Illa Kotelni

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Kotelni
oстров Котельный
New Siberian Islands map.png
RussiaKotelniy.png
Localización da illa
Situación
País Rusia Rusia
Repúblicas de Rusia República de Sakha
Arquipélago Illas de Nova Siberia
Mar Mar de Siberia Oriental
Coordenadas 75°20′N 141°00′L / 75.333, -141.000
Xeografía
Superficie 11.665 km²
Punto máis alto 374 m. Malakatyn-Tas
Localización de Kotelny no subgrupo de Anzhu.

Kotelni (en ruso oстров Котельный, óstrov Kotelni) é a illa principal do arquipélago ruso das Nova Siberia, no Ártico. O arquipélago forma parte do grupo das illas Anzhu, situadas a norte das costas da Sibéria Oriental, entre o mar de Laptev e o mar de Siberia Oriental. No plano administrativo está incluída na Iacutia.

Kotelni, con 11.665 km², está conectada á veciña illa Faddeievski, de 5.300 km², por unha ponte de area que foi formada ao longo dos séculos pretéritos: a Terra de Bunge, con 6.100 km². O conxunto, con 23.200 km², forma parte das 50 maiores illas da Terra. A Terra de Bunge é pouco elevada (8 m de altitude máxima) e queda periodicamente submerxida. O punto máis alto da illa é o monte Malakatyn-Tas (374 m).

A illa ten clima polar. A estación meteorolóxica da costa noroeste da illa marca unha temperatura anual media de -14,3 °C, sendo o mes máis quente xullo, con 2,5 °C, e o máis frío xaneiro con -29,8 °C. A precipitación media é de 131 mm repartidos ao longo do ano, cun lixeiro máximo en xullo e agosto. A superficie está cuberta de xeo ou tundra. Hai poboacións de raposos-árticos. Atopáronse en Kotelni esqueletos de mamut.

A illa foi descuberta no século XVIII por Ivan Liachov, mercador ruso que buscaba ósos e dentes de mamut. A veciña illa Faddeev foi descuberta por Iakov Sannikov en 1805, que na compañía de Matvei Gedenstrom explorou e cartografiou as illas entre 1808 e 1810.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]