os cambios do nivel do mar e o aumento da terra isostática fan complexas as costas postglaciares, pero é evidente que a illa está rodeada de praias posglaciares.[20] A Cova do Rei (King's Cave) na costa suroeste é un exemplo desas formacións emerxentes. Esta caverna, de 30,5m de longo e 15,3m de altura, esténdese moi por riba do nivel do mar actual.[22]

Hai cantís mariños ao nordeste, cuxos amplos estratos están por debaixo das alturas de Torr Reamhar e en Scriden (en gaélico : An Scriodan) no extremo norte da illa. En Arran está un dos corenta lugares de Escocia designados como National Scenic Area.[23]

Flora e fauna[editar | editar a fonte]

O toxo (ulex) atópase habitualmente en Arran.

A illa posúe tres especies de freixos de montaña (Sorbus arranensis, Sorbus pseudofennica e Sorbus pseudomeinichii). Estas árbores considéranse especies vulnerables, protexidas en Glen Diomhan, unha reserva natural parcialmente cercada, ao norte de Arran. Están controlados polo Scottish Natural Heritage. Son árbores típicas das ladeiras das montañas, aínda que medran en cotas máis baixas no Brodick Country Park. Ademais, Arran ten unha gran variedade de plantas silvestres (toxo, breixo, rosa ártica, lonicera, frundo ou pementa real, etc.), fungos e musgos.[24]

Identificáronse máis de 250 especies de aves en Arran, entre elas o arao de á branca, o eider, o falcón peregrino e a aguia real.[25] En 1981, contáronse 28 lagópodos albinos, pero en 2009, as investigacións posteriores non deron atopado ningún.[26] Do mesmo xeito, a choia xa non se atopa en Arran.[27]

A illa alberga importantes poboacións de cervos roxos, esquíos vermellos, teixugos, lontras, víboras e lagartas. No mar arredor de Arran atópanse focas, marsopas, tiburóns peregrino e varias especies de golfiños.[28]

Historia[editar | editar a fonte]

Prehistoria[editar | editar a fonte]

Os megalitos de Machrie Moor
Círculo de pedra preto de Tormore
William Andrews Nesfield, 1828
Victoria and Albert Museum

Arran caracterízase por unha concentración particular de amilladoiros neolíticos (cairns), os Clyde Cairns, que soen adoptar a forma de pasarelas cubertas. O estilo característico desas estruturas é o dunha pedra rectangular ou trapezoidal e un túmulo de terra que rodea unha cámara limitada por amplas bandas de pedra. Fragmentos de cerámica e ósos atopados nas cámaras suxiren que foron utilizadas como prisións e algunhas delas efectivamente teñen vestíbulos, que probablemente eran un lugar público ou ritual. Hai dous exemplos en Monamore Glen, ao leste da aldea de Lamlash, e estruturas similares chamadas "Tumbas de Xigantes" (en inglés : Giant's Graves ) alén de Whiting Bay. Hai moitos megalitos que datan do período prehistórico, incluíndo seis cromlechs en Machrie Moor (en gaélico: Am Machaire).[29]

Foron desenterrados varios xacementos que datan da Idade do Bronce, incluíndo o "Túmulo Ossiano" (en inglés: Ossian's Mound) preto de Clachaig e un cairn preto de Blackwaterfoot que deu un puñal de bronce e unha cinta de ouro[30]. Torr a'Chaisteal Dun, no suroeste (preto de Sliddery) é a ruína dunha fortificación da Idade de Ferro que data do ano 200. Os muros orixinais probabelmente tiñan uns 3m de alto e rodeaban unha zona circular duns 14m de diámetro.[31]

Os gaélicos, os viquingos e a Idade Media[editar | editar a fonte]

O mosteiro de Aileach foi fundado por San Brandán no século VI. As covas baixo Keil Point (en gaélico : Rubha na Cille) conteñen unha lousa que podería servir de altar. Esta pedra presenta dous petrosomatoglifos, as pegadas de dous pés dereitos atribuídas a Columba de Iona.[32]

No século XI, Arran forma parte de Sodor (en nórdico antigo : Suðr-eyjar) no Reino de Mann e das Illas, pero á morte de Godred Crovan en 1095, todas as illas quedaron baixo o dominio de Magnus III de Noruega. Lagman de Man en 1104 restablece o poder local. Despois da morte de Somerled, Arran e Bute foron dirixidos polo seu fillo Angus.[33] En 1237, as Illas Escocesas cortaron os lazos coa Illa de Man e convertéronse nun reino independente, antes de ser cedidas á Coroa Escocesa en 1266, baixo o Tratado de Perth. Unha tumba viquinga descuberta preto de King's Cross ao sur de Lamlash, contiña un óso de balea, remaches e cravos de ferro, fragmentos de bronce e unha moeda de bronce do s.IX; outra tumba da mesma época no mesmo lugar contiña unha espada e unha armadura.[34] Arran tamén formaba parte da Diocese de Sodor e Man.

Roberto I, aliado e logo inimigo de Eduardo I, tivo que refuxiarse nas illas tras a batalla de Methven en 1306. Probabelmente desembarcou en Lochranza. Preto de Blackwaterfoot está a "Cova do Rei" ( King's Cave) onde se di que Robert I atopou refuxio.[35] Roberto I volveu á illa en 1326, ofrecendo terras a Fergus MacLouis pola súa axuda.

Castelo de Brodick

O castelo de Brodick, de arredor do s. XIII, xoga un papel importante na historia medieval da illa. Foi conquistado por tropas inglesas nas Guerras da Independencia antes de ser recuperada por forzas escocesas en 1307. Foi moi danado pola acción dos barcos ingleses en 1406 e tacado por John of Islay, Señor das Illas en 1455. Orixinalmente sede do clan Stewart de Menteith, o castelo pasou á familia Boyd no s. XV. Durante un período limitado, durante o reinado do rei Xacobe V de Escocia no s. XVI, Arran estivo baixo a rexencia de Robert Maxwell.[36]

Épocas moderna e contemporánea[editar | editar a fonte]

Ao comezo da Idade Moderna, Jacques de Hamilton converteuse en conselleiro privado do seu primo primeiro Xacobe IV de Escocia e axudou a organizar o seu matrimonio coa princesa Margarida Tudor de Inglaterra. Como recompensa, foi elevado ao rango de Conde de Arran en 1503. A economía local nese tempo baseouse no run-rig un xeito tradicional escocés de agricultura, sendo os cultivos básicos a avea, a cebada e as patacas.

Highland Clearances Memorial en Lamlash

A principios do s. XIX, Alexandre de Hamilton (1767–1852) instituíu un programa de Highland Clearances que tivo un efecto devastador na poboación da illa. Estes "amelloramentos" levaron a que a terra pasase de 27 familias a unha soa explotación. Nalgúns casos, prometíase unha terra alternativa en Canadá para cada home que emigrase. En abril de 1829, por exemplo, 86 insulares abordan o Caledonia para unha viaxe de dous meses, coa metade da súa viaxe pagada polo duque. Con todo, á súa chegada a Quebec, só 41 ha están a disposición das familias. Aldeas enteiras son desprazadas e a cultura gaélica da illa é minada. Na costa de Lamlash construíuse un monumento a esta forma de limpeza étnica, financiado por un descendente canadense dos emigrantes.[37] [38]

O 10 de agosto de 1941, un avión de matrícula LB-30A AM261 da Royal Air Force Consolidated B-24 Liberator despegou da base de Heathfield en Ayrshire con destino ao aeroporto internacional de Gander en Canadá, pero estrelouse ao lado de Mullach Buidhe, ao norte de Goat Fell e as 22 persoas (pasaxeiros e tripulantes) morreron.[39]

A finais do s. XX, varios artigos de prensa mencionan o vertido de residuos radioactivos e munición nas costas de Arran. Segundo os rexistros británicos, antes de 1958, unha compañía británica mergullou dous dispositivos antiestáticos que contiñan estroncio-90 no pozo de Beaufort preto de Arran.[40] A mediados da década de 1990 publicouse un estudo da National Radiological Protection Board (NRPB, Consello inglés de protección contra a radiación) sobre a base de «información dispoñible». Pretende avaliar a importancia radiolóxica das verteduras de residuos ao pozo de Beaufort e os vertidos realizados ao redor da costa escocesa. Este estudo [41] concluíu (en novembro de 1997) que non había riscos significativos en termos de protección radiológica.[40] A valoración das doses que poden ser absorbidas pola manipulación de bidóns e obxectos diversos lavados nas praias polas ondas ou recuperados durante as actividades pesqueiras concluíu que non existía risco significativo, salvo no caso de estar en contacto cunha das dúas fontes somerxidas de estroncio-90 preto da illa de Arran.[40] Aínda que o risco de contacto é baixo, a NRPB recomendou que se dea consello aos arrastreiros e aos organismos responsables da recollida e tratamento dos artigos lavados nas praias.[40]

Gaélico de Arran[editar | editar a fonte]

(escóitense os arquivos de son na Wikipedia en inglés)

Distribución xeográfica da lingua gaélica en Escocia

O gaélico aínda se falaba habitualmente en Arran a principios do século XX. O censo de 1901 informa de 25 a 49 % de gaels no lado leste da illa e do 50 ao 74 % no lado oeste. A partir de 1921, a porcentaxe para toda a illa baixou a menos de 25%. Desde entón, o número de falantes caeu no rango de 0 a 24,9 %.[42] Porén, Nils Holmer cita o Féillire (un almanaque gaélico) que informaba de 4 532 habitantes na illa en 1931, incluíndo 605 gaels, mostrando que o gaélico só representaba o 13 % da poboación.[43] O uso da lingua continuou a diminuír ata que os últimos falantes nativos do gaélico Arran morreron na década de 1990. O 1.6 % de gaels no censo de 1991 e o 1,5% no censo de 2001 inclúen falantes doutras áreas que máis tarde se estableceron en Arran.[44]

O gaélico de Arran está ben documentado. Holmer realizou un estudo da illa en 1938, informando de que o gaélico era falado por un bo número de habitantes maiores. Entrevistou a 53 testemuñas de varios lugares e a súa descrición do dialecto, titulada The Gaelic of Arran e publicouse en 1957; este libro ten 211 páxinas de información sobre a fonoloxía, a gramática e o léxico desta lingua. O Survey of the Gaelic Dialects of Scotland, que recolleu datos sobre o dialecto gaélico entre 1950 e 1963, tamén entrevistou a 5 falantes nativos de gaélico de Arran.[45]

O dialecto Arran pertence ao grupo meridional de dialectos gaélicos (os chamados "periféricos" en estudos celtas). Ten varias peculiaridades a nivel fonolóxico :

  • unha parada glotal que substitúe un hiato en irlandés antigo (por exemplo rathad / rɛʔət̪ /, "a ruta" ou "a estrada", normalmente rˠa.ət̪ );[43]
  • a desaparición do intervocálico / h / (ex. athair / aəɾ /, "o pai", normalmente / ahəɾʲ /);[43]
  • preservación de /l/, /n/ e /r/ longos (por exemplo fann / fan̪ˠː /, "débil", normalmente / faun̪ˠ / con ditongo).[43]

A característica máis infrecuente do gaélico Arran é a semivogal /w/ despois dunha consoante labial e antes dunha vogal inicial (por exemplo maith / mwɛh /, ' Ben ', normalmente / mah / en gaélico estándar.

Autoridades locais[editar | editar a fonte]

Situación de Arran dentro de Ayrshire

Dende o século XVII até finais do XX, Arran formaba parte do condado de Bute. Despois da reorganización do goberno local en 1975, Arran pasou a formar parte do distrito de Cunninghame na rexión de Strathclyde.[46]

Este sistema de dous niveis continuou até 1996, cando se implementou a Lei de goberno local de Escocia de 1994, que aboliu rexións e distritos e substituílos por trinta e dúas autoridades unitarias. Arran forma parte actualmente da Council Area de North Ayrshire, igual que outras illas que antes formaban parte do condado de Bute.[47]

Na Cámara dos Comúns, desde 2005, Arran forma parte da circunscrición electoral de North Ayrshire and Arran [48], representada por Katy Clark (2011) do Partido Laborista.[49] Arran formou anteriormente parte da circunscrición electoral de Cunninghame North de 1983 a 2005[50] e Bute and Northern Ayrshire de 1918 a 1983[51].

No Parlamento escocés, Arran forma parte da circunscrición electoral Cunninghame North,[52] representada por Kenneth Gibson do Scottish National Party (SNP)[53] (2011). Os laboristas ocuparon o escano até 2007, cando o SNP o gañou cunha maioría de só 48 votos (30,7% dos votos emitidos fronte ao 30,6% para os Laboristas), o escano máis marxinal do Parlamento escocés daquela[54]. Nas eleccións rexionais escocesas de 2011, o SNP logrou un avance de case 22%, colleita 52,6% de votos nesta circunscrición[55].

Transporte[editar | editar a fonte]

Mapa que indica as vías de comunicación da illa.

Arran está conectado coa "Escocia continental" por dous ferries da compañía navieira Caledonian MacBrayne, un de Brodick a Ardrossan e o segundo de Lochranza a Claonaig.[56] Tamén se ofrecen viaxes de verán no vapor PS Waverley e un servizo de verán local vai desde Lamlash até Holy Isle.

Hai tres estradas principais na illa. A costeira arredor da illa ten 90km de lonxitude. En 2007, 48 km da estrada costeira, anteriormente designada como A841, foron degradadas a unha estrada de Categoría C. Comezando ao sur de Whiting Bay, a C147 vai desde a costa sur ao norte. En Lochranza a estrada toma o nome A841 pola costa leste cara a Whiting Bay.[57]

As outras dúas estradas atravesan a illa de leste a oeste. A principal estrada interior da illa ten 19 km de lonxitude, a B880 de Brodick a Blackwaterfoot chamada "a corda" (The String) que sobe a Gleann an t-Suidhe. 10 km ao longo da B880 desde Brodick, unha estrada secundaria bifurca á dereita a Machrie. Esta estrada dunha franxa chamada The Ross está a 15 km de Lamlash a Lagg e Sliderry vía Glen Scorodale (en gaélico: Gleann Sgoradail). A illa pódese explorar amplamente en transporte público: os autobuses son postos en servizo por Stagecoach.[58]

Economía[editar | editar a fonte]

Destilería Arran en Lochranza.
PS Waverley con Brodick Castle ao fondo.

A principal fonte de ingresos da illa é o turismo, sendo unha atracción principal o impoñente Castelo de Brodick, propiedade do National Trust for Scotland. O resort de Auchrannie, que ten dous hoteis, tres restaurantes e dous centros de lecer, é un dos maiores provedores de emprego en Arran.[59] As empresas locais inclúen a destilería Arran, aberta en 1995 en Lochranza, e Arran Aromatics, que produce unha gama de cosméticos.

A gandaría e a silvicultura son outros sectores importantes. Os plans de 2008 para cultivar salmón, que representan máis de 800000 peixes na Lamlash Bay foron criticados pola Arran Community Seabed Trust. Temían que a acuicultura puidese poñer en perigo a primeira área mariña protexida de Escocia, que se anunciou en setembro de 2008[60] [61] . Lamlash Bay foi recentemente declarada Zona Mariña Protexida e Zona de Non Pesca segundo os termos da Marine (Scotland) Act, o que significa que non se pode capturar peixe ou marisco nesta zona.[62] [63]

Arran's Brewery é unha pequena fábrica de cervexa fundada en marzo de 2000 en Cladach. A cervexaría produce oito tipos de cervexa embotellada e en barril. A cervexa a base de trigo, Arran Blonde é a marca máis popular; Após un período de liquidación, reiniciou a produción para toda Escocia.[64]

Cultura, medios e artes[editar | editar a fonte]

Castelo de Lochranza

O castelo de Brodick aparece no billete de 20 libras do Royal Bank of Scotland[65] e probabelmente o castelo de Lochranza foi usado como modelo para o castelo no álbum de banda deseñada de Hergé L'Île Noire.[66]

Arran posúe un xornal, The Arran Banner, catalogado polo Libro Guinness dos Récords baixo o título de "xornal local que acada unha circulación próxima á saturación na súa área", mencionando que ten "máis do 97% de lectores na sétima illa máis grande de Gran Bretaña"[67]. Tamén hai un semanario en liña chamado Voice for Arran.[68]

En 2011, lanzouse unha versión do xogo Monopoly para a Illa de Arran que vendeu 3000 copias.[69]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "2011 Census" (PDF). www.scotlandscensus.gov.uk. 
  2. 2,0 2,1 Haswell-Smith et al. 2004, p. 11-17
  3. "Place names" (PDF). www.scottish.parliament.uk. 
  4. Downie, p. 38-39
  5. Keay & Keay 1994, p. 42
  6. Johnstone et al. 1990, p. 223-226
  7. Haswell-Smith 2004, p. 13
  8. "Photo 90273". www.geograph.org.uk (en inglés). 
  9. Survey, Ordnance (2010-06-06). "Un mapa da Ordnance Survey da zona NS do sistema de referencia británico, nunha escala de 1:250.000". Consultado o 2022-07-20. 
  10. 10,0 10,1 "Censo". www.scrol.gov.uk (en inglés). 
  11. "Welcome to VisitArran". www.visitarran.com. Consultado o 2022-07-20. 
  12. "History". international.macmillan.com (en inglés). 
  13. "Arran". www.scottishgeology.com (en inglés). 
  14. Geography: An Integrated Approach. p. 29-30. ISBN 978-0-17-444706-1. 
  15. McKirdy et al. 2007
  16. Ballin, Torben Bjarke (2015), "Arran pitchstone (Scottish volcanic glass): New dating evidence", Journal of Lithic Studies, Universidade de Edimburgo, DOI: 10.2218/jls.v2i1.1166
  17. "Arran". www.undiscoveredscotland.co.uk (en inglés). 
  18. "Montgomery" (PDF). Nagt.org. 
  19. "Arran". Scottish Geology (en inglés). 
  20. 20,0 20,1 Mckirdy et al., p. 297-301
  21. Murray 1973, p. 68-69
  22. "Arran". www.virtual-geology.info. Consultado o 2022-07-21. 
  23. "NatureScot". www.nature.scot. Consultado o 2022-07-21. 
  24. "Natural History; Plants". Arran Wildlife (en inglés). 
  25. "Natural History; Birds". Arran Wildlife (en inglés). 
  26. Downie, p. 132
  27. "The UK SPA network: its scope and content (Volumes 1–3) ; JNCC Resource Hub". hub.jncc.gov.uk. Consultado o 2022-07-20. 
  28. "Natural History; Animals". www.arranwildlife.co.uk (en inglés). 
  29. "Machrie Moor Stone Circles Feature Page on Undiscovered Scotland". www.undiscoveredscotland.co.uk. Consultado o 2022-07-21. 
  30. Downie, p. 29-30
  31. "Torr a' Chaisteal Dun Feature Page on Undiscovered Scotland". www.undiscoveredscotland.co.uk (en inglés). Consultado o 2022-07-20. 
  32. Beare, p. 26
  33. Murray, p. 167-171
  34. "The Project Gutenberg eBook of Haco's Expedition against Scotland. A.D. MCCLXIII., by Rev. James Johnstone.". www.gutenberg.org. Consultado o 2022-07-21. 
  35. "Caves of Great Britain: King's Cave". Show Caves of the World (en inglés). Consultado o 2022-07-21. 
  36. Taylor 1887, p. 3
  37. "Clearances". www.electricscotland.com (en inglés). 
  38. "Waymarks". www.waymarking.com (en inglés). 
  39. "Peak District Air Accident Research". Peak District Air Accident Research (en inglés). Consultado o 2022-07-21. 
  40. 40,0 40,1 40,2 40,3 "CELEX:91997E4005:FR:HTML". eur-lex.europa.eu (en francés). Consultado o 21 de xullo de 2022. 
  41. Estudo dispoñible a petición do Consello Nacional de Protección Radiolóxica do Reino Unido (Memorandum NRPB M859, "Avaliation of radiological implications of dumping waste in the Beaufort Trough and other coastal waters, from the 1950s"
  42. "Gaelic_1901-2001". www.linguae-celticae.org. 
  43. 43,0 43,1 43,2 43,3 Holmer, 1957, p. vii
  44. "Statistics; paper 10 - table 2a" (PDF). www.gro-scotland.gov.uk (en inglés). 
  45. Ó Dochartaigh 1997, p. 84-85
  46. "DISTRICT CUNNINGHAME". www.scotlandsplaces.gov.uk. 
  47. "1994 contents". www.legislation.gov.uk. 
  48. "North Ayrshire" (PDF). www.bcomm-scotland.gov.uk. 
  49. "ELECTION; Results 2010". www.north-ayrshire.gov.uk. 
  50. "Reports; SI 1983". bcomm-scotland.gov.uk (en inglés). 
  51. W. S. Craig, Fred (1972). Boundaries of parliamentary constituencies 1885-1972. Political Reference Publication. ISBN 978-0-900178-09-2. 
  52. "1999/ Cunninghame North" (PDF). www.bcomm-scotland.gov.uk. 
  53. "Members' Pages; Kenneth Gibson". www.scottish.parliament.uk (en inglés). 
  54. "Elections 2007; analysis". www.scottish.parliament.uk. 
  55. "Elections 2011; analysis". www.scottish.parliament.uk. 
  56. "Destinations; Arran". www.calmac.co.uk (en inglés). 
  57. "West_road_now_C_class". arranbanner.co.uk (en inglés). 
  58. "Timetable. Isle of Arran" (PDF). www.stagecoachbus.com. 
  59. "Auchrannie Resort ; 4* Hotel on Isle of Arran". www.auchrannie.co.uk. Consultado o 2022-07-20. 
  60. "Latest Business News & Analysis; The Scotsman". www.scotsman.com (en inglés). Consultado o 2022-07-20. 
  61. "Sun sets on fishing in island bay" (en inglés). 2008-09-21. Consultado o 2022-07-20. 
  62. "Mapper". UK MPA (en inglés). 
  63. "Marine conservation". www.scotland.gov.uk. 
  64. "Isle of Arran Brewery - Beer and Real Ale from Brodick, Isle of Arran". Isle of Arran Brewery (en inglés). Consultado o 2022-07-20. 
  65. "Castillo De Brodick En Billete De Banco Imagen de archivo - Imagen de horizontal, esterlina: 44141477". es.dreamstime.com (en castelán). Consultado o 2022-07-21. 
  66. "Château de Lochranza - Château de Tintin - Île Noire". montjoye.net (en francés). Consultado o 2022-07-21. 
  67. "Home". Arran Banner (en inglés). Consultado o 2022-07-20. 
  68. "Voice for Arran – Monthly online magazine for the Isle of Arran" (en inglés). Consultado o 2022-07-21. 
  69. "Isle of Arran Monopoly". Crowdfunder UK (en inglés). Consultado o 2022-07-21. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Beare,, Beryl. Myths and Legends, Avonmouth. Parragon. ISBN 978-0-7525-1694-3. Beare 1996. 
  • Coventry, Martin. Martin Coventry, Castles of the Clans. ISBN 978-1-899874-36-1. Coventry 2008. 
  • Downie, R. Angus. All About Arran. B&S. Downie 1933. 
  • Duchein, M. (1998). Histoire de l'Écosse. ISBN 978-2-213-60228-8. 
  • Hall, Ken. The Isle of Arran. Stenlake Pub. ISBN 978-1-84033-135-6. Hall 2001. 
  • Haswell-Smith, Hamish. The Scottish Islands : A Comprehensive Guide to Every Scottish Island, Édimbourg, Canongate. ISBN 978-1-84195-454-7. Haswell-Smith 2004. 
  • Holmer, N. (1957). The Gaelic of Arran,. Dublin Institute for Advanced Studies. Holmer 1957. 
  • Scott Johnstone, Hamish Brown et Donald Bennet, The Corbetts and Other (1990). Scottish Hills. Scottish Mountaineering Trust. ISBN 978-0-907521-29-7. Johnstone et al. 1990. 
  • John Keay, Julia Keay (1994). Collins Encyclopaedia of Scotland. HarperCollins. ISBN 978-0-00-255082-6. Keay & Keay 1994. 
  • Alan McKirdy,, John Gordon et Roger Crofts. Land of Mountain and Flood : The Geology and Landforms of Scotland. ISBN 978-1-84158-357-0. McKirdy et al. 2007. 
  • Hutchison Murray, William. The Islands of Western Scotland : The Inner and Outer Hebrides. ISBN 978-0-413-30380-6. Murray 1973. 
  • Noble, Gordon. Neolithic Scotland : Timber, Stone, Earth and Fire. ISBN 978-0-7486-2338-9. Noble 2006. 
  • Ó Dochartaigh, C. Survey of the Gaelic Dialects of Scotland: Timber, Stone, Earth and Fire. Ó Dochartaigh 1997. 
  • Taylor, C. Great Historic Families of Scotland, vol. 2 2. Taylor 1887. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]