Iliupersis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Iliupersis, do grego antigo Ἰλίου πέρσις, "o saqueo de Troia", é o nome dun poema épico da literatura grega arcaica hoxe perdido, que forma parte do Ciclo Épico. Na cronoloxía dos acontecementos, situaríase despois dos temas descritos na Pequena Ilíada e antes do libro coñecido como Retornos (Νόστοι). Foi atribuído por autores antigos a Arctino de Mileto.

A obra probabelmente foi escrita no século -VII, pero as fontes antigas consideran que Arctino de Mileto viviu no século -VIII. Proclo conservou un esquema que fala do contido da obra. Constaba de dous libros escritos en versos hexámetros[1].

Argumento[editar | editar a fonte]

O poema narra a guerra de Troia dende o punto de vista dos vencidos, complementario, xa que logo, ás fazañas narradas por Homero. Comeza cos troianos discutindo sobre que facer co enorme cabalo de madeira que os gregos deixaran no lugar do seu campamento abandonado. Casandra e Laocoonte advirten de que hai soldados gregos dentro do cabalo, pero non lles fan caso, e outros din que é unha reliquia sagrada de Atenea, opinión que todos seguen. Os troianos celebran a súa aparente vitoria, mentres unha divindade envía dúas serpes que matan a Laocoonte e os seus fillos. Ante isto, Eneas e os seus homes abandonan Troia presupoñendo o que ía pasar.

Cando chegou a noite, os soldados gregos baixaron do cabalo, abriron as portas da cidade e deixaron entrar as forzas do exército grego, que regresara navegando dende a illa de Ténedos onde estiveran escondidos. Masacraron os troianos e queimaron a cidade.

Durante o saqueo ocorreron feitos singulares. Neoptólemo matou o rei Príamo, aínda que o rei de Troia se refuxiara no altar de Zeus. Menelao matou a Deífobo, que casara con Helena, e levouna a casa con el. Áiax o Menor arrastrou a Casandra fóra do altar de Atenea onde ela se refuxiara. Mentres os gregos discutían se Áiax debía ser castigado polo sacrilexio que cometera, este refuxiouse no altar de Atenea. Despois do saqueo, a deusa matouno no mar.

Odiseo matou o fillo de Héctor, Astianacte. Neoptólemo capturou á esposa de Heitor, Andrómaca. Os gregos fixeron entón un sacrificio humano. Mataron unha das fillas de Príamo, Polixena, enriba da tumba de Aquiles, para aplacar o seu espírito e facer unha boa viaxe de volta[2][3][4].

O poema tería inspirado algúns dos fragmentos da Eneida de Virxilio e está parcialmente resumido en varias obras antigas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Arctinus of Miletus en: William Smith (editor), A Dictionary of Greek and Roman Biography and Mythology. Vol. I. Boston: Little, Brown & Comp., 1867, p. 274
  2. Procle. Chrestomatia: Iliupersis
  3. Nagy, Gregory (2009). Homer the classic. Washington, D.C.: Center for Hellenic Studies, Trustees for Harvard University. p. 249, cap. 4. ISBN 9780674033269. 
  4. Homerus en: William Smith (editor), A Dictionary of Greek and Roman Biography and Mythology. Vol. II Boston: Little, Brown & Comp., 1867, p. 503