Illa Severny

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Severny
о́стров Се́верный
Localización da illa
vista da illa
Situación
PaísRusia Rusia
ÓblastÓblast de Arkhanguelsk
ArquipélagoNova Zembla
MarOcéano Ártico
Coordenadas75°00′N 61°00′L / 75.000, -61.000
Xeografía
Superficie48.904 km²
Longura máxima570 km.
Largura máxima115 km.
Perímetro2.859 km.
Punto máis alto1.547 m. (Pik Sedova)
Demografía
PoboaciónDeshabitada

A illa Severny (en ruso, о́стров Се́верный; Ostrov Severny, que significa, «illa do Norte» ou «illa Setentrional») é a grande illa setentrional do arquipélago de Nova Zembla, localizado no ártico de Rusia, entre as augas do mar de Barents, ao oeste, e as do mar de Kara, ao leste.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Atópase entre os 73-77º de latitude norte, e está separada da illa meridional, illa Yuzhny polo estreito de Matochkin. A illa ten unha superficie de 48.904 km², polo que é unha das illas maiores do mundo, a 4ª de Europa e a 2ª de Rusia. (É máis grande que moitos países europeos, como Eslovaquia, Estonia, Dinamarca, Países Baixos ou Suíza).

É a illa máis afastada da cordilleira dos Montes Urais, ten unha anchura de 132 km, unha altura de 1.547 metros e está en gran medida glaciarizada, cun espesor de xeo que pode chegar a 400 metros. Hai unha gran masa glaciar cunha superficie de 19.800 km² (a superficie de xeo máis grande de Rusia) e un gran número de pequenos glaciares, cunha superficie total de 3.900 km². Os glaciares están, en moitos lugares, próximos ao mar, onde producen no verán importantes icebergs.

A illa ten un litoral moi dentado, con moitos golfos, baías, penínsulas e cabos. Ademais, hai bastantes illas ribeiregas, de pequena superficie, como as illas Tsivolki, Pachtoesova, Ogagolf, illas do cabo Litke, Joezjnye Krestovy, Gorbovy, Berch, Viljama e Mitjoesjev.

Na illa Severny hai unha base do exército ruso e ten un porto.

Hai unha estación meteorolóxica automatizada en cabo Zhelaniya (MYS Zjelania), o punto máis setentrional de illa Severny, aínda que ata o ano 1994 foi unha importante base secreta que xogou un importante papel durante a Guerra Fría. É un importante fito xeográfico que se usa para separar o mar de Kara do de Barents (76°42′13.25″N 69°04′05″L / 76.7036806, -69.06806).

Na illa había tres pequenos asentamentos (Fedkino, Archangelskoje e Krestovaja Goeba) agora abandonados.

Historia[editar | editar a fonte]

Os nenets foron o pobo que orixinalmente poboou o arquipélago de Nova Zembla. As illas son coñecidas polos rusos desde os séculos XI e XII, cunado os seus comerciantes visitaban a rexión de Novgorod. A procura polos europeos dunha ruta comercial cara ao Oriente, a Ruta do Mar do Norte, levou a iniciar a exploración do arquipélago en 1553, coa fracasada expedición británica de Hugh Willoughby e Richard Chancellor.

Uns dos primeiros navegantes occidentais á illa foron os holandeses, que nas varias expedicións en que participou Willem Barents (1594-97), cartografaron e puxeron moitos dos nomes dos accidentes xeográficos da illa (cabos, golfos, baías e penínsulas), aínda que no século XIX moitos deles foron cambiados, aínda que aínda permanecen algúns. O propio Barents realizou a primeira invernada coñecida no ártico nesta illa (preto de cabo Sporny Navolok), falecendo no seu intento de regreso nalgún lugar non identificado da costa nororiental da illa.

En 1910 a illa foi circunnavegada por primeira vez polo investigador polar ruso Vladimir Roesanov, a bordo do barco Dmitri Soloenski.

En 1955, os descendentes dos nenets e os residentes de todas as aldeas e asentamentos de Nova Zembla foron agrupados no campamento de Lagernojela, na costa norte de illa Yuzhny. En novembro de 1957, foron deportados ao continente xa que todo o arquipélago foi designado como área de proba para os ensaios nucleares (o primeiro dos cales tivo lugar antes das deportacións). En 1961, produciuse nesta illa a explosión da Bomba Tsar (a 3.200 metros sobre o nivel do chan), que con 50 megatones, é o máis poderoso ensaio nuclear que tivo lugar nunca no mundo.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  • F. Romanenko, O. Shilovtseva, Russian-Soviet polar stations and their role in the Arctic Seas exploration.
  • Estación meteorolóxica, [1]