Saltar ao contido

Patriarcado ecuménico de Constantinopla

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Igrexa ortodoxa de Constantinopla»)
Patriarcado ecuménico de Constantinopla
Οικουμενικό Πατριαρχείο Κωνσταντινουπόλεως
Historia
Parte deIgrexa ortodoxa
Goberno
Tipo de gobernoEpiscopal
Patriarca Ecuménico
de Constantinopla
Bartolomeu I
Clasificación
OrientaciónCristianismo oriental
Demografía e cultura
Ritos litúrxicosRito bizantino
Outros datos
Páxina webec-patr.org

O patriarcado ecuménico de Constantinopla ou Igrexa ortodoxa grega de Constantinopla é unha das 14 igrexas autocéfalas que fan parte da Igrexa ortodoxa, en comuñón entre elas. Está dirixida polo patriarca ecuménico de Constantinopla, actualmente.

Por mor da súa localización na capital do antigo Imperio Bizantino e o seu papel como Igrexa Nai da maioría das Igrexas ortodoxas modernas, o patriarca ten o rango de Primus inter pares 'o primeiro entre iguais' entre os prelados ortodoxos. A diferenza do oapa na Igrexa católica, non exerce control sobre as demais igrexas autocéfalas, que son completamente autónomas.

O bispado existe dende os comezos da cidade. Logo de que Constantino o Grande fixese medrar Bizancio para facer dela a nova capital imperial, no ano 330, pensouse que sería apropiado que o seu bispo, sufragáneo de Heraclea Pontica e considerado como sucesor de santo André o Apóstolo, debía ser o segundo en rango, só por detrás do bispo de Roma.

Por isto, en 381, o Primeiro Concilio de Constantinopla declarou que o bispo de Constantinopla debía ter a primacía de honor logo do Bispo de Roma, por ser a Nova Roma, aínda que os patriarcas refusaron confirmar este canon. Porén, o prestixio do cargo continuou a medrar non só polo apoio do emperador de Bizancio, senón tamén pola súa clara importancia física e xeográfica.

O Concilio de Éfeso de 431 elevou a sé de Costantinopla ao rango patriarcal. Durante moitas décadas os papas opuxéronse a isto, xa que defendían non só a súa posición, senón que tamén defendían o "principio petrino", segundo o cal todos os patriarcados derivaban de san Pedro e non se podía violar este principio xerárquico por razóns políticas.[1]

Posteriormente, o Concilio de Calcedonia do 451 atribuíu a Costantinopla xurisdición sobre Asia Menor e sobre Tracia. Ademais, o canon XXVIII do concilio reafirmou a preeminencia de Constantinopla sobre as sés de Antioquía e Alexandría, así como a súa igualdade con Roma. Porén, o papa León I rexeitou aceptar dito canon tal e como estaba formulado, xa que a primacía debía corresponder ao papa.

Disputas con Roma

[editar | editar a fonte]

A disputa entre a Igrexa Latina e a Igrexa Bizantina medrou cando en 482 o emperador Zenón emitiu o edicto Henotikon de reconciliación entre os monofisitas e os duofisitas nestorianos, que durante anos se enfrontaron no Leste en discusións sobre a natureza humana ou divina de Cristo. Esta mediación foi condenada duramente polo papa Fiz III, que en 484 excomungou ao patriarca Acacio polo apoio ao emperador. O cisma acaciano terminou só en 519, cando o emperador Xustino I, fiel aos decretos de Calcedonia, recoñeceu a excomuñón de Acacio.

Porén, a crise non estaba completamente resolta, e cando no 535 foi elixido patriarca o monofisita Ántimo, co apoio da emperatriz Teodora, o papa Agapito I non o recoñeceu: o papa acusou ao patriarca de herexía e usurpación, co apoio de destacados membros do clero constantinopolitano. O patriarca, inicialmente apoiado polo emperador Xustiniano (que nese momento iniciou a campaña de reconquista de Italia), respondeu ordenando ao papa a mandar só na súa sé, mais ao perder o apoio imperial foi deposto e suspendido polo papa Agapito, quen consagrou como sucesor a Menas de Constantinopla (marzo de 536). O papa, porén, non sobreviviu moito tempo, finando no mesmo 536. Pouco despois o xeneral Belisario entrou en Roma, recuperando a cidade para o emperador Xustiniano. En Constantinopla, a emperatriz Teodora tentou reinstalar a Ántimo, facendo presión ao novo papa, Silverio. Tras negarse a ceder, Silverio foi arrestado en 537 e deportado a Licia, onde o clero local recoñeceu a súa inocencia e pediu ao emperador que puidese volver para Italia. Porén, á súa volta, foi encarcerado na illa de Ponza por orde do seu sucesor, Vixilio, onde morreu de fame poucos meses despois.

Porén, o mesmo Vixilio en 540 posicionouse abertamente contra o monofisismo. Por iso, cando o emperador emitiu un edicto contrario á doutrina do Concilio de Calcedonia (A "condena dos Tres Capítulos", coa que se abriu cisma tricapitolino) co que buscaba reconducir as relacións cos monofisitas, o papa se opuxo. En 546 foi chamado a acudir a Costantinopla, onde foi feito prisioneiro. O emperador e o patriarca Eutiquio convocaron entón o Segundo Concilio de Costantinopa, no que foron condenados os Tres Capítulos e o orixenismo. En nome do emperador o patriarca Eutiquio pretendeu a súa aprobación dos canons conciliares de condena do nestorianismo. Logo de oito anos na prisión, o papa aceptou e, en 554, e a igrexa en Italia foi unida ao Imperio. O emperador promulgou a pragmatica sanctio, coa que estendeu a lexislación bizantina sobre Italia. Os papas pasaron entón baixo control estrito do exarca de Rávena e houberon de aceptar a organización relixiosa imperial chamada Pentarquía, é dicir, o goberno dos cinco patriarcados de Roma, Constantinopla, Xerusalén, Antioquía e Alexandría.

O desquite de Bizancio, porén, provocou graves consecuencias en Occidente, onde o norte de Italia, o Nórico e Baviera romperon a comuñón; dando lugar ao cisma dos Tres Capítulos. A separación durou preto dun século e afectou a un amplo territorio, incluíndo tamén Dalmacia e Iliria.

A controversia monotelita

[editar | editar a fonte]
Máximo o Confesor: pertencente ao clero de Costantinopla, Máximo pagou a súa oposición á doutrina do patriarca Serxio I coa amputación da man dereita e da lingua, antes de buscar refuxio en Exipto.

Entre tanto, as igrexas orientais continuaban a debater acerca da natureza de Cristo. Arredor do 610, nun intento de conciliar as diferentes posicións e de atraer de volta á Igrexa aos monofisitas de Exipto, o patriarca Serxio I desenvolveu a doutrina monotelita, que foi inmediatamente aceptada na corte imperial e na sé apostólica romana, ocupada polo papa Bonifacio IV. Porén, esta solución levou a novas disputas.

No 633 Serxio e o patriarca monofisita de Alexandría, Ciro, desenvolveron o monoerxismo, coa esperanza de que tivese unha mellor acollida, mais sen éxito. Coa morte de Serxio en 638, o emperador Heraclio tentou impor a unidade coa propia autoridade, ordenando co edicto Ekthesis a uniformación de todo o imperio segundo a doutrina monotelita, apoiado en occidente polo papa Honorio I. Porén, a súa orde era de difícil aplicación sobre os patriarcados de Xerusalén, Antioquía e Alexandría, cuxos territorios estaban a ser conquistados polos árabes. Aquí Sofronio e Máximo o Confesor opuxéronse libremente e abertamente ás doutrinas de Serxio.

Á vista das controversias, o mesmo papa Severino caeu na conta de que a doutrina monotelita podía constituír unha forma sutil de reintrodución do monofisismo, e rexeitou darlle a súa aprobación, como lle pedira o emperador. Como resposta, o exarca de Rávena, Isaac o Armenio, marchou sobre Roma, saqueando a sé papal (o palacio de Letrán).

O novo emperador Constante II, tentando pór fin as disputas relixiosas, promulgou no 648, baixo consello do patriarca Paulo II, un novo edicto, o Typos, que abolía o Ekthesis de Eraclio e que ameazaba coa morte ao que debatese ulteriormente sobre a natureza de Cristo. Porén, era demasiado tarde, e a sé apostólica romana posicionouse abertamente contra o monotelismo. O papa Martiño I convocou un sínodo en Latrán no que se condenou definitivamente o monotelismo como xeito de tentar reconducir a herexía monofisita. O emperador ordenou o arresto de Martiño, mais isto non sucedeu até o 653. Unha vez capturado, Martiño foi conducido inicialmente a Sicilia, logo a Naxos, e finalmente a Costantinopla onde, logo de ser exposto ao escarnio público, foi condenado ao exilio en Quersoneso, Crimea.

A cuestión monotelita foi resolta arredor do 680, cun acordo entre o papa Agatón e o emperador Constantino IV para a convocatoria do Terceiro Concilio de Costantinopla, no que o monotelismo foi condenado, así como os seus propoñentes máis sobranceiros, o papa Honorio e o patriarca Serxio.

Ignacio e Focio

[editar | editar a fonte]
Miniatura representando ao patriarca Ignacio I.

Coa definitiva perda de Palestina, Siria e Exipto a finais do século VII, as sés patriarcais de Xerusalén, Antioquía e Alexandría ficaron na órbita dos sultanatos árabes. A sé de Constantinopla pasou a ser o único centro eclesiástico da igrexa oriental, e a dialéctica entre a capital bizantina e Roma dominou a vida da Igrexa nos seguintes séculos.

En 847 foi elixido patriarca Ignacio I, terceiro fillo do emperador deposto Miquel I. Into iniciou unha dura loita política co emperador León III, que levou a que no 858 fora deposto por orde da rexente Teodora, quen lle substitúe por Focio I, o cal obtivo o recoñecemento dos legados papais en 861. Mais cando o propio Ignacio apelou ao papa Nicolao, este apoiouno con prontitude, convocando un sínodo en Roma no 863 no que se declarou ilexítima a deposición de Ignacio, excomungouse aos legados papais e ameazaba co mesmo castigo a Focio de persistir coa usurpación da sé patriarcal. Focio respondeu no 867 excomungando el mesmo ao papa, co apoio do emperador Miguel III.

Nese punto o Papa levou a disputa ao plano doutrinal, dirixindo unha encíclica aos bispos orientais para imporlles a uniformación segundo os costumes romanos, coa adición do filioque ao Credo, a obriga do celibato eclesiástico e da tonsura, o dereito exclusivo dos bispos de celebrar a crismación, o xaxún obrigatorio para o clero en sábado e o inicio da Coresma o Mércores de Cinsa.

A situación semellaba non ter solución, mais cando en 867 o emperador foi asasinado, o novo soberano Basilio I volveu a chamar a Ignacio, convocando en 869 o Sexto Concilio de Costantinopla, no que o papa Hadrián II proclamou a solemne reposición de Ignacio, e ao mesmo tempo declarou á Igrexa de Roma como «a primeira e a mestra de todas as Igrexas».

Porén, este éxito foi de curta duración, e cando finou Ignacio no 877 sucedeuno novamente Focio, coa aprobación do emperador Basilio e do mesmo papa Xoán VIII. Focio non tiña intención de abandonar as súas antigas posicións, e convocou un novo concilio en Constantinopla no 879 e 880, revogou as disposicións da asemblea precedente e abriu novamente as controversias doutrinais e teolóxicas con Roma. Declarou tamén Bulgaria como suxeita á súa autoridade. Estes actos levaron a que fose excomungado novamente polo papa, creando un novo cisma entre as Igrexas. A cuestión semellou resolverse en 886, cando o novo emperador León VI botou a Focio, substituíndoo polo seu propio irmán, Estevo I. O papa Estevo V, así e todo, considerou dito procedemento irregular e excomungou o novo patriarca. O cisma finou coa chegada do patriarca Antonio II, mais xa na Igrexa de Oriente xurdira un sentimento que percibía a contraparte romana como cismática, acusándoa de afastada da ortodoxia nos aspectos sinalados por Focio.

Enfrontamento co poder político

[editar | editar a fonte]

A Igrexa Bizantina, ademais, continuou a ter problemas co poder político. No 906 o patriarca Nicolao I o Místico opúxose á celebración do terceiro matrimonio do emperador León coa súa amante Zoe Karbonopsina, feito considerado como acto de fornicación e poligamia. Cando o emperador casou igualmente, nomeando a Zoe "Augusta", Nicolau excomungouno, sendo entón acusado de traizón e deposto. León nomeou como o seu substituto a Eutimio, quen era padriño de Constantino, o fillo que tivera con Zoe e herdeiro ai trono. Aínda que Eutimio mostrábase particularmente compracente co emperador, este só podía entrar en Santa Sofía como penitente, e coa emperatriz Zoe, á que se negaba o título de Augusta, a Igrexa bizantina dividiuse nun pequeno cisma, entre os contrarios e os partidarios do perdón ao emperador. Coa morte de León en 912, o seu sucesor Alexandre III volveu a chamar á sé patriarcal ao vello Nicolao, ordenando a deposición de Eutimio.

Pola súa parte, o patriarca Polieucte, elixido no 956, excomungou ao emperador Nicéforo II polo seu casamento con Teófano Anastaso, por ser el padriño dun dos fillos da muller, viúva de Romano II. O emperador apelou aos bispos presentes en Constantinopla, obtendo a dispensa ao matrimonio. Porén, o patriarca excomungou igualmente por un ano ao monarca, acusándoo de contraer un segundo matrimonio sen aínda cumprir coa debida penitencia.[2] Refusou tamén a petición imperial de recoñecer como mártires os soldados imperiais finados na batalla contra os infieis, como forma de elevar o espírito das tropas. Polieucte respondeu afirmando que eses actos de sangue debían estar castigados cun afastamento de tres anos da comuñón.

Morto asasinado Nicéforo, Polieucto excomungou aos seus asasinos, rexeitando coroar a Xoán I Tzimisces até que non foran castigados os culpábeis da morte do seu predecesor.

O Gran Cisma de 1054

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Gran Cisma.
O patriarca Miguel I Cerulario, miniatura do século XII.

As relacións coa Igrexa de Roma pasaron a situación crítica a partir do patriarcado de Eustaquio, quen no 1024 eliminara novamente o nome do papa dos dípticos de Santa Sofía, mais foi co nomeamento de Miguel I Cerulario, en 1043, que as discrepancias con Occidente volvéronse violentas.

Miguel Cerulario comezou a contestar todas as intervencións que o papa León IX estaba a facer na disciplina da Igrexa, en particular a súa condena ao matrimonio do clero. O patriarca atacou a tradición do celibato eclesiástico, a tonsura e, en 1051, a celebración da Eucaristía con pan asmo: todos os costumes en uso na Igrexa latina, que el considerou herexías, prohibindo o culto nas igrexas de Constantinopla que non empregaban o rito bizantino. Cando chegaron a Costantinopla os legados papais co encargo de reconducir a situación e de convencer aos orientais a cualidade do Papa como Primado dos cinco patriarcados, a situación era xa crítica. Tanto, que os legados levaban xa unha bula coa excomuñón do patriarca.

A misión encabezada polo cardeal Umberto di Silvacandida e composta tamén polos arcebispos Federico di Lorena e Pietro di Amalfi negou a lexitimidade da elección de Miguel, o seu título de "ecuménico" e a súa pretensión de ter o segundo posto de honor na xerarquía eclesiástica logo do Bispo de Roma. En resposta, o patriarca rexeitou recibir aos latinos, e o 16 de xullo de 1054 o cardeal Umberto colocou sobre o altar de Santa Sofía a bula de excomuñón, deixando despois a cidade. O 24 de xullo Cerulario respondeu excomungando a Umberto e aos outros legados papais.

No momento das excomuñóns recíprocas, o papa León xa finara en Roma e, xa que logo, a autoridade do Cardeal Umberto non era a mesma. Porén, a gravidade do feito provocou un cisma entre as dúas Igrexas, que aínda perdura. O cisma levou á separación entre a Igrexa católica, que permaneceu fiel a Roma, e a Igrexa ortodoxa, que recoñeceu unha primacía de honor ao patriarca de Costantinopla, mais que constitúe unha comuñón de igrexas autocéfalas.

A caída de Constantinopla en 1204 e o exilio en Nicea

[editar | editar a fonte]

A Cuarta Cruzada tentou axudar ao deposto emperador Aleixo IV Anxo a recuperar o seu trono. Despois de tomar a cidade e devolver a Aleixo ao trono, a revolta contra el e a súa morte deixaron aos cruzados sen pagamento. O 12 de abril de 1240, os cruzados saquearon Constantinopla durante tres días, esnaquizando e roubando moitas obras gregas e romanas.

Despois da caída da cidade, foi estabelecido o Imperio Latino, e os refuxiados bizantinos fundaron outros estados para sucedelo, os máis importantes destes foron o Imperio de Nicea, o Imperio de Trebisonda e o Despotado de Epiro. A nova sé do patriarcado foi estabelecida en Nicea até 1261, cando Constantinopla foi reconquistada polo emperador bizantino Miguel VIII Palaiologos.

A caída de Constantinopla en 1453 e a era otomá

[editar | editar a fonte]
O Patriarca Gennadios con Mehmed II.

Logo da conquista de Constantinopla polos turcos otománs en 1453, o patriarcado pasou a velar máis directamente sobre todos os ortodoxos que vivían no Imperio Otomán. Mehmed II nomeou a Xenadio II Scholarios como patriarca en 1454 e designouno como o líder espiritual e etnarca de todos os cristiáns ortodoxos no Imperio, non só sobre aqueles de orixe helénica. Durante este período os búlgaros, serbios e albaneses pasaron a estar baixo a autoridade administrativa, fiscal, cultural, legal e espiritual do patriarcado.[3][4] Algúns dos outros patriarcas residiron durante algunhas épocas permanentemente en Constantinopla e funcionaron como parte do goberno local da igrexa.

Imaxe do Códice Vaticano de 1162, considerada unha representación da Igrexa dos Santos Apóstolos, a primeira sé do patriarcado durante o período otomán.

A Igrexa ortodoxa rusa, que durante séculos fora unha xurisdición do patriarcado de Constantinopla, declarou en 1448 a súa independencia, pouco antes da caída da cidade, como protesta polo Concilio de Florencia no que os representantes do patriarcado asinaran a unión con Roma, achegando posturas doutrinais e pedindo axuda militar contra os otománs. A axuda nunca chegou, e as conclusións doutrinais conciliares foron posteriormente rexeitadas polo patriarcado, mais aínda así a Igrexa Rusa pasou a funcionar de xeito independente dende 1448. Nas décadas que seguiron á caída de Constantinopla nas mans de Mehmed II o 29 de maio de 1453, algúns nomearon Moscova como a "Nova Roma" ou a "Terceira Roma". 141 anos despois, en 1589, Constantinopla recoñeceu a autocefalia dos rusos e elevou a Moscova ao rango de patriarcado.

Co debilitamento do Imperio Otomán, varias partes da Igrexa ortodoxa que estaban baixo a influencia directa do patriarcado ecuménico pasaron a ser independentes. Estas Igrexas polo xeral comezaron declarando a súa independencia sen recoñecemento universal, que chegou logo de que Constantinopla dese a súa aprobación.

Porta de San Pedro no patriarcado. En 1821 o patriarca Gregorio V permaneceu colgado revestido durante tres días do seu arquitrabe, castigado por Mahmud II por non ser capaz de evitar o levantamento grego. A porta non foi aberta dende entón.

En 1833, a Igrexa de Grecia declarou a súa autocefalia, o que foi recoñecido polo patriarcado en 1850. En 1865 a Igrexa ortodoxa romanesa, en contra das protestas de Constatinopla, declarou a súa independencia, que lle foi recoñecida en 1885. Un ano antes de que fora proclamada a autocefalia da Igrexa grega, a Igrexa ortodoxa serbia foi declarada independente polo goberno secular local, e Constantinopla rexeitou aceptalo até 1879. En 1860 os búlgaros separáronse a efectos prácticos, e en 1870 a Igrexa búlgara foi recoñecida como autónoma baixo o nome de Exarcado Búlgaro polo firmán do sultán, aínda que non foi até 1945 que o patriarcado o recoñeceu. En 1922 a Igrexa Ortodoxa Albanesa declarou a súa autocefalia, que lle foi recoñecida en 1937.

Ademais destas igrexas, que había acordo en que o seu territorio pertencía á xurisdición de Constantinopla, outras igrexas ortodoxas de áreas en disputa teñen recoñecido a súa autonomía por parte do patriarcado ecuménico, entre elas a Igrexa ortodoxa finesa e a Igrexa ortodoxa apostólica estoniana en 1923, a Igrexa ortodoxa polaca en 1924, e a Igrexa ortodoxa checa e eslovaca en 1998. A maioría destas disputas son resultado da expansión do Imperio Ruso, que a miúdo levou a unha subxugación ao patriarcado de Moscova das igrexas en terras conquistadas. É por isto que o patriarcado de Moscova a miúdo discute o papel do patriarca ecuménico como primeira cabeza representativa e espiritual dos cristiáns ortodoxos, aducindo que representa á comunidade ortodoxa mais numerosa.

O patriarcado baixo a República de Turquía

[editar | editar a fonte]
Exterior da Basílica patriarcal de San Xurxo en Istambul.

Dende 1586 o patriarcado ten a súa sé na igrexa de San Xurxo, no distrito de Fanar de Istambul. O actual territorio do patriarcado é significativamente inferior ao que foi noutros tempos. O seu territorio canónico inclúe hoxe a maioría da actual Turquía, o norte de Grecia e o Monte Athos, o Dodecaneso e Creta. Pola súa interpretación do Canon 28 de Calcedonia, Constantinopla tamén reclama xurisdición sobre todas as áreas fóra dos territorios canonicamente definidos doutras Igrexas ortodoxas, o que inclúe o hemisferio occidental, Oceanía, Europa occidental, Sueste asiático, e outras partes. Esta afirmación é discutida por outras igrexas autocéfalas con dioceses nesas áreas, así como polo goberno turco.

A presenza ortodoxa na mesma Turquía e pequena; porén, a maioría dos ortodoxos en América do Norte están baixo a autoridade do patriarcado ecuménico. O patriarcado tamén ten unha maioría no Reino Unido. Finalmente, as xurisdicións albanesas, ucraínas e rutenas en América tamén son parte do patriarcado.

Estrutura

[editar | editar a fonte]

A Igrexa ortodoxa de Constantinopla en Turquía estrutúrase en arquidioceses e metrópoles. Nas Igrexas ortodoxas de tradición grega, os arcebispos ocupan un posto superior aos metropolitas, ao contrario das de tradición eslava, onde a relación é inversa. A Igrexa ortodoxa de Constantinopla, de tradición grega, estrutúrase do seguinte xeito:

En Grecia, o patriarcado ten xurisdición sonre as metrópoles do Dodecaneso:

Tamén en Grecia, o patriarcado ten xurisdición sobre a Igrexa de Creta, semiautónoma:

Ademais, en Grecia o patriarcado ten xurisdición teórica sobre as metrópoles das Novas Terras. Porén, por razóns prácticas, estas son administradas pola Igrexa de Grecia dende un acordo entre Constantinopla e Atenas en 1928:

Fóra de Grecia e de Turquía, o Igrexa ortodoxa de Constantinopla tamén comprende ás seguintes circunscricións:

Igrexas autocéfalas anteriormente baixo o patriarcado ecuménico

[editar | editar a fonte]
  1. SCHAT, Klaus (1996). Liturgical Press, ed. Papal Primacy: From Its Origins to the Present. p. 44. ISBN 9780814655221. 
  2. A súa muller morrera, mais a praxe na ortodoxia era entón a de se manter viúvo
  3. JELAVICH, Barbara (1983). History of the Balkans, 18th and 19th Centuries. p. 52. ISBN 0-521-27458-3. 
  4. ORTAYLI, İlber (2003). Osmanlı Barışı. p. 15. ISBN 975-6571-50-0.